Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Mércores, 05 de xuño de 2002 Páx. 8.476

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 29 de maio de 2002 pola que se modifica a do 20 de novembro de 2001, pola que se establecen axudas periódicas de prevención e apoio a familias para a integración do menor.

A Orde do 20 de novembro de 2001 (DOG nº 229, do 27 de novembro), da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, regula as axudas periódicas de prevención e apoio a familias para a integración do menor. Na súa exposición de motivos establécese que nos orzamentos xerais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego Muller e Xuventude para o exercicio 2002, na aplicación 14.02.212A.482.0, normalmente ía existir crédito axeitado e suficiente para as ditas axudas, reservando para tal efecto un crédito de 1.974.943,81 euros.

Con data do 29 de abril de 2002 foi aprobada polo Parlamento galego a Lei 2/2002, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002 (DOG nº 84, do 2 de maio), consignándose na aplicación referida un crédito de 2.287.913 euros destinados ás ditas axudas, polo que se considera axeitado modifica-la orde de axudas no que respecta á contía dedicada para o financiamento, que resulta incrementada ata a cantidade sinalada na Lei de orzamentos do exercicio 2002.

De acordo con todo o anterior e no exercicio das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifica-lo parágrafo oitavo da exposición de motivos da Orde do 20 de novembro de 2001, pola que se establecen axudas periódicas de prevención e apoio a familias para a integración do menor; queda a nova redacción da forma seguinte:

«Nos orzamentos xerais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para o exercicio 2002, na aplicación 14.02.212A.482.0 para as axudas que se establecen nesta orde, resérvase para tal efecto un crédito de 2.287.913 euros».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Familia para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción de Emprego,

Muller e Xuventude