Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 28 de maio de 2002 Páx. 7.746

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 2002, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a instalación eléctrica denominada L.M.T. de Vilamartín-Penouta 2F, no concello de Vilamartín de Valdeorras, provincia de Ourense. (Expediente IN407A 01/151-3 A.T.).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na r/ A Batundeira, nº 2, Velle, 32960 Ourense, sobre autorización, aprobación do proxecto e declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica de referencia resultan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro.-A petición someteuse a información pública por Acordo do 3 de decembro de 2001, desta delegación provincial, publicado no DOG do 22 de xaneiro de 2002, no BOP de Ourense do 26 de xaneiro e no xornal La Región do 27 de decembro de 2001, en aplicación dos artigos 125 e 144 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se aproba o regulamento de aplicación da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

-Francisco González Mondelo, como titular dos predios nº 2 e 8 da relación de afectados, solicita, ó entender que a súa propiedade está integrada no núcleo urbano de Vilamartín, en zona edificable, unha compensación económica acorde cos prexuízos causados pola instalación eléctrica.

-Arturo Pérez Meléndez, titular do predio nº 7, alega que descoñece as razóns para a declaración de utilidade pública da liña eléctrica e os motivos para varia-lo trazado existente daquela.

Terceiro.-O proxecto, coas características básicas que se reflicten a continuación, recibiu o informe favorable dos servicios técnicos desta delegación provincial, efectuándose a comprobación sobre o terreo da traza da liña eléctrica proxectada, na que non se dá ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso ás que se refire o artigo 161 do citado Real decreto 1955/2000.

-Liña aérea a 20 kV en conductor LA-56 e apoios de formigón, de 299 m, con orixe no apoio proxectado nº 1 de paso aéreo a soterrado e final no C.T. existente en caseta, en Rodaleira.

-Liña aérea a 20 kV soterrada, en conductor R.H.Z.1-OL 12/20 kV-3x95 Al, de 210 m de lonxitude, con orixe na L.M.T. ó C.T. existente de Eirexa e final no apoio de inicio da L.M.T. citada no punto anterior.

-Orzamento: 25.754,04 euros.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-A Delegación Provincial de Industria e Comercio de Ourense é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio das competencias atribuídas polo Real decreto 1955/2000, e polo Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro (DOG do 16 de febreiro).

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada pola empresa promotora e do resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. A declaración de utilidade pública da instalación vén recoñecida polo artigo 52 da citada Lei do sector eléctrico, cumprindo para isto a empresa solicitante os requisitos que se indican no artigo 53 daquela.

2. A liña proxectada substitúe polo mesmo trazado á existente, mellorando a súa seguridade e a calidade da subministración, incluso con menor afección, ó pasar de ter seis apoios intermedios -de madeiraa tan só dous.

3. Non corresponde a esta fase do procedemento resolve-las cuestións económicas derivadas das afeccións, xa que iso compete ó xurado provincial de expropiación, logo de ve-las «follas de aprecio» contradictorias que presenten as partes.

Terceiro.-No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da sinalada Lei 54/1997, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Así mesmo, as instalacións e o seu proxecto de execución reúnen tódolos requisitos técnicos necesarios.

Esta delegación provincial, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro.-Autorizar a Unión Fenosa Distribución, S.A. a execución das instalacións eléctricas previstas no proxecto L.M.T. de Vilamartín-Penouta 2F, situadas no concello de Vilamartín de Valdeorras.

Segundo.-Declara-la utilidade pública, en concreto, das instalacións eléctricas autorizadas, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, de necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente levará implícita a autorización para o establecemento ou paso da instalación eléctrica sobre terreos de dominio, uso ou servicio público, ou patrimoniais do Estado, ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicios dos mesmos e zonas de servidume pública.

Terceiro.-Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, dea comezo o levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifiquen individualmente, daqueles predios que figuran no anexo da resolución de información pública do proxecto.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou calquera outro recurso que se considere pertinente.

Ourense, 1 de abril de 2002.

Ramón Fernández-Linares Bouza

Delegado provincial de Ourense