Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Mércores, 05 de xuño de 2002 Páx. 8.531

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

EDICTO do 22 de abril de 2002, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se notifica a resolución da clasificación dos montes Caneiro e As Pías, da parroquia de Fozara (concello de Ponteareas).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico

das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra dictou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente: José Antonio López Rodríguez (delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente).

Vocais:

-Luis Mª Muíños Vidueira (letrado da Asesoría Xurídica da Xunta).

-Mª Luisa Pardavila Pazos (avogada polo Colexio da provincia).

-Manuel Francisco Gutiérrez (xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais).

Vocais representantes da parroquia de Fozara do concello de Ponteareas:

-Benigno Cuevas Bugarín.

-Teresa Represas Represas.

Secretaria: Mª José León Gómez (xefa do Servicio Técnico-Xurídico da delegación de Medio Ambiente).

Na cidade de Pontevedra, ás dezasete horas do día 3 de abril de 2002, coa asistencia das persoas á marxe indicadas, reúnese na 3ª planta do edificio sito no nº 47 da rúa Benito Corbal, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir sobre a clasificación dos montes Caneiro e As Pías, da parroquia de Fozara do concello de Ponteareas.

Antecedentes de feito:

Primeiro.-Con data do 24 de outubro de 1997, Benigno Cuevas Bugarín, en nome e representación da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Fozara, solicitou a clasificación como veciñais en man común dos montes Caneiro e As Pías, sitos na parroquia de Fozara do concello de Ponteareas.

Segundo.-Juan Casiano Fandiño García, en representación de Manuel Táboas Carrera, presentou escrito no que solicitaba que se lle tivera por parte no expediente, achegando unha escritura pública do 4-8-1975, referente a unha permuta de terreos co Concello de Ponteareas.

Terceiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais, na súa reunión con data do 21-7-1999, acordou inicia-los trámites para a clasificación dos montes Caneiro e As Pías, así como a remisión do expediente ó Servicio de Montes e Industrias Forestais da delegación provincial de Medio Ambiente co obxecto de elabora-lo informe preceptivo.

Cuarto.-En reunión con data do 19-10-2000, o xurado acordou nomear a Isabel Catoira Lamela instructora do expediente de clasificación.

Quinto.-Cumprida e observada a tramitación legal e regulamentariamente esixida, procedeuse á apertura do trámite de audiencia; o solicitante formulou as alegacións que considerou oportunas nas que discrepa coa descrición do monte Caneiro no límite norte.

Sexto.-Por acordo do xurado na reunión do 12-12-2001, noméase nova instructora do expediente a Mª Luisa Pardavila Pazos.

Sétimo.-A instructora do expediente manifesta que, á vista do informe emitido polo Servicio de Montes e Industrias Forestais e efectuada visita ó terreo, os montes Caneiro e As Pías obxecto deste expediente de clasificación obedecen á seguinte descrición:

-Nome do monte: Caneiro.

Cabida: 12,21 ha aproximadamente.

Lindes:

Norte: propiedades particulares de Enrique Groba Otero, Luz Gándara Antela, Emilio Rodríguez Pérez, Juan J. Rodríguez González, Aurelia Gándara Bugarín, José Otero Otero, Benjamín González López, Manuel Táboas Carrera e outros.

Sur: río Tea e propiedades particulares de Manuel Amoedo Coto, herdeiros de Asunción Groba, Carmen Domínguez Táboas, Enrique Groba Otero, Jesús Otero Otero e outros.

Leste: propiedades particulares de Amelia Gándara Bugarín, Enrique Groba Otero, José Nogueira López, Mª Esther Cuevas Bugarín, Amelia Gándara Bugarín, Dolores Barroso Méndez, Otilia Cuevas Bugarín, José Otero Otero e outros.

Oeste: río Tea.

Descrición: o monte Caneiro está atravesado de N a S pola estrada Ponteareas-Pazos, e presenta un enclave con varios propietarios na súa zona oeste.

-Nome do monte: As Pías.

Cabida: 1,64 ha aproximadamente.

Lindes:

Norte: propiedades particulares de herdeiros de Malvina Natal Castellano, herdeiros de Odilio Nogueira García, María López García, herdeiros de Pilar Villar Vello, Josefa Bugarín García, María López García, Jesús Otero Otero, Benjamín González López e outros.

Sur: propiedades particulares de Josefa Bugarín García, Mª López García e outros, e río Tea.

Leste: propiedades particulares de Mª Antela Codeseda, Ramiro Antela, Dolores Bugarín García, avenida Álvarez, Ramiro Casal Fernández, Acuicultura de Galicia, S.A., Carmen Redondas García e outros.

Oeste: río Tea e propiedades particulares de Manuel Pino Rodríguez, Dolores Bugarín García, Manuel Táboas Carrera, Isaura Gándara Cobas e outros.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñece-los expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter a teor do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo.-De conformidade co disposto no artigo 1 da citada Lei 13/1989, do 10 de outubro, e no artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, cómpre entender por montes veciñais en man común «...os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades productivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo numerosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento veciñal de feito do dito monte por parte dos veciños.

No presente expediente o informe preceptivo emitido polo técnico competente acredita a realidade do dito aproveitamento veciñal, quedando así probado que ámbolos dous montes reúnen os requisitos esixidos no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, debendo, polo tanto, clasificarse como montes veciñais en man común.

Terceiro.-No referente á descrición do monte Caneiro, na visita efectuada sobre o terreo, púidose comprobar, na parcela dubitada de 3.093 m, a existencia de signos que acreditan o aproveitamento veciñal, como esquilmo.

Cuarto.-Non se poden atende-las alegacións da comunidade veciñal solicitante de clasificar co carácter indicado unha parcela situada no estremo norte que a propia comunidade sinala na planimetría por ela achegada como de Emilio Rodríguez Pérez, sen esquecer que na referida parcela na que existe unha vivenda e está delimitada por muros e construccións industriais non se puido apreciar ningún aproveitamento veciñal e tampouco a comunidade acreditou a existencia de aproveitamento.

En consecuencia, vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación ó caso examinado, a instructora propón e de maneira unánime o xurado acorda:

Clasificar como veciñais en man común a favor da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común, da parroquia de Fozara do concello de Ponteareas, os montes Caneiro e As Pías por terse demostrado

no curso do expediente o aproveitamento veciñal de feito en réxime de comunidade sen asignación de cotas e reuni-los requisitos establecidos no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, correspondéndose coa planimetría elaborada para o efecto que forma parte inseparable desta resolución, e de acordo coa descrición, cabida e lindes sinalados no antecedente de feito sexto.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Pontevedra, 22 de abril de 2002.

José Antonio López Rodríguez

Delegado provincial de Pontevedra e presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra