Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 06 de xuño de 2002 Páx. 8.568

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2002, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva do proxecto sectorial para a implantación da plataforma loxística-industrial no solo delimitado nos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves.

En cumprimento do disposto no artigo 13 do Decreto 80/2002, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxecto sectoriais de incidencia supramunicipal, faise público o acordo, do 15 deste mes e ano, adoptado polo Consello da Xunta de Galicia aprobando definitivamente o proxecto sectorial para a implantación da plataforma loxística-industrial no solo delimitado dos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves, que literalmente di:

«1. Aprobar definitivamente, para os efectos establecidos pola Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia e o Decreto 80/2000, do 23 de marzo, o proxecto sectorial para a implantación da plataforma loxística industrial no solo delimitado dos con

cellos de Salvaterra de Miño e As Neves, coas seguintes especificacións:

a) Incorpórase na relación de propietarios afectados ós do polígono 15 do catastro de rústica das Neves.

b) Incorpórase nas normas para a execución do proxecto sectorial, un novo artigo 1.14º co seguinte texto: «tódolos instrumentos e proxectos técnicos que se elaboren para o desenvolvemento e execución do proxecto sectorial deberán cumpri-lo disposto pola Lei 8/1997, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia e o seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro».

c) Elimínase a provisión de devolución de impostos, arbitrios ou taxas de carácter municipal.

2. Declarar, consonte coa Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia e o Decreto 80/2000, do 23 de marzo, a prevalencia dos intereses públicos do proxecto sectorial para a implantación da plataforma loxística industrial no solo delimitado dos concellos de Salvatera de Miño e As Neves, sobre as actuacións previstas para o aproveitamento dos recursos mineiros afectados.

3. Declara-la utilidade pública e interese social das obras, instalacións e servicios previstos, así como a necesidade de ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a execución do proxecto sectorial para a implantación da plataforma loxística industrial no solo delimitado dos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves».

4. As obras de urbanización especificadas no proxecto sectorial quedan cualificadas como de marcado carácter territorial e non estarán suxeitas á licencia urbanística municipal, nos termos da disposición adicional primeira da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia e no artigo 11.3º do Decreto 80/2000, do 23 de marzo».

O que se fai público para xeral coñecemento e para os efectos oportunos, advertíndose que contra o acordo transcrito, que é definitivo en vía administrativa, pode interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa notificación, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, e sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro que, se é o caso, estimen procedente.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2002.

José Jesús Cudeiro Mazaira

Director xeral de Urbanismo