Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Mércores, 22 de maio de 2002 Páx. 7.457

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CENTRO INFORMÁTICO PARA A XESTIÓN TRIBUTARIA, ECONÓMICO-FINANCEIRA E CONTABLE

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 2002 pola que se convocan probas selectivas para o ingreso no cadro de persoal laboral fixo do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable dunha praza de auxiliar administrativo.

Ó amparo da disposición adicional 5ª da Lei 2/1998, pola que se crea o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable, e do artigo 7 h) do Decreto 361/1998, do 4 de decembro, polo que se aproba o Estatuto do Cixtec, e en cumprimento da Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación, o Cixtec acorda convocar probas selectivas para o ingreso no cadro de persoal laboral fixo do Cixtec, con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir unha praza de auxiliar administrativo polo sistema de acceso libre, procedemento de oposición.

Por non alcanzarse as porcentaxes mínimas, non se reserva ningunha praza para ser cuberta por persoa con minusvalidez co grao de discapacidade igual ou superior ó 33%.

1.2. Ó presente proceso selectivo seralle aplicable a Lei 10/1996, do 5 de novembro, e o disposto nas bases da convocatoria.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para ser admitido á realización das probas selectivas os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

2.1.1. Ser español ou te-la condición de nacional dun estado membro da UE, ou nacional do Reino de Noruega, ou nacional da República de Islandia.

Tamén poderán participa-lo cónxuxe, ascendentes e descendentes do cónxuxe, dos españois e dos nacionais de países membros da Unión europea, de Noruega ou de Islandia, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinteún anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas.

Este último beneficio será igualmente de aplicación a familiares de nacionais doutros estados cando así se prevexa nos tratados internacionais celebrados pola Comunidade Europea e ratificados por España.

2.1.2. Ter cumpridos os 18 anos.

2.1.3. Estar en posesión do título académico de graduado escolar, FP 1º grao ou equivalente.

2.1.4. Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

2.1.5. Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin atoparse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

2.2. Tódolos requisitos esixidos nos puntos anteriores deberán posuírse no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

3. Solicitudes.

3.1. Os que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán facelo constar en instancia axustada ó modelo que figura no anexo III. Xuntarase copia do DNI.

3.2. Así mesmo, no cadro correspondente da instancia, deberá facerse consta-la titulación posuída ou estar en condición de obtela.

3.3. Por imperativo legal, de conformidade co disposto no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, a Lei 4/2000, de orzamentos para o ano 2001 e demais normativa de taxas da Comunidade Autónoma de Galicia; os dereitos de exame serán de 29,12 A e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes, utilizando para iso o impreso de autoliquidación sinalado no anexo IV. O dito impreso seralles facilitado ós interesados no rexistro xeral da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública ou no Cixtec, debendo cubrirse cos códigos que figuran no referido anexo IV. Estarán exentos do pagamento da taxa por dereito de inscrición os que posúan unha discapacidade igual ou superior ó 33%, circunstancia que deberá ser acreditada documentalmente xunto coa instancia, presentando orixinal ou copia cotexada da cualificación da minusvalidez.

O importe aboado en concepto de dereitos de exame serán reintegrados de oficio ós aspirantes que sexan excluídos definitivamente da realización das probas selectivas e cubrisen os datos bancarios necesarios para face-la devolución.

3.4. A presentación de solicitudes farase nas dependencias do Cixtec, Santiago de Compostela, rúa Ramón Piñeiro, nº 27, CP 15702, ou ben na forma prevista no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo de 20 días naturais, a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no DOG e dirixirse ó director xeral do Cixtec.

3.5. Os aspirantes con discapacidade deberán indicalo na solicitude. Así mesmo deberán solicita-las correspondentes adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria.

3.6. Os erros de feito que puideran advertirse poderán corrixirse en calquera momento, de oficio ou por instancia do interesado.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Expirado o prazo de presentación de instancias, o director xeral do Cixtec dictará resolución no prazo dun mes, na que se declare aprobada a listaxe de admitidos e excluídos. Na dita resolución, que se fará pública por medio do correspondente anuncio no DOG, indicaranse os lugares en que se atope exposta ó público a listaxe certificada completa de aspirantes admitidos e excluídos. As devanditas listaxes deberán ser expostas en todo caso no taboleiro de anuncios do Cixtec. Nas listaxes deberán constar, en todo caso, os apelidos, nome e número de DNI, así como a causa de exclusión.

4.2. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de 10 días contados a partir do seguinte ó da publicación da resolución, para poder emendar, se é o caso, os defectos que motivaron a exclusión, transcorrido este, publicarase a listaxe definitiva nos lugares indicados.

Contra a dita resolución poderá interpoñerse, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o órgano que a dicte no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación da resolución, ou directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, ante o órgano competente da orde xurisdiccional contencioso-administrativa.

O feito de figurar na relación de admitidos non prexulga que se lles recoñezan ós interesados a posesión dos requisitos esixidos no procedemento que se convoca mediante a presente resolución. Cando da documentación que deba presentarse no caso de supera-lo proceso selectivo, se desprenda que non posúe algún dos requisitos, os interesados decaerán en tódolos dereitos que puideran derivarse da súa participación nese procedemento.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal encargado de efectua-la selección, que estará constituído por un número impar de membros, non inferior a cinco, debendo designarse o mesmo número de membros suplentes, será nomeado polo director xeral do Cixtec, de acordo co previsto no artigo 11 do III convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia. A súa composición farase pública por medio do correspondente anuncio no DOG.

5.2. Os membros do tribunal absteranse de intervir, notificándollo ó presidente do tribunal, cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou se estivesen realizando tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitarlles ós membros do tribunal declaración expresa de non atoparse incursos nas circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992.

O aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran as circunstancias previstas na presente base.

5.3. Para a válida constitución do tribunal requirirase a presencia do presidente e secretario, e a metade, polo menos, dos seus vocais sexan titulares ou suplentes. Celebrará a súa sesión de constitución no prazo máximo de sesenta días a partir da publicación da súa designación.

Na dita sesión o tribunal acordará tódalas decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.4. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia do presidente e do secretario ou, se é o caso, dos seus suplentes, e a metade polo menos dos seus vocais, titulares ou suplentes.

5.5. Na oposición o tribunal resolverá tódalas dúbidas que puideran xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deba facer nos casos non previstos.

O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ó disposto na Lei 30/1992.

5.6. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes dos exercicios que considere pertinentes, limitándose os ditos asesores a presta-la colaboración nas súas especilidades técnicas. A designación de tales asesores deberá comunicárselle ó director xeral do Cixtec.

5.7. O tribunal adoptará as medidas precisas, nos casos en que sexa necesario, de forma que os aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ás do resto dos participantes. Neste sentido, estableceranse para as persoas con discapacidade que o soliciten na forma prevista na base 3.3. as adaptacións de tempo e medios para a súa realización.

5.8. Para os efectos do disposto no artigo 26.2º do Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG nº 122, do 25 de xuño de 2001), o tribunal ten a categoría cuarta.

5.9. Para efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na rúa Ramón Piñeiro, nº 27, 15702 Santiago de Compostela.

5.10. O tribunal non poderá aprobar nin declarar que superaron as probas un número superior de aspirantes ó de prazas convocadas.

6. Listaxe de aprobados.

Finalizada a oposición o tribunal fará públicas, no lugar da súa sede, sinalado na base 5.9, e naqueloutros que considere oportunos, a listaxe de aspirantes aprobados, con indicación da puntuación obtida.

O presidente do tribunal enviará ó director do Cixtec a copia certificada da devandita listaxe de aprobados, así como a relación de opositores que superaron o conxunto das probas con indicación da puntuación final obtida. Os nomes dos que superasen

o proceso selectivo faranse públicos por medio do correspondente anuncio no DOG.

7. Presentación de documentos e nomeamentos.

7.1. No prazo de 15 días naturais, contados desde o día seguinte a aquel no que a listaxe de aprobados sexa anunciada no DOG, os aspirantes que superasen o proceso selectivo deberán presentar no Cixtec, rúa Ramón Piñeiro, 27, os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do título esixido na base 2 ou certificación académica que certifique ter feitos tódolos estudios para a obtención do título.

b) Declaración xurada ou promesa de que non foi separado, mediante expediente disciplinario, de ningunha Administración pública nin atoparse inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

7.2. Os que dentro do prazo fixado e salvo casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do seu exame se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderán ser nomeados persoal laboral e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

7.3. Finalizado o proceso selectivo e unha vez cumpridos os requisitos esixidos con anterioridade, os que os superasen serán nomeados persoal laboral fixo do Cixtec na categoría que corresponda mediante resolución do director xeral do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable, que se publicará no DOG, de acordo coa puntuación obtida no proceso selectivo.

7.4. Na resolución pola que se publique a proposta definitiva de aprobados poderán incluírse os postos que se lles oferten, con indicación dos requisitos para o seu desempeño.

8. Norma derradeira.

A presente convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2002.

Gonzalo Gómez Montaña

Director xeral do Centro Informático para a Xestión

Tributaria Económico-Financeira e Contable

ANEXO I

O procedemento de selección será o de oposición.

1. Fase de oposición.

Os temarios polos que se rexerán as probas selectivas son os que figuran no anexo II da presente convocatoria.

1.1. Primeiro exercicio: proba escrita de carácter eliminatorio constituída por 60 preguntas tipo test, relativas a todo o temario, con respostas alternativas das que só unha é verdaderia. O tempo de realización deste exercicio será de 1 hora e 30 minutos. Este exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e será necesario para superalo obter unha puntuación mínima de 10 puntos. Correspóndelle ó tribunal determina-lo número de respostas esixidas para alcaza-la pun

tuación mínima, tendo en conta que por cada resposta incorrecta se descontará unha correcta.

1.2. Segundo exercicio: de carácter eliminatorio consistirá na realización dun exercicio práctico de informática sobre Word ou Excel. Este exercicio terá unha duración máxima de 15 minutos e cualificarase de 0 a 10 puntos; será necesario para superalo obter unha puntuación mínima de 5 puntos, correspondéndolle ó tribunal determina-lo nivel de coñecementos esixidos para alzanza-la puntuación mínima.

1.3. Terceiro exercicio: entrevista persoal na que se avaliará a adecuación ó posto de traballo dos aspirantes. Este exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e terá carácter eliminatorio.

1.4. Cuarto exercicio de carácter non eliminatorio consistirá na traducción dun texto de galego ó castelán elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal. A duración máxima deste exercicio será de 30 minutos.

Este exercicio valorarase como apto ou non apto; será necesario para superalo obte-lo resultado de apto, correspondéndolle ó tribunal determina-lo nivel de coñecementos esixidos para acada-lo resultado de apto.

Estarán exentos da realización do cuarto exercicio os aspirantes que acrediten a posesión do curso de perfeccionamento do galego. Tal acreditación poderase presentar ata os 5 días seguintes ó da publicación da nota do terceiro exercicio.

As puntuacións de tódolos exercicios publicaranse no taboleiro de anuncios do Cixtec así como na páxina web do Cixtec: www.cixtec.es.

Os aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán presentarse provistos do correspondente bolígrafo para a realización do exercicio tipo test.

A orde de puntuación dos aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa suma da puntuación obtida nas probas da oposición, non podendo supera-lo proceso selectivo un número superior de aspirantes ó de prazas convocadas.

1.5. Desenvolvemento dos exercicios: a orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra T, consonte coa resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 14 de febreiro de 2001.

En calquera momento os aspirantes poderan ser requiridos polo tribunal para acredita-la súa identidade.

Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en único chamamento, sendo excluído da oposición quen non compareza, agás nos casos de forza maior xustificados e libremente apreciados polo tribunal.

O día, hora e lugar de celebración do primeiro exercicio farase público na resolución que aprobe a listaxe definitiva de aspirantes admitidos e excluídos.

A publicación dos sucesivos anuncios de celebración do segundo e restantes exercicios será efectuado polo tribunal no taboleiro de anuncios do Cixtec,

ademais de por calquera outro medio que o considere conveniente, sempre con vintecatro horas de antelación, cando menos, á súa iniciación.

ANEXO II

Temario auxiliares administrativos

Tema 1. A Constitución española de 1978: estructura, contido e principios. Os dereitos fundamentais e as liberdades públicas. Os deberes. O Tribunal Constitucional. A Coroa.

Tema 2. As Cortes Xerais: composición. Atribucións e funcionamento. A elaboración das leis. O Goberno: funcións. A Administración pública.

Tema 3. A Administración xeral do Estado. A Administración territorial do Estado. As administracións locais: o municipio e a provincia. A Administración institucional.

Tema 4. O Estatuto de autonomía de Galicia: estructura e contido. As competencia da comunidade. O Parlamento. A Xunta e o seu presidente.

Tema 5. A Administración autonómica de Galicia: organización e estructura de consellerías. Estatuto do Cixtec (Decreto 361/1998 e 360/1998, do 4 de decembro).

Tema 6. O acto administrativo. Eficacia, validez e execución.

Tema 7. O procedemento administrativo. Iniciación. Instrucción. Terminación. Execución. Os recursos administrativos.

Tema 8. A contratación administrativa: principios básicos da Lei de contratos das administracións públicas. Formas de adxudicación dos contratos. Dereitos e deberes do contratista e da Administración.

Tema 9. A función pública galega: sistema de acceso. Provisión de postos de traballo. Promoción. Situacións administrativas.

Tema 10. O contrato de traballo. Modalidades. Os convenios colectivos. Lei 10/1996, do 5 novembro.

Tema 11. O sistema español de Seguridade Social, réxime xeral: acción protectora. Continxencias cubertas. Concepto e clases de protección. Xestión da Seguridade social.

Tema 12. O orzamento: contido, estructura, elaboración e aprobación. Modificacións orzamentarias. O control orzamentario.

Tema 13. O concepto de informática. Desenvolvemento histórico. A información e o ordenador electrónico. Nocións microordenadores. Elementos.