Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Mércores, 05 de xuño de 2002 Páx. 8.466

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2002, da Secretaría Xeral da Consellería de Industria e Comercio, pola que se publica o acordo de encomenda de xestión subscrito entre as consellerías de Industria e Comercio e de Economía e Facenda.

Con data do 22 de maio de 2002 as consellerías de Industria e Comercio e de Economía e Facenda subscribiron un acordo polo que a primeira efectúa unha encomenda de xestión a prol da segunda para a recadación executiva das cantidades que a beneficiaria dunha expropiación forzosa lles debe ós expropiados en concepto de prezo xusto por mor da falta de pagamento delas.

Polo tanto e en cumprimento do establecido no artigo 15.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procede á publicación no DOG do dito acordo, que figura como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2002.

Jesús Vázquez San Luis

Secretario xeral da Consellería

de Industria e Comercio

ANEXO

Acordo que subscriben a Consellería de Industria e Comercio e a Consellería de Economía e Facenda polo que a primeira efectúa unha encomenda de xestión a prol da segunda para a recadación executiva das cantidades que a beneficiaria dunha expropiación forzosa lles debe ós expropiados en concepto de prezo xusto por mor da falta de pagamento delas:

En Santiago de Compostela, 22 de maio de 2002.

Reunidos:

Dunha parte, Juan Rodríguez Yuste, conselleiro de Industria e Comercio.

E doutra, José Antonio Orza Fernández, conselleiro de Economía e Facenda.

Ámbalas dúas partes interveñen en función dos seus respectivos cargos e en exercicio das facultades que para convir no nome das entidades ás que representan lles outorga o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente, recoñecéndose mutuamente capacidade, lexitimación e representación suficiente para subscribi-lo presente acordo de encomenda de xestión, manifestan:

I. Que cando as administracións públicas territoriais exercen a potestade expropiatoria da que son titulares en beneficio doutra persoa, esta actúa, por substitución, en exercicio de funcións públicas malia que é unha persoa xurídica privada, o que repercute nas consecuencias que produce a actuación expropiatoria que promove e da que se beneficia.

Deste xeito, o artigo 4 do Regulamento de expropiación forzosa, aprobado polo Decreto do 26 de abril de 1957, ó deslinda-las actuacións da administración expropiante e do beneficiario, dispón que correspóndelle a aquela, na súa condición de titular da potestade expropiatoria, decidir executoriamente en canto á procedencia e extensión das obrigas do beneficiario con respecto ó expropiado.

II. Que entre as obrigas do beneficiario está a de paga-lo prezo xusto fixado en acto administrativo firme, que, segundo o disposto nos artigos 94 e seguintes da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, é inmediatamente executivo, podendo a Administración proceder, logo de apercebimento, á súa execución forzosa por medio da vía de constrinximento sobre o patrimonio.

III. Que a Consellería de Industria e Comercio, a través das súas delegacións provinciais, é o órgano competente para decidir executoriamente sobre a obriga de pagamento do prezo xusto por parte da beneficiaria da expropiación e para compeler ó cumprimento dela, polo que tamén é competente para executa-lo acto administrativo que impoña tal obriga utilizando a vía de constrinximento.

IV. Que o artigo 2.3º do Decreto 51/2000, do 25 de febreiro, polo que se establece a organización recadatoria da Xunta de Galicia, prevé que os órganos de recadación da Consellería de Economía e

Facenda poidan asumi-la xestión recadatoria dos recursos doutras administracións públicas cando a dita xestión se lles encomende en virtude de lei ou por convenio.

V. Que a ninguén se lle oculta que principios de eficacia e de especialidade no exercicio da competencia apuntan ós servicios de recadación da Consellería de Economía e Facenda como os órganos máis capacitados para xestionar un procedemento de constrinximento.

En virtude do exposto e de acordo co establecido no artigo 15.1º, 2º e 3º, da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, as consellerías de Industria e Comercio e de Economía e Facenda establecen o presente acordo de encomenda de xestión de conformidade coas seguintes cláusulas:

Primeira.-Obxecto do acordo.

Este acordo ten por obxecto constituír unha encomenda de xestión a prol da Consellería de Economía e Facenda, de acordo co disposto no artigo 15 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, en virtude da cal os servicios de recadación da dita consellería realizarán as actividades de xestión recadatoria en período executivo das cantidades que a/o beneficiaria/o dunha expropiación lles deba ós expropiados en concepto de prezo xusto cando aquel/a non cumpra coa obriga de pagamento que lle impoñen o artigo 48 da Lei de expropiación forzosa e o artigo 5.2º e mailo capítulo IV do título II do regulamento da dita lei.

Segunda.-Obrigas das partes.

1. A Consellería de Industria e Comercio, a través das súas delegacións provinciais, determinará o día e maila hora na que a/o beneficiaria/o dunha expropiación forzosa procederá a paga-lo prezo xusto ós expropiados e notificarállelo ós interesados.

No caso de que a/o beneficiaria/o da expropiación forzosa incumpra a obriga á que se refire o parágrafo anterior e o acto administrativo que determine o prezo xusto sexa firme, a delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio requirirá o obrigado ó pagamento para que realice este na Caixa Xeral de Depósitos no prazo fixado no artigo 20 do Regulamento xeral de recadación, aprobado polo Real decreto 1684/1990, do 20 de decembro e, unha vez transcorrido este prazo sen que se producise o ingreso, remitirá o actuado ó Servicio Central de Recadación da Dirección Xeral de Tributos.

2. A Consellería de Economía e Facenda, a través dos servicios de recadación das súas delegacións territoriais, tramitará o procedemento recadatorio en vía executiva de conformidade co disposto no Regulamento xeral de recadación e poñerá os fondos recadados en período executivo, agás os recargos e mailas custas, á disposición da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio que corresponda para que esta os aboe ós expropiados.

Tercera.-Comisión de seguimento.

Unha comisión de seguimento composta por dous representantes da Consellería de Industria e Comercio e outros dous da Consellería de Economía e Facenda encargaranse de resolve-las dúbidas que xurdan na interpretación deste acordo e de solventa-las discrepancias que poidan sobrevir na súa execución.

Cuarta.-Duración e vixencia do acordo.

Este acordo establécese con carácter indefinido e poderá ser denunciado por calquera das partes asinantes cunha antelación mínima de tres meses.

Quinta.-Eficacia e publicidade do acordo.

Este acordo obrigará as consellerías intervinientes desde o momento da súa sinatura, sen prexuízo da publicación del no Diario Oficial de Galicia.

E, en proba de conformidade con canto antecede, asínase, por duplicado, o presente acordo no lugar e data indicados no encabezamento.

Juan Rodríguez YusteJosé Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Industria e ComercioConselleiro de Economía e Facenda