Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Xoves, 23 de maio de 2002 Páx. 7.522

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 3 de maio de 2002, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, pola que se convocan as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria para maiores de 18 anos nas convocatorias de xuño e de setembro e se dictan instruccións para a súa realización.

A Orde do 2 de abril de 2002 (DOG do 25 de abril), pola que se establecen as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria para persoas maiores de 18 anos, establece, no seu artigo 4, que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocará anualmente as citadas probas e, no seu artigo 3, que a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional autorizará os centros nos que se realicen as probas por proposta da delegación provincial correspondente.

En consecuencia, e en relación coa convocatoria das probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria para maiores de 18 anos, no ano 2002, esta dirección xeral

RESOLVE:

Convoca-las probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria no ano 2002 conforme se indica nos epígrafes seguintes:

I. Condicións dos aspirantes.

1. Poderán inscribirse para a realización das probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria aquelas persoas que teñan cumpridos 18 anos con anterioridade ó 31 de decembro do ano 2001.

2. Para a realización das probas os aspirantes acreditarán a súa identidade co DNI, pasaporte ou calquera outro documento recoñecido en dereito.

II. Contidos da proba.

1. As áreas constitutivas da proba están integradas nos seguintes grupos:

a) Grupo lingüístico: comprenderá exercicios das áreas de lingua castelá e literatura, lingua galega e literatura, e lingua estranxeira.

b) Grupo científico-tecnolóxico: comprenderá exercicios das áreas de matemáticas, ciencias da natureza e tecnoloxía.

c) Grupo de ciencias sociais: comprenderá exercicios das áreas de ciencias sociais, xeografía e historia, música e educación plástica e visual.

2. Cada delegación provincial, o día anterior á data de realización das probas, enviará un funcionario acreditado para recolle-los protocolos de exames na Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. Unha vez recibidos, en presencia do delegado provincial e do xefe do Servicio

Provincial de Inspección ou funcionarios nos que deleguen, os protocolos serán entregados ós presidentes das distintas comisións avaliadoras que actúen na provincia.

3. As delegacións provinciais adoptarán tódalas medidas necesarias para que, en ningún caso, poida ser coñecido o contido das probas antes da súa aplicación.

III. Centros nos que se realizarán as probas.

1. Provincia da Coruña:

-Centro EPA Eduardo Pondal, praza Nosa Señora, s/n, A Coruña.

-Centro EPA de Stª. Mª de Caranza, rúa Luis de Requeséns, s/n, Ferrol.

-IES San Clemente, San Clemente, s/n, Santiago de Compostela.

2. Provincia de Lugo:

-Centro EPA de Albeiros, Garaballa de Arriba, s/n, Lugo.

3. Provincia de Ourense:

-Centro EPA de Ourense, Álvarez de Sotomayor, 4, Ourense.

4. Provincia de Pontevedra:

-IES Do Castro, r/ José Gómez Posada Curros, 1, Vigo.

-IES Valle-Inclán, avda. Montero Ríos, s/n, Pontevedra.

IV. Matrícula.

1. A solicitude de matrícula axustarase ó modelo que figura no anexo I e efectuarase na secretaría do centro onde se vaian realiza-las probas.

2. Os prazos de matrícula serán:

-Proba de xuño: do 3 ó 7 de xuño, ámbolos dous inclusive.

-Proba de setembro: do 2 ó 4 de setembro, ámbolos dous inclusive.

3. Cada delegación provincial, a través dos medios de comunicación, dará coñecemento público dos prazos, centros para a matrícula e as datas das probas dispostas nesta resolución.

4. O día seguinte ó pechamento da matrícula de cada convocatoria, os directores dos centros onde se van realiza-las probas deberán comunicar por fax ás respectivas delegacións provinciais e á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional o número de aspirantes que solicitan a realización da proba.

V. Data e normas de realización.

1. As probas realizaranse en sesións de mañá e tarde os días 12 de xuño e 11 de setembro para as respectivas convocatorias.

2. A sesión da mañá terá dúas partes; na primeira, de 9.30 h a 11.30 h, realizaranse as probas do grupo científico-tecnolóxico; na segunda, de 12 h a 14 h, realizaranse as probas do grupo de ciencias sociais.

Na sesión da tarde, de 16 h a 19 h, realizaranse as probas do grupo lingüístico.

A sesión da tarde dará comezo ás 16 horas e comprenderá os exercicios de:

a) Lingua castelá:

a.1) Exercicio de redacción.

A comisión avaliadora elixirá un tema para propoñer ós aspirantes. O tema elixido debe ser preferentemente dun contido de tipo social ou cultural e de ampla difusión local, rexional, nacional ou internacional.

Na valoración da redacción que realicen os aspirantes terase en conta a forma de estructura-los datos e os feitos, a coherencia da exposición, o vocabulario empregado, a presentación do tema e o dominio da ortografía.

O tempo para a realización será de tres cuartos de hora como máximo.

a.2) Cuestións de lingua castelá e literatura.

O tempo para a súa realización será de tres cuartos de hora.

b) Lingua galega.

b.1) Exercicio de redacción:

Aterse ó disposto no punto a.1 para a lingua castelá.

O tempo para a súa realización será de tres cuartos de hora.

b.2) Cuestións de lingua e literatura galegas:

O tempo para a súa realización será de tres cuartos de hora.

VI. Avaliación e puntuación das probas.

1. A avaliación das probas correspóndelle ó equipo de profesores que compoña o tribunal. Estes profesores actuarán de maneira colexiada para establece-la cualificación de cada un dos grupos de áreas que integran as probas.

2. O equipo de profesores ó que se refire o punto anterior, unha vez avaliados os tres grupos de áreas, no caso de que un alumno fose avaliado negativamente nun grupo poderá revisar novamente se se acadaron, en termos globais, os obxectivos establecidos para a etapa nese grupo.

Entenderanse acadados os obxectivos cando, a xuízo do tribunal, o aspirante amose un grao de adquisición das capacidades que lle permita incorporarse ó mundo laboral, así como prosegui-la aprendizaxe

ó longo da vida, podendo o tribunal, cando o considere oportuno, convoca-lo aspirante a unha entrevista que sirva para aclarar posibles dúbidas sobre a valoración dese grupo de áreas.

3. Aqueles aspirantes para os que o tribunal determine que non procede a proposta de expedición do título de graduado en educación secundaria por non teren acadados os obxectivos xerais desta etapa nun grao suficiente, conservarán para sucesivas convocatorias as cualificacións positivas obtidas nos termos de suficiente, ben, notable e sobresaliente nos distintos grupos de áreas superados. Tales cualificacións deberán ser tidas en conta polos tribunais en sucesivas convocatorias, polo que non será necesario que o alumno volva realiza-las probas dos grupos superados para proceder á proposta do título de graduado en educación secundaria.

4. Os aspirantes que acrediten ter superada algunha área nas probas libres para a obtención do título de graduado en educación secundaria anteriores ó ano 2002 quedarán eximidos da realización da proba naquela ou aquelas áreas avaliadas positivamente, axustando de forma porcentual a cualificación do punto VI, epígrafes 6 e 7 desta resolución.

5. Os aspirantes que acrediten ter superadas algunhas áreas de educación secundaria obrigatoria ou módulo nº 4 nos diferentes ámbitos de educación secundaria de adultos recollidos no anexo II quedarán dispensados da realización da proba naqueles grupos de áreas avaliadas positivamente axustando, de forma porcentual, a cualificación do punto VI, epígrafes 6 e 7, desta resolución.

6. A cualificación de cada grupo de áreas outorgarase de acordo coa seguinte escala:

a) Áreas do grupo científico-tecnolóxico.

-Matemáticas.

Puntuación máxima: 15 puntos.

-Ciencias da natureza.

Puntuación máxima: 10 puntos.

-Tecnoloxía.

Puntuación máxima: 10 puntos.

Total máxima puntuación: 35 puntos.

b) Áreas do grupo de ciencias sociais.

-Ciencias sociais, xeografía e historia, música e educación plástica e visual.

Puntuación máxima: 25 puntos.

c) Área do grupo lingüístico.

-Lingua castelá e literatura.

Redacción.

Puntuación máxima: 10 puntos.

-Cuestións de lingua castelá e literatura.

Puntuación máxima: 5 puntos.

-Área de lingua e literatura galega.

Redacción.

Puntuación máxima: 10 puntos.

-Cuestións de lingua e literatura galega.

Puntuación máxima: 5 puntos.

-Lingua estranxeira.

Puntuación máxima: 10 puntos.

Total máxima puntuación: 40 puntos.

7. Cualificación dos grupos de áreas.

a) Grupo científico-tecnolóxico.

PuntuaciónCualificación

30 a 35 puntosSobresaliente

25 a 30 puntosNotable

20 a 25 puntosBen

17 a 20 puntosSuficiente

Menos de 17 puntosInsuficiente

b) Grupo lingüístico.

PuntuaciónCualificación

35 a 40 puntosSobresaliente

30 a 35 puntosNotable

25 a 30 puntosBen

20 a 25 puntosSuficiente

Menos de 20 puntosInsuficiente

c) Grupo de ciencias sociais.

PuntuaciónCualificación

25 puntosSobresaliente

20 a 25 puntosNotable

15 a 20 puntosBen

12 a 15 puntosSuficiente

Menos de 12 puntosInsuficiente

8. Puntuación mínima en cada área para supera-lo grupo correspondente.

a) Grupo científico-tecnolóxico.

-Área de matemáticas.

Puntuación mínima: 6 puntos.

-Área de ciencias da natureza.

Puntuación mínima: 4 puntos.

-Área de tecnoloxía.

Puntuación mínima: 4 puntos.

b) Áreas do grupo de ciencias sociais.

-Área de ciencias sociais, xeografía e historia, música e educación plástica e visual.

Puntuación mínima: 12 puntos.

c) Área do grupo lingüístico.

-Área de lingua castelá e literatura.

Puntuación mínima: 7 puntos.

-Área de lingua e literatura galega.

Puntuación mínima: 7 puntos.

-Área de lingua estranxeira.

Puntuación mínima: 5 puntos.

9. Cualificación global da proba.

Os alumnos que aproben os tres grupos teñen superada a proba, e o tribunal fará a proposta de expedición de título de graduado en educación secundaria ó delegado provincial que corresponda.

VII. Tribunais.

1. Os tribunais estarán constituídos, preferentemente, por un inspector ou inspectora de educación como presidente, e catro vocais profesores do corpo de educación secundaria, preferentemente de educación de adultos, todos eles funcionarios en activo dos corpos da función pública docente, designados polo delegado provincial, correspondéndolle un especialista para cada grupo nas áreas ou materias que compoñen as probas.

2. Á vista dos alumnos matriculados, as delegacións provinciais establecerán os tribunais que sexan precisos, e estes adoptarán as medidas que se consideren oportunas no caso de que se presenten alumnos con necesidades educativas especiais que o soliciten.

3. Os profesores que formen parte das comisións avaliadoras e que deban trasladarse fóra da súa localidade de destino terán dereito ás indemnizacións establecidas legalmente.

4. Para os efectos de tramitación de expedición do título de graduado en educación secundaria, os candidatos serán propostos por cada centro no que se realizou a proba, figurando a denominación do centro no título correspondente.

5. Logo de realizada a proba, os presidentes dos tribunais cubrirán a ficha estatística que se xunta como anexo II e remitirana ó xefe do Servicio Provincial de Inspección. As devanditas fichas, co visto e prace do inspector xefe, enviaranse á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional antes do próximo 30 de xuño, para a convocatoria de xuño, e antes do 30 de setembro para a convocatoria de setembro.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2002.

Mª Pilar del Mar Pérez Marsó

Directora xeral de Ordenación Educativa

e Formación Profesional

Delegados provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL