Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Xoves, 16 de maio de 2002 Páx. 7.279

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de ampliación do parque eólico Álabe-Soán, nos concellos de Muras e O Valadouro (Lugo), promovido pola empresa Acciona Eólica de Galicia, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 22 de xaneiro de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de ampliación do parque eólico Álabe-Soán, nos concellos de Muras e O Valadouro (Lugo), promovido pola empresa Acciona Eólica de Galicia, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2002.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora:

* Parque eólico ampliación de Álabe-Soán. Proyecto. Julio 2000.

* Parque eólico ampliación de Álabe-Soán. Estudio de impacto ambiental. Agosto 2000.

* Estudio de accesos. Parques eólicos 1ª, 2ª, 3ª y 4ª fase.

* Estudio valorativo de los posibles impactos acumulativos o sinérgicos.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer, por medio desta DIA, sen prexuízo do disposto no artigo 6.4º do Real decreto 1997/1995, do 7 de decembro, polo que se establecen medidas para contribuír a garanti-la biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio ambiental e restante documentación avaliada, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese en exclusiva ó proxecto denominado Parque eólico ampliación de Álabe-Soán, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 21,75 MW de potencia total nos concellos de Muras e O Valadouro (Lugo), constituído por 29 aeroxeradores modelo NEG-MICON NM 750/44-48 de 750 kW de potencia unitaria, que se localizarán na Serra do Xistral, dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

618.3954.816.730

619.1404.816.450

619.0004.815.843

616.3004.816.700

615.5284.817.509

615.9144.818.064

616.1004.817.900

616.6004.818.900

617.7504.817.035

617.9254.817.775

618.7754.817.640

618.8854.817.245

Tendo en conta o exposto no punto 6.3 desta DIA, dado que a localización prevista dos aeroxeradores S-908 ó S-913 e das súas infraestructuras asociadas (vías, plataformas de montaxe, MT e gabias de conducción do cableado) podería variar á vista dos resultados do estudio requirido no punto 11.1 da DIA, a localización e coordenadas destes aeroxeradores, así como o seu acceso, a situación do MT e o trazado da gabia do cableado, estableceranse, se é o caso, unha vez sexa recibida, avaliada e tras informe favorable da documentación requirida no citado punto 11.1 da DIA.

A localización dos aeroxeradores e infraestructura asociada ó parque eólico será a que se recolle nos plans Ampliación parque de Soán. Infraestructura. Áreas de investigación e implantación. 1ASACC 0021 e Ampliación parque de Soán. Planta general de zanjas. 1ASCAE 0011, do estudio de impacto ambiental, agás para o que se derive do cumprimento do indicado no parágrafo anterior.

As coordenadas UTM dos 23 aeroxeradores con posicións definidas son as seguintes:

AeroxeradorUTM XUTM Y

S-901616.0504.817.890

S-902616.1064.817.795

S-903616.1624.817.700

S-904616.2434.817.625

S-905616.3364.817.561

AeroxeradorUTM XUTM Y

S-906616.4314.817.500

S-907616.5274.817.440

S-914617.8384.816.868

S-915617.9134.816.785

S-916618.0004.816.718

S-917618.0904.816.653

S-918618.1804.816.588

S-919618.2844.816.527

S-920618.3834.816.488

S-921618.4834.816.449

S-922618.5744.816.385

S-923618.6824.816.338

S-924618.7884.816.260

S-925618.9154.816.216

S-926618.3064.817.530

S-927618.4154.817.464

S-928618.5114.817.392

S-929618.6094.817.321

2. Protección da atmosfera.

2.1. Sobre a emisión de po.

Durante a fase de obras procederase, nos períodos de seca, á humectación continua das vías e das zonas onde se estean a realizar movementos de terras, co fin de evita-lo levantamento excesivo de po. Así mesmo, os camións de transporte de terras ou materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar.

2.2. Sobre a contaminación acústica.

Os niveis de presión sonora no parque e nas vivendas máis próximas non poderán supera-los valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

Para tal fin, realizarase un seguimento do nivel de ruído durante as fases de construcción e funcionamento do parque, debendo presentarse un novo plan de control do nivel de ruído, de acordo co requirido no punto 11.3 da DIA.

3. Protección das augas e leitos fluviais.

Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga precisará da autorización de Augas de Galicia, segundo se establece no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas, axustándose ás directrices do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa.

Realizarase un control do correcto funcionamento dos dispositivos de drenaxe artificial (tanto transversais como lonxitudinais) e das condicións de incorporación das augas á rede natural de drenaxe, co fin de comprobar que non se producen alteracións no réxime hídrico preexistente e verifica-la eficacia das medidas correctoras propostas no estudio ambiental.

A achega das augas das drenaxes transversais e lonxitudinais á rede hidrográfica farase gradualmente, instalando sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía á súa saída, co fin de evitar erosións, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas ós cursos naturais.

Extremaranse as precaucións na execución das obras nas zonas de afección potencial á rede hidrolóxica, tanto directas como indirectas, debendo contar durante a súa realización coa supervisión directa do equipo de seguimento ambiental do proxecto.

A medida que avanza a obra procederase á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e terraplén resultantes da execución das vías, así como das plataformas de montaxe, foxos, zona da subestación e centros de media tensión, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas. Nas zonas de maior pendente empregaranse mallas antiescorrega e calquera outra medida necesaria para evita-lo arrastre de materiais ladeira abaixo.

Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais ou áreas hidromorfas, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evita-la súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial. Non está permitido o lavado de maquinaria e materiais nos cursos de auga.

Non estando previsto no estudio ambiental presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións.

Co fin de controlar que a calidade das augas non resulta afectada, tanto na fase de obras como na de funcionamento levarase a cabo o plan de control da calidade das augas proposto no estudio ambiental.

4. Protección do solo.

Realizarase un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, que se axustará ó establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.

Procederase á delimitación das distintas zonas de obra, mediante o seu balizado, que deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirado cando estas finalicen.

Para calquera modificación que fose necesario introducir no proxecto, independentemente da súa causa, aplicarase o indicado no punto 13.4 da presente declaración.

As infraestructuras asociadas á construcción do parque eólico executaranse de acordo coas especificacións técnicas e dimensións sinaladas no proxecto, non permitíndose o seu sobredimensionamento.

A circulación de vehículos e maquinaria de obra restrinxirase ás vías e zonas acondicionadas para o efecto.

Na realización das voaduras disporanse os medios materiais necesarios (redes, mallas, lonas...) que impidan a proxección de fragmentos de rocha ó contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.

Nos movementos de terras equilibrarase ó máximo o volume de desmonte co de terraplén, tendo en conta que, se trala finalización das obras existise material sobrante das escavacións, será retirado e depositado en lugar autorizado por órgano competente. Así mesmo, no caso de precisar materiais de préstamo, deberá acreditarse previamente á súa procedencia, indicando a localización, extensión, volume e condicións de restauración do préstamo que se vaia efectuar.

Para a localización das instalacións de obra seleccionarase un lugar de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga, zona hidromorfa ou área de protección arqueolóxica, reflectindo a localización prevista no plano requirido no punto 11.2 desta DIA.

No caso de deterioración de camiños ou calquera outra infraestructura ou instalación preexistente debido ós labores de construcción do parque, deberá restituírse a súa calidade ós niveis previos ó inicio das obras.

A realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten ós terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

5. Xestión de residuos.

Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da instalación, explotación e desmantelamento do parque eólico deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

Os residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, atendendo ós criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia.

Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de construcción realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derrames accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (mobilidade restrinxida), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras.

Ó finaliza-las obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.

Mentres non se produzan as sucesivas entregas ó xestor autorizado, durante a fase de construcción os contedores localizaranse na zona de instalacións de obra, e durante a fase de explotación disporanse na caseta anexa á subestación.

6. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

6.1. Sobre a fauna.

Respecto á avifauna, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determina-la existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar posibles cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presencia dos aeroxeradores, tanto deste parque como os do seu contorno.

Para tal fin, levarase a cabo o plan de seguimento de avifauna proposto no estudio ambiental, así como unha valoración conxunta dos resultados dos plans de seguimento de avifauna dos parques incluídos no documento Estudio valorativo de los posibles impactos acumulativos o sinérgicos. Neste sentido, o plan de seguimento de aves presentado debe ser completado no seu contido, de acordo co requirido no punto 11.5 desta DIA.

6.2. Sobre a vexetación.

A eliminación da vexetación nas diferentes zonas afectadas polas obras reducirase ó estrictamente necesario, efectuándose mediante sistemas de roza.

Previamente á corta de arboredo realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

Calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira precisará da preceptiva autorización ou informe, segundo o caso, do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural, tal como se establece na Lei 7/1992, de pesca fluvial, e no Decreto 130/1997, que desenvolve o regulamento da antedita lei.

Será preciso xestiona-la biomasa vexetal eliminada, primando a súa valorización, tendo en conta que non se pode proceder á queima destes restos. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, deberase proceder á súa trituración e espallado homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ó solo.

6.3. Sobre os hábitats naturais.

Prestarase especial atención a non compromete-la persistencia dos hábitats naturais prioritarios e de interese comunitario presentes no polígono do parque, asegurando o seu mantemento ou restablecemento nun estado de conservación favorable, tal como se establece na Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación dos hábitats naturais e da flora e fauna silvestres.

Con este obxectivo, os aeroxeradores S-908 a S-913, e tódalas súas infraestructuras asociadas, incluído o centro de media tensión MT-SO-5, deberán distribuírse sobre as áreas máis degradadas das formacións de queirogais húmidas atlánticas meridionais con Erica ciliaris e Erica tetralix sobre as que está prevista a súa instalación, de xeito que non se comprometa o seu mantemento ou restablecemento nun estado de conservación favorable.

Para tal fin, presentarase un estudio valorativo do estado de conservación actual destes queirogais nos puntos onde está prevista a implantación das infraestructuras e instalacións indicadas no parágrafo anterior, de acordo co requirido no punto 11.1 desta DIA.

A dirección de obra disporá dos planos de distribución dos hábitats de interese comunitario e áreas que se deben preservar, e será asesorada en todo momento sobre as condicións para a súa protección. Así mesmo, estas zonas deberán ser balizadas previamente ó inicio das obras para evitar calquera posible afección.

No referente ás gabias de conducción do cableado que conectarán as aliñacións occidentais do parque, salvo outras condicións adicionais que poidan establecerse tralo informe da documentación requirida no punto 11.1 da DIA, a apertura será manual nos tramos que atravesan as formacións de turbeira, debendo ser realizada por operarios a pé, sen empregar maquinaria de ningún tipo. A presencia ou circulación de maquinaria nesta zona poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar das obras e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

Así mesmo, deberáselle comunica-lo inicio destas obras á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e ó Servicio de Medio Ambiente Natural de Lugo cunha antelación mínima de quince días.

Na súa execución, o equipo de seguimento ambiental supervisará directamente as obras, controlando especialmente o balizado previo, as dimensións da gabia e a adopción de medidas de protección do contorno, así como os posteriores labores de restitución, que tamén serán manuais e sen aplicar sementeira nestes tramos.

En calquera caso, durante as fases de replanteo, apertura ou acondicionamento de vías, execución de cimentacións, explanacións e gabias do cableado, realizarase un seguimento continuo en campo por parte do equipo de seguimento ambiental do proxecto, co obxecto de verificar que non se producen impactos imprevistos e que se adoptan as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación, tanto as indicadas no estudio ambiental como as establecidas nesta declaración.

No caso de que se detectase algún impacto non previsto na documentación presentada polo promotor ou na presente declaración, tomaranse as medidas oportunas para paraliza-la actuación, poñendo en

coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental a incidencia detectada, que a avaliará e informará sobre a conveniencia ou non de continua-la actuación nesas circunstancias.

7. Protección do patrimonio cultural.

Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos en todo o ámbito do parque, polo que, previamente ó inicio das obras, se elaborará un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Previamente á fase de replanteo, é necesaria a realización de sondaxes arqueolóxicas na zona e no xacigo do Porto do Río (ZO000712B02 e YA000622D01).

Durante a fase de execución de obra, procederase á roza controlada, polo equipo de arqueólogos do proxecto, de tódalas remocións de terra que se realicen nas zonas de Campelo (ZO000712B01) e O Porto do Río (ZO000712B02), así como á inspección dos terreos rozados, dos perfís das gabias de conducción do cableado e de tódalas áreas onde se realicen remocións de terras.

De acordo cos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Na fase de replanteo revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

8. Sobre a paisaxe.

Empregaranse cores pouco rechamantes e tons mate no acabado dos aeroxeradores e das liñas eléctricas previstas no interior do parque, tanto en baixa como en media tensión, así como as de telemando, comunicacións, etcétera, estarán soterradas en gabias, tal como se indica no estudio ambiental.

A caseta de celas anexa á subestación terá a cuberta de tella e o acabado das paredes será de granito, de acordo co indicado no proxecto. Así mesmo, a cor dos centros de transformación integrarase co contorno.

O desenvolvemento do plan de revexetación, conforme avanza a obra, xunto co seguimento da súa efectividade, deberá garanti-la integración paisaxística das restantes infraestructuras do parque eólico.

9. Outras medidas.

Co fin de evitar posibles colisións de aeronaves cos aeroxeradores, deberanse instalar sinalizacións conforme a normativa OACI (Organización de Aviación Civil Internacional), de tal xeito que indiquen a presencia dos aeroxeradores.

10. Restauración.

Tódolos terreos afectados ou deteriorados pola execución das obras (marxes das vías, foxos, gabias do cableado, plataformas de montaxe, contorno da subestación, centros de transformación e das obras de drenaxe, zonas de amoreamento de materiais...) deberán ser recuperados mediante revexetación, de xeito que se restitúa a vexetación autóctona presente na zona e se favoreza a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal, garantindo o seu mantemento ó longo do tempo.

Para tal fin, levarase a cabo o Programa de recuperación de solos e vexetación incluído no estudio ambiental, realizando un seguimento da súa efectividade, tal como se prevé no plan presentado. Incrementarase a intensidade deste seguimento no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da vexetación.

Os labores de restauración realizaranse conforme avanza a obra e as distintas superficies que se vaian restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de controla-los fenómenos erosivos, arrastre de materiais e lograr unha maior integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio.

En función da súa natureza e características, a capa edáfica ou horizonte vexetal do solo será retirada previamente á ocupación do terreo, amoreada sen mesturala con outros horizontes e mantida nas condicións sinaladas no plan de restauración.

Previamente á revexetación efectuarase o acondicionamento do terreo, procedendo á súa descompactación e laboreo superficial, retirando o exceso de pedregosidade e estendendo a terra vexetal previamente amoreada. Minimizarase o estendido de terra vexetal, restrinxíndoo ás zonas alteradas que vaian ser restauradas.

Ó finaliza-las obras, retiraranse as casetas de obra e calquera outra estructura relacionada, procedendo á recuperación da zona afectada.

Así mesmo, o plan de restauración presentado debe ser completado, incluíndo a descrición e valoración económica de tódalas actuacións previstas na fase de desmantelamento e abandono do parque unha vez rematada a vida útil da instalación, tendo en conta os posibles usos futuros da área, de acordo co requirido no punto 11.6 desta DIA.

11. Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras, nun prazo de tres (3) meses desde a notificación da presente DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, que dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, catro (4) exemplares da seguinte documentación:

11.1. Estudio valorativo do estado de conservación actual dos queirogais húmidos atlánticas nos puntos onde está prevista a instalación dos aeroxeradores S-908 a S-913, e tódalas súas infraestructuras aso

ciadas, conforme o indicado no punto 6.3 desta DIA. Este estudio será realizado por técnico/s especializado/s nesta materia e deberá estar asinado polo/s autor/es, constando a súa titulación e acreditación do coñecemento da materia.

Xuntarase, sen detrimento de calquera outra información que se estime oportuna, unha reportaxe fotográfica detallada que reflicta, tralo seu replanteo, os puntos previstos para a instalación das infraestructuras e instalacións indicadas, cunha calidade que permita a corroboración dos datos que se acheguen no estudio. Así mesmo, efectuaranse propostas debidamente xustificadas de localización alternativa de aeroxeradores (indicando coordenadas UTM) e desvío de vías e gabias do cableado nos casos nos que se detecte afección, nos termos sinalados no punto 6.3 da DIA, detallando o tipo de hábitat e o seu estado de conservación nas zonas propostas para a reinstalación.

Unha vez recibido informe favorable desta dirección xeral a documentación requirida no punto anterior, presentarase:

11.2. Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, nunha única folla, no que se reflictan tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, de acordo co que se derive do cumprimento do punto anterior. Diferenciaranse as vías preexistentes das de nova construcción e aquelas que se vaian acondicionar (indicando a súa lonxitude), reflectindo, así mesmo, a poligonal do parque, accesos, dispositivos de drenaxe transversal e lonxitudinal, elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela, así como a localización prevista da zona de instalacións de obra, parque de maquinaria e amoreamento de materiais.

11.3. Novo plan de seguimento do nivel de ruído, atendendo o establecido na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, e o Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o regulamento da antedita lei, no que se inclúa:

* Nova proposta xustificada de puntos de control, tanto para a fase de obras como de funcionamento, que se recolla medicións nas zonas de Campelo, Ardamil e O Porto do Río, en substitución dos puntos do Albarado e O Cadramón, moito máis afastados da zona do parque. Xuntaráselle un plano de localización dos puntos de control, relativizándoos coas intalacións e infraestructuras previstas, a escala mínima 1:25.000 e unha táboa na que se indique a distancia dos puntos de control ó aeroxerador máis próximo.

* Proposta metodolóxica para o control das emisións nas fases de obra e funcionamento, indicando a frecuencia das medicións que se vaian efectuar. Presentación dos resultados e das conclusións.

* Resultados dunha medición do nivel de ruído na fase preoperacional, en tódolos puntos propostos.

As medicións deben ser efectuadas por entidade homologada e os informes de resultados deben estar asinados por técnico da entidade realizadora da medición. Indicarase, así mesmo, a velocidade do vento (máxima, mínima, media e desviación típica) durante o período de medición.

11.4. Resultados da campaña preoperacional de análise da calidade das augas, conforme o plan de control incluído no estudio ambiental. As analíticas serán efectuadas por laboratorio homologado.

11.5. Addenda ó plan de seguimento da incidencia do parque eólico sobre a avifauna, completando os seguintes aspectos:

* Mapificación dos itinerarios de censo, puntos de observación, áreas de campeo e nidificación e uso do espacio pola avifauna, centrándose nas especies de maior valor ecolóxico presentes na área.

* Xustificación do método empregado na definición dos limiares de risco (alerta e inadmisible) por colisión e aparición do efecto baleiro, que indiquen a necesidade de adopción de medidas correctoras específicas.

* Descrición detallada das medidas protectoras e/ou correctoras que se deben adoptar, tanto na fase de obras como na de funcionamento, no caso de acada-las situacións de risco indicadas no punto anterior, ou ante a manifestación de efectos acumulativos e/ou sinérxicos. Considerarase, entre outras, a estipulación dun período de parada dos aeroxeradores e un incremento na frecuencia dos controis que se vaian efectuar. Describiranse, así mesmo, as medidas propostas para a detección de posibles impactos imprevistos, así como as medidas protectoras de aplicación inmediata ante unha situación deste tipo.

* Busca de aves accidentadas por colisión: na selección dos aeroxeradores que haxa que revisar, terase en conta a súa posición topográfica, posible interferencia coas rutas de paso ou áreas de campeo e nidificación, e posición relativa destes no conxunto do parque, seleccionando aqueles que poidan ter unha maior incidencia sobre a avifauna. O número de aeroxeradores revisados en cada visita non será inferior ó 30%. Deberán incluírse aeroxeradores de tódalas aliñacións e nas sucesivas visitas incorporaranse novos aeroxeradores ata determina-la posible afección da totalidade destes. Incluirase unha valoración da distorsión que pode introducir nos resultados das campañas e na estimación de índices de colisión o diferente esforzo de mostraxe realizado, condicións climáticas durante as mostraxes, detectabilidade e desaparición dos cadáveres por necrófagos, así como os factores de corrección que hai que introducir para corrixir posibles desviacións. A frecuencia das visitas será como

mínimo mensual, prevéndose unha visita quincenal nas épocas reproductoras e de paso migratorio, en función dos resultados das campañas de caracterización da avifauna, así como unha redefinición en función dos resultados

do seguimento, aumentando a frecuencia no caso de detectarse afección.

* Caracterización do paso e movementos de aves na área, independentemente da súa tipoloxía, tendo en conta a información achegada no estudio ambiental e calquera outra que se estime oportuna (revisión bibliográfica ou experiencias noutros parques da zona), incluíndo a realización das campañas de mostraxe necesarias para achegar información sobre as especies e tipoloxía do paso, nº de aves, períodos de paso, altura do voo, traxectoria e sentido dos movementos, incluíndo unha valoración dos datos obtidos en relación á incidencia sobre a avifauna e os limiares de risco respecto do previsto no estudio ambiental e estudio de sinerxias presentados polo promotor.

11.6. Addenda ó plan de restauración presentado, que inclúa a descrición e valoración económica de tódalas actuacións previstas para o desmantelamento e abandono do parque, integrada por memoria, planos, prego de condicións e orzamento, que conteña medicións debidamente xustificadas, cadro de prezos unitarios, unidades de obra con prezos descompostos, orzamentos parciais, orzamento total de execución material e orzamento total de execución por contrata.

11.7. Addenda ó programa de vixilancia ambiental, na que se desenvolva con detalle o plan de control e vixilancia ambiental proposto no estudio ambiental, tanto na fase de obras como na de funcionamento, especificando os indicadores ambientais, controis que se vaian realizar, a súa periodicidade e os limiares que determinarán a existencia dunha posible afección, así como os medios materiais e humanos que se empregarán no seu desenvolvemento.

Consideraranse tódolos factores obxecto de seguimento ambiental que non dispoñan de plans específicos de seguimento. Incluirase unha relación completa das medidas protectoras e correctoras obxecto de seguimento, debidamente desenvolvidas, unha planificación dos labores de vixilancia, acorde co plan de obra, e o desenvolvemento do plan de control de eficacia proposto no estudio ambiental.

11.8. Copia da autorización do proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento arqueolóxico durante a fase de obras, conforme o indicado no punto 7 da presente DIA. En ningún caso poderán iniciarse as obras sen a autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respecto do indicado neste punto.

Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o seu resultado, e non se poderá proceder ó inicio das obras ata que conte co informe favorable da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Unha vez emitido informe por esta dirección xeral sobre o cumprimento do indicado nos puntos anteriores, o promotor comunicaralle a esta dirección xeral a data de inicio das obras, remitindo como

mínimo 48 horas antes do seu comezo, un cronograma de obras actualizado, que conteña tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de inicio e fin e a duración prevista.

12. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras incluídas no estudio ambiental e no condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo e coa periodicidade indicada, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

12.1. Durante a execución das obras, con carácter mensual, presentarase:

a) Cronograma de obras debidamente actualizado, con tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de avance respecto ó total. No cronograma figurará a data de actualización.

Con carácter trimestral, presentarase un informe de obras que inclúa:

a) Resultados das medicións do nivel de ruído, en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento durante a realización da medición. As medicións serán efectuadas por entidade homologada e os informes presentaranse asinados por técnico desa entidade. Deberá indicarse a velocidade do vento (máxima, mínima, media e desviación típica) durante o período de medición.

b) Resultados do plan de control da calidade das augas, funcionamento dos dispositivos de drenaxe e condicións de incorporación á rede natural, conforme o indicado no punto 3 desta DIA.

c) Informe, xunto con reportaxe fotográfica, onde se describa o desenvolvemento dos traballos, controis ambientais efectuados (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras (control de eficacia), tanto as indicadas na documentación avaliada como as establecidas nesta declaración, incidencias ou imprevistos acontecidos, labores de restauración levados a cabo, xestión dos residuos de obra, protección dos hábitats naturais, etcétera. O informe reflectirá o cumprimento das condicións establecidas na declaración, en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados dela. Nas fotografías indicarase a data e hora, xuntándolles un plano de localización.

e) Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real das obras e porcentaxe de execución respecto ó total, referido ós distintos elementos que conforman o proxecto: vías, aeroxeradores, plataformas de montaxe, gabias do cableado, subestación, etcétera.

12.2. Ó final das obras, comunicarase a data prevista para a posta en marcha da instalación. No prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, presentarase un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:

a) Memoria onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras, controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia (indicando datas das visitas), medidas protectoras e correctoras levadas a cabo e resultado destas (control de eficacia), incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, destino dos sobrantes de terras, residuos de obra e biomasa vexetal e descrición detallada do estado final da área afectada, en relación con tódolos aspectos incluídos no estudio ambiental e no condicionado desta declaración.

b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, subestación, MT, estado das vías, drenaxes e foxos, gabias do cableado, estado de limpeza da área, en especial da zona destinada a instalacións de obra, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, xuntándolles un plano de localización.

c) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados.

d) Documentación acreditativa de ter notificada a pequena producción de residuos perigosos para a fase de explotación, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

e) Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real de tódalas instalacións e infraestructuras do parque, correspondente a un levantamento topográfico da obra realizada, indicando, así mesmo, as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras de carácter ambiental.

12.3. Seguimento ambiental semestral, contado a partir do inicio da explotación, durante os dous primeiros anos desta. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Resultados das medicións do nivel de ruído na fase de funcionamento do parque, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición e a duración desta. Os resultados da primeira medición realizada serán remitidos no momento no que sexan obtidos. Así mesmo, deberá indicarse a

velocidade do vento (máxima, mínima, media e desviación típica) durante o período de medición.

b) Resultados do control do funcionamento dos dispositivos de drenaxe, mantemento do réxime hídrico, calidade das augas e condicións de incorporación das augas á rede natural de drenaxe, de acordo co indicado no punto 3 da DIA.

c) Resultados do plan de seguimento de avifauna, conforme o indicado no punto 6.1 desta DIA.

d) Informe, xunto con reportaxe fotográfica detallada, no que se describan os resultados da aplicación do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías, noiros, drenaxes, foxos, gabias do cableado e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detalle dos controis ambientais efectuados (indicando datas das visitas) para verifica-la eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas, avaliando o seu resultado. Descrición das posibles incidencias en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados da DIA. Nas fotografías indicarase a data e hora, xuntándolles un plano de localización.

12.4. Seguimento ambiental anual: presentarase a partir do segundo ano de explotación e terá, salvo indicación en contra por parte desta dirección xeral, os contidos do informe requirido no punto anterior.

12.5. Seguimento dos posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos: xunto cos informes de seguimento ambiental, achegarase un anexo cos resultados do seguimento dos posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos deste parque cos do seu contorno, e a súa valoración para cada un dos factores estudiados, conforme o documento Estudio valorativo de los posibles impactos acumulativos o sinérgicos, prestando especial atención á avifauna e hábitats protexidos e indicando as medidas protectoras e/ou correctoras adoptadas no caso de producirse a aparición deste tipo de efectos.

12.6. Informe previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, remitirase o cronograma previsto das actuacións de desmantelamento e abandono da instalación. Se é o caso, xuntarase un informe indicando as posibles variacións respecto do previsto na addenda que se vaia presentar de acordo co punto 11.6 desta DIA, xunto coa súa xustificación.

12.7. Informe posterior ó abandono: no prazo de dous (2) meses contados a partir do fin das accións para o desmantelamento e abandono da instalación, remitirase un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión aplicada ós residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Xuntaráselle reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.

No caso de que se detecten durante o seguimento ambiental que se efectúe, en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente a esta dirección xeral, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas.

13. Condicións adicionais.

13.1. Para efectos de seguimento da presente declaración, o órgano substantivo comunicaralle a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

13.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Nembargantes, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, declarando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicándolle o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.

13.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano substantivo, que llo comunicará ó órgano ambiental.

13.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente, a través do órgano substantivo, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando, así mesmo, se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

13.5. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ó ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

Proponse como importe provisional do aval, que deberá fixa-lo órgano substantivo, o 4% do investimento previsto, que ascende á cantidade de sete

centos dezaseis mil douscentos noventa e nove con dous (716.299,2) euros (119.182.158 pesetas). O importe definitivo do aval proporase cando o promotor presente o orzamento completo do plan de restauración, tendo en conta o requirido no punto 11.6 da presente DIA.

13.6. O órgano ambiental, iniciativa propia ou proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera intre e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

13.7. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes sexan corrixidos.

13.8. O incumprimento total ou parcial, por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

13.9. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de lles solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións desta, incluído, se é o caso, o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou normas subsidiarias.

13.10. O proxecto de referencia estará ó abeiro do disposto na Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

13.11. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

13.12. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata que sexa cumprido este trámite.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto denominado Parque eólico ampliación de Álabe-Soán. Julio 2000, promovido pola empresa Acciona Eólica de Galicia, S.A., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 29 aeroxeradores e a súa infraestructura asociada, nos concellos de Muras e O Valadouro (Lugo), que constitúe unha ampliación do actual parque eólico Álabe-Soán.

Os aeroxeradores disporanse na Serra do Xistral, nas zonas de cumio e ladeira dos montes O Porto do Río, As Penas Grandes e Veiga Mol da Torre, entre outros, distribuídos en catro agrupacións localizadas no interior do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

618.3954.816.730

619.1404.816.450

619.0004.815.843

616.3004.816.700

615.5284.817.509

615.9144.818.064

616.1004.817.900

616.6004.818.900

617.7504.817.035

617.9254.817.775

618.7754.817.640

618.8854.817.245

As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:

* Número de aeroxeradores: 29.

* Modelo: NEG MICON NM 750/44-48.

* Potencia unitaria por aeroxerador: 750 kW.

* Potencia total instalada: 21,75 MW.

* Altura das torres: 55 m.

* Diámetro do rotor: 48 m.

* Producción neta anual prevista: 66.212 MWh/ano.

* Investimento previsto: 17.907.479,96 euros, equivalentes a 2.979.553.962 pesetas.

A obra civil inclúe a creación de 5.575 m de vías de acceso e servicio ós aeroxeradores e de comunicación con outras fases do aproveitamento eólico na zona, cun largo de rodadura de 4 m, pavimentados con dobre tratamento superficial e dotados de foxos de 0,75 m para a recollida e evacuación de pluviais, que estarán revestidas nos tramos de maior pendente. Prevese a execución de 10.675 m de gabias de conducción do cableado, cun ancho máximo de 80 cm. A duración estimada da fase de obras é de trece (13) meses.

O proxecto prevé, así mesmo, a construcción dunha subestación transformadora de tensión 20/132 kV, cunha caseta anexa para as celas de tensión e cinco centros de recollida de media tensión, que conectarán os aeroxeradores entre si en grupos de 4, 6 ou 7, co obxecto de optimiza-lo transporte da enerxía xerada. A evacuación da electricidade realizarase a través dunha liña aérea a 132 kV que será obxecto de proxecto independente, segundo se indica no estudio ambiental. Os labores de control realizaranse desde o edificio de control do parque eólico Álabe-Cuadramón, pertencente á mesma empresa promotora.

Medidas preventivas e correctoras

Protección da atmosfera.

* Rega das superficies cando as obras coincidan co período de estiaxe.

* Realización dun control das emisións de ruído e introducción dun apantallamento en caso necesario.

Protección do solo.

* Disposición das gabias do cableado paralelas e estremeiras coas vías en boa parte do seu percorrido.

* Determinación da localización das instalacións auxiliares de obra utilizando na medida do posible as áreas máis degradadas á vista dun experto.

* Evita-la ocupación das formacións turberiformes e pasteiros existentes na área do parque eólico ou nas súas proximidades polas instalacións provisionais, así como as chairas de inundación e zonas próximas a fontes ou áreas de captación de auga con contornos de solos hidromorfos.

* En ningún caso se realizará ningún tipo de incisión en áreas coas formacións anteriores, evitando así a modificación das condicións de drenaxe e desecación de zonas húmidas, agás no que respecta á construcción das gabias do cableado que enlazarán as dúas aliñacións máis occidentais coas aliñacións de Álabe-Soán. Neste caso, as gabias abriranse a pé e con pa, para evita-la compactación da formación turbosa, procedendo ó recubrimento final co material rozado e á súa consolidación, para evitar fenómenos erosivos.

* Control topográfico dos límites de escavación e reducción do uso de terras de recheo.

* Reducir ó estrictamente necesario o movemento de terras e a ocupación derivada dos labores de obra civil.

* Realiza-los amoreamentos de terra vexetal e outros préstamos cunha altura máxima de 1,5 m e con criterios de mantemento que garantan a conservación das súas propiedades, grao de humidade, especialmente dos solos con horizonte H.

* Humectación continua en tempos de seca, tanto dos amoreamentos como das zonas de explanación.

* Estabilizar inmediatamente os noiros, terrapléns e materiais mobilizados, empregando mallas para evitar desprazamentos.

* Minimiza-la superficie ocupada polas instalacións necesarias durante esta fase.

* Preserva-los afloramentos rochosos con interese xeomorfolóxico ou botánico.

* Adecua-la superficie de ocupación das plataformas eólicas á topografía da zona e reducir na medida do posible a dita superficie, evitando o sobredimensionamento e aproveitando as vías existentes e as de nova construcción.

* Minimiza-la compactación tanto nas plataformas eólicas como nas zonas non ocupadas directamente polas instalacións, pero que poidan ser empregadas para a manobra da maquinaria.

* Controla-lo diámetro de perforación nas voaduras e evita-lo sobredimensionamento.

* Revexetación de tódalas zonas desprovistas de vexetación, incluíndo noiros pedregosos.

* Control e vixilancia continuados durante a fase de obras, especialmente durante a apertura de vías, construcción das zapatas e instalación dos aeroxeradores. Plan de recuperación de solos e vexetación.

* Control de eficacia das medidas correctoras adoptadas. No caso de que durante a fase de construcción se comprobe a existencia de formacións que requiran especial preservación, procederase ó replanteo dos labores de execución de obra civil.

* Acondicionamento e rehabilitación das zonas afectadas, redistribuíndo os amoreamentos procedentes dos movementos de terras, recuperación da morfoloxía superficial, acabado e sustentación de terrapléns e noiros. Plan de recuperación de solos e vexetación.

Protección da rede hidrolóxica.

* Preserva-las formacións de turbeira existentes no polígono do parque ou nas súas proximidades e as augas dos cursos hidrográficos, adoptando as medidas correctoras recollidas para o tratamento dos solos.

* Instalaranse trampas de sedimentos ou mallas para controla-la escorrega, reducirase ó mínimo o uso de materiais de recheo e construiranse foxos amplos.

* Evitar no posible as afeccións a leitos superficiais, restituíndo a achega de caudais ás vertentes orixinais, evitando a aparición de canles de drenaxe.

Protección da vexetación.

* Mante-lo hábitat existente, reducindo de forma sistemática o grao de ocupación e compactación derivado de calquera obra civil.

* Emprego de técnicas adecuadas de roza da vexetación, que favorezan a revexetación polas especies da zona nas áreas afectadas polas obras.

* Aínda que as instalacións do proxecto non modifican substancialmente as formacións de vexetación de maior valor da zona, deberán terse en conta as medidas correctoras propostas para o solo, co fin de evitar efectos indirectos non desexados.

Protección da fauna.

* Deseño das torres e pas dos aeroxeradores de xeito que diminúan a posibilidade de colisión de aves. Tecnoloxía de control e funcionamento para evita-los episodios de colisión.

* No caso de detectarse un elevado número de colisións, retrasarase a entrada en funcionamento dos aeroxeradores máis conflictivos.

* Realización dun seguimento da incidencia do parque sobre a avifauna.

ANEXO II

Resumo dos informes

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable sobre o estudio de impacto ambiental, aceptando as medidas correctoras do estudio de impacto sobre o patrimonio arqueolóxico, cos seguintes condicionantes que se incluirán na correspondente declaración ambiental:

1. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. Para tal fin, e previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

2. Previamente á fase de replanteo é necesaria a realización de sondaxes arqueolóxicas na zona e no xacigo do Porto do Río (ZO000712B02 e YA000622D01).

3. Durante a fase de execución de obra, procederase a:

* Roza controlada, polo equipo de arqueólogos do proxecto, de tódalas remocións de terra que se realicen nas zonas de Campelo (ZO000712B01) e O Porto do Río (ZO000712B02).

* Inspeccións dos terreos rozados, dos perfís das gabias e de tódalas áreas onde se realicen remocións de terras.

4. De acordo cos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

5. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural emite informe no que, tras efectuar unha descrición do proxecto avaliado, efectúa as seguintes consideracións:

As instalacións e infraestructuras do proxecto sitúase ó norte da proposta de LIC denominada Serra do Xistral. Este espacio atópase, na actualidade, no rexistro xeral de espacios naturais en réxime de protección xeral, establecido así na Orde do 7 de xuño de 2001.

As presentes obras, en caso de executarse, xerarán unha afección a algunhas das formacións vexetais e hábitats que serviron para incluí-lo espacio no citado rexistro. Afección que se produce como con

secuencia da ocupación do solo con elementos permanentes (zapatas dos aeroxeradores, gabias do cableado, pistas...). En concreto, e de acordo co estudio presentado, o hábitat prioritario maiormente afectado corresponderíase cos queirogais húmidos atlánticos meridionais con Erica ciliaris e Erica tetralix; pódense identifica-las instalacións e infraestructuras que os afectan a través dos aeroxeradores que se distribúen sobre estes queirogais, que van do S-908 ó S-913.

En todo caso, os aeroxeradores deberán distribuírse sobre as áreas máis degradadas, de forma que non se comprometa o mantemento ou restablecemento dos hábitats referidos nun estado de conservación favorable, conservación que reviste unha maior fraxilidade naqueles hábitats ligados fortemente á dinámica hídrica, como son os hábitats turbófilos e higroturbófilos (queirogais húmidos e turbeiras).

Se ben ó longo dos parágrafos anteriores se fixo fincapé na afección introducida pola colocación dos aeroxeradores, debe facerse extensivo ás demais instalacións e infraestructuras que lles fan acompañamento.

Por outro lado, hai unha serie de aves de elevado valor ecolóxico, así recoñecido en diversas lexislacións tanto nacionais como en directivas europeas. Estas aves, como consecuencia da situación con proxecto, sofren unha posible afección traducible nunha mingua das súas poboacións ou incluso na súa desaparición. Afección que pode ser debida ó efecto baleiro do parque, á colisión das aves cos aeroxeradores e á colisión ou electrocución coa liña de alta tensión (non recollida no estudio). É destacable que o hábitat prioritario presente na área é dos máis importantes para a conservación das aves, dentro delas as anteriores.

En relación coa documentación presentada, cabe indicar que só aparece unha sinatura na primeira folla, carecendo de rúbricas tanto o texto como a información gráfica que se inclúe nel. Polo que respecta á documentación gráfica, aparece unha pluralidade de supostas procedencias e, dada a carencia absoluta de sinaturas, aparentemente non existe ningún responsable sobre o contido e veracidade da devandita información.

Ademais das afeccións e posibles afeccións antes expostas, detectáronse outros aspectos que revisten importancia, independentemente da figura de protección. A continuación, expoñemos estes aspectos:

1. En relación coas aves, existen contradiccións entre os distintos puntos do estudio ambiental e o anexo específico de aves; considérase válido o anexo, sempre que non haxa unha manifestación en contra. No referente ó plan de seguimento, vai presentar un nesgo de gran importancia por non considera-la liña de evacuación e a presencia doutros parques no contorno. A consideración dos efectos sinérxicos na zona considérase viable, ademais de fundamental para reduci-los erros nos resultados finais. A súa viabilidade baséase fundamentalmente en que tódo

los estudios ambientais dos parques eólicos na área de influencia do parque foron feitos polo mesmo equipo de profesionais, co cal as posibilidades de coordinación son máximas. Na estimación da mortandade deben corrixirse os erros intrínsecos das mostraxes, debidos ó observador, efecto do sitio e do hábitat, desaparición de cadáveres por necrófagos e efectos debidos ó obxecto de estudio, as aves.

En relación cos limiares de alerta, acoutaranse cunha metodoloxía rigorosa, explícita e susceptible de comparación, con criterios cuantitativos e cualitativos, co fin de determina-la adopción das medidas oportunas, como pode se-la estipulación dun período de parada dos aeroxeradores por mortandade temporal de aves. En definitiva, deberíanse integra-lo conxunto dos plans de vixilancia, así como os resultados e as medidas desprendidas deles nun plan xeral que abarque o conxunto dos parques na Serra do Xistral, xustificando a viabilidade e necesidade desta proposta por tratarse dun espacio con hábitats fundamentais para as aves, que o equipo que se encargou do estudio ambiental e do de aves é o mesmo, que a integración nun plan xenérico reduciría os custos e que os resultados finais terían unha calidade moi superior, podendo determinar medidas máis rigorosas con base nestes.

2. Outro aspecto relevante que non se considera no estudio é o relativo ó trazado e afección da liña de evacuación da enerxía xerada. Debemos ter en conta que a consideración en dúas fases minimiza os posibles efectos sinérxicos negativos, nesgándose a información do estudio. Outros aspectos xeradores de sinerxias, non considerados no estudio ambiental, son a presencia na área de máis proxectos de parques eólicos e liñas de alta tensión.

3. Para evita-la posible afección ós cursos fluviais, deben adoptarse as medidas precisas para evita-la vertedura de substancias contaminantes ós cursos de auga (cementos, entullos, aceites...). En xeral, non poderá verse afectada a calidade das augas nas súas características físico-químicas e bióticas, cumprindo para iso o considerado na lexislación vixente. En relación co tema terase en conta:

-Non se acumularán nos leitos naturais nin nas zonas de servidume, terra, entullo, material sobrante da construcción ou calquera outro tipo de substancias contaminantes que poidan incorporarse ós cursos de auga por escorregas ou crecidas do caudal.

-Evitarase no posible o arrastre de sólidos en suspensión.

-Prohíbese o lavado de materiais e utensilios nos ríos ou regatos.

-Vixiaranse con especial atención os posibles procesos erosivos ocasionados polas drenaxes das pistas, tomándose as medidas oportunas para solventar posibles imprevisións durante a planificación ou execución, facendo un seguimento periódico no plan de vixilancia durante a vida do parque.

4. As medidas correctoras e protectoras deben quedar definidas a nivel executable, incluíndose nos correspondentes cronogramas e programándose dentro do plan de obra, tendo en conta que a integración ambiental non é un tema menor subordinado á funcionalidade da obra, antes ben o medio é anterior á actuación e é esta a que debe subordinarse a aquel. Así mesmo, deben establecerse os custos e as medidas de xestión correspondentes.

5. Con independencia do previsto no plan de vixilancia do estudio ambiental, durante o replanteo e a execución deberanse efectua-los controis oportunos para garantir que non se produzan impactos imprevistos. No momento en que se detecte un posible impacto tomaranse as medidas necesarias para evitalo, comunicando ó correspondente Servicio de Medio Ambiente Natural tal situación, así como as medidas que se planifica adoptar. En todo caso, paralizaranse aquelas obras susceptibles de produciren a devandita afección, mentres o organismo competente non se pronuncie. Dentro destas afeccións deben ser obxecto de especial atención as dirixidas sobre especies ou ecosistemas que posúan figuras de protección.

Para o cumprimento dos obxectivos expostos, deberanse incluír no plan de seguimento e vixilancia os medios precisos para a súa execución, medios que pasan fundamentalmente por un seguimento efectuado por profesionais especializados e capacitados, tanto para a detección destes elementos de especial interese, como do potencial impacto que sobre eles poida recaer, así como as medidas que se deben aplicar para evitalos.

Apréciase como fundamental o posible impacto negativo sobre as aves, debendo polo tanto completarse o estudio de avifauna, indicando zonas de nidificación, áreas de campeo, sen por isto obvia-los aspectos para completar no plan de seguimento de aves, sendo crucial as medidas que se adopten en función dos limiares críticos, entre eles a parada dos aeroxeradores en caso de mortandades significativas.

No caso de estima-la execución do proxecto, cóidase de interese a consideración dos puntos do informe con vistas a unha maior integración da actividade no contorno.

A Dirección Xeral de Obras Públicas informa que a realización deste proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que atinxe ó uso e á defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten os terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

A Dirección Xeral de Turismo emite informe de incidencia turística do proxecto, que inclúe os seguintes puntos: consideracións previas, localización (describindo os aspectos naturais, socioeconómicos e o patrimonio cultural da Serra do Xistral), características das instalacións propostas, valora

ción da incidencia turístico-ambiental e principios normativos nos que se basea o informe.

As conclusións finais indican que a iniciativa recollida no proxecto se estima desfavorable. Nembargantes, e a pesar de que o polígono do parque está incluído na Serra do Xistral e polo tanto protexido como parte da Rede Natura 2000, dadas as circunstancias actuais do contorno inmediato, é dicir, a presencia de numerosos parques eólicos, estímase que a implantación deste parque é viable desde o punto de vista turístico, por ter entendido que, desde unha óptica xeral e non particular, a zona ten perdidas e alteradas aquelas características máis sinalables para a súa potenciación ou explotación.

A Dirección Xeral de Industria emite informe favorable que inclúe un resumo das características básicas do proxecto, da tramitación realizada, dos informes emitidos polos organismos consultados, dos resultados de información pública e unha proposta de condicionado ambiental, que inclúe os seguintes puntos:

-Ámbito territorial de actuación.

-Impacto causado pola ocupación do terreo.

-Residuos.

-Flora e fauna.

-Impacto visual.

-Urbanismo.

-Programa de vixilancia ambiental.

O organismo autónomo Augas de Galicia emite un informe que inclúe a descrición das unidades de coñecemento na zona do parque e un resumo das características do proxecto avaliado, xunto co seguinte condicionado:

En todo momento, durante a construcción e na fase de explotación deberán terse en conta as medidas protectoras de non alteración dos cursos fluviais e a prohibición de verter refugallos neles, no caso de que estes se producisen, prohibíndose o lavado de camións e formigoneiras e o cambio de aceite da maquinaria de construcción nas proximidades dos leitos dos regatos afectados.

A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de tal xeito que trala construcción do parque eólico, a súa calidade e clasificación sexa a mesma que antes do inicio das obras.

Un condicionante básico que entender desta área, sería que a futura autorización reflectise que a instalación se axustará ó cumprimento do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa e ás súas directrices, en todos aqueles aspectos que lle sexan de afección.

Se co motivo da realización dalgún acceso ou vía con gabia do cableado se produce algún cruzamento cun curso fluvial, serán necesarias medidas de protección e corrección dos seus efectos, sendo en todo caso preceptiva a autorización do organismo Augas de Galicia, segundo o establece o Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba

o Regulamento do dominio público hidráulico e a Lei de augas 29/1985.

En definitiva, este servicio considera que a instalación do citado parque eólico non produce alteracións importantes en relación coa planificación hidrolóxica da zona, sempre e cando se cumpran as medidas preventivas e correctoras, durante a fase de construcción e período de explotación, especificadas no presente informe.

Non obstante, faise indispensable unha correcta execución das vías, de tal xeito que a incidencia sobre a rede hidrolóxica da zona sexa mínima, evitando sobre todo a vertedura accidental de substancias contaminantes.

No caso de que, como consecuencia da explotación deste parque eólico se producisen verteduras ou captacións á rede hidrolóxica, ou cruzamentos da rede fluvial, será necesaria a obtención por parte do explotador das preceptivas autorizacións, que se tramitarán, segundo a lexislación vixente, ante o organismo Augas de Galicia.

ANEXO III

Resumo da alegación

Rafael Casabella Castro, como presidente da Comunidade do Monte Veciñal en Man Común do Cadramón, indica que os terreos afectados polas obras que se van executar no termo de Val de Ouro son propiedade da CMVMC do Cadramón e alega que os aeroxeradores producen un ruído continuo e molesto que altera a normal existencia dos veciños que viven nos lugares máis próximos, estando previstos no proxecto aeroxeradores moi próximos a vivendas.