Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 07 de xuño de 2002 Páx. 8.630

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 30 de maio de 2002 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas ós alumnos de centros escolares para o consumo de leite e determinados productos lácteos.

O Regulamento (CE) nº 1255/1999, do consello, do 17 de maio, establece a organización común de mercados (OCM) no sector do leite e dos productos lácteos e o seu artigo 14 dispón que se concederá unha axuda comunitaria para a subministración ós alumnos nos centros escolares de determinados productos lácteos transformados.

O Regulamento (CE) nº 2707/2000, da comisión, do 11 de decembro, establece as modalidades de aplicación do regulamento anterior, no relativo á concesión da axuda comunitaria para a subministración de leite e de determinados productos lácteos ós alumnos de centros escolares.

As modalidades de aplicación no Estado español establecéronse polo Real decreto 194/2002, do 15 de febreiro, o que motiva a derrogación das bases reguladoras establecidas na orde desta consellería do 20 de abril de 2001 e o establecemento dunhas novas bases.

Segundo a Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga), e o Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que a desenvolve, así como no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro, da súa estructura orgánica, correspóndelle a este, entre outras funcións, a concesión das axudas comunitarias para a subministración de determinados productos lácteos ós alumnos de centros escolares, dentro da OCM do leite e productos lácteos.

Con base no anterior, esta orde establece as bases reguladoras do programa de leite escolar nesta Comunidade Autónoma, de conformidade co previsto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, redactado segundo a Lei 8/1999, do 30 de decembro, así como no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e o Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer, na Comunidade Autónoma de Galicia, as bases reguladoras

do programa de leite escolar, para a concesión das axudas para a subministración ós alumnos de centros escolares dos productores lácteos transformados segundo o anexo I da presente orde, de conformidade co previsto no artigo 14.1º do Regulamento (CE) nº 1255/1999, do consello, do 17 de maio, e no Regulamento (CE) 2707/2000, da comisión, do 11 de decembro, así como no Real decreto 194/2002, do 15 de febreiro.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Serán beneficiarios desta axuda os alumnos que asistan regularmente ós centros escolares recoñecidos oficialmente pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dos seguintes niveis de ensinanza regrada, segundo a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo:

a) Educación infantil, incluídos os xardíns de infancia ou outros establecementos de educación preescolar, legalmente recoñecidos.

b) Educación primaria.

c) Educación secundaria, comprensiva da educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e a formación profesional de grao medio.

d) Educación especial, recollida no capítulo V da precitada Lei orgánica 1/1990.

2. As axudas outorgaranse para os períodos de desenvolvemento do curso escolar, e no caso a) e d) do punto 2º.1 poderán estenderse ós meses de verán que permanezan abertos.

3. A axuda concederase a un solicitante autorizado conforme as disposicións do artigo 7º, para a subministración dos productos lácteos previstos no anexo I.

Artigo 3º.-Productos lácteos subvencionables e restriccións.

1. A axuda concederase, exclusivamente, para os ditos productos lácteos cando se consuman nas dependencias do establecemento escolar.

A concesión da axuda estará supeditada a que a vantaxe que representa repercuta directamente nos alumnos dos establecementos escolares.

2. Para tal efecto, non se poderán utiliza-los productos obxecto de subvención na confección de comidas, mentres non se dispoña, polo Estado español, de autorización da Comisión Europea, nos termos previstos no artigo 3.2º do Regulamento 2707/2000.

Ademais, prohíbese a utilización dos productos obxecto de subvención no servicio de cafetería dos centros escolares, así como a súa subministración nos ditos centros a través de catering, cociñas centrais, comedores colectivos, residencias de estudiantes ou outros establecementos e sistemas semellantes.

Artigo 4º.-Contía da axuda.

1. O importe da axuda, por cada 100 kg de producto da categoría correspondente, será o seguinte:

CategoríaImporte (en euros)

I23,24

III17,58

V13,34

VI69,72

VII177,79

2. Non obstante o anterior, no suposto de que a axuda sexa superior ó prezo de venda aplicado polo provedor con anterioridade á deducción da axuda, esta minorarase, de xeito que se garanta que non supere o prezo do producto en cuestión.

3. No caso de que as cantidades de productos subministrados se expresen en litros, a súa conversión en quilogramos efectuarase mediante a aplicación dun coeficiente de 1,03.

4. Coa finalidade de que a axuda repercuta directamente nos alumnos dos establecementos escolares, a respectiva orde de convocatoria das axudas fixará, para cada curso escolar, no caso de que varíe, o prezo máximo que deberá paga-lo alumno para os diferentes productos subvencionables, de acordo co custo medio da materia prima e as modificacións que, se é o caso, se produzan na contía da axuda.

Artigo 5º.-Cantidade máxima subvencionable.

1. A axuda concederase pola cantidade máxima global de 0,25 litros de equivalente de leite por alumno e día lectivo. Na aplicación da dita cantidade máxima teranse en conta as cantidades globais de productos lácteos susceptibles de axuda durante o período para o que se solicitara esta, así como o número de alumnos matriculados no centro escolar correspondente.

2. No caso dos productos das categorías VI e VII, previstas no anexo I, o cálculo sinalado no punto anterior efectuarase con base nas cantidades seguintes:

a) 100 kg de productos da categoría VI consideraranse equivalentes a 300 kg de leite enteiro.

b) 100 kg de producto da categoría VII consideraranse equivalentes a 765 kg de leite enteiro.

Artigo 6º.-Solicitantes da axuda.

1. Poderán solicita-la axuda:

a) O centro escolar.

b) Asociacións de pais de alumnos (APA) ou outra organización vinculada ó centro escolar, dentro do seu ámbito de actuación.

c) O provedor dos productos.

Artigo 7º.-Autorización para subministra-los productos subvencionados.

1. Todo novo solicitante que queira participar no réxime das axudas previstas na presente orde deberá estar previamente autorizado (para cada curso escolar, no caso dos centros ou APAS), polo Ilgga, con excepción dos provedores a nivel estatal, ós que autorizará o Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) por excede-lo seu ámbito de actuación o territorio desta Comunidade Autónoma.

2. A dita solicitude de autorización efectuarase segundo o modelo que figura nos anexos III A (provedores) e III B (APAS e centros escolares), asumindo o solicitante os compromisos que se indican nos devanditos modelos, e presentarase na forma prevista no artigo 9º.1 desta orde, xunto coa seguinte documentación:

a) Memoria técnica das instalacións de producción e distribución, se é o caso, e/ou almacenamento.

b) Certificación da inscrición no rexistro sanitario de alimentos, para o caso de que o solicitante sexa un provedor.

3. O correspondente servicio provincial do Ilgga, á vista da solicitude e documentación presentadas, e logo da constatación de que o solicitante se atopa inscrito no Rexistro de Industrias Agrarias e Alimentarias -no caso de que este sexa un provedor- elevará, a través da delegación provincial do Ilgga, a oportuna proposta ó director do instituto, para que este resolva sobre a solicitude de autorización, no prazo de tres meses desde a presentación da solicitude, entendéndose estimadas, por silencio positivo, aquelas que non sexan resoltas e notificadas no dito prazo.

4. A autorización poderá ser suspendida, por un período dun a doce meses, ou retirada, polo director do Ilgga, en calquera momento, atendendo a gravidade da infracción, por incumprimento dalgún dos compromisos asumidos polo provedor autorizado ou pola existencia das irregularidades previstas no artigo 11º da presente orde, logo de ponderación das circunstancias que concorran en cada caso. No suposto de retirada, transcorrido un período mínimo de, alomenos, seis meses, poderá concederse unha nova autorización, por instancia do interesado, logo de valoración dos antecedentes que motivaron a retirada da anterior.

5. Respecto das autorizacións a provedores concedidas polo FEGA a nivel estatal, o Ilgga, nos casos en que proceda, elevará ante o dito organismo proposta de suspensión ou retirada da autorización.

Artigo 8º.-Presentación de datos.

1. Entre os días un e quince, ámbolos dous incluídos, do mes anterior ó inicio do servicio ó centro

escolar, os solicitantes autorizados presentarán, no respectivo servicio provincial do Ilgga, unha relación na que figuren os datos correspondentes ó/s centro/s escolar/es e ós productores que subministrarán a cada centro, axustada ó modelo do anexos IV e VI, acompañada da certificación de compromisos e de datos do centro, de acordo anexo V.

2. Entre o día dezaseis e o último do mes anterior ó inicio do servicio, o respectivo servicio provincial do instituto autorizará, se procede, o comezo da subministración ós centros escolares.

Artigo 9º.-Solicitude de pagamento da axuda.

1. As solicitudes de pagamento da axuda, debidamente asinadas, serán formalizadas polo solicitante autorizado, de acordo cos modelos previstos nos anexos VII e VIII da presente orde, e presentaranse nos servicios provinciais do Ilgga, ou por calquera dos modos previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O prazo de presentación das solicitudes rematará o último día do cuarto mes seguinte ó da subministración dos productos. Non obstante, admitiranse as solicitudes presentadas no quinto e sexto mes seguinte, reducíndose o seu importe nun 5%, se o atraso é inferior a un mes, e nun 10%, nos demais casos.

3. Coas solicitudes de axudas achegaranse as correspondentes facturas (orixinal ou copia compulsada), que reflectirán, por separado, o custo total de cada producto subvencionado (base impoñible máis IVE) e o importe da axuda, así como proba do seu pagamento. Ademais, presentarase un certificado ou recibo do centro escolar das cantidades efectivamente subministradas.

Ademais, cando na solicitude de pagamento (anexo VII) non autorizasen o Ilgga para solicitar da Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) e da Consellería de Economía e Facenda a expedición dos certificados acreditativos de estar ó día das súas obrigas tributarias e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública desta Comunidade Autónoma, deberá achegar por si mesmo as ditas certificacións xunto coa solicitude de pagamento da axuda.

Artigo 10º.-Controis.

1. O Ilgga realizará inspeccións periódicas aleatorias, co obxectivo de comproba-la correcta aplicación do programa de leite escolar previsto na presente orde. Para tal efecto, serán obxecto de control:

a) A calidade dos productos subministrados.

b) A non utilización dos productos na confección das comidas.

c) A distribución correcta (lugar, horario, forma, repartidor, producto, etc.) a tódolos alumnos participantes.

d) A observancia dos prezos máximos vixentes.

e) A observancia das cantidades máximas consumidas por cada alumno.

f) A contabilidade específica para o presente programa.

g) A comprobación da facturación en relación coa solicitude de pagamento das axudas.

h) Calquera outro aspecto necesario para determinar que a axuda repercute directamente en beneficio dos alumnos.

i) E, en xeral, a utilización dos productos subvencionados de conformidade coas disposicións vixentes.

2. Os controis e inspeccións serán realizados por persoal do Ilgga debidamente autorizado, que redactará a correspondente acta de inspección, na que constarán, con claridade e detalle, as posibles irregularidades detectadas.

Artigo 11º.-Irregularidades.

1. A existencia de irregularidades na calidade dos productos subministrados, se é o caso, ou distribución correcta a tódolos alumnos participantes (lugar, horario, forma, distribuidor e producto); ou a utilización dos productos durante a estadía dos alumnos en colonias de vacacións, o incumprimento dos prezos máximos vixentes, a superación das cantidades máximas de consumo por alumno e día lectivo, os erros cometidos na facturación e/ou na contabilidade, a falsidade de datos, a desviación dos productos do seu destino e, en xeral, calquera impedimento, total ou parcial, para que a axuda repercuta directamente en beneficio dos alumnos, poderá implica-la suspensión ou retirada da autorización ou, se é o caso, a proposta de suspensión ou retirada, de acordo co previsto nos puntos 4 e 5 do artigo 7º desta orde, sen prexuízo das responsabilidades de calquera orde nas que puideran incorre-los responsables do centro escolar, APA e o provedor.

2. Sen prexuízo do anterior, a existencia de calquera irregularidade na execución do programa de leite escolar previsto na presente orde poderá dar lugar á denegación ou minoración da axuda solicitada.

3. As medidas previstas nos dous puntos anteriores non se aplicarán nos supostos de forza maior, así como nos casos en que se determine que as irregularidades non se cometeron deliberadamente ou por neglixencia, sen prexuízo dos apercibimentos e inspeccións que correspondan.

Artigo 12º.-Tramitación e resolución das solicitudes de axuda.

1. Efectuados os controis pertinentes, os servicios provinciais do Ilgga elevarán a oportuna proposta, a través da delegación provincial, ó director do instituto, sobre as solicitudes presentadas, para que este dicte a correspondente resolución.

2. O prazo máximo de resolución e pagamento das axudas será de catro meses desde que a solicitude de axuda tivo entrada no servicio provincial do Ilgga.

3. A falta de resolución expresa no prazo anterior, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas por silencio administrativo.

Artigo 13º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución de concesión, por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 12.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 14º.-Reintegro da axuda.

Non se poderá esixi-lo pagamento da axuda concedida ou procederá o seu reintegro, total ou parcial, cos xuros de demora devengados desde o seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 15º.-Recursos administrativos.

Contra as resolucións dictadas, en aplicación da presente orde, polo director do Ilgga, poderase interpoñer recurso de alzada ante o presidente do dito instituto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, de conformidade co disposto nos artigos 107, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificados pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 16º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan esixi-los órganos correspondentes do Ilgga, os beneficiarios das axudas do programa de leite escolar teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio da súas funcións

de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo do previsto no artigo 11º da presente orde, seralles de aplicación ós beneficiarios das axudas reguladas nela o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, de acordo co procedemento previsto no capítulo VII do Decreto 287/2000.

Segunda.-Os provedores xa autorizados polos órganos competentes, de acordo coa normativa anterior, poderán participar no réxime das axudas previstas na presente orde da mesma forma que os novos solicitantes autorizados conforme o artigo 7º. En todo caso, a retirada ou proposta de retirada da autorización, á que se refiren os puntos 4 e 5 do devandito artigo, será competencia do director do Ilgga.

Disposicións transitorias

Primeira.-As solicitudes de axuda que, ó abeiro da orde de convocatoria destas axudas para o 2002 (Orde do 6 de febreiro de 2002), se presenten logo da entrada en vigor da presente orde deberán cumpri-los requisitos establecidos nesta orde.

Segunda.-Para o curso escolar 2001-2002, de conformidade co establecido no artigo 4º.4 desta orde, o prezo máximo que deberá paga-lo alumno para os diferentes productos subvencionables será o indicado no anexo II desta orde.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 20 de abril de 2001, pola que se instrumenta na Comunidade Autónoma de Galicia a axuda ós alumnos de centros escolares para o consumo de leite e determinados productos lácteos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia para dicta-las instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural