Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 21 de maio de 2002 Páx. 7.391

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 6 de maio de 2002 pola que se convocan premios a experiencias e proxectos de promoción de conductas tolerantes ou de mellora da convivencia realizados por profesores de centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos.

A través da educación transmítense e exercítanse os valores que fan posible a vida en sociedade, adquírense os hábitos de convivencia democrática e de respecto mutuo e prepáranse as persoas para a participación responsable nas distintas actividades e instancias sociais. Así o establece a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, que no artigo 1 do título preliminar sinala, entre outros fins do sistema educativo, o da formación para a paz, a cooperación e a solidariedade entre os pobos, a formación para o respecto dos dereitos e liberdades fundamentais e para o exercicio da tolerancia e da liberdade dentro dos principios democráticos de convivencia.

Por outra parte, nos Decretos 374/1996, do 17 de outubro, 324/1996, do 26 de xullo, e 7/1999, do 7 de xaneiro, que establecen, respectivamente, o Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria, o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, e a implantación e regulación dos centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias na Comunidade Autónoma de Galicia, faise referencia expresa ó Regulamento de réxime interno, que deberá ter en conta, entre outros aspectos, o referido ás normas de convivencia que favorezan as relacións entre os distintos membros da comunidade educativa.

Así mesmo, o Decreto 120/1998, do 23 de abril, polo que se regula a orientación educativa e profesional na Comunidade Autónoma de Galicia e a posterior normativa que o desenvolve, establecen a necesidade de potencia-la implementación de programas e actuacións que favorezan as relacións sociais e o clima convivencial nos centros educativos, implicando a toda a comunidade educativa no seu desenvolvemento.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a impulsa-las actividades de investigación e innovación educativa como medio de promoción e actualización profesional do profesorado e de mellora da calidade do ensino.

En consecuencia co anteriormente exposto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria.

Convócanse, dentro dos programas de innovación educativa, oito premios a experiencias e proxectos de promoción de conductas tolerantes ou de mellora da convivencia entre as persoas e entre as culturas, para todo o ensino non universitario, que se estean

levando a cabo durante o curso 2001-2002 ou se vaian desenvolver durante o curso 2002-2003.

Así mesmo, poderá concederse ata un máximo de tres accesit, sen dotación económica, se a calidade dos traballos presentados e non premiados o permite, a xuízo do xurado.

Artigo 2º.-Dotación económica.

Os oito premios ós que se alude no artigo anterior estarán dotados economicamente segundo a seguinte distribución:

-Dous primeiros premios de 1.800 euros.

-Tres segundos premios de 1.200 euros.

-Tres terceiros premios de 600 euros.

A cantidade total destinada a premios é, polo tanto, de nove mil euros, e o seu pagamento farase con cargo á aplicación orzamentaria 07.04.322I.640.1, unha vez realizada a retención correspondente.

Artigo 3º.-Requisitos das solicitudes.

1. Poderán participar nesta convocatoria os profesores dos centros docentes que se indican: colexios de educación infantil e primaria; colexios rurais agrupados; colexios de educación primaria; centros públicos integrados; institutos de educación secundaria; escolas oficiais de idiomas; instituto galego de bacharelato a distancia e centros colaboradores; conservatorios de música; escolas de artes e centros de educación permanente de adultos.

2. Os concursantes, de xeito individual ou en grupo, deberán presentar unha descrición pormenorizada da experiencia ou un proxecto de aplicación práctica no eido educativo sobre promoción de conductas tolerantes ou de mellora da convivencia.

3. Os traballos que concorran deberán ser orixinais, inéditos (ou polo menos non comercializados) e non premiados ou que non se lles concedeu unha bolsa con anterioridade, nin sufragados pola Xunta de Galicia ó abeiro doutros programas.

4. Os concursantes deberán presenta-lo traballo en soporte informático e en soporte papel, por triplicado, no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través das distintas delegacións provinciais ou polas canles establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de proceder ó envío certificado por correo, a instancia que debe acompaña-lo traballo estará datada e cuñada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

5. Os traballos deberán ir acompañados da seguinte documentación:

a) Instancia dirixida á directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, asinada polo autor ou, se é o caso, polo coordinador responsable do grupo de traballo, segundo o modelo

do anexo I desta orde. Nela deberá constar con claridade un enderezo de correo electrónico para as comunicacións pertinentes.

b) Certificación do director do centro educativo, acreditativa de que os concursantes, que deberán relacionarse xunto cos seus DNI e NRP correspondentes, prestan os seus servicios como persoal docente no devandito centro ou de que estiveron destinados neste durante a realización da experiencia.

c) Memoria descritiva da experiencia educativa, dunha extensión máxima de 20 folios (escrito en fonte courier de 12 puntos e con espaciado de 1,5 e sen comprimi-los caracteres), que se axustará ó esquema establecido no anexo II.

d) Resumo da experiencia nun máximo de dous folios a dobre espacio.

e) Anexos de descrición dos traballos ou actividades realizados polos alumnos durante a experiencia, se procede.

f) Declaración xurada ou promesa de estar en posesión dos dereitos de publicación, distribución e uso da totalidade da experiencia, materiais ou productos presentados, de que son inéditos ou, polo menos, non foron comercializados, e de que non foron premiados ou que non se lles concedeu unha bolsa con anterioridade, nin sufragados pola Xunta de Galicia ó abeiro doutros programas.

Artigo 4º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 30 de xullo de 2002.

Artigo 5º.-Composición e funcións do xurado.

1. O traballos que concursen e se axusten á convocatoria serán examinados e valorados por un xurado integrado polos seguintes membros:

Presidenta: a directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, ou persoa na que delegue.

Vocais:

-O xefe de Servicio de Ordenación e Innovación Educativa.

-O xefe de Servicio de Formación do Profesorado.

-Un inspector de educación.

Secretario/a: un funcionario da Subdirección Xeral de Ordenación Educativa, que actuará con voz pero sen voto.

2. O xurado, se é o caso, poderá contar co asesoramento de especialistas.

3. Os premios poderán ser declarados desertos ou determinarse a súa acumulación ou compartición.

4. Con carácter excepcional, e por acordo motivado do xurado, a directora xeral de Ordenación Educativa

e Formación Profesional poderá efectúa-la redistribución dos premios declarados desertos entre os adxudicados.

Artigo 6º.-Criterios de valoración.

O xurado seleccionará as experiencias e os proxectos tendo en conta os seguintes criterios:

a) Os resultados da experiencia ou a viabilidade da súa realización co máximo de aproveitamento, así como a metodoloxía empregada.

b) A calidade pedagóxica.

c) A transferibilidade.

d) A maior implicación e impacto na comunidade escolar.

e) A posibilidade de ser avaliado obxectivamente.

f) A orixinalidade da experiencia ou proxecto e o feito de non ter sido premiado ou subvencionado con anterioridade.

Artigo 7º.-Resolución.

O prazo máximo de resolución será de seis meses contados a partir do día seguinte da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A proposta de concesión de premios emitida polo xurado elevarase ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, de 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 8º.-Certificación.

A Administración educativa recoñecerá ós participantes nos traballos premiados ou con mención de accesit, mediante expedición de certificado persoal, as actividades de innovación realizadas no marco desta convocatoria.

Artigo 9º.-Xustificación da actividade.

No caso de tratarse de proxectos premiados, co fin de dar cumprimento ó artigo 10º desta orde, o autor/a ou coordinador/a quedará obrigado a presentar antes do 30 de xuño de 2003 unha memoria final, de acordo co modelo do anexo III.

Artigo 10º.-Pagamento dos premios.

1. O pagamento do importe correspondente ós premios farase por transferencia bancaria a nome do

autor/a se o traballo é individual. No caso de que o traballo sexa colectivo, establecerase na solicitude se o pagamento se fará ó coordinador ou a tódolos integrantes do grupo, e en que porcentaxe se distribuirá dentro deste.

2. Os premios estarán suxeitos á retención fiscal correspondente.

Artigo 11º.-Publicación.

A presentación á presente convocatoria implicará a cesión a favor da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dos dereitos de edición dos traballos premiados ou con accesit por un período de dous anos, así como a renuncia ós dereitos de propiedade intelectual correspondentes a unha primeira edición.

No caso de que, dentro deste período, os autores decidiran publica-los traballos por outras vías, deberán solicita-lo permiso correspondente á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. De se-la resposta positiva, na publicación deberá constar expresamente o premio ou accesit de que foi obxecto.

Así mesmo os autores quedan comprometidos a elabora-las modificacións precisas nos documentos finais para que poidan ser publicados total ou parcialmente no formato máis adecuado.

Artigo 12º.Retirada da documentación.

Os interesados ou os seus representantes legais poderán retira-la documentación dos traballos non premiados, na Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional no prazo de catro meses a partir da publicación da resolución desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o devandito prazo, procederase á súa destrucción.

Artigo 13º.-Recurso.

Contra esta orde poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, segundo prevé a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da Xurisdicción Contencioso-Administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dicta-las disposicións necesarias no desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO II

ASPECTOS QUE HAI QUE DESENVOLVER NA MEMORIA DESCRITIVA

PARA A SOLICITUDE DE PREMIOS A EXPERIENCIAS OU PROXECTOS

DE INNOVACIÓN EDUCATIVA SOBRE PROGRAMAS DE PROMOCIÓN

DE CONDUCTAS TOLERANTES

1. Datos de identificación:

1.1. Título.

1.2. Ámbito de aplicación do proxecto: (centro/s, rúa, localidade, provincia).

1.3. Delimitación do campo de traballo: (ciclo/s, curso/s, área/s...).

1.4. Autor/a ou coordinador/a da experiencia ou proxecto.

1.5. Datos bancarios do/a autor/a ou coordinador/a do grupo.

1.6. Datos persoais e profesionais do profesorado que intervén no proxecto e funcións de cada un neste.

2. Deseño:

2.1. Xustificación do proxecto: (contexto no que xorde, cuestións ás que pretende responder...).

2.2. Obxectivos que se pretenden: (que se vai experimentar e defini-la súa finalidade...).

2.3. Metodoloxía seguida ou que se vai seguir: (hipóteses formuladas, selección de variables, técnicas utilizadas ou que se van utilizar, organización...).

2.4. Programación polo miúdo do proxecto: (duración, fases, contidos, secuencias...).

2.5. Aspectos ou elementos que se van avaliar e a súa incidencia na práctica docente.

2.6. No caso de participantes de varios centros, especificaranse os mecanismos establecidos para a coordinación, intercambio de información, posta en común e avaliación conxunta.

ANEXO III

MODELO QUE SE SEGUIRÁ PARA A PRESENTACIÓN DA MEMORIA FINAL

-Descrición da experimentación e metodoloxía empregada.

-Obxectivos conseguidos.

-Recursos empregados.

-Ítems empregados no procedemento avaliativo.

-Conclusións máis destacables.