Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 30 de maio de 2002 Páx. 7.858

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 16 de maio de 2002 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Sargadelos.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Sargadelos, con domicilio na Rúa Nova, nº 16, de Santiago de Compostela.

Supostos de feito:

1. Santiago Sineiro García, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 26 de febreiro de 2002, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 4 de decembro de 2001, ante o notario José Antonio Cortizo Nieto, co número 511 do seu protocolo por Santiago Sineiro García e Isaac Díaz Pardo; intervindo o primeiro en nome e representación da entidade mercantil Fábrica de Cerámica de Sargadelos, S.L., e o segundo en nome e representación da sociedade Laboratorio de Industria y Comunicación del Castro, S.L. O 29 de abril de 2002 outórgase escritura de

emenda da anterior escritura pública, perante o mesmo notario e co número 293 do seu protocolo.

3. Segundo consta no artigo 2 dos seus estatutos o obxecto da fundación é o estudio e divulgación da memoria histórica de Galicia no eido cultural.

4. O padroado da fundación estará constituído segundo se determina no artigo 6 dos seus estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Sargadelos, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede á súa clasificación como de interese cultural e á súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 13 de maio de 2002.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Sargadelos e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública