Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 31 de maio de 2002 Páx. 7.924

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 29 de maio de 2002 sobre delegación de competencias no director xeral de Administración Local.

A Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo, no seu título II Normas en materia de función pública, dedica o seu artigo 6 ós funcionarios da Administración local, engadindo un artigo 13 bis á Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que queda redactado da seguinte forma «Correspóndelle ó conselleiro competente en materia de Administración local exerce-las competencias que, respecto dos funcionarios de Administración con habilitación de carácter nacional, lle correspondan á Comunidade Autónoma de Galicia».

A actividade administrativa da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais leva consigo unha concentración de funcións, entre outras as correspondentes ó eido da Administración local, arredor do seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias no director xeral de Administración Local, sen esquece-lo debido respecto ós principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos esixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Delégase no director xeral de Administración Local o exercicio das competencias que, respecto ós funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, correspondan ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Artigo 2º

O exercicio destas competencias delegadas axustaráse ó disposto nos artigos 13 e 14 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2002.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais