Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 07 de xuño de 2002 Páx. 8.641

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 194/2002, do 10 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización da obra número 179, Plan operativo local 2002, Cospeito, estrada provincial Feira do Monte-Castro, alargamento e mellora do punto quilométrico 4,89-5,85, concello de Cospeito.

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión celebrada o día catorce de setembro de dous mil un, aprobou o proxecto da obra número 179, Plan operativo local 2002, Cospeito, estrada provincial Feira do Monte Castro, alargamento e mellora do punto quilométrico 4,89-5,85 e, na sesión do trinta e un decembro de dous mil un, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte da Deputación Provincial de Lugo foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día vinteseis de abril de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día catorce de marzo de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a rea

lización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala a deputación, esta estrada comunica a localidade de Castro de Ribeiras de Lea coa de Feira do Monte, que por ser zonas de importantes explotacións gandeiras, provocan unha grande intensidade de tráfico, que ás veces vese interrompido polas inundacións provocadas polo desbordamento do río Miño, é polo que se prevé a construcción dunha ponte para salvagarda-la seguridade vial.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de maio de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución da obra número 179, Plan operativo local 2002, Cospeito, estrada provincial Feira do Monte Castro, alargamento e mellora do punto quilométrico 4,89-5,85.

Santiago de Compostela, dez de maio de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais