Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 21 de maio de 2002 Páx. 7.379

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 171/2002, do 25 de abril, polo que se modifica o Decreto 194/2001, do 26 de xullo, de ordenación da venda ambulante.

O artigo 25 da Lei 10/1988, do 20 de xullo, de ordenación do comercio interior de Galicia, en relación co disposto no artigo 10, letras b) e d), da mesma lei, esixe, para o exercicio da venda ambulante, que os interesados estean en posesión da licencia fiscal e teñan cumpridas as súas obrigas, se é o caso, en materia de seguridade social para o inicio da actividade.

En desenvolvemento do disposto no capítulo VI da devandita lei, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Decreto 194/2001, do 26 de xullo, de ordenación da venda ambulante, que no seu artigo 10.2º, apartado b), esixe, para o exercicio da venda ambulante, estar dado de alta no réxime correspondente da Seguridade Social e ó corrente no pagamento das cotizacións en tal réxime.

E dado que a expresión contida no artigo 10 d) da tan repetida lei refírese á circunstancia de estar afiliado e en situación de alta no réxime correspondente da Seguridade Social, resulta conveniente modifica-los artigos 6 c) e 10.2º b) do referido decreto no sentido de limita-la esixencia este aspecto concreto, máxime se temos en conta que o control do cumprimento das obrigas de pagamento das cotizacións xa é realizado polos órganos e polos procedementos establecidos na lexislación de Seguridade Social e de infraccións e sancións na orde social.

Por outra banda, resulta necesario prorroga-lo prazo de tres meses establecido na disposición transitoria do dito decreto para que os que exerzan o comercio ambulante sen estaren inscritos no Rexistro de Comerciantes Ambulantes de Galicia ó tempo de publicarse aquel e que reúnan os requisitos esixidos para o efecto soliciten a inscrición no dito rexistro, facilitándolles así a súa adaptación á nova regulación.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de abril de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A letra c) do artigo 6 do Decreto 194/2001, do 26 de xullo, de ordenación da venda ambulante, queda redactado nos seguintes termos:

«c) Certificación da alta do solicitante no réxime correspondente da Seguridade Social.».

Artigo 2º

A letra b) do artigo 10, apartado 2º, do devandito decreto queda redactado como segue:

«b) Estar dado de alta no réxime correspondente da Seguridade Social.».

Disposición adicional

O modelo de solicitude de inscrición no Rexistro de Comerciantes Ambulantes de Galicia é o que figura como anexo I deste decreto.

Disposición transitoria

O prazo establecido na disposición transitoria do Decreto 194/2001, do 26 de xullo, queda prorrogado durante os tres meses seguintes á entrada en vigor deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Industria e Comercio para dicta-las disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento do establecido neste decreto.

Santiago de Compostela, vintecinco de abril de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA