Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 29 de maio de 2002 Páx. 7.787

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2002, da Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial, pola que se lle dá publicidade ó convenio aberto de colaboración entre a Consellería de Industria e Comercio e as empresas de telecomunicacións para o fomento das tecnoloxías da comunicación no sector das Pemes.

Con data 13 de maio de 2002 subscribiuse entre a Consellería de Industria e Comercio e oito empresas de telecomunicacións un convenio aberto de colaboración para a posta en marcha dun mecanismo que facilite ás Pemes de Galicia o acceso ás tecnoloxías da información e as comunicacións.

Cumprida a tramitación regulamentaria procede a publicación no Diario Oficial de Galicia do dito convenio, que figura como anexo desta resolución.

O que se fai público para os efectos oportunos.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2002.

José Manuel González González

Director xeral de Tecnoloxía

e Desenvolvemento Sectorial

ANEXO

Convenio aberto de colaboración entre a Consellería de Industria e Comercio e as empresas de telecomunicacións para o fomento das tecnoloxías da comunicación no sector das Pemes.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2002.

Reunidos.

Dunha parte:

Juan Rodríguez Yuste, conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, en virtude das facultades que lle confire o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares, feito público mediante Resolución do 8 de abril de 1991, da Consellería de Economía e Facenda (DOG do 30 de abril).

Doutra parte:

-Secundino Mauriz Aguado, director rexional Territorial Noroeste, e Juan Simón Guitián, director rexional de Control Económico e Administración de Airtel Móvil, S.A., en nome e representación desta, operador de telecomunicacións;

-Óscar Rodríguez Rodríguez, director nacional de Desenvolvemento de Mercado, de Alcatel España, S.A., en nome e representación desta, fabricante de equipos de telecomunicacións;

-Josep Reixach Trigo, director da Unidade de Negocio Business & Comunication, de Panasonic España, S.A., en nome e representación desta, fabricante de equipos de telecomunicacións;

-Antonio Fernández Armas, director da División Empresas, de R Cable y Telecomunicaciones Galicia, S.A., en nome e representación desta, operador de telecomunicacións;

-Jorge Fernández Rodríguez, director financeiro de ICN Empresas, de Siemens, S.A., en nome e representación desta, fabricante de equipos de telecomunicacións;

-Carlos María Montejo González, responsable de distribución de zona, de Telecomunicaciones Tenovis, S.L., en nome e representación desta, fabricante de equipos de telecomunicacións;

-José Manuel Soto Vázquez, director territorial de Galicia e Asturias, de Telefónica de España, S.A., en nome e representación desta, operador de telecomunicacións;

-Fernando Bordallo Cortina, director territorial Noroeste de Telefónica Móviles España, S.A., en nome e representación desta, operador de telecomunicacións;

Interveñen en función dos seus respectivos cargos no exercicio das funcións que para convir en nome das entidades que representan teñen conferidas e

EXPOÑEN:

I. O Decreto 15/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio atribúe a esta e máis concretamente á Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial, as competencias para a elaboración, proposta, coordinación, execución e control de programas destinados a fomenta-la incorporación das novas tecnoloxías da información e comunicación ás empresas.

II. As empresas de telecomunicacións que asinan este convenio reúnen os requisitos establecidos no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, para poder ser consideradas entidades colaboradoras na entrega e distribución de fondos públicos de axudas ou subvencións.

III. Tanto a Xunta de Galicia como as empresas de telecomunicacións que asinan este convenio son conscientes do papel estratéxico que as tecnoloxías da información e comunicación xogan na actividade das empresas nos actuais e futuros mercados, transformando de xeito substancial a economía e as relacións empresariais, mostrando un efecto directo na vantaxe competitiva das empresas, a apertura de novos mercados e a mellora nos procedementos de xestión e organización de empresas.

Desde 1998, a Consellería de Industria e Comercio realizou estudios sobre a implantación das tecnoloxías da información e as comunicacións nas empresas galegas, e a súa incidencia sobre o conxunto da actividade económica productiva, do que resulta a súa consideración á hora de defini-las políticas e actuacións por parte da Administración autonómica.

Neste sentido, a Consellería de Industria e Comercio e as empresas de telecomunicacións veñen colaborando para uni-los seus esforzos e promove-lo fomento das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) no sector das Pemes de Galicia, a través de convenios que arbitran un sistema de incentivos económicos, que se traducen en subvencións do 20% por parte da consellería, e descontos do 20% por parte das empresas de telecomunicacións sobre os prezos dos equipos e aplicacións que posibiliten ás Pemes o acceso a redes e servicios de comunicacións tecnoloxicamente avanzados.

Entre os beneficios ou servicios que para o sector empresarial reportan estas tecnoloxías pódense mencionar, a título de exemplo, os seguintes:

* Aforro de desprazamentos mediante a videoconferencia e as aplicacións, entre outras, de traballo compartido.

* Conexión da rede de datos empresariais cos seus centros de distribución, nacionais e internacionais, aumentado a capacidade e facilidade de servicios.

* Posibilidade de acceso dixital ás aplicacións de transferencia electrónica de documentos (E.D.I.) co aforro de custos (eliminación de albarás, notificacións, etc.).

* Aumento da velocidade nos servicios de transmisión de datos, interconexión de redes de área local e respaldo de liñas dedicadas (backup).

* Servicios tales como telealarma, telemedida, telecontrol e televixilancia.

* Acceso interactivo a Internet e servicios de documentación e información empresarial.

* Posibilidade de facer realidade o teletraballo, o teleensino, a telemedicina, etc.

* Acceso compartido e a baixo custo de recursos que pola súa escaseza, complexidade técnica ou permanente evolución tecnolóxica, non sempre están dispoñibles a niveis locais.

IV. En consecuencia, como continuación do labor iniciado nos últimos anos e á vista do éxito obtido nesta experiencia establécese o seguinte convenio aberto de colaboración entre a Consellería de Industria e Comercio e as empresas de telecomunicacións que o asinan, así como as que posteriormente se adhiran a el, para o fomento das tecnoloxías da comunicación no sector das Pemes con suxeición ás seguintes cláusulas:

Primeira.-Obxecto.

O obxecto deste convenio aberto consiste en que a Consellería de Industria e Comercio e as empresas de telecomunicacións xunten os seus esforzos para facilitar ás Pemes de Galicia a adquisición e incorporación de equipos avanzados e últimas tecnoloxías da información e a comunicación.

Para isto arbítrase un sistema de incentivos económicos que se traducen en subvencións por parte da Consellería de Industria e Comercio e descontos por parte das empresas de telecomunicacións sobre os prezos de adquisición dos equipos e aplicacións que faciliten o acceso a redes e servicios de comunicacións tecnoloxicamente avanzadas, e que supoñan unha mellora cualitativa respecto ás tecnoloxías analóxicas. Estes equipos deberán ser comercializados polas empresas de telecomunicacións que participen neste convenio, empresas do seu grupo ou empresas concesionarias/distribuidoras oficiais destas.

Segunda.-Empresas colaboradoras.

As empresas de telecomunicacións que asinan este convenio aberto e as que posteriormente se adhiran

a el, de acordo co procedemento que se establece, terán a consideración de entidades colaboradoras, con suxeición ó establecido no capítulo VI do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Para estes efectos entenderase por empresas de telecomunicacións:

* Operadores dos servicios de telecomunicacións, legalmente establecidos e coa correspondente licencia ou autorización para presta-los servicios correspondentes.

* Empresas fabricantes dos equipos de telecomunicacións.

Co obxecto de xustifica-la súa solvencia técnica, estas empresas deberán acredita-las seguintes circunstancias:

-Que o seu obxecto social ou actividade está relacionado co sector ó que se dirixen as axudas ou teñen desenvolvido actividades pertencentes ou relacionadas con este.

-Que contan con medios persoais e materiais suficientes para o desenvolvemento das súas funcións.

-Que posúen o grao de implantación territorial axeitado para o seu desempeño.

Polo que respecta á solvencia económica, non se esixe a súa acreditación neste convenio, xa que a modalidade de colaboración que se establece non supón en ningún momento un anticipo de fondos ás entidades colaboradoras, senón un reintegro do importe das subvencións anticipadas por estas.

Poderán adherirse ó presente convenio aberto tódalas empresas de telecomunicacións que reúnan os requisitos anteriores e que soliciten a adhesión seguindo o procedemento que se establece na cláusula seguinte.

Terceira.-Procedemento de adhesión ó acordo.

As empresas de telecomunicacións que desexen adherirse ó presente convenio deberán remitir á Consellería de Industria e Comercio a seguinte documentación:

-Compromiso de adhesión segundo o modelo do anexo I.

-Documento acreditativo do poder con que actúa o representante.

-Fotocopia compulsada do seu DNI e do NIF da empresa.

-Declaración expresa da súa capacidade de obrar e de non estar incursa en ningunha das circunstancias ás que se refire o artigo 20 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas.

-Certificados acreditativos de estar ó corrente das súas obrigas coa Seguridade Social, coa Facenda da Comunidade Autónoma e coa AEAT.

-Documentación que acredite a súa solvencia técnica segundo o establecido na cláusula segunda.

A data límite para solicita-la adhesión será o 31 de decembro de 2003.

A Consellería de Industria e Comercio analizará a documentación presentada e notificará a cada unha das empresas de telecomunicación solicitantes a súa conformidade ou non á adhesión a este convenio en función do cumprimento dos requisitos esixidos neste.

Cuarta.-Empresas beneficiarias.

Poderán beneficiarse das axudas ás que se refire este convenio as pequenas e medianas empresas, Pemes, establecidas en Galicia. A este respecto rexerá o concepto de PEME establecido pola Unión Europea na recomendación 96/280/CE, do 3 de abril de 1996, é dicir, as empresas que cumpran co seguinte:

* Que empreguen a menos de 250 persoas.

* Cun volume de negocio que non exceda de 40 millóns de euros ou cun balance xeral anual que non exceda de 27 millóns de euros.

* Que cumpran o criterio de independencia. O 25% ou máis do seu capital non pertenza a outra ou a varias empresas que non cumpran o criterio da definición de PEME.

Así mesmo, poderán ser beneficiarios persoas físicas que traballen profesionalmente como autónomos domiciliados na Comunidade Autónoma de Galicia, dados de alta no epígrafe do IAE correspondente, e que dediquen os equipos de telecomunicación para a actividade profesional.

Tamén poderán ser beneficiarias as asociacións empresariais e cooperativas empresariais, onde os asociados ou cooperativistas sexan maioritariamente pequenas e medianas empresas, ou as persoas físicas ás que fai referencia o parágrafo anterior.

Excepcionalmente poderán aprobarse axudas en favor doutras entidades non catalogadas como Pemes, pola súa especial relevancia dende o punto de vista empresarial ou industrial, e tendo en conta o seu carácter innovador e o seu efecto demostrador en canto ás tecnoloxías da información e ás comunicacións nun sector ou ámbito empresarial.

Quedan excluídas deste convenio aquelas entidades que non sexan estrictamente empresariais.

Quinta.-Equipos e tecnoloxías subvencionables.

Serán obxecto de subvención pola Consellería de Industria e Comercio e polas empresas de telecomunicacións, ó abeiro deste convenio, aqueles equipos e aplicacións tecnolóxicas que, por proposta das empresas de telecomunicacións, sexan aprobados pola Consellería de Industria e Comercio e incluídos no catálogo de productos subvencionables que se publicará na páxina web http://www.observatoriotic.org. Estes equipos e aplicacións deberán ser tecnoloxicamente avanzados e supoñer unha mellora tecnolóxica competitiva. No anexo IV deste acordo especifícanse, a título de exemplo, algúns equipos e aplicacións que poden ser obxecto das axudas.

As empresas de telecomunicacións deberán enviar á Consellería de Industria e Comercio unha proposta inicial dos equipos e aplicacións tecnolóxicas susceptibles de incluír no catálogo de productos subvencionables, indicando a marca, modelo, descrición e a súa valoración económica detallada, no prazo de 15 días desde a sinatura ou desde a súa adhesión a este convenio. Esta relación poderase actualizar durante a vixencia deste convenio en función da incorporación de novos modelos ou variación do seu prezo. En todo caso as subvencións e descontos aplicaranse sobre o prezo de venda ó público vixente en cada momento publicado no catálogo anteriormente citado, antes da aplicación do IVE, que corresponderá integramente por conta do comprador.

A Consellería de Industria e Comercio aprobará individualmente a proposta dos equipos e os prezos indicados, para incluílos no referido catálogo, en función da súa adecuación ós obxectivos do presente convenio. A consellería resérvase a potestade de rexeitar esta proposta se os prezos indicados foran distintos ós prezos de venda dos canais comerciais establecidos polas empresas de telecomunicación ou se detectasen incrementos inxustificados nos prezos facilitados.

Os equipos e aplicacións destinados a conectarse directa ou indirectamente ós puntos de terminación das redes públicas de telecomunicacións con obxecto de enviar, procesar ou recibir sinais, deberán dispoñer da avaliación da conformidade, coas normas que lles sexan de aplicación, en calquera Estado membro da Unión Europea.

Os equipos e aplicacións tecnolóxicas subvencionados ó abeiro deste convenio, deberán instalarse dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Excepcionalmente se algunha PEME desexase a instalación de parte dos seus equipos noutro punto estratéxico fóra da Comunidade Autónoma, solicitarao por escrito á Consellería de Industria e Comercio xustificando o obxectivo do proxecto e a súa significación para o proceso comercial e productivo que desenvolva, que en función das súas características adoptará a decisión de aprobalo ou non.

Quedan expresamente excluídas do ámbito do presente convenio as tarifas reguladas e que se refiran a cotas de conexión, cotas de aboamento mensual, etc. Tampouco serán obxecto de axudas as cotas de aluguer, mantemento ou calquera outra que non se refira ó investimento en equipos e aplicacións.

Sexta.-Contía das axudas.

Para os beneficiarios deste convenio a axuda recibida suporá unha reducción mínima do 40% do prezo de venda ó público, IVE excluído, dos equipos e aplicacións tecnolóxicas ós que fai referencia a cláusula quinta, que se fará efectiva no momento da venda polas empresas de telecomunicacións, sempre e cando o investimento subvencionable supere a cantidade mínima de 500 euros.

Esta reducción mínima do 40% concretarase nunha subvención do 20% por parte da Consellería de Industria e Comercio, e un 20% mínimo en descontos por parte das empresas de telecomunicacións, no prezo de venda ó público de cada un dos proxectos aprobados; sendo a achega máxima da Consellería de Industria e Comercio de 9.000 euros por PEME que desexe acollerse.

Excepcionalmente nos proxectos que a Consellería de Industria e Comercio considere de especial relevancia desde o punto de vista tecnolóxico, ou polo seu carácter demostrador no ámbito das asociacións ou institucións empresariais, a subvención por parte da Consellería de Industria e Comercio poderá ascender ata o 50% e poderá supera-los 9.000 euros por PEME beneficiaria.

Sétima.-Obrigas da Consellería de Industria e Comercio.

A Consellería de Industria e Comercio achegará para o financiamento do presente convenio, con cargo á aplicación orzamentaria 08.03.754-A.771.0 as seguintes cantidades:

-300.000 euros para a anualidade de 2002,

-450.000 euros para a anualidade de 2003,

-150.000 euros para a anualidade de 2004.

Estas cantidades poderán incrementarse en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

As axudas achegadas pola Xunta de Galicia financiaranse nun 25 por cento con fondos propios da Comunidade Autónoma e, no 75 por cento restante, con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Este convenio tramítase como expediente anticipado de gasto de acordo co establecido na Orde do 11 de febreiro da Consellería de Economía e Facenda e a súa efectividade queda supeditada á existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, neste momento en trámite parlamentario.

Oitava.-Obrigas das empresas de telecomunicacións.

Cada empresa achegará para o financiamento deste convenio unha cantidade equivalente a un desconto mínimo do 20% do prezo de venda ó comprador dos equipos e tecnoloxías que subministre a cada unha das empresas beneficiarias e que se teñan incluído neste convenio.

As empresas de telecomunicacións colaborarán coa Consellería de Industria e Comercio na realización de campañas informativas dirixidas ás Pemes, tendentes a fomenta-lo desenvolvemento empresarial con base na aplicación das tecnoloxías da información e as comunicacións.

As empresas de telecomunicacións remitirán previamente á sinatura do convenio ou no momento de solicitude de adhesión para aquelas que se adhiran

con posterioridade á sinatura deste, os seguintes documentos:

1) Relación detallada dentro da Comunidade Autónoma de:

* Puntos de atención directa, de se-lo caso, e distribuidores oficiais autorizados (rede de comercialización).

* Medios humanos e materiais de prestación de servicio técnico, tanto os da súa rede de distribución autorizada como os propios, de se-lo caso (rede de servicio técnico).

2) Escrito comunicando a designación dun representante da empresa como interlocutor único para a tramitación ordinaria das axudas, así como para a resolución de cantas dúbidas poidan xurdir.

As empresas de telecomunicación deberán comunicarlle á Consellería de Industria e Comercio calquera variación que se produza dos datos anteriores.

As empresas de telecomunicacións garantirán a confidencialidade dos datos subministrados polos beneficiarios.

As empresas de telecomunicacións someteranse ás actuacións de comprobación que esta consellería poida efectuar respecto da xestión destas axudas, e as de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e os procedementos fiscalizadores do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

Ademais, colaborarán na restitución das subvencións outorgadas nos supostos en que concorra causa de reintegro.

Todo isto, sen prexuízo do establecido no artigo 31 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Novena.-Procedemento para a solicitude das axudas.

O procedemento para a tramitación das achegas da Consellería de Industria e Comercio será o seguinte:

As empresas de telecomunicacións remitirán á Consellería de Industria e Comercio a solicitude previa de autorización do proxecto que desexen realizar, seguindo o modelo que figura no anexo II.

O prazo para a presentación destas solicitudes rematará o 31 de marzo de 2004.

Poderán ser atendidas, para os efectos deste convenio, as solicitudes presentadas que recollan actuacións que se inicien no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2002 e o 31 de marzo de 2004.

No caso de que algún beneficiario pretenda acollerse a algunha das causas excepcionais recollidas nas cláusulas 4ª (entidades non catalogadas como Pemes), 5ª (instalación fóra da Comunidade Autónoma) ou 6ª (contía en proxectos de especial relevancia), xunto coa solicitude presentarase un escrito, ben da empresa de telecomunicacións ou ben do beneficiario final onde se aleguen os elementos que

se consideren oportunos e que poidan xustifica-la devandita excepcionalidade. As ditas solicitudes tramitaranse logo do informe dos servicios técnicos.

As axudas concederanse seguindo a orde de presentación de solicitudes ata o límite do crédito dispoñible.

A Consellería de Industria e Comercio ten a potestade para autorizar ou rexeita-los proxectos presentados en función da dispoñibilidade económica existente e da adecuación ós obxectivos do presente convenio.

A autorización dos proxectos presentados notificarase ás empresas colaboradoras podendo empregar para este trámite calquera dos medios técnicos dispoñibles (fax, correo electrónico, etc.).

Nos proxectos que autorice a Consellería de Industria e Comercio, as empresas de telecomunicacións aplicarán na facturación ás Pemes tanto o desconto ofertado por estas como a porcentaxe que subvenciona a Consellería de Industria e Comercio.

Décima.-Xustificación e pagamento.

Para recupera-las cantidades subvencionadas pola Consellería de Industria e Comercio, as empresas de telecomunicacións presentarán periodicamente resumos dos proxectos realizados nos que figurará o importe total das cantidades subvencionables e que irán acompañadas da relación de Pemes beneficiarias, xunto á seguinte documentación:

* Autorización do proxecto (anexo II), no que se inclúe empresa beneficiaria, razón social, domicilio e NIF, persoa de contacto, equipos adquiridos e lugar de instalación.

* Aceptación de condicións de cada unha das Pemes (anexo III).

* Copia do recibo de pagamento da última anualidade do imposto de actividades económicas (IAE) por parte da PEME correspondente, ou alta no imposto para as empresas de nova creación. No caso de non ser obrigatoria a alta no IAE incluirase certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria conforme esa actividade está exenta deste.

* Factura da compra, con indicación detallada dos equipos, descontos, importe da subvención así como do prezo final.

* Xustificante bancario de pagamento da empresa beneficiaria polo importe total do proxecto.

Cando a axuda por parte da Consellería de Industria e Comercio supere o importe de 1.500 euros por beneficiario, estes deberán acreditar que se atopan ó corrente das súas obrigas coa Seguridade Social, Facenda estatal, e Administración autonómica de Galicia, para iso deberán presentar:

-Certificado acreditativo de estar ó día das obrigas coa Seguridade Social.

-Certificados acreditativos de estar ó corrente nas súas obrigas tributarias e de non ter pendente de

pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. O solicitante poderá acudir á AEAT e a Consellería de Economía e Facenda para solicita-la expedición do certificado correspondente ou cubrir debidamente asinada a autorización que se achega no anexo V para que este órgano poida solicitar esta información por vía informática.

O prazo para a presentación destes xustificantes será de dous meses contados a partir do día da notificación da autorización dos proxectos presentados. Se transcorrido este prazo a empresa de telecomunicacións non remitise a documentación xustificativa, poderá considerarse desistido deste e procederase ó seu arquivo.

Os proxectos autorizados que se xustifiquen con posterioridade ó 30 de novembro de cada un dos exercicios de 2002 ou 2003 poderán ser atendidos con cargo ós créditos do exercicio seguinte. Na anualidade de 2004 a data límite para presentar xustificacións será en todo caso o 30 de novembro.

Así mesmo deberán presentar certificación bancaria da titularidade da conta onde se realizarán os pagamentos.

Os equipos subvencionados, unha vez instalados, poderán ser inspeccionados polos servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio. Para isto e en función do número de empresas acollidas a inspección poderá realizarse mediante a técnica de mostraxe. As empresas de telecomunicacións a través do interlocutor nomeado e as Pemes beneficiarias a través da persoa de contacto designada, quedarán á disposición da Consellería de Industria e Comercio, prestando as máximas facilidades para a comprobación do funcionamento destes. A non instalación dos equipos coa súa plena funcionalidade significará, en todo caso, a anulación das axudas a que deran lugar.

Unha vez comprobada a documentación achegada e verificado, se procede, que a instalación se efectuou, a Consellería de Industria e Comercio realizará a proposta de pagamento para reintegrar ás empresas de telecomunicacións o importe das subvencións anticipadas por estas.

Procederá o reintegro das subvencións percibidas nos supostos establecidos no artigo 78.4º TRLRFO aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Décimo primeira.-Seguimento do acordo.

Para o seguimento do convenio constituirase unha comisión integrada por 2 membros da Consellería de Industria e Comercio (o director xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial e un representante da Subdirección Xeral de Tecnoloxía) e un membro de cada unhas das empresas de telecomunicacións que se adhiran determinado por estas.

Décimo segunda.-Natureza administrativa.

O presente convenio ten natureza administrativa e, en consecuencia, a Consellería de Industria e Comercio resolverá tódalas cuestións que xurdan no seu desenvolvemento.

Décimo terceira.-Vixencia.

O presente acordo terá vixencia desde o día seguinte ó da súa publicación no DOG ata o 31 de decembro de 2004.

Pola consellería de Industria e Comercio: Juan Rodríguez Yuste.

Por Airtel Móvil, S.A.: Secundino Mauriz Aguado, Juan Simón Guitián.

Por Siemens, S.A.: Jorge Fernández Rodríguez.

Por Alcatel España, S.A.: Óscar Rodríguez Rodríguez.

Por Telecomunicaciones Tenovis, S.L.: Carlos María Montejo González.

Por Panasonic España, S.A.: Josep Reixach Trigo.

Por Telefónica de España, S.A.: José Manuel Soto Vázquez.

Por R Cable y Telecomunicaciones Galicia, S.A.: Antonio Fernández Armas.

Por Telefónica Móviles España, S.A.: Fernando Bordallo Cortina.

ANEXO I

Compromiso de adhesión ó convenio aberto do 13 de maio de 2002 de colaboración entre a Consellería de Industria e Comercio e as empresas de telecomunicacións para o fomento das tecnoloxías da comunicación no sector das Pemes.

D. ... con DNI... na súa calidade de... en nome e representación da empresa... con NIF... e domicilio en...

Declara coñece-lo convenio aberto de colaboración entre a Consellería de Industria e Comercio e as empresas de telecomunicacións para o fomento das tecnoloxías da comunicación no sector das Pemes do 13 de maio de 2002.

E manifesta o seu consentimento para adherirse a este con suxeición a tódalas cláusulas contidas nel.

Así mesmo designa como representante da empresa na Comisión de Seguimento a D. ... con DNI... e como interlocutor da empresa para tódalas cuestións de tramitación.

Lugar e data:

Sinatura:

Director xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial.

ANEXO IV

Relación inicial, a título indicativo, de equipos e aplicacións de tecnoloxías da comunicación que serán subvencionadas durante a vixencia do presente convenio.

* Centrais telefónicas RDSI e DECT, excluídas tarxetas ou configuracións con liñas analóxicas.

* Terminais, radiobases, adaptadores de terminais e tarxetas RDSI e DECT.

* Sistemas de videoconferencia, incluídos videoteléfonos.

* Equipos e aplicacións de telefonía integrada con ordenador (CTI).

* Aplicacións de conectividade PC-PC e PC-LAN.

* Instalacións certificadas de cableado estructurado.

* Equipos e aplicacións para control e seguimento de flotas móbiles (GPS/GSM).

* Equipos e aplicacións para telefonía en grupo pechado de usuarios (MPT, TETRA).

* Bridges, Gateway, routers, fairewalls e nodos multiprotocolo.

* Equipos de acceso de tecnoloxía XDSL, FrameRelay, LMDS, MMDS, UMTS.

* Equipos integradores ATM.

* Cablemódems, equipos SDH de acceso e outros equipos de telecomunicacións por cable.

* Controladores e compresores de accesos.

* Equipos e aplicacións de comunicacións para telecontrol e telemantemento.

* Aplicacións relacionadas con oficina móbil.

ANEXO V

Autorización para que a Consellería de Industria e Comercio verifique o cumprimento de obrigas tributarias estatais e coa Comunidade Autónoma de Galicia.

D. ... con DNI... na súa calidade de... en nome e representación da empresa... con NIF... e domicilio en...

En relación co convenio aberto do 13 de maio de 2002 entre a Consellería de Industria e Comercio e as empresas de telecomunicacións para o fomento das tecnoloxías da comunicación no sector das Pemes, e durante a súa vixencia, expresamente

Autoriza á:

Consellería de Industria e Comercio, para que, conforme co disposto no artigo 2.4º da orde do Ministerio de Economía e Facenda do 18 de novembro de 1999, solicite da Axencia Estatal da Administración Tributaria e da Consellería de Economía e Facenda a información á que se refire o artigo 78.4º.c) da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, en relación co cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e coa Comunidade Autónoma de Galicia.

Lugar e data:

Sinatura:

Director xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial.

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL