Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Mércores, 05 de xuño de 2002 Páx. 8.468

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 3 de maio de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Kiwi Atlántico, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Kiwi Atlántico, S.A., con nº de código 3602871, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 29-4-2002, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo delegado de persoal, en data 25-4-2002. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 3 de maio de 2002.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa Kiwi Atlántico, S.A.

Capítulo I

Condicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio regulará as relacións laborais entre a empresa Kiwi Atlántico, Sociedad Anónima, e tódolos traballadores que presten servicios nela, exceptuando unicamente aquelas persoas ás que alude o artigo 2 de Estatuto dos traballadores.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

O presente convenio colectivo terá unha duración de dous anos, contados desde o 1 de xaneiro de 2002, finalizando o seu efecto o 31 de decembro de 2003.

Entenderase prorrogado de ano en ano, agás denuncia de calquera das partes, con tres meses de antelación, alomenos, á data da súa terminación. A devandita renuncia haberá ser por escrito, dirixida á outra parte afectada polo convenio.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

Respectaranse as situacións persoais que con carácter de cómputo anual excedan destas normas estrictamente ad personam.

Como as melloras económicas que se implantan en virtude deste convenio teñen o carácter de mínimas no seu conxunto, subsistirán os pactos, cláusulas, implantadas pola empresa que significarán condicións máis beneficiosas para os traballadores.

Artigo 4º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas forman un todo orgánico indivisible e, para os efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

As partes acordan nomear unha comisión paritaria composta por unha interpretación dos traballadores e outra da empresa, o número da cal se fixará no seu momento, para a interpretación das cláusulas do convenio.

Capítulo II

Ordenación do traballo

Artigo 6º.-Garantía sobre ordenación do traballo.

a) Non contratar eventuais mentres haxa fixos descontinuos sen chamar.

b) Non faceren horas extraordinarias os fixos-descontinuos mentres permanezan outros de igual condición.

c) Chamar por orde de antigüidade e dar de alta á medida que se precisen ata que se poida esgota-la xornada e cando isto non sexa posible, prescindir dos de menor antigüidade con baixa na Seguridade Social, por diminución do producto. É dicir, os tra

balladores causarán altas e baixas na empresa de acordo coa prestación laboral real e cursando a baixa definitiva na campaña, do persoal afectado por diminución do producto ou finalización da tempada; para favorecer que o persoal que non poida traballar cun mínimo de continuidade poida acceder a outros traballos.

d) En relación cos traballos de posta en marcha e finalización de campaña, rexerá o disposto no artigo 20 do Real decreto 1563/1995, do 21 de setembro, sobre xornadas especiais de traballo.

Artigo 7º.-Traballos en domingos e festivos.

Os domingos e festivos, se por excepcional necesidade da empresa, o traballador non puidese gozar do seu descanso neses días farao dentro da semana seguinte, sinalándose o día con anterioridade.

Artigo 8º.-Pase de eventuais a fixos descontinuos.

Os traballadores eventuais pasarán á condición de fixos-descontinuos cando realizasen tres campañas de trinta días de traballo como mínimo, cando non se teñan acadado os trinta días por campaña terán a preferencia de seren cotratados sen perda da condición de eventuais.

Capítulo III

Tempo de traballo

Artigo 9º.-Xornada laboral.

A xornada laboral ordinaria será de corenta horas semanais de traballo efectivo.

Durante os meses de xullo e agosto realizarase xornada continuada.

Artigo 10º.-Vacacións.

Os traballadores afectados polo presente convenio desfrutarán de trinta días naturais de vacacións.

As datas de desfrute acordaranse entre empresario e traballadores, non poidendo iniciarse nin en domingo nin en festivo.

Artigo 11º.-Permisos retribuídos.

O persoal da empresa terá dereito a licencia en calquera dos casos seguintes:

a) Matrimonio, quince días.

b) Nacemento de fillo, tres días.

c) Falecemento, accidente ou enfermidade grave ou hospitalización de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, tres días. Se cómpre desprazamento, catro días.

d) Traslado de domicilio habitual, un día.

e) Cumprimento de deberes públicos, polo tempo imprescindible.

f) Realización de funcións sindicais ou de representación do persoal, nos termos establecidos legalmente.

g) Realización de exames prenatais e técnicas de preparación de parto que deban realizarse dentro da xornada de traballo, o tempo indispensable.

h) Lactación de fillo menor de nove meses, unha hora de ausencia ó traballo, que se poderá dividir en dúas fraccións, ou reducción da xornada en media hora coa mesma finalidade.

i) Coidado directo dun menor de 6 anos ou diminuído físico, psíquico ou sensorial que non desempeñe actividade retribuída. Reducción da xornada de traballo con diminución proporcional do salario entre, polo menos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

j) Coidado directo dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non poida valerse por si mesmo, que non desempeñe actividade retribuída, reducción da xornada de traballo con diminución proporcional do salario entre, polo menos un tercio, e un máximo da metade da duración daquela.

k) Por asuntos propios, un día.

l) O persoal que precise asistir a consultorio médico en horas coincidentes coa xornada de traballo disporá do tempo preciso para o mesmo.

Capítulo IV

Estructura do salario

Artigo 12º.-Retribucións.

Todo o persoal afectado polo presente convenio percibirá as retribucións consignadas na táboa anexa I para o ano 2002.

Incremento para o ano 2003: aplicarase as retribucións consignadas na táboa anexa II.

Artigo 13º.-Revisión salarial.

No caso de que o IPC rexistrase o 31 de decembro de 2002 un incremento respecto do 1 de xaneiro superior ó incremento salarial para o ano 2003, efectuarase unha revision salarial no exceso sobre a dita porcentaxe.

Artigo 14º.-Complemento de transporte.

Os traballadores afectos polo presente convenio terán dereito a percibir un complemento de transporte de 36,52 euros ó mes no ano 2002. Para o ano 2003 esta cantidade será de 37,62 euros.

O dito complemento terá carácter extrasalarial para tódolos efectos e non se percibirá durante o período vacacional dos traballadores.

Artigo 15º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio colectivo percibirá dúas gratificacións extraordinarias correspondentes ós meses de xullo e decembro, polo importe dunha mensualidade cada unha delas, calculadas sobre o salario que se fixa na táboa anexa correspondente.

Estas pagas serán aboadas o 15 de xullo e o 15 de decembro.

Artigo 16º.-Axudas de custo e desprazamentos.

As axudas de custo para o persoal que, en razón de métodos da organización de empresa, deba efectuar saídas quedan establecidas do seguinte xeito:

Axuda de custo completa. Fíxase unha cantidade de 31,25 euros para tódalas categorías.

Media axuda de custo. Fíxase una cantidade de 12,62 euros, igualmente para tódalas categorías.

Nos desprazamentos que se efectúen en coche propio aboarase a cantidade de 0,20 euros-kilómetro.

Capítulo V

Prestacións sociais

Artigo 17º.-Baixa por incapacidade temporal.

Durante as situacións de baixa por incapacidade temporal, as empresas completarán ata o 100% do salario base do convenio máis a antigüedade, se é o caso, á correspondente prestación económica da Seguridade Social.

Artigo 18º.-Roupa de traballo.

A empresa dotará o seu persoal das axeitadas pezas de roupa de traballo. O persoal recibirá dúas fundas por ano ou peza similar. A primeira funda será entregada ó comezo da campaña e a outra a primeiros de maio, sendo obrigatorio o seu uso para o persoal ó que se lle entreguen as devanditas pezas.

Capítulo VI

Categorías profesionais

Artigo 19º.-Clasificación empresarial.

As clasificacións do persoal consignadas no presente convenio son meramente enunciativas e non supoñen a obriga de ter provistas tódalas prazas enumeradas se a necesidade e o volume da industria non o require.

Categorías:

Persoal administrativo.

Oficial de 1ª. É aquel empregado que actúa ás ordes dun xefe, se o houbera, e que ten un servicio determinado ó seu cargo, dentro do cal exerce iniciativa e posúe responsabilidade con ou sobre outros empregados ás súas ordes, realizando traballos que requiren cálculo, estudio, preparación ou condicións axeitadas.

Considéranse incluídos nesta categoría os contables que leven eles sos a contabilidade.

Oficial de 2ª. É o empregado que con iniciativa e responsabilidade restrinxida e subordinada a un xefe ou a un oficial de primeira, se o houbese, realiza traballos de carácter auxiliar ou secundario que só esixen coñecementos xerais da técnica administrativa.

Auxiliar. É o empregado que se adica a operacións elementais administrativas e, en xeral, ás puramente mecánicas e inherentes ó traballo da oficina ou despacho.

Especialistas da industria.

Encargado de almacén. É o empregado que, ás ordes directas do empresario ou persoa en quen delegue, dicta as normas para a perfecta organización e distribución do traballo ó persoal de almacén e transporte e facilitando os datos necesarios para a boa marcha administrativa ás oficinas, e tendo ó corrente de canto aconteza á empresa, a quen facilitará os datos concretos de producción diariamente ou cando o empresario considere oportuno.

Oficial 1ª-Conductor carretilla. É a persoa debidamente capacitada e autorizada pola empresa, que

ten encomendada a conducción da carretilla elevadora mecánica e a conservación do seus elementos accesorios.

Empaquetador. É a persoa que selecciona, coloca e encaixa a froita axeitándoa convenientemente no interior dos envases. Asemade, transporta a froita seleccionada no interior do almacén duns lugares a outros.

Peón. É a quen se lle confían traballos elementais, para os que non se require preparación ningunha, requiríndose predominantemente unha contribución de esforzo físico, a atención debida e a bondade de levar a cabo o traballo que se lle ordene.

Aprendiz. Son aprendices aqueles traballadores que teñan vixente un contrato de formación. Realizarán os labores correspondentes ó oficio que estean aprendendo.

Capítulo VII

Outros acordos

Artigo 20º.-Seguridade e saúde laboral.

Delegado de prevención: rexerá o establecido pola lexislación vixente.

Formación: a empresa facilitará as horas precisas para a formación do delegado de prevención.

Así mesmo a empresa procurará impartir formación, ben por si mesma ou por medios externos, a tódolos traballadores, en materia de seguridade e prevención de riscos laborais.

Artigo 21º.-Dereitos da muller traballadora.

Non haberá discriminación por razón de sexo en materia de retribución, xornada laboral e demais condicions de traballo.

Artigo 22º.-Lexislación aplicable.

No que non está expresamente disposto neste convenio, rexerá o que determine o Estatuto dos traballadores, Lei orgánica de liberdade sindical e demais disposicións concordantes.

Artigo 23º.-Comisión negociadora.

Este convenio foi negociado en representación da empresa por José Carlos Vila Costas e dos traballadores polo delegado de persoal Ramón Pesqueira Martínez.

ANEXO I

Táboa salarial ano 2002

Categorías

Persoal administrativo:
Enxeñeiros e licenciados814,77 euros
Enxeñeiros técnicos764,63 euros
Oficial de 1ª638,79 euros
Oficial de 2ª603,96 euros
Auxiliar506,86 euros

Especialistas de industria:
Encargado de almacén672,86 euros
Oficial de 1ª conductor carretillista584,12 euros
Empaquetador538,95 euros
Peón534,17 euros
AprendizSMI

ANEXO II

Táboa salarial ano 2003

Categorías

Persoal administrativo:
Enxeñeiros e licenciados839,21 euros
Enxeñeiros técnicos787,57 euros
Oficial de 1ª657,95 euros
Oficial de 2ª622,08 euros
Auxiliar522,06 euros

Especialistas de industria:
Encargado de almacén692,86 euros
Oficial de 1ª conductor carretillista601,64 euros
Empaquetador555,12 euros
Peón550,20 euros
AprendizSMI

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO,

MULLER E XUVENTUDE