Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 06 de xuño de 2002 Páx. 8.562

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2002 pola que se convoca un curso sobre a atención nos servicios de emerxencia.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2002, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso sobre a atención nos servicios de emerxencia, que deberá desenvolverse de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

A formación do persoal voluntario das A.V.P.C. de forma que lle permita un mellor desenvolvemento da súa actividade na atención de chamadas de urxencia e emerxencias.

Segunda.-Destinatarios.

O curso vai dirixido a:

-Voluntarios de protección civil pertencentes a A.V.P.C. que teñan instalados terminais remotos do 112.

-Voluntarios de protección civil pertencentes a A.V.P.C. que teñan servicio 24 horas.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para este curso é de 27.

2. Duración e data: o curso desenvolveranse durante os días 24 e 25 de xuño de 2002, en xornada de mañá e tarde, cunha duración de 16 horas.

O horario será o seguinte: de 9.30 a 14 horas e de 16 a 20 horas.

3. Lugar: o curso realizarase na Academia Galega de Seguridade, sita na avda. da Cultura s/n, 36680 A Estrada.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación será de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. As instancias deberán enviarse por correo, fax etc. á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

Nel trataranse os seguintes temas:

-A comunicación nun centro de emerxencias.

-A comunicación oral.

-A comunicación escrita.

-A comunicación por radio.

-A responsabilidade legal.

-Os terminais remotos do 112, funcionamento e coordinación.

-Servicio 112 de Galicia.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, sen prexuízo da oportuna notificación ós seleccionados, con antelación á realización do curso. Tamén poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a este, e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Oitava.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 23 de maio de 2002.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA