Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Mércores, 05 de xuño de 2002 Páx. 8.525

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas, se declara de utilidade pública e se aproba o proxecto de execución do aproveitamento hidroeléctrico no río Liñares, central da Devesa, termo municipal da Estrada, provincia de Pontevedra.

Visto o escrito presentado por José Manuel Cortizo Soñora, en nome e representación da sociedade Cortizo Hidroeléctricas, S.A., con DNI nº 32.206.620-W e con domicilio no lugar da Matanza s/n, 15917-Padrón, A Coruña, solicitando autorización administrativa, declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto de execución do aproveitamento hidroeléctrico no río Liñares, central da Devesa, no termo municipal da Estrada, provincia de Pontevedra, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O 8 de febreiro de 2000, Augas de Galicia resolve aprobar a favor da empresa Cortizo Hidroeléctricas, S.A. a concesión dun aproveitamento hidroeléctrico de 5.500 l/s de auga do río Liñares, e declarar de utilidade pública as obras constructivas do aproveitamento denominado central da Devesa, no termo municipal da Estrada, Pontevedra.

Segundo.-Por Resolución do 4 de xullo de 2000 de Augas de Galicia, apróbase o proxecto do aproveitamento hidroeléctrico da central da Devesa no río Liñares, Pontevedra, para a instalación dun aproveitamento con destino á producción de enerxía eléctrica para uso público á empresa Cortizo Hidroeléctricas, S.A.

Terceiro.-O 1 de agosto de 2001, José Manuel Cortizo Soñora, en nome e representación de Cortizo Hidroeléctricas, S.A., solicitou a autorización administrativa, declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto de execución da Central Hidroeléctrica da Devesa, achegando a documentación establecida para o efecto polo Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, abastecemento e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e o Real decreto 916/1985, do 25 de maio, modificado polo Real decreto 249/1988, do 18 de marzo.

Cuarto.-A petición da autorización administrativa, declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto de execución da Central Hidroeléctrica da Devesa someteuse a información pública para os efectos previstos no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, xa mencionado, mediante acordo da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra do 15 de outubro de 2001, publicada no DOG do 24 de outubro de 2001, no BOE do 5 de novembro de 2001, e no BOP de Pontevedra do 5 de novembro de 2001 (con corrección de erros do 16 de novembro de 2001), así como en La Voz de Galicia do 25 de outubro de 2001

e no Concello da Estrada durante 15 días, do 23 de outubro ó 9 de novembro de 2001.

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. Gonzalo Constela Bergueiro, voceiro do grupo municipal do BNG no concello da Estrada, presenta alegacións de acordo co seguinte:

-O impacto ambiental negativo que produciría o aproveitamento hidroeléctrico no río Liñares.

-Non existe ningunha razón de utilidade pública ou interese xeral do aproveitamento xa que o abastecemento de enerxía eléctrica deixou de ser un servicio público coa Lei 54/1997, alcanzando, ademais, a producción de enerxía eléctrica en Galicia niveis excedentarios. Ademais, a declaración de utilidade pública leva consigo a expropiación e a ocupación urxente, o que constitúe unha inxustiza respecto a outros sectores industriais e fronte ós prexudicados directos, os gandeiros e labregos, que constitúen un sector básico da economía galega. Para isto cítanse dúas sentencias de improcedencia da declaración de utilidade pública para dous aproveitamentos hidroeléctricos.

-A utilización da auga do río Liñares, por parte dos veciños da zona, para usos agrícolas e para o funcionamento de varios muíños, é preferente á súa utilización para a producción de enerxía eléctrica por parte da empresa Cortizo Hidroeléctricas, S.A.

-A duplicidade do proxecto, ó existiren diferencias entre o proxecto presentado para a concesión ante Augas de Galicia e o presentado ante o Concello da Estrada.

-A incompatibilidade coa futura estación de depuración de augas residuais da Estrada.

2. A comunidade de regantes da presa Pina de Arriba, os propietarios de catro muíños que utilizan as augas do río Liñares e a comunidade de regantes da presa Pina de Abaixo, presentan alegacións baseándose en que:

-A tramitación non é competencia da Consellería de Industria e Comercio por tratarse de obras hidráulicas.

-O proxecto presentado ante Augas de Galicia difire do existente na Delegación de Industria e do presentado para a obtención da licencia de obras; ademais, non coinciden os orzamentos de ningún dos tres proxectos.

-O artigo 54 da Lei 54/1997 é inconstitucional.

-A comunidade de regantes de Pina de Arriba e Pina de Abaixo e os parceiros e propietarios dos muíños involucrados teñen dereito preferente á utilización da auga do río sobre a producción de enerxía eléctrica por parte da empresa Cortizo Hidroeléctricas, S.A.

-A concesión de augas que posúe Cortizo Hidroeléctricas, S.A. para o aproveitamento, prexudica seriamente a rega preexistente con fins agrícolas

así como os muíños que se abastecen da presa de Pina de Arriba.

-O impacto ambiental negativo que produciría o aproveitamento hidroeléctrico no río Liñares.

-Non existe ningún acordo entre a entidade Cortizo Hidroeléctricas, S.A. e os propietarios da presa de Pina de Arriba e, no caso de que existise, este non afectaría nin o azude nin o tramo de canle existente ata os muíños por ser propiedade dos parceiros dos muíños do Salgueiro.

-A declaración de utilidade pública que se obtivo por parte de Augas de Galicia non comprende os predios que agora se pretenden expropiar, habendo simplemente unha mínima coincidencia.

-A futura implantación da estación depuradora de augas residuais da Estrada é incompatible co aproveitamento hidroeléctrico.

-Existen posibles defectos no proxecto en canto ó azude, ó aliviadoiro e á coroación, en canto ás turbinas instaladas e o mínimo caudal que se vai turbinar e en canto a como se vai compatibiliza-lo uso da auga da segunda canle, presa de Pina de Abaixo, entre o azude e a devolución de auga ó río, sen que exista máis auga que o caudal ecolóxico. Ademais, no proxecto non se fai referencia á solta de crías de anguía e salmón por medio do Servicio de Medio Ambiente augas arriba do azude previsto.

-Os terreos que se van expropiar son insuficientes para a realización e as instalacións do aproveitamento.

-Na lista de terreos que se van expropiar non figuran os correspondentes ós propietarios dos terreos por onde descorran os camiños de acceso nin os correspondentes ós propietarios dos terreos por onde descorra a tubaxe forzada e a canle de desaugamento.

-Existen erros en cuanto ás verdadeiras dimensións das parcelas que se van expropiar.

Quinto.-As instalacións electromecánicas da central hidroeléctrica do río Liñares, Central da Devesa, segundo o proxecto de execución desta, asinado polo enxeñeiro industrial José Carlos Rodríguez Vázquez, colexiado número 1140, e visado polo Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia co número 604/2000, teñen as seguintes características:

-Tubaxe forzada de 210 m de lonxitude, que salva un desnivel entre as cotas 152,18 m, que corresponde á soleira da cámara de carga e 66,80 m do eixe das turbinas.

-Caudal máximo derivado: 5.500 l/s.

-Caudal mínimo de funcionamento das turbinas: 550 l/s.

-Salto neto: 85,33 m.

-Salto útil: 88,2 m.

-Perdas de carga a máximo caudal: 2,87 m.

-Dúas turbinas tipo Francis de cámara espiral, cunhas velocidades de rotación de 750 e 600 r.p.m. e de 1.830 e 3.660 l/s cada unha, cun rendemento do 0,85, unha potencia nominal de 1.260 kW e 2.523 kW respectivamente e un factor de potencia de 0,9.

-Dous xeradores alternadores conectados directamente a cada turbina. Serán do tipo síncronos trifásicos de eixe horizontal de 1.400 e 2.800 kVA de potencia e 0,9 de factor de potencia, 50 Hz de frecuencia e unha tensión de xeración de 6 kV.

-Un transformador trifásico con refrixeración natural, 5MVA de potencia nominal e unha relación de transformación 6/20 kV.

-Instalacións de protección, manobra, mando, sinalización, medida e interconexión coa liña eléctrica da empresa distribuidora.

Sexto.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra emitiu informe favorable, propoñendo a autorización administrativa, declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto de execución.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 15/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro e o Real decreto 916/1985, do 25 de maio, modificado polo Real decreto 249/1988, do 18 de marzo.

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a estas por parte da empresa promotora, e do resto de documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. Augas de Galicia, mediante Resolución do 8 de febreiro de 2000, outorgou unha concesión para derivar 5.500 l/s do río Liñares en virtude dun documento técnico no nivel de anteproxecto presentado pola empresa promotora, Cortizo Hidroeléctricas, S.A. De acordo co dito anteproxecto e axustándose ás actuacións previstas no documento concesional, o promotor presenta o proxecto constructivo, o cal foi aprobado por Augas de Galicia por Resolución do 3 de xullo de 2000 e que é o que se encontra en poder desta dirección xeral para a súa tramitación.

2. Segundo a condición vixésimo segunda da concesión, o concesionario estará obrigado a respecta-los dereitos dos aproveitamentos hidráulicos preexistentes, calquera que sexa o título da adquisición e o seu obxecto, co que queda claro que o concesionario está autorizado a detraer, e sempre co límite do caudal máximo establecido, unicamente o caudal excedente despois do respecto do caudal ecolóxico imposto e dos usos do auga preexistentes.

3. Que, segundo o informe de Augas de Galicia do 12 de febreiro de 2002, as obras de instalación da estación depuradora de augas residuais da Estrada se encontran aínda en fase de anteproxecto, polo que non está definido o punto concreto de onde vai desauga-lo emisario procedente de devandita depuradora. Sen embargo, segundo se recolle no dito anteproxecto, a depuradora situarase no contorno do lugar de Aguións, que está situado augas arriba do aproveitamento hidroeléctrico.

4. Non se toman en consideración as alegacións referidas á valoración da afección das parcelas, por non ser obxecto desta fase do expediente, correspondendo esta valoración á fase de prezo xusto.

5. Segundo o artigo 52 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, decláranse de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración para efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso. A dita declaración, segundo o artigo 54 da mesma lei, leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou a adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación.

6. Con respecto ás alegacións referidas a posibles erros na determinación de servidumes así como na natureza dos terreos afectados, estas teranse en conta cando se proceda ó levantamento de actas previas á ocupación e incluiranse na correspondente folla de valoración.

7. En relación coas alegacións específicas formuladas por Gonzalo Constela Bergueiro, portavoz do grupo municipal do BNG no Concello da Estrada, cabe dicir:

-O proxecto foi remitido para a súa avaliación, por Augas de Galicia, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que emitiu, mediante Resolución do 3 de xaneiro de 2000, a declaración de efectos na que resolveu a viabilidade ambiental deste proxecto e impuxo as condicións que obrigatoriamente deberán ser cumpridas polo promotor.

8. En canto ás alegacións particulares presentadas pola comunidade de regantes da presa de Pina de Arriba e Pina de Abaixo e os propietarios de catro muíños que funcionan co caudal da dita presa cabe dicir que:

-No lle compete a esta dirección xeral pronunciarse sobre posibles erros existentes no proxecto presentado no Concello da Estrada para a obtención das correspondentes licencias municipais.

-Os predios que se van expropiar neste expediente son os involucrados na solicitude de declaración de utilidade pública do aproveitamento hidroeléctrico do río Liñares, central da Devesa, presentada ante esta dirección xeral.

-Segundo o artigo 123 da Lei de augas, Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, as obras hidráulicas vinculadas a aproveitamentos enerxéticos resultaralles de aplicación o previsto na Lei 54/1997, do 27 de decembro, do sector eléctrico, na que o artigo 3 dispón que lles corresponde ás comunidades autónomas a autorización das instalacións eléctricas cando o seu aproveitamento non afecte a outras comunidades, polo que é a Consellería de Industria da Comunidade Autónoma de Galicia a competente na tramitación deste expediente.

-A empresa promotora achegou co expediente un acordo privado entre a comunidade de regantes da presa de Pina de Arriba e Cortizo Hidroeléctricas, S.A. xunto cos documentos de ratificación deste achegados polo concesionario e que constan como documentos do expediente. Neste acordo por un lado os propietarios ceden o dereito a uso da presa e da parte da canle de rego necesaria para poder instala-la minicentral, mentres que por outro lado a empresa se compromete, entre outras obrigas, a respecta-lo caudal que necesita esta comunidade.

-En canto a posibles erros de proxecto cómpre aclarar que o azude de derivación ten unha altura de 3 m no aliviadoiro, unha cota de coroación do aliviadoiro de 156,25 m e uns caixeiros exteriores de 157,25 m de cota, mentres que a canle de derivación posúe unha cota de 156,25 m, a cal coincide coa cota do nivel normal do encoro.

-Segundo o proxecto de execución presentado, os terreos que se van expropiar son suficientes para a realización e instalacións do aproveitamento hidroeléctrico da Devesa que vai realizar Cortizo Hidroeléctricas, S.A. en augas do río Liñares.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas

RESOLVE:

-Autorizar administrativamente e declara-la utilidade pública do aproveitamento hidroeléctrico do río Liñares, central da Devesa, no termo municipal da Estrada, provincia de Pontevedra.

-Aproba-lo proxecto de execución das instalacións electromecánicas da citada central hidroeléctrica.

Queda obrigada a empresa titular da instalación a notifica-lo comezo e remate das obras para a súa inspección e posta en marcha, podendo a Administración autonómica deixar sen efecto esta resolución, despois do oportuno expediente, no momento que observe incumprimento dos regulamentos, condicionantes técnicos e de seguridade e medidas correctoras establecidas polos organismos e entidades que constan no expediente deste aproveitamento hidroeléctrico.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2002.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO