Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 03 de xuño de 2002 Páx. 7.996

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 24 de maio de 2002 pola que se convocan axudas para a realización de proxectos e investigacións sobre materias turísticas dentro do programa de Ciencias Sociais do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (2002-2005).

A Lei 12/1993, de fomento de investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1º establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promove-lo desenvolvemento económico, social e productivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ó logro deste obxectivo, a citada lei, no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico. O Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 14 de marzo de 2002 aprobou o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (2002-2005).

O plan está integrado por programas xerais, sectoriais e horizontais. Dentro dos programas sectoriais figura o bloque de Servicios ó Cidadán que está formado por dous programas: Ciencias Sociais e Sociedade da Información. Dentro do programa de Ciencias Sociais inclúese, entre outros, proxectos relacionados co turismo, ocio e deporte, é dicir proxectos relacionados co estudio da demanda turística e da motivación do ocio, relación entre o turismo e a conservación da paisaxe e do patrimonio, saturación de centros turísticos, diversificación da oferta turística, etc.

A importancia que o sector turístico ten no desenvolvemento da nosa economía require que por parte das administracións públicas dediquen recursos para xerar iniciativas con tendencia a mellorar cada día o sector, para así mante-la demanda existente e incrementala en todo o que sexa posible.

En consecuencia co anterior a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública en colaboración coa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo,

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto e áreas de estudio e investigación.

Convocar un máximo de dez axudas para a realización de estudios e investigacións que deberán versar sobre algunha das seguintes áreas:

a) Novos productos turísticos. Terán prioridade as propostas innovadoras vinculadas ás áreas de turismo cultural, rural, de saúde, náutico, de golf, activo e relixioso.

b) Políticas de apoio ó turismo, planificación e outros aspectos vinculados ás actuacións das administracións turísticas.

c) Marketing e comercialización turística, con especial incidencia nas implicacións da innovación tecnolóxica nestas áreas.

Segundo.-Duración e dotación económica.

Os proxectos que resulten seleccionados deberán estar finalizados antes do 28 de outubro de 2002, se ben a pedimento do interesado e por causa xustificada poderá autorizarse unha ampliación do dito prazo ata o 12 de novembro de 2002.

O importe de cada unha das axudas concedidas oscilará entre 4.800 euros e 6.000 euros e determinarase en función da complexidade do proxecto e dos custos aparellados previsibles, o seu aspecto innovador ademais do interese dos seus obxectivos en relación co desenvolvemento sustentable do sector turístico galego.

Para a concesión destas axudas destinarase ata un máximo de cincuenta e catro mil cen euros (54.100 euros) que imputaranse á aplicación orzamentaria 04.06.432A.780.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2002.

Terceiro.-Beneficiarios e natureza xurídica da relación.

Poderán ser beneficiarios destas axudas, a título individual, os titulados superiores universitarios, diplomados en turismo ou titulados en materia de técnicos de empresas e actividades turísticas, con posterioridade ó 1 de xaneiro de 1992 sempre que naceran despois do 31 de decembro de 1969 e non foran adxudicatarios de máis dunha axuda deste tipo en anteriores convocatorias da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

As axudas concedidas son incompatibles con calquera outra destinada ó mesmo obxecto ou finalidade.

A condición de beneficiario da axuda obxecto desta convocatoria non xerará relación laboral ou contractual de ningún tipo coa Xunta de Galicia nin a inclusión na Seguridade Social.

Cuarto.-Solicitudes e documentación.

1. As persoas interesadas presentarán no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, ou por calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dentro dos vinte días hábiles seguintes ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, a seguinte documentación:

a) Unha solicitude segundo o modelo oficial CSO-05 do que a cara externa se publica como anexo a esta orde, está dispoñible de forma íntegra na internet nos enderezos: http://www.sxid.org, htt://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm ou http://www.cesga.es/sxid.

b) Fotocopia cotexada do DNI (por ambas caras).

c) Curriculum vitae cos documentos acreditativos mediante documentos orixinais ou copias cotexadas (só se valorará o acreditado) e, en todo caso, a certificación académica completa na que se detallen as cualificacións obtidas na licenciatura, diploma

tura ou na materia de técnico de empresas e actividades turísticas e as súas datas de obtención (orixinal ou fotocopia compulsada). Así mesmo achegarase copia cotexada do correspondente título.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros non estatais deberán estar validados na data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

d) Memoria do proxecto de investigación. Nela farase mención específica dos obxectivos, contidos básicos do proxecto e as estratexias específicas de análises e indagación que se van utilizar. O tema do proxecto referirase a algún dos puntos da base primeira desta orde.

e) Declaración xurada das axudas solicitadas para o mesmo proxecto ás distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

f) Declaración expresa de estar ó día o pagamento das súas obrigas tributarias e de seguridade social.

g) Declaración expresa de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia.

Quinto.-Tramitación.

Os servicios administrativos da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento procederán á revisión das solicitudes presentadas comprobando se é correcta a documentación achegada. No caso contrario, requirirase o solicitante para que, no prazo de dez días a complete ou emende os erros detectados coa advertencia de que, de non facelo, se considerará desestimada a súa solicitude procedéndose conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

Non axustarse ós termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada, con independencia de que poida acordarse outro tipo de actuacións.

Sexto.-Procedemento de avaliación, selección e resolución da convocatoria.

A valoración das solicitudes presentadas, así como a proposta de selección e determinación da contía da axuda, será realizada por unha comisión designada polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento, constituída por cinco membros un dos cales actuará como presidente, outro como secretario e dos tres vocais dous serán propostos pola Dirección Xeral de Turismo.

A selección dos beneficiarios realizarase mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico: ata 4 puntos.

b) Coñecementos da lingua galega: ata 1 punto.

c) Outros méritos de curriculum vitae: ata 3 puntos. Valorarase a formación ou experiencia en materias relacionadas co obxecto da convocatoria e do proxecto proposto, e o coñecemento doutras linguas.

d) Memoria: ata 4 puntos. Valorarase especialmente o aspecto innovador do proxecto e a adecuación da metodoloxía proposta ós obxectivos que pretenden alcanzarse con el.

A comisión poderá realizar unha entrevista cos aspirantes que acrediten máis de 8 puntos no anterior baremo. Versará sobre os méritos curriculares e a memoria e terá unha duración máxima de 15 minutos. En función do seu contido da entrevista, a comisión poderá aumenta-la puntuación asignada nun máximo do 25%.

A competencia para resolver esta orde, de acordo co disposto nos artigos 72.4º e 78.3º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, é obxecto de delegación, por parte do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, no secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento. En consecuencia, a comisión de selección elevará a proposta de resolución ó secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva. Esta resolución publicarase no DOG.

O prazo máximo para resolve-las solicitudes presentadas ó amparo da correspondente convocatoria, será de 6 meses, contados desde a apertura do prazo de presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación no caso de resolucións expresas. No suposto de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

De non estima-la presentación deste recurso poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. No suposto de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

Con independencia do anterior esta convocatoria e todos cantos actos administrativos se deriven da súa aplicación poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na

Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Sétimo.-Aceptación e renuncia das axudas.

A aceptación da axuda farase mediante documento asinado polo beneficiario no que se comprometa a cumprir tódalas condicións recollidas nas presentes bases.

No suposto de que algún beneficiario non aceptase a axuda, ou de que con posterioridade á aceptación xurdisen renuncias, ou quedase algunha vacante, o secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá adxudica-la axuda ó seguinte aspirante en puntuación de acordo coa lista de suplentes elaborada pola comisión de selección.

Oitavo.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios comprométense:

-A acudir a unha reunión que convocará a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento na que se comentará, en relación con materia de cada un dos proxectos para os que se concede a axuda, todo o que desde a Dirección Xeral de Turismo se estime convinte para o mellor desenvolvemento de estudio ou investigación.

-A realiza-lo proxecto de conformidade coa memoria presentada e tendo en conta, se é o caso, o que se suxira ó respecto na reunión arriba mencionada.

-A presenta-lo seu proxecto na Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, por exemplar duplicado, en copia impresa e en soporte magnético (debese especifica-lo formato) antes do 28 de outubro de 2002.

-A presentar, xunto co proxecto, unha declaración complementaria de non ter concedida ningunha axuda para o mesmo proxecto, por parte da Administración pública ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

-A facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino de axuda obxecto desta orde.

2. Os proxectos realizados e os resultados obtidos da investigación, se é o caso, serán propiedade dos seus autores que, non obstante, quedan obrigados a transferilos á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento que dará traslado deles á Dirección Xeral de Turismo para o seu uso. No suposto de facelos públicos, deberán facer conta-la referencia específica da axuda recibida da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública da Xunta de Galicia e enviar dous exem

plares da correspondente publicación á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Noveno.-Pagamento das axudas.

Tendo en conta que as actividades que se van realizar para o desenvolvemento do proxecto supoñen a realización do desprazamento así como a incompatibilidade con outras axudas, excepcionalmente e en virtude do disposto no artigo 16.dous.3, do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento aboará ós beneficiarios un anticipo de pagamento por importe do 30% das axudas concedidas. A cantidade restante librarase cando os beneficiarios presenten os seus proxectos rematados, e estes sexan de conformidade coa comisión que propuxo a concesión das axudas.

Previamente ó pagamento os interesados deberán presentar certificacións acreditativas de estar ó día das súas obrigas tributarias con facenda estatal e autonómica expedidas pola Axencia Tributaria e pola Consellería de Economía e Facenda, respectivamente, así como certificación de estar ó día no pagamento das cotas de seguridade social.

Décimo.-Incidencias.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir en aplicación desta convocatoria.

O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e aceptado e no disposto nas bases precedentes dará lugar á revogación da axuda concedida e, se é o caso, á reclamación das cantidades xa pagadas de conformidade co disposto na lexislación vixente de aplicación. Así mesmo, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto desta orde e a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes privados nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposicións derradeiras

1º Autorízase o secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento para dictar cantas disposicións considere oportunas no desenvolvemento e interpretación desta orde.

2º A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública