Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 04 de xuño de 2002 Páx. 8.357

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 29 de maio de 2002 pola que se convocan actividades formativas para o curso 2002-2003 destinadas a profesorado de inglés e de francés, e se aproban as súas bases de concesión.

No marco da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE) e nos desenvolvementos que sobre linguas estranxeiras se regulan nos decretos 245/1992, do 30 de xullo, 78/1993, do 25 de febreiro e 275/1994, do 29 de xullo, que establecen os currículos da educación primaria, da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato, respectivamente, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén convocando, desde hai cinco anos, actividades formativas para o profesorado de linguas estranxeiras, máis concretamente de inglés e de francés, co obxecto de fomenta-la actualización metodolóxica e a mellora do seu nivel de competencia comunicativa en contacto directo coa cultura dos países de orixe das devanditas linguas.

Máis recentemente, esta consellería, consciente da importancia da aprendizaxe destas linguas polos cidadáns da nosa Comunidade Autónoma e da preocupación que neste sentido se manifesta desde tódolos ámbitos sociais, puxo en marcha o proxecto de anticipación da primeira lingua estranxeira no segundo ciclo da educación infantil e no primeiro ciclo da educación primaria e o plan experimental

de potenciación da aprendizaxe de linguas estranxeiras nos institutos de educación secundaria, que requiren para a súa óptima implantación dun profesorado especialista actualizado e cun alto nivel de competencia comunicativa.

O contexto europeo da nosa comunidade, plurilingüe e multicultural, esixe que tódolos membros da sociedade estean en igualdade de condicións para poderen acceder e gozar das oportunidades que a Unión Europea lles ofrece no mundo laboral, persoal e de acceso á cultura a través das tecnoloxías da comunicación e da información.

A consecución destes obxectivos debe igualmente considerarse desde a perspectiva da contribución a reforzar unha cidadanía europea activa, cunha educación que invite a xente nova a asumi-las súas responsabilidades a nivel supranacional e de contribución á creación dunha Unión Europea aberta a tódolos países, baseada na comprensión, a cooperación, a tolerancia e a solidariedade.

Na procura destes fins, a Administración educativa galega é consciente da súa tarefa na formación permanente do profesorado de linguas e no deseño de actividades formativas que lle proporcionen a oportunidade de enriquece-los coñecementos nestas linguas, noutros sistemas educativos e no contorno cultural deles.

Baseándose na cooperación activa entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e institucións e organizacións educativas estranxeiras, establécese un deseño de actividades formativas para realizar na Gran Bretaña, Francia e Irlanda, coa oferta de cursos de formación e a potenciación das actividades de intercambio de profesores que, ademais das repercusións que sobre a mellora competencial na lingua ten sobre os docentes, posibilite ó alumnado poñerse en contacto con cidadáns do país da lingua que aprende para mellora-la competencia lingüística e fomenta-lo interese pola cultura dese país.

En consecuencia co anteriormente exposto, e en virtude das competencias que lle son atribuídas pola normativa vixente, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Convocatoria.

Primeiro.-Convocar actividades de formación para o curso 2002-2003, dirixidas a profesorado de inglés e de francés que pertenza ós corpos de mestres, profesorado de ensino secundario ou de escolas oficiais de idiomas, destinado actualmente e durante o vindeiro curso 2002-2003 en centros públicos dependentes desta Comunidade Autónoma.

As actividades convocadas son as seguintes:

a) Cursos de formación:

-Un curso de francés para 20 profesores de ensino secundario e de escolas oficiais de idiomas, que se impartirá na Universidade de Angers (Francia), cunha duración de tres semanas e desenvolvido do 1 ó 19 de xullo de 2002. O 10% destas prazas reservarase para o profesorado do corpo de escolas oficiais de idiomas; no caso de quedaren vacantes desta

reserva, as prazas serán cubertas polo resto do profesorado solicitante desta actividade.

-Un curso de inglés para 25 profesores de ensino primario, que se impartirá en Irlanda, cunha duración de 4 semanas e desenvolvido do 11 de novembro ó 6 de decembro de 2002.

-Un curso de inglés para 30 profesores de ensino secundario e de escolas oficiais de idiomas que se impartirá en Irlanda, cunha duración de 4 semanas e desenvolvido do 7 de outubro ó de novembro de 2002. O 10% destas prazas reservarase para o profesorado do corpo de escolas oficiais de idiomas; no caso de quedaren vacantes desta reserva, as prazas serán cubertas polo resto do profesorado solicitante desta actividade.

b) Actividades de intercambio:

-Un intercambio posto a posto para 15 profesores de francés de ensino secundario e de escolas oficiais de idiomas, cunha duración de 3 semanas, con docentes de español no Pays de la Loire (Francia), desenvolvido do 11 ó 29 de novembro de 2002.

-Un intercambio-asistencia (jobswap) para 15 profesores de inglés de ensino secundario e de escolas oficiais de idiomas, cunha duración de 2 semanas, con docentes de español en Gran Bretaña. As datas de desenvolvemento desta actividade serán acordadas polas parellas de docentes dentro do primeiro trimestre do curso 2002-2003, e comunicadas por escrito ó Servicio de Formación de Profesorado.

Segundo.-Os profesores de ensino secundario e de escolas oficiais de idiomas, especialidade de inglés ou de francés, poderán solicita-las dúas actividades convocadas para eles, indicando, na folla de solicitude do anexo I, a súa prioridade.

Terceiro.-Nas actividades de intercambio posto a posto e de intercambio-asistencia (jobswap), a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá reduci-lo número de prazas ofertadas naqueles casos en que, debido a causas de forza maior, as administracións educativas colaboradoras do país correspondente non poidan dispoñer do profesorado necesario para a formación das parellas de docentes.

Condicións e requisitos de participación.

Cuarto.-Os solicitantes destas actividades deberán reuni-los seguintes requisitos:

1. Ser profesor especialista na lingua estranxeira para a que solicita a actividade.

2. Estar en situación de servicio activo en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na actualidade e durante o curso para o que se solicita a actividade.

3. Con carácter xeral, ter, como mínimo, dous anos de antigüidade como funcionario de carreira nos corpos de primaria, de secundaria ou de escolas oficiais de idiomas, segundo corresponda.

No caso do profesorado que accedeu a un corpo tendo como procedencia outro anterior, a antigüidade mínima esixida no corpo actual, como funcionario de carreira, é dun ano.

No caso do profesorado solicitante das actividades de intercambio posto a posto, intercambio-asistencia

(jobswap) e curso de francés, a esixencia será ser funcionario en prácticas ou funcionario de carreira, sen mínimo de antigüidade.

4. Non estar destinado en comisión de servicios durante o período para o que se solicita a actividade de formación, é dicir, durante o curso 2002-2003.

Quinto.-Terán preferencia na adxudicación das prazas convocadas:

-Os profesores que estean impartindo a lingua estranxeira correspondente durante o curso 2001-2002.

-Os profesores que non desfrutaran de licencia por estudios ou aqueles que, desfrutándoa, o fixeran durante o curso 1996-1997 ou anteriores.

Sexto.-Profesorado con condicións especiais de participación:

-O profesorado de linguas estranxeiras participante en proxectos de anticipación da primeira lingua estranxeira no segundo ciclo da educación infantil e no primeiro ciclo da educación primaria, convocados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co especificado no baremo desta orde.

-O profesorado de linguas estranxeiras participante no plan experimental de potenciación da aprendizaxe de linguas estranxeiras nos institutos de educación secundaria, establecido pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co especificado no baremo desta orde.

-O profesorado de escolas oficiais de idiomas, de acordo co especificado no punto primeiro desta orde.

-O profesorado que realizou actividades de intercambio ou estadías, con alumnos, no estranxeiro, de acordo co especificado no baremo desta orde.

-O profesorado que participou nas actividades de intercambio-asistencia (jobswap) das convocatorias organizadas por esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co especificado no baremo desta orde.

Sétimo.-Profesorado excluído desta convocatoria.

-O profesorado ó que se lle concedera un curso de formación destas actividades formativas nas convocatorias para os cursos 1999-2000, 2000-2001 e 2001-2002 estará excluído de participar de novo no mesmo curso de formación.

-O profesorado que estea desfrutando no curso 2001-2002 ou que teña concedida para o curso 2002-2003, licencia por estudios outorgada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Os funcionarios do corpo de mestres que teñan concedido para o curso 2001-2002 un curso de especialización convocado por esta consellería.

Organización e características dos cursos.

Oitavo.-A organización dos cursos, do intercambio e do intercambio-asistencia (jobswap) corresponde á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, quen poderá convi-los servicios necesarios para levar a cabo estas actividades.

Noveno.-A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, co obxecto de asegurar un mellor desenvolvemento destas actividades na súa modalidade de curso de formación, promoverá a elección dun coordinador de grupo entre as persoas seleccionadas para participaren en cada un dos cursos convocados.

As funcións do coordinador de grupo serán de enlace entre o profesorado seleccionado e o Servicio de Formación do Profesorado, por unha banda, e de enlace do profesorado seleccionado e a institución educativa que imparta o curso, pola outra.

Décimo.-Os cursos e os intercambios estarán orientados á mellora do nivel de competencia lingüística e á actualización metodolóxica no ensino das linguas estranxeiras e no ensino precoz delas.

Solicitudes de participación e prazo de presentación.

Décimo primeiro.-Os interesados nas actividades de formación que se convocan deberán presenta-la súa solicitude segundo o modelo do anexo I e segundo o procedemento establecido no punto décimo segundo.

Décimo segundo.-Á solicitude xuntaráselle a seguinte documentación:

1. Folla de servicio, debidamente cuberta, pechada o 31 de agosto de 2002.

2. Copia compulsada do título administrativo de funcionario de carreira ou, no seu defecto, do documento administrativo equivalente.

3. Certificado, se é o caso, expedido polo secretario do centro, co visto e prace do seu director, no que conste que durante o curso 2001-2002 o solicitante imparte a lingua estranxeira correspondente.

4. Acreditación dos méritos académicos, profesionais ou de calquera índole que se considere conveniente alegar. Estes serán xustificados mediante os documentos que se especifican no baremo que se inclúe no anexo II desta orde.

A compulsa de documentos xustificativos de méritos, e calquera outro que o solicitante incorpore á súa instancia, poderá efectuarse nos centros de educación infantil/primaria, centros públicos integrados, centros de secundaria e escolas oficiais de idiomas, compulsa que asinará o director ou secretario do centro, sen prexuízo de que poida realizarse nos distintos órganos administrativos acreditados para tal fin.

5. Relación numerada e asinada da documentación presentada, seguindo a orde que aparece no indicado anexo II.

6. Non serán tidos en conta nin valorados os méritos alegados e non xustificados debidamente, nin os que aleguen fóra do prazo ó que se refire a base décimo terceira desta convocatoria.

Décimo terceiro.-As solicitudes, xunto coa documentación expresada anteriormente, deberán presentarse no prazo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, a través do rexistro xeral

da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais ou mediante calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sendo imprescindible que na instancia apareza a data de recepción no organismo público correspondente. Se, en uso deste dereito, o expediente é remitido por correo, é necesario que se presente en sobre aberto para que sexa datado e selado polo funcionario de correos antes de que se proceda á súa certificación.

Décimo cuarto.-Unha vez rematada cada unha das actividades, os profesores participantes terán o prazo dun mes, contado desde a data de remate, para remitir á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional un informe da actividade realizada. As pautas para a realización do informe facilitaránselles oportunamente ós interesados.

Durante o mes de xaneiro de 2003 os concursantes, seleccionados ou non, poderán retira-la súa documentación do Servicio de Formación do Profesorado, ben directamente ou a través de persoa autorizada. Transcorrido o prazo, entenderase que renuncian á súa recuperación, perdendo todo dereito sobre ela.

Procedemento para a adxudicación das prazas.

Décimo quinto.-A selección dos candidatos realizaraa unha comisión integrada polos seguintes membros:

-O subdirector xeral de Ordenación Educativa, que será o presidente.

-O xefe de Servicio de Formación do Profesorado.

-Dous membros da inspección educativa.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario con voz e sen voto.

-Cada un dos sindicatos da Mesa Sectorial Docente poderá nomear un representante para a asistencia ás sesións da comisión con voz e sen voto. O nome do representante sindical será comunicado ó presidente da comisión de selección coa debida antelación.

A comisión poderá dispoñe-la constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos méritos previstos nos puntos 1 e 2 do baremo do anexo II. Ás reunións desta subcomisión poderán asistir representantes das organizacións sindicais con representación na mesa sectorial de persoal docente.

Para os efectos previstos no artigo 26.2º do Decreto 299/1990, do 24 de maio, esta comisión considérase incluída na categoría primeira.

Décimo sexto.-A comisión seleccionadora realizará unha preselección segundo a puntuación obtida conforme o baremo que figura como anexo II desta convocatoria.

1. En caso de empate entre os funcionarios, este dirimirase atendendo sucesivamente ós seguintes criterios:

a) Maior puntuación no punto 1.1 do baremo.

b) Maior puntuación no punto 1.2 do baremo.

c) Maior puntuación no punto 2.2 do baremo.

A continuación, desempatará o número de rexistro persoal máis baixo e, se é o caso, ano de oposición e número de lista.

2. Finalizada a preselección, a comisión elevaralla á directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, para a súa resolución provisional, que se exporá nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nos edificios administrativos de San Caetano e San Lázaro e nos das delegacións provinciais, así como na páxina web da Xunta de Galicia no seguinte enderezo electrónico: http://www.xunta.es/conselle/ceoug/dxoefp/sformp/sfm12.htm.

A exposición abrirá un prazo de cinco días naturais para efectuar reclamacións ou renuncias á concesión das actividades perante a comisión seleccionadora prevista na base décimo quinta. Transcorrido este prazo, unha vez estudiadas e, se é o caso, atendidas as ditas reclamacións e renuncias, a comisión seleccionadora remitiralle á directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a proposta de resolución desta convocatoria, xunto coa acta ou actas definitivas con expresión das valoracións outorgadas a cada un dos candidatos, así como a relación final dos seleccionados e dos reservas. A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia e exporase nos taboleiros de anuncios e na páxina web indicada no parágrafo anterior.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigo 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Décimo sétimo.-Unha vez resolta esta convocatoria, soamente se admitirán renuncias ás actividades concedidas en casos de excepcional gravidade e libremente apreciados pola directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. O profesorado que non participe na actividade para a que foi seleccionado perderá a súa preferencia para participar nas vindeiras tres convocatorias da actividade, agás nos casos excepcionais autorizados.

As vacantes xurdidas como consecuencia das renuncias, autorizadas ou non, serán cubertas con solicitantes que figuren como reservas, por orde de puntuación.

As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo de seis meses, desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Condicións económicas.

Décimo oitavo.-As condicións económicas de participación son as seguintes:

a) Os gastos de docencia dos cursos en Irlanda, así como os de aloxamento en familias e mantenza, agás o lunch, serán financiados directamente pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. O profesorado asistente percibirá o importe correspondente ós gastos de desprazamento desde o centro de destino ó lugar de celebración do curso e viceversa, contía que en ningún caso poderá supera-los 360 A por profesor/alumno.

b) Os gastos de docencia, os de aloxamento e mantenza (agás as ceas e a manutención de sábado e domingo) do curso para profesores de francés de secundaria e de escolas oficiais de idiomas que se celebre en Francia, serán financiados directamente pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Este profesorado percibirá o importe correspondente ós gastos de desprazamento desde o centro de destino ó lugar de celebración do curso e viceversa, contía que en ningún caso poderá supera-los 605 A por profesor/alumno.

c) O profesorado de francés de secundaria e de escolas oficiais de idiomas que sexa seleccionado para participar na actividade de intercambio posto a posto con Francia recibirá unha bolsa de estudios por día de 41,16 A, así como o importe correspondente ós gastos de desprazamento desde o seu centro de destino ó centro de destino francés e viceversa, contía que en ningún caso poderá supera-los 1.200 A por profesor/alumno.

d) O profesorado de inglés de ensino secundario e de escolas oficiais de idiomas que sexa seleccionado para participar na actividade de intercambio-asistencia (jobswap) con Gran Bretaña percibirá unha bolsa de estudios por día de 41,16 A, así como o importe correspondente ós gastos de desprazamento desde o centro de destino ó lugar de celebración do curso e viceversa, contía que en ningún caso poderá supera los 905 euros por profesor/alumno.

Estas cantidades faranse efectivas despois de rematada a actividade, unha vez presentados os xustificantes e verificada a asistencia a ela.

O financiamento dos gastos descritos realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 07.04.322I.640.1 por importe de 63.475 A no exercicio orzamentario de 2002.

Décimo noveno.-Durante o tempo de duración das actividades de formación os profesores seleccionados recibirán os emolumentos correspondentes ás súas retribucións básicas e complementarias, ademais da axuda compensatoria de gastos mencionada no punto décimo oitavo.

Vixésimo.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dicta-las instruccións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Vixésimo primeiro.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria