Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 30 de maio de 2002 Páx. 7.859

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 187/2002, do 15 de maio, polo que se acepta a cesión, a título gratuíto, dunha parcela situada no termo municipal de Ferrol (A Coruña) para a construcción dun conservatorio de música.

O Pleno da Corporación do Concello de Ferrol, reunido en sesión celebrada o día 31 xaneiro de 2002, acordou cederlle á Comunidade Autónoma de Galicia unha parcela de 4.043 m no termo municipal deste concello para a construcción dun conservatorio de música.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio tramitou o correspondente expediente de aceptación de cesión, de conformidade co disposto nos artigos 16, 17 e 23 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e 33, 34 e 38 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da dita lei.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Ferrol acordou a cesión, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de maio de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión, feita polo Concello de Ferrol, a título gratuíto, dunha parcela de 4.043 m que linda: ó norte, rúa das Telleiras; ó sur, ría de Ferrol; ó leste, paseo de Caranza e avda. do Mar; ó oeste, parcela de propiedade municipal, antigo matadoiro.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Ferrol no tomo 2155, libro 873, folio 54, predio nº 63.964, inscrición 1ª.

Artigo 2º

A parcela cedida destinarase á construcción dun conservatorio de música.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, quince de maio de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda