Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 30 de maio de 2002 Páx. 7.871

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 28 de maio de 2002 pola que se establecen as indemnizacións por sacrificio obrigatorio dos animais como consecuencia da declaración oficial da existencia da enfermidade encefalopatía esponxiforme bovina.

A Decisión 98/272/CE da Comisión, do 23 de abril, relativa á vixilancia epidemiolóxica das encefalopatías esponxiformes transmisibles, motivou a realización dun programa destinado á coordinación e seguimento da presencia de encefalopatías esponxiformes en España, reforzando os sistemas internos de control, no marco da coordinación de actuacións entre tódalas administracións implicadas, de xeito que se puideran detectar estes procesos tan pronto se produzan.

A declaración oficial da existencia da enfermidade encefalopatía esponxiforme transmisible realizada por Orde do 22 de novembro de 2000 implica, de conformidade co disposto no artigo 2.2º do Real decreto 2459/1996, do 2 de decembro, a aplicación das medidas xerais e específicas consideradas na lexislación comunitaria, a Lei e o Regulamento de epizootias e demais normas concordantes.

De conformidade co artigo 146 do Regulamento de epizootias, do 4 de febreiro de 1955, a presentación desta enfermidade supón o sacrificio obrigatorio dos animais enfermos e sospeitosos das especies receptibles. Por outra banda o artigo 149 do mesmo texto establece as correspondentes indemnizacións como consecuencia da obrigatoriedade do sacrificio destes animais.

O Real decreto 3454/2000, do 22 de decembro, polo que se establece e regula o Programa integral coordinado de vixilancia e control das encefalopatías esponxiformes transmisibles dos animais, no seu artigo 9, establece que o sacrificio dos animais, por sospeita e/ou confirmación destas enfermidades, dará dereito a unha indemnización por sacrificio obrigatorio de acordo cos baremos oficialmente establecidos.

É preciso ter en conta que aquelas explotacións nas que se atopa algún animal con sospeita ou confirmación faise un baleiro sanitario total ou parcial con sacrificio preventivo e destrucción dos animais desta e ademais teñen que sufrir un período de inactividade productiva ata que os servicios veterinarios oficiais autoricen novamente a reintroducción de animais novos nesa explotación.

As directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario (2000/C-28/2), no caso das destinadas á loita contra enfermidades animais e vexetais, establecen que poderán concederse compensacións por unha contía igual ó valor normal dos animais sacrificados.

As devanditas circunstancias obrigan a Administración autonómica a establecer un marco complementario, que coadxuve o sector gandeiro a soporta-los efectos da declaración da enfermidade, así como facilita-la súa predisposición de cara a un total cumprimento do programa, coñecidas as consecuencias económicas que esta situación ten para o sector productor de carne en Galicia.

Ademais esta Administración non se pode abstraer á situación de alarma social creada, polo que ten que adoptar tódalas medidas sanitarias precisas que impidan

riscos para a saúde pública e dispoñer de tódolos medios necesarios que aseguren o cumprimento do programa, entre delas, o establecemento dunha dotación complementaria polo sacrificio dos animais da explotación.

Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente

DISPOÑO:

Artigo 1º

Os animais e os seus productos de calquera especie sacrificados e/ou destruídos de forma preventiva por motivos de sospeita e/ou confirmación da presencia dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles, serán indemnizados de acordo co establecido nos seguintes artigos desta orde.

Artigo 2º

As contías das indemnizacións serán as correspondentes en cada momento segundo os baremos ou prezos oficiais considerados na normativa correspondente.

En caso de que en aplicación dos prezos anteriormente citados non se acade o valor medio normal dos animais ou productos nos mercados de referencia incrementarase cunha achega complementaria ata que sexa un importe equivalente.

Artigo 3º

Para poder ter dereito ás indemnizacións establecidas nesta orde, é imprescindible o cumprimento estricto da normativa en vigor sobre epizootias, programas de erradicación de enfermidades animais e a relativa á vixilancia epidemiolóxica das encefalopatías esponxiformes transmisibles.

Artigo 4º

As indemnizacións establecidas nesta orde aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.03.613-A.470.0, compensacións por encefalopatías esponxiformes, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, cun importe de 1.051.771 euros, que podería verse incrementado con sucesivas achegas doutras administracións.

Artigo 5º

1. As indemnizacións serán tramitadas de oficio por esta consellería ó dispoñer dos documentos xustificantes da destrucción hixiénica dos animais ou productos de xeito que se asegure a súa destrucción total mediante incineración ou outro método autorizado pola normativa vixente e unha vez comprobados os requisitos esixidos no artigo seguinte desta orde.

2. Emitirase resolución da aprobación ou denegación das indemnizacións na que se especificarán os recursos que procedan.

A resolución notificarase na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que transcorridos seis meses dende a destrucción dos animais ou productos implicados non se dictase resolución expresa, entenderase denegada a indemnización.

Artigo 6º

Os beneficiarios das indemnizacións presentarán, antes do pagamento unha declaración complementaria do conxunto das axudas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Ademais deberán presentar certificación de encontrarse ó día das obrigas tributarias e sociais e que non teñen débeda ningunha coa Administración da Comunidade Autónoma.

Os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 7º

O pagamento das axudas quedará condicionado ás posibles observacións ou modificacións formuladas pola Unión Europea como consecuencia da notificación deste réxime de axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural