Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 06 de xuño de 2002 Páx. 8.615

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE COSPEITO

ANUNCIO da aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento de Feira do Monte.

O Pleno do Concello de Cospeito, en sesión do día 29 de xaneiro de 2002, adoptou o seguinte acordo:

Visto que o expediente de modificación foi aprobado inicialmente polo Pleno desta corporación en sesión celebrada o día 29 de maio de 2001 e sometido a información pública mediante anuncio publicado no DOG nº 122, do 24 de xuño, sen que se presentasen alegacións.

Visto que o proxecto de modificación recibiu informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, en sesión do 4 de maio de 2001, para os efectos do disposto no artigo 51 da LSG, á vez que a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe previo á aprobación inicial con data do 7 de maio 2001, para os efectos do disposto polo artigo 41 da LSG.

Visto que con data do 11 de decembro de 2001, o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e para os efectos do previsto no artigo 42.5º da LSG, emitiu, en sentido favorable, o previo informe perceptivo e vinculante.

Visto que, de conformidade coa disposición adicional cuarta da LSG a competencia para a aprobación definitiva da mencionada modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento queda asignada, en réxime de competencia delegada, a este concello, nos termos e condicións establecidos na Lei de delegación e distribución de competencias en materia de urbanismo.

Visto que a teor do disposto no artigo 47.3º i) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o acordo de aprobación definitiva da reiterada modificación puntual, require o voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros desta corporación.

Visto o informe favorable da Comisión de Estudio, Informe e Consulta de Asuntos do Pleno.

A corporación, por unanimidade e en votación ordinaria, e por tanto, co quórum favorable de votación da maioría absoluta legal do número de membros que a compoñen,

ACORDOU:

Primeiro.-Prestar aprobación definitiva ó expediente de modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento de Feira do Monte.

Segundo.-Dar cumprimento ó disposto no artigo 48 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

Contra o devandito acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da publicación deste anuncio.

Cospeito, 26 de marzo de 2002.

Armando Castosa Alvariño

Alcalde