Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 04 de xuño de 2002 Páx. 8.416

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 23 de maio de 2002 de fomento da mellora da calidade na comercialización de productos silvícolas.

O Regulamento (CE)1257/1999 do Consello, do 17 de maio, establece no seu artigo 30 a posibilidade de outorgar axudas para a transformación e comercialización de productos forestais, e no artigo 33 para a diversificación de actividades relacionadas co sector primario no contorno rural.

O Programa Operativo Integrado de Galicia 2000-2006, aprobado por Decisión da Comisión do 7-3-2001, recolle na medida 1.2 as melloras na transformación e comercialización de productos agrícolas e forestais.

A conveniencia de repercutir no sector primario forestal os beneficios dun mercado dinámico e non intervido dos productos da madeira, precisa non só dispor de empresas competitivas de aproveitamentos, senón que tamén sexan capaces de transmitir ó sector forestal os valores que a sociedade demanda á madeira a través do mercado.

A competencia internacional e a crecente demanda de novos requisitos cualitativos nos productos de consumo fai prioritario o desenvolvemento e implantación de melloras nas condicións laborais, adaptacións medioambientais e innovacións na xestión empresarial que permitan dinamizar a cadea comercializadora, reducir ineficiencias e adaptarse a futuros criterios esixibles á cadea de custodia. Por iso, considérase conveniente incentivar non só melloras nos medios de producción, senón tamén, e con maior prioridade, melloras na calidade empresarial.

Coa finalidade de lograr unha boa execución dos recursos dispoñibles e asegura-la calidade dos investimentos que se subvencionan, considérase a plurianualización das axudas, penalizacións por non execución de investimentos aprobados, así como a adaptación das resolucións de axuda a modificacións dos proxectos investidores, todo iso garantindo os criterios de concorrencia competitiva aplicados na concesión das axudas e dentro do marco normativo establecido polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do anterior, ó abeiro do Decreto 287/2000, citado anteriormente, de acordo co artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas e beneficiarios.

Poderán ser subvencionables os investimentos en activos fixos productivos, en activos inmateriais e activos materiais non productivos, relativos ás operacións de aproveitamentos forestais e as anteriores á serradura industrial da madeira, realizados por empresas e empresarios autónomos de aproveitamento forestal radicados en Galicia. Poderanse considerar investimentos en serras realizados por empresas, radicadas no contorno rural, con menos de 10 empregados.

As actuacións subvencionables detállanse no anexo I.

Os beneficiarios deberán ter, polo menos, o 35% do cadro de persoal da empresa con contratos por tempo indefinido. Para as empresas de nova creación bastará o compromiso de acadar, como mínimo, o 35% de estabilidade laboral ó remate do prazo concedido para xustifica-lo investimento. Non será necesario cumprir este requisito nas subvencións inferiores a 60.102 euros. No caso de empresas con menos de 10 traballadores, a porcentaxe de estabilidade laboral mínima esixida reducirase ó 33%.

As empresas xa existentes deberán comprometerse, igualmente, a acada-la mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, se é o caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione.

De xeito excepcional e coa debida motivación, en casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector ou dunha empresa concreta, a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos poderá autoriza-la non esixencia da porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración da axuda, do que se dará coñecemento á Comisión de Seguimento dos Acordos de Apoio á Promoción.

Artigo 2º.-Exclusións.

Non será subvencionable:

a) A adquisición de terreos e mobiliario.

b) Os vehículos de transporte por estrada.

c) A adquisición de maquinaria usada.

d) Os tributos recuperables polo beneficiario, como o IVE.

e) A renovación de maquinaria que non implique melloras tecnolóxicas, productivas ou de seguridade.

f) Os gastos de reparación e mantemento.

g) Os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro ou calquera outra figura análoga.

h) Os investimentos destinados á manipulación ou comercialización de productos de países non comunitarios.

i) Os investimentos iniciados con anterioridade ó 1-1-2000 ou antes da solicitude de axudas ó abeiro do presente programa operativo, así como os investimentos en instalacións fixas e obra civil sen constancia oficial de non terse iniciado anteriormente.

j) Investimentos destinados ó comercio polo miúdo.

Artigo 3º.-Prazo de presentación de solicitudes e convocatorias.

As solicitudes poderanse presentar a partir do día seguinte ó da publicación da orde. O prazo de presentación de solicitudes finalizará ó mes da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes que se presenten con posterioridade a esta data quedarán excluídas, así como os expedientes que non completen axeitadamente a documentación requirida no artigo 6º no prazo establecido, podendo consideraranse na primeira convocatoria do ano seguinte a instancias do interesado se se adapta ós requisitos desta.

Artigo 4º.-Importe das axudas.

Os investimentos en activos inmateriais e activos materiais non productivos recollidos no anexo I-B subvencionaranse cunha axuda dun 35%.

Os investimentos en bens de equipo, recollidos no anexo I-A, terán unha subvención básica dun 25%, que poderá incrementarse ata o 35% segundo os criterios indicados no anexo II.

A axuda máxima por solicitante limitarase a 200.000 euros.

Artigo 5º.-Criterios de selección.

A concesión de axudas efectuarase baixo o réxime de concorrencia competitiva.

A dispoñibilidade orzamentaria asignada a cada convocatoria limitará o número de expedientes que se vaian aprobar, que serán elixidos por orde de puntuación de maior a menor, de acordo co criterio e o baremo indicados no anexo III.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

1. Os interesados deberán presentar, perante a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais ou na forma prevista no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, a seguinte documentación por duplicado (salvo os solicitantes da convocatoria anterior, que deberán achegar unicamente a instancia-solicitude e os documentos acreditativos que estimen convenientes para efectos de incrementa-la axuda e baremo da solicitude):

a) Instancia-solicitude, dirixida ó conselleiro de Medio Ambiente, segundo modelo que figura no anexo IV desta orde.

b) Ficha cos datos da empresa solicitante, segundo o anexo VI da orde.

c) Memoria onde se desenvolvan os puntos relacionados no anexo V da presente orde.

d) Copia dos seguintes documentos:

-Último imposto de sociedades ou, no seu defecto, do IRPF (1).

-Declaración de operacións con terceiros (modelo 347) (1).

-NIF ou CIF (cotexada).

-TC1 e TC2 da empresa correspondente ó mes de xaneiro do ano de inicio dos investimentos ou do ano da primeira solicitude, se é anterior.

-Recibo en vigor do IAE, nos epígrafes 617.3, 461 ou 912 (1).

(1) Documentos non esixibles se se cobre a autorización para a obtención de información tributaria segundo o modelo do anexo IX.

e) Declaración xurada do beneficiario sobre axudas solicitadas, concedidas e/ou obtidas para os mesmos investimentos.

f) Xustificación de que os productores de base participarán nas vantaxes económicas do investimento. Pódense presentar copias de contratos de compra de madeira, compromisos de adquisición, declaracións de interese de agrupacións e asociacións forestais, ou documentación equivalente.

g) No caso de serras e obra civil: licencia municipal ou informe urbanístico favorable.

2. Recibidas as solicitudes examinaranse os documentos presentados. No caso de que sexan detectadas faltas ou omisións, requirirase o interesado para emenda-los erros ou acompaña-la documentación preceptiva no prazo de dez días hábiles.

Artigo 7º.-Distribución do orzamento.

As axudas fixadas na presente orde fináncianse con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.731A.770.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2002, con 5.110.000 euros para o ano 2002, e 3.000.000 de euros para o ano 2003.

A distribución das anualidades nas axudas individuais realizarase con base nas previsións de execución comunicadas polos beneficiarios, as dispoñibilidades orzamentarias, os condicionantes impostos na resolución das axudas e os prazos precisos para a execución dos investimentos.

Artigo 8º.-Tramitación e concesión de axudas.

No caso de que o investimento non se poida finalizar no exercicio orzamentario, a subvención poderá plurianualizarse, salvo culpa ou neglixencia do beneficiario, sen prexuízo das disposicións que para este efecto considera a lexislación orzamentaria e demais normativa de aplicación.

O conselleiro de Medio Ambiente resolverá os expedientes de cada convocatoria por proposta da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais, que deberá axustarse ó disposto no artigo 9.5º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas. A resolución individual e motivada notificarase ó interesado.

As solicitudes denegadas por exclusión no proceso de selección poderanse considerar na seguinte convocatoria de axudas por instancia do solicitante.

As solicitudes que, unha vez transcorridos catro meses desde a convocatoria á que se acolleron, non

tiveran unha comunicación de aprobación de axuda, poderán entenderse desestimadas, aplicándose para a eficacia do acto presunto o establecido no artigo 43 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Contra a resolución da axuda poderá interpoñe-lo interesado recurso contencioso-administrativo na forma e prazo establecido na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Posibilidade de modificación da resolución e reintegros da axuda.

1. Se no transcurso da tramitación do expediente de axudas o solicitante precisara introducir modificacións a este, solicitará autorización da Consellería de Medio Ambiente, xustificando as razóns do cambio e acompañando a oportuna actualización do expediente que considere as variacións do proxecto orixinal.

Poderanse modifica-las resolucións individuais de axuda, no relativo á distribución das anualidades, así como á modificación de obxectos de investimentos por outros con igual ou superior baremo de puntuación, sen incrementa-lo importe global nin porcentual da axuda, nin modificar calquera outra condición ou requisito da axuda concedida previamente.

A modificación realizarase mediante resolución do conselleiro de Medio Ambiente, logo de proposta motivada do director xeral de Montes e Industrias Forestais e instrucción do correspondente expediente de modificación aplicando os criterios de selección do artigo 5º.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. No caso de incumprimento das condicións establecidas nesta orde e as indicadas na resolución de subvención, procederase á revogación parcial ou total da axuda.

Se o beneficiario percibira pagamentos parciais ou anticipos e a execución parcial non cumprira os obxectivos iniciais previstos, así como as condicións da resolución, procederase á tramitación do expediente de reintegro da subvención percibida mailos xuros de demora.

4. No caso de que se reducisen os investimentos executados, sempre que estes sexan susceptibles de avaliación independente e cumpran os fins previstos inicialmente, a subvención que se vai pagar será proporcional ós investimentos xustificados, cunha penalización equivalente ó 20% da axuda concedida para os investimentos non xustificados en prazo. Non se penalizará se o beneficiario comunicase a imposibilidade de executar estes investimentos cunha antelación superior a dous meses antes do remate do prazo de execución.

Artigo 10º.-Procedemento de pagamento e xustificación.

1. Para a percepción dos pagamentos, sexan parciais ou totais, deberá presentarse antes do 30 de outubro de cada ano (salvo o que se especifique na resolución da axuda para a primeira anualidade) a seguinte documentación por duplicado:

a) Solicitude de cobramento da subvención.

b) Xustificación dos investimentos realizados mediante:

-Relación ordenada dos investimentos e os pagamentos efectuados (anexo VII).

-Copias cotexadas das facturas orixinais sobre as que se realizará a toma de razón, así como copias dos documentos bancarios de pagamento.

c) Certificacións do cumprimento formal das obrigas coa Seguridade Social e fiscais e de non ter débedas pendentes de liquidación coa Comunidade Autónoma. Estas dúas últimas poderanse substituír pola autorización, segundo o modelo do anexo IX, baseándose no disposto na cláusula 3ª do Convenio de colaboración entre a Axencia Estatal de Administración Tributaria e a Comunidade Autónoma de Galicia en materia de subministración de información para finalidades non tributarias.

d) Copia do certificado bancario de conta corrente e ficha bancaria.

e) Declaración xurada do beneficiario sobre axudas solicitadas, concedidas e/ou obtidas para os mesmos investimentos.

f) No último pagamento achegaranse os seguintes documentos:

f-1) Memoria (anexo VIII), indicando as actuacións executadas, as medidas correctoras implantadas e a importancia destas na actividade futura da empresa.

f-2) Actualización da ficha cos datos da empresa, segundo o anexo VI da orde.

f-3) Xustificantes das accións consideradas no anexo II para incrementa-la porcentaxe de axuda.

f-4) Copia dos seguintes documentos:

-Último imposto de sociedades ou, no seu defecto, do IRPF (1).

-Declaración de operacións con terceiros (modelo 347) (1).

-Informe oficial da Seguridade Social de vida laboral da empresa desde o inicio do ano no que se solicitou a axuda ata a data de xustificación final dos investimentos.

(1) Documentos non esixibles se se formaliza a autorización para a obtención de información tributaria segundo o modelo do anexo IX.

g) Específicas dos investimentos obxecto de subvención:

g-1) Activos inmateriais: para o pagamento parcial ou anticipo da primeira anualidade, deberase presenta-lo contrato asinado. Para o pagamento final presentarase a seguinte documentación: análise da situación inicial, plan de actuacións e informe de seguimento do plan con detalle das accións correctoras.

g-2) Maquinaria móbil: ficha técnica do vehículo, permiso de circulación do vehículo (se procede), seguro do vehículo ou de responsabilidade civil da empresa con indicación expresa do vehículo.

Ademais, deberán presenta-la mesma documentación dos equipos subvencionados anteriormente ou dos que os substituíron. A non xustificación dos equipos anteriores suporá a reducción no investimento subvencionable do importe do investimento subvencionado anteriormente.

g-3) Serras e obra civil: para o pagamento da última anualidade, planos de planta, licencia municipal de obra ou documentación xustificativa da súa tramitación con informe favorable do técnico municipal.

2. Unha vez comprobada a documentación presentada e realizada a inspección comprobatoria de execución dos investimentos subvencionados, a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais emitirá a correspondente proposta de pagamento.

3. De acordo co Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime xurídico de axudas e subvencións públicas na Comunidade Autónoma de Galicia, poderanse realizar anticipos e pagamentos parciais. Os pagamentos parciais non superarán o 80% da subvención concedida. Os anticipos, que non poderán supera-lo 50% da anualidade, aprobaranse con carácter excepcional, mediante resolución motivada do conselleiro de Medio Ambiente, sempre que se xustifique a necesidade de realizar pagamentos inmediatos, o que se documentará mediante facturas ou contratos de subministración.

4. Os pagamentos parciais e anticipos serán garantidos mediante aval bancario ou de entidade aseguradora suficiente, que se depositará por tempo indefinido a disposición da Consellería de Medio Ambiente na Tesourería Xeral da Xunta de Galicia. O referido aval garantirá a cantidade anticipada mailos xuros, calculados ó xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión e por un prazo que medie entre a data de solicitude e, como mínimo, dous meses tralo remate do prazo de xustificación previsto. O certificado de depósito de aval bancario devolveráselle ó interesado unha vez se comprobe, mediante inspección in situ, a realización material do obxecto da subvención, así como as restantes condicións da subvención. Estes avais poderán ser liberados no suposto de que se constitúan para pagamentos parciais correspondentes a fases ou partes do investimento susceptibles de avaliación independente e se comprobe a realización do investimento.

5. O pagamento da porcentaxe adicional ós investimentos en activos productivos, recollido no artigo 4º, queda condicionado á execución dos investimentos non productivos e ó seu seguimento por parte da empresa, o que será comprobado na inspección final.

Artigo 11º.-Disposicións comúns.

1. As axudas serán compatibles con calquera outra destinada ós mesmos fins procedente de administracións públicas, salvo fondos comunitarios distintos do FEOGA, ata un límite de subvención neta equivalente do 40%, 55% para as Pemes, de acordo coa Decisión da Comisión Europea nº 773/1999,

do 17-5-2000, na que se establece o mapa de axudas de finalidade rexional para España no período 2000-2006.

2. En calquera fase do proceso de tramitación, o órgano xestor da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais poderá solicitar ó interesado as aclaracións ou xustificacións oportunas con respecto ós datos da documentación esixible.

3. O beneficiario quedará obrigado a mante-lo investimento subvencionado, e o emprego ligado a este, durante un período mínimo de 5 anos.

4. O beneficiario someterase ás actuacións de comprobación e control financeiro dos investimentos subvencionados por parte da Consellería de Medio Ambiente, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas.

Artigo 12º.-Información e publicidade.

Na resolución individual de concesión da axuda indicarase a contía ou porcentaxe de participación dos fondos FEOGA-O e da Xunta de Galicia.

Os bens de equipo financiados con estas axudas identificaranse no momento da inspección física con pegatinas que informarán do seu financiamento con fondos FEOGA-O e levarán o logotipo da Unión Europea e da Xunta de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Montes e Industrias Forestais para dictar cantas disposicións complementarias estime oportunas para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2002.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO I

Investimentos subvencionables

a) Investimentos en activos fixos productivos, consideraranse con carácter exclusivo os seguintes:

* Equipos persoais de seguridade para o traballo no monte, ata o número de empregados que figuren no TC2, sen supera-lo 30% do total dos investimentos.

* Procesadoras, autocargadores, tractores arrastradores.

* Equipos tractocargadores completos (tractores con cabinas reforzadas homologadas e proteccións forestais nas rodas e baixos, asento xiratorio, guindastre, cabrestante e remolque forestal de tracción). Consideraranse tamén os equipos orientados á recolleita de biomasa.

* Apeiros forestais e brozadoras que vaian formar parte dun equipo tractocargador completo.

* Implementos forestais que permitan un primeiro tratamento dos productos forestais no monte: peladoras móbiles, esteladoras, empacadoras, e outras para fins similares.

* No caso de plataformas para o transporte da madeira, só serán subvencionables as adaptacións forestais destas e os guindastres que se instalen nelas.

* Instrumentos de medición de masas forestais.

* Básculas, palas cargadoras de rolla, peladoras e instalacións de clasificado de rolla.

* Maquinaria e instalacións, homologadas e con informe de seguridade da súa instalación, en empresas de transformación de productos silvícolas de menos de 10 empregados.

* Obra civil relacionada co movemento de rolla (deberán presentar licencia municipal ou informe favorable do concello):

-Preparación do patio de amoreamento e cargadeiros de rolla (máximo auxiliable 18 euros/m).

-Galpóns para almacenamento de rolla (máximo auxiliable 120 euros/m).

-Instalacións de parque húmido de rolla (máximo auxiliable 40 euros/m).

b) Investimentos en activos inmateriais e activos materiais non productivos, consideraranse os seguintes plans, proxectos, estudios e programas, así como o seu seguimento e execución das medidas correctoras:

a) Seguridade laboral:

-Plans de seguridade laboral.

-Plans e proxectos de adaptación á normativa de seguridade industrial.

b) Adaptacións medioambientais:

-Establecemento de medidas e plans de control medioambiental.

-Accións correctoras e preventivas de riscos medioambientais.

-Implantación de códigos ou normas de boas prácticas medioambientais.

c) Mellora da calidade comercial e empresarial:

-Implantación na empresa de ferramentas de xestión empresarial específicas da actividade, incluso aplicacións informáticas e equipamento. Non se considerarán as aplicacións informáticas xenéricas (software básico nin aplicacións contables).

-Preparación do proceso productivo para unha futura adaptación á cadea de custodia de madeira certificada, e/ou normativa de calidade.

d) Iniciativas comerciais conxuntas e fusións de empresas:

-Establecemento de medidas orientadas á venda conxunta a clientes.

-Establecemento de contratos a medio e longo prazo con provedores e propietarios forestais.

ANEXO II

Accións e porcentaxe de incremento da axuda

Accións que incrementan a axudaIncremento da axuda

Por cada curso de formación específico da actividade forestal cunha duración mínima de 30 horas, realizado por traballadores da empresa (máximo 2 cursos).1%

Por plan empresarial de melloras na seguridade laboral e/ou industrial, contratado.2%

Por dispor de contrato de externalización das garantías dos traballadores.1%

Por dispor dun seguro de responsabilidade civil para os aproveitamentos forestais.2%

Por pertencer a asociación profesional do sector.1%

Si empresas de comercialización conxunta propiedade de empresarios do sector.2%

Por plan medioambiental e/ou de minimización e xestión de residuos.3%

Por plan de adaptación da empresa á cadea de custodia.3%

Por plan de control da calidade e/ou mellora da xestión empresarial.6%

Por creación de posto de traballo fixo, no réxime xeral (máximo 2).2%

Consideraranse as accións desenvolvidas desde o 1-1-2002 ou desde a última solicitude da axuda.

Os cursos de formación deberán ter un recoñecemento oficial. Non se contabilizarán os propios dos plans de seguridade laboral.

Os plans de seguridade, medioambientais e de mellora da xestión empresarial, para ser considerados deberán presentar contrato ou, no seu defecto, orzamento comercial da acción e declaración xurada comprometéndose á súa execución, achegando os seguintes documentos:

-Estudo de avaliación da situación inicial da empresa.

-Plan de actuacións que se van realizar na empresa.

-Documentos de seguimento con indicación dos obxectivos acadados e acción realizadas.

Para valora-los cursos de formación poderase achegar un compromiso mediante declaración xurada, acompañado de informe favorable da asociación sectorial ou organismo capacitado para a realización do curso.

Estas accións serán comprobadas na inspección final, analizando se efectivamente foron incorporadas ó funcionamento normal da empresa. A non execución será penalizada de acordo co indicado no artigo 9.5º.

ANEXO III

Baremo para a priorización das solicitudes

A) Baremación dos investimentos.

A.1. Segundo o obxecto de investimento:

-Equipos de protección individual: 200 puntos.

-Procesadoras forestais, autocargadores, arrastradores: 150 puntos.

-Equipos tractocargadores completos, equipos completos de colleita de biomasa: 130 puntos.

-Implementos forestais de maquinaria de desemboscamento: 110 puntos.

-Instrumentos de medición de masas forestais: 120 puntos.

-Instalacións de parque húmido, peladoras, instalacións de clasificado de rolla: 80 puntos.

-Implementos forestais de transporte por estrada, pas cargadoras, básculas: 40 puntos.

-Maquinaria e instalacións en empresas de transformación de productos silvícolas de menos de 10 empregados: 60 puntos.

-Parque de rolla e obra civil relacionada: 10 puntos.

A.2. Segundo as características da empresa:

a) Por cada punto porcentual de incremento de axuda, segundo o anexo II: 5 puntos.

b) Por cada punto porcentual de non execución sobre o aprobado en anteriores expedientes (salvo renuncia en prazo): 1 punto negativo.

c) Investimentos maiores de 250.000 euros: por cada 10.000 euros que superen esta cantidade (considerando investimentos acumulados, incluso os suvencionados anteriormente con cargo a esta liña de axuda) (aplicable individualmente a cada obxecto de investimento): 1 punto negativo.

d) Volume de negocio na explotación forestal: por cada unidade no cociente vendas/investimentos solicitados, a partir da segunda unidade: 5 puntos ata un máximo de 30.

(Os contratos de servicios de saca valoraranse como vendas multiplicando o seu valor por 50).

e) Traslado de serradoiros por necesidades de adecuación da actividade á normativa urbanística: 30 puntos.

f) Empresas de transformación de subproductos forestais escasamente comercializables, ou de transformación de productos forestais non madeireiros que xeren emprego: 20 puntos.

B) Criterios de priorización das solicitudes:

B.1. Os investimentos en activos inmateriais e materiais non productivos considerados no anexo I B) terán prioridade sobre os investimentos en activos productivos. Así mesmo, os investimentos en obra civil consideraranse na última orde de prioridade.

B.2. Calcularase a puntuación de cada investimento solicitado, que será a suma da aplicación dos criterios indicados nos puntos A.1 e A.2.

B.3. En función da dispoñibilidade orzamentaria asignada aprobaranse os investimentos de acordo cos criterios de priorización indicados en B.1 e dentro deles coa baremación calculada segundo o punto B.2. En todo caso, as axudas para maquinaria e instalacións en serras limitaranse a 1.000.000 de euros.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA