Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 21 de maio de 2002 Páx. 7.399

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 173/2002, do 2 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Arteixo (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de urbanización da avenida Alcalde Platas Varela, rúa do Río e rúa Maizales, Vilarrodís.

O Concello de Arteixo, en sesión que tivo lugar o día vintesete de decembro de dous mil un, aprobou o proxecto de urbanización da avenida Alcalde Platas Varela, rúa do Río e rúa Maizales, Vilarrodís, e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do concello foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente, con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día vintetrés de abril de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día vintesete de marzo de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala o concello, na actualidade resulta imposible o acceso rodado a varias vivendas da rúa Maizales, polo que se fai imprescindible a apertura dunha vía, que permitirá tamén dotar dos servicios básicos de beirarrúas, auga potable, sumidoiros e canalización eléctrica ós veciños da zona.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deli

beración do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de maio de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Arteixo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de urbanización da avenida Alcalde Platas Varela, rúa do Río e rúa Maizales, Vilarrodís.

Santiago de Compostela, dous de maio de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais