Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Mércores, 22 de maio de 2002 Páx. 7.452

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 175/2002, do 2 de maio, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado do acondicionamento da AC-162, Sada-Bergondo. (Clave AC/01/2.1).

Con data do 15 de abril de 2002, o director xeral de Obras Públicas, por delegación do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, aprobou o proxecto de trazado do acondicionamento da AC-162, Sada-Bergondo, clave AC/01/2.1.

Os bens e dereitos nos que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

A competencia para efectua-la declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo 2 do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, considerándose xustificada na referida declaración pola súa incidencia na seguridade vial. A estrada AC-162 Sada-Bergondo pertence á Rede Primaria Complementaria dentro da Rede Autonómica de Estradas e a súa mellora está incluída no Plan de

Estradas da Xunta de Galicia. Esta estrada une o Porto de Sada e os núcleos de Sada e Bergondo coa Rede de Alta Capacidade a través da AC-164. A función que cumpre no conxunto da rede fai que se estean a producir incrementos de tráfico importantes, sobre todo na época estival; incrementos de tráfico que coa súa xeometría, trazado e situación actual non pode asumir polo que se está a converter nunha estrada perigosa, dado ademais a grande cantidade de interseccións, accesos e edificacións existentes e mesmo contando no seu percorrido con tramos de concentración de accidentes (TCA), tal como se considera na documentación do proxecto de trazado aprobado. Polo tanto, procede acometer urxentemente as obras de acondicionamento do seu trazado e mellora da seguridade vial.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación con previsto no artigo 8 da Lei 25/1988, do 29 de xullo, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de maio de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declara-la utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, para efectos de expropiación no proxecto de trazado do acondicionamento da AC-162, Sada-Bergondo, clave AC/01/2.1.

Santiago de Compostela, dous de maio de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda