Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Mércores, 15 de maio de 2002 Páx. 7.137

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 10 de xaneiro de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de parque eólico Álabe-Mareiro, situado no concello de Ourol (Lugo), promovido pola empresa Acciona Eólica de Galicia, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 9 de novembro de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de parque eólico Álabe-Mareiro no concello de Ourol (Lugo), promovido por Acciona Eólica de Galicia, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2002.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora:

* Parque eólico Álabe-Mareiro. Proyecto. Mayo 2000.

* Parque eólico Álabe Mareiro. Estudio de impacto ambiental. Mayo 2000.

* Parque eólico Álabe-Mareiro. Anexo al proyecto básico. Julio 2000, que contén aclaracións a cuestións formuladas pola delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio en Lugo.

* Estudio de accesos. Parques eólicos 1ª, 2ª, 3ª y 4ª fase.

* Estudio valorativo de los posibles impactos acumulativos o sinérgicos.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer pola presente DIA as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio ambiental e documentación complementaria, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese en exclusiva ó proxecto denominado Parque eólico Álabe-Mareiro, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 21 MW de potencia total no concello de Ourol (Lugo), constituído por 28 aeroxeradores modelo NEG-MICON NM 750/44-48 de 750 kW de potencia unitaria, dispostos en catro agrupacións na zona norte da Serra do Xistral, dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

614.6534.824.657

616.2404.823.826

616.3144.824.423

617.5594.824.286

617.8504.824.051

618.0894.823.323

617.6894.822.868

618.5774.821.842

618.0004.821.400

616.9854.822.790

614.2074.824.345

Atendendo ó exposto nos puntos 6.3 e 7 desta DIA, procederase á redistribución dos aeroxeradores M-721 a M-728, así como das súas infraestructuras asociadas, conforme as condicións sinaladas nos citados puntos.

A localización e coordenadas UTM dos anteditos aeroxeradores, así como a disposición das súas infraestructuras asociadas establecerase, se é o caso, unha vez sexa recibida, avaliada e informada favorablemente a documentación requirida no punto 11.1 da DIA.

Respecto da subestación transformadora, os aeroxeradores M-701 a M-705 e M-714 a M-716 e as respectivas infraestructuras asociadas, dado que a localización prevista podería variar á vista dos resultados do estudio requirido no punto 11.2 da DIA, a localización definitiva destas infraestructuras e instalacións establecerase unha vez sexa recibido, avaliado e informado favorablemente o estudio requirido no antedito punto da DIA.

A localización dos aeroxeradores e infraestructura asociada ó parque eólico será a que se recolle nos planos Parque de Mareiro. Infraestructura. Áreas de investigación e implantación. 1MAACC 0020 e Parque de Mareiro. Planta general de zanjas. 1MACAE0011, do estudio de impacto ambiental, agás para o que se derive do cumprimento do indicado nos parágrafos anteriores.

As coordenadas UTM dos 12 aeroxeradores con posicións definidas son as seguintes:

AeroxeradorUTM XUTM Y

M-706617.4704.824.183

M-707617.3644.823.924

M-708617.4224.823.801

M-709617.5004.823.711

M-710617.5514.823.602

M-711617.5914.823.489

M-712617.7704.823.353

M-713617.7924.823.235

M-717617.2264.823.126

M-718617.4254.822.895

M-719617.4834.822.791

M-720617.5404.822.685

2. Protección da atmosfera.

2.1. Sobre a emisión de po.

Durante a fase de obras procederase, nos períodos de seca, á humectación continua das vías e das zonas onde se estean a realizar movementos de terras, co fin de evita-lo levantamento excesivo de po. Así mesmo, os camións de transporte de terras irán cubertos con lonas.

2.2. Sobre a contaminación acústica.

Os niveis de presión sonora no parque e nas vivendas máis próximas non poderán supera-los valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

Para tal fin, realizarase un seguimento do nivel de ruído durante as fases de construcción e funcionamento do parque, nos puntos de control propostos no estudio de ruídos incluído no estudio ambiental.

3. Protección das augas e leitos fluviais.

Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga precisará da autorización de Augas de Galicia, segundo se establece na Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas, e no Real decreto 849/1986, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico, axustándose ás directrices do Plan hidrolóxico de Galicia-Costa.

Realizarase un control do funcionamento dos dispositivos de drenaxe proxectados (tanto transversais como lonxitudinais) e das condicións de incorporación das augas á rede natural de drenaxe, co fin de comprobar que non se producen alteracións no

réxime hídrico preexistente e verifica-la eficacia das medidas correctoras propostas no estudio ambiental, anexo de afección a leitos e estudio hidrolóxico presentados polo promotor.

A achega das augas das drenaxes transversais e lonxitudinais á rede hidrográfica farase gradualmente, instalando sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía á saída das drenaxes, co fin de evitar erosións, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación ós cursos naturais.

Extremaranse as precaucións na execución das obras nas zonas de afección potencial directa, indirecta e por acondicionamento, de acordo co descrito no estudio hidrolóxico presentado, debendo contar coa supervisión directa do equipo de seguimento ambiental durante a súa realización.

A medida que avanza a obra procederase á estabilización dos noiros de desmonte e noiro resultantes da execución das vías, así como das plataformas de montaxe, foxos e zona da subestación, mediante a súa revexetación, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas. Nas zonas de maior pendente empregaranse mallas antiescorrega e calquera outra medida necesaria para evita-lo arrastre de materiais ladeira abaixo.

Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais ou áreas hidromorfas, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evita-la súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial. Non está permitida a lavada de maquinaria e materiais nos cursos de auga.

Non estando previsto no estudio ambiental presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra e que conten coas debidas autorizacións.

Co fin de controlar que a calidade das augas non resulte afectada, tanto na fase de obras como na de funcionamento levarase a cabo o plan de control da calidade das augas proposto no estudio ambiental.

4. Protección do solo.

Realizarase un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, que se axustará ó establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.

Procederase á delimitación das distintas zonas de obra, mediante un balizado que se manterá en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirado cando estas finalicen.

As infraestructuras asociadas á construcción do parque eólico executaranse de acordo coas especificacións técnicas e dimensións sinaladas no proxecto, non permitíndose o seu sobredimensionamento. A circulación de vehículos e maquinaria no parque restrinxirase ás vías.

Na realización das voaduras disporanse os medios materiais necesarios (redes, mallas ou lonas) que impidan a proxección de fragmentos de rocha ó contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona.

No caso de deterioración das vías ou calquera outra infraestructura ou instalación preexistente debido ós labores de construcción do parque, deberá restituírse a súa calidade ós niveis previos ó inicio das obras.

Nos movementos de terras equilibrarase ó máximo o volume de desmonte co de noiro, tendo en conta que se trala finalización das obras existise material sobrante das escavacións, será retirado e depositado en lugar autorizado por órgano competente. Así mesmo, no caso de precisar materiais de préstamo, deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada, indicando a localización, extensión e volume do préstamo que se vaia efectuar.

Para a localización das instalacións de obra seleccionarase un lugar de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga, zona hidromorfa ou área de protección arqueolóxica, tendo en conta o indicado na DIA do parque eólico Álabe-Leste, de data 5 de novembro de 2001, respecto do seu uso conxunto para estes dous parques.

A realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten os terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

5. Sobre os residuos.

Tódolos residuos xerados, tanto na fase de obras como na de funcionamento do parque, serán xestionados conforme a súa natureza, recibindo o tratamento disposto na lexislación vixente. Neste sentido primarase a reciclaxe ou reutilización fronte ó vertido.

Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de construcción realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derrames accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (non autorizada para circular por estradas, por exemplo), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables.

Ó finaliza-las obras, e antes do inicio da fase de explotación, a zona debe quedar totalmente limpa, procedendo á retirada e xestión de tódolos residuos da obra.

Os residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, atendendo ós criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia.

Mentres non se produzan as sucesivas entregas ó xestor, durante a fase de construcción os contedores localizaranse na zona de instalacións de obra e durante a fase de explotación disporanse na caseta anexa á subestación.

6. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

6.1. Sobre a fauna.

Respecto á avifauna, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determina-la existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacio

nais e detectar posibles cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presencia dos aeroxeradores.

Neste sentido, levarase a cabo o plan de seguimento de avifauna proposto no estudio ambiental, debendo ser completado o seu contido, de acordo co requirido no punto 11.5 desta DIA.

6.2. Sobre a vexetación.

A eliminación da vexetación nas diferentes zonas afectadas polas obras reducirase ó estrictamente necesario, efectuándose mediante sistemas de roza.

Previamente á corta de arboredo realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

Calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira precisará da preceptiva autorización ou informe, segundo o caso, do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural, tal como se establece na Lei 7/1992, de pesca fluvial, e no Decreto 130/1997, que desenvolve o regulamento da antedita lei.

Será preciso xestiona-la biomasa vexetal eliminada, primando a súa valorización, tendo en conta que non se pode proceder á queima destes restos. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, deberá procederse a súa trituración e espallado homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ó solo.

6.3. Sobre os hábitats naturais.

Co fin de garanti-la preservación dos importantes valores ambientais que se concentran na área reflectida no anexo IV desta DIA, na que calquera afección pode modifica-la estructura e composición dos ecosistemas presentes e dos seus valores ambientais asociados, dada a súa baixa capacidade de homeostasia e resiliencia, deberán redistribuírse, fóra da citada área, os aeroxeradores M-721 a M-728, xunto coas súas infraestructuras asociadas.

Para tal fin, deberá presentarse unha proposta de localización alternativa das anteditas infraestructuras e instalacións, de acordo co requirido no punto 11.1 desta DIA.

Os aeroxeradores M-701 a M-705, M-714 a M-716, xunto coas súas infraestructuras asociadas, así como a subestación transformadora de tensión, deberán distribuírse sobre as áreas máis degradadas das formacións de breixeiras húmidas atlánticas meridionais con Erica ciliaris e Erica tetralix sobre as que está prevista a súa instalación, de xeito que non se comprometa o seu mantemento ou restablecemento nun estado de conservación favorable.

Neste senso, presentarase un estudio valorativo do estado de conservación actual destas breixeiras nos puntos onde está prevista a implantación das infraestructuras e instalacións indicadas no parágrafo anterior, de acordo co requirido no punto 11.2 desta DIA.

En calquera caso, prestarase especial atención en non compromete-la persistencia dos hábitats naturais prioritarios e de interese comunitario presentes no polígono do parque, asegurando o seu mantemento ou restablecemento nun estado de conservación favorable, tal como se establece na Directiva 92/43/CEE,

relativa á conservación dos hábitats naturais e da flora e fauna silvestres.

Para tal fin, durante as fases de replanteo, apertura de vías, execución de cimentacións, explanacións e gabias do cableado, realizarase un seguimento continuo en campo por parte do equipo de seguimento ambiental do proxecto, co obxecto de verificar que non se producen impactos non previstos e que se adoptan as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación, tanto as indicadas no estudio ambiental coma as establecidas nesta declaración.

A dirección de obra disporá dos planos de distribución de hábitats de interese comunitario e áreas que hai que preservar, e será asesorada en todo momento das condicións para a súa protección. Estas zonas deberán ser balizadas previamente ó inicio das obras para evitar calquera posible afección.

No caso de que se detectase algún impacto non previsto na documentación presentada polo promotor, tomaranse as medidas oportunas para paraliza-la actuación, poñendo en coñecemento desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental a incidencia detectada, quen a avaliará e informará sobre a conveniencia ou non de continua-la actuación nesas circunstancias.

7. Protección do patrimonio cultural.

Cara a evitar posibles afeccións, establécense, para esta obra, as seguintes áreas de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural, cun raio medido desde o límite exterior do ben inventariado de:

* 200 m para os xacigos arqueolóxicos YA990308T01 (Mámoa 1 de Penido Vello/As Huchas do Penido Vello) e YA990308T02 (Mámoa 2 de Penido Vello/As Huchas do Penido Vello).

* 100 m para os xacigos arqueolóxicos YA991110A01 (Petroglifo 1 de Chao das Sinas) e YA991110A01 (Petroglifo 2 de Chao das Sinas).

* 50 m para o resto dos elementos do patrimonio cultural recollidos no estudio de impacto ambiental.

Á vista do indicado nos puntos anteriores, os aeroxeradores M-722 a M-726, así como a vía que os comunica e a gabia de conducción do cableado, terán que ser desprazados da localización prevista.

A realización de calquera tipo de obras nas referidas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Así mesmo, evitarase o tránsito de maquinaria nestas áreas.

En todo o ámbito do parque eólico deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos, polo que, previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Como anexo ó proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o seu transcurso, un plano no que figure a localización dos elementos do patrimonio cultural, xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (aquelas obxecto do control e seguimento arqueolóxico). O dito plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Na fase de replanteo revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

Tal e como se considera no estudio ambiental, será necesario levar a cabo un plan de posta en valor do patrimonio cultural da zona, conforme a un proxecto que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

A copia da autorización para a súa realización, así como a memoria cos resultados do seu desenvolvemento, serán remitidos a esta dirección xeral no momento no que o promotor dispoña destes, formando parte da documentación do Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental reflectido no punto 12 desta DIA.

Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

8. Sobre a paisaxe.

Empregaranse cores pouco rechamantes e tonos mate no acabado dos aeroxeradores e as liñas eléctricas previstas no interior do parque, tanto en baixa como en media tensión, así como as de telemando, telefónicas, etcétera, estarán soterradas, tal como se indica no estudio ambiental.

A caseta de celas anexa á subestación terá a cuberta de tella e o acabado das paredes será de granito, de acordo co indicado no estudio ambiental. Así mesmo, a cor dos centros de transformación integrarase co contorno.

O desenvolvemento do plan de revexetación, conforme avanza a obra, xunto co seguimento da súa efectividade, deberá garanti-la integración paisaxística das restantes infraestructuras do parque eólico.

9. Outras medidas.

Co fin de evitar posibles colisións de aeronaves cos aeroxeradores, deberanse instalar sinalizacións conforme a normativa OACI (Organización de Aviación Civil Internacional), de tal xeito que indiquen a presencia dos aeroxeradores.

10. Restauración.

Tódolos terreos afectados ou deteriorados pola execución das obras (marxes das vías, foxos, gabias do cableado, plataformas de montaxe, contorno da subestación e das obras de drenaxe, zonas de acopio de materiais..) deberán ser recuperados mediante revexetación que restitúa a vexetación autóctona presente na zona e favoreza a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal, garantindo o seu mantemento ó longo do tempo.

Para tal fin, desenvolverase o Plan de recuperación de solos e vexetación incluído no estudio ambiental, realizando un seguimento posterior da súa efectividade, tal como se considera no plan presentado.

En función da súa natureza, a capa edáfica ou horizonte vexetal do solo será retirada previamente á ocupación do terreo e acopiada e mantida nas condicións sinaladas no antedito plan de restauración.

Previamente á revexetación efectuarase o acondicionamento do terreo, procedendo á súa descompactación e laboreo superficial, retirando o exceso de pedregosidade e estendendo a terra vexetal previamente amoreada. Minimizarase o estendido de terra vexetal, restrinxíndoo ás zonas alteradas que vaian ser restauradas.

Ó finaliza-las obras dos parques para os que se prevexa o uso común das instalacións de obra, retiraranse as casetas e calquera outra estructura relacionada, procedendo á recuperación da zona afectada.

O desenvolvemento dos labores de restauración realizarase conforme avanza a obra e as distintas superficies que se van restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de controla-los fenómenos erosivos, arrastre de materiais e lograr unha maior integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio.

Nembargantes, o plan de restauración presentado debe ser completado no seu contido, incluíndo a descrición e valoración económica de tódalas actuacións previstas na fase de desmantelamento e abandono do parque unha vez rematada a vida útil da instalación, tendo en conta os posibles usos futuros da área, de acordo co requirido no punto 11.6 desta DIA.

11. Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras, no prazo máximo de tres (3) meses desde a notificación da presente DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

11.1. Proposta de localización alternativa para os aeroxeradores M-721 a M-728 e tódalas súas infraestructuras asociadas, conforme as condicións sinaladas nos puntos 6.3 e 7 da presente DIA. Deste documento presentaranse catro (4) exemplares.

Incluirá, sen prexuízo de calquera outra documentación ou planos de detalle que se estimen oportunos, un plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, nunha única folla, no que se reflicta a localización proposta, relativizándoa cos hábitats naturais presentes e os elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela, segundo a información do estudio ambiental.

Acompañarase, así mesmo, dunha reportaxe fotográfica detallada das novas localizacións propostas e dunha táboa coas coordenadas UTM das novas localizacións.

11.2. Estudio valorativo do estado de conservación actual das breixeiras húmidas atlánticas nos puntos onde está prevista a instalación da subestación transformadora e dos aeroxeradores M-701 a M-705 e M-714 a M-716, así como das zonas que ocuparían as súas infraestructuras asociadas, conforme o indicado no punto 6.3 desta DIA.

Acompañarase, sen detrimento de calquera outra información que se estime oportuna, dunha reportaxe fotográfica que reflicta, tralo seu replanteo, os puntos de instalación de tódalas infraestructuras e instalacións indicadas, cun grao de detalle que permita a corroboración dos datos que se acheguen no estudio.

Unha vez informado favorablemente por esta dirección xeral o cumprimento dos puntos anteriores, presentarase:

11.3. Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, nunha única folla, no que se reflictan tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, incorporando as modificacións que se deriven do cumprimento dos puntos anteriores e diferenciando as vías preexistentes das de nova construcción e aquelas que se vaian acondicionar.

Reflictirase así mesmo, a poligonal do parque, accesos, dispositivos de drenaxe transversal e lonxitudinal, elementos do patrimonio cultural e as súas áreas de exclusión e cautela, e indicarase, se é o caso, a localización prevista das instalacións de obra.

11.4. Resultados da campaña preoperacional de análise da calidade das augas, conforme o plan de control incluído no estudio ambiental. As analíticas serán efectuadas por laboratorio homologado.

11.5. Addenda ó plan de seguimento da incidencia do parque eólico sobre a avifauna, completando os seguintes aspectos:

* Zonas de nidificación e áreas de campeo das especies de maior valor ecolóxico presentes na área.

* Xustificación do método empregado na definición dos limiares de risco (alerta e inadmisible) por colisión e aparición do efecto baleiro, que indiquen a necesidade de adopción de medidas correctoras específicas.

* Medidas protectoras ou correctoras que se van adoptar en función das situacións de risco definidas no punto anterior, entre as que se incluirá un período de parada dos aeroxeradores no caso de alcanzárense os anteditos limiares. Medidas propostas para a detección de impactos puntuais imprevistos.

* Busca de aves accidentadas por colisión: na selección dos aeroxeradores que se vaian revisar terase en conta a súa posición topográfica, posible interferencia coas rutas de paso de aves na área e posición relativa destes no conxunto do parque, seleccionando aqueles que poidan ter unha maior incidencia sobre a avifauna. O número de aeroxeradores revisados non será inferior ó 20% e nas sucesivas visitas incorporaranse novos aeroxeradores ata determina-la posible afección da totalidade destes. Describirase o criterio de selección dos aeroxeradores que se vaian revisar e incluirase unha valoración da posible distorsión nos resultados das campañas e na estimación dos índices de colisión polo diferente esforzo de mostraxe, condicións topográficas e climatolóxicas da zona, desaparición de cadáveres por necrófagos e diferente detectabilidade dos cadáveres baixo os aeroxeradores. Indicaranse os factores de corrección que se vaian introducir para corrixir posibles desviacións por estes

factores.

11.6. Addenda ó plan de restauración presentado, que inclúa a descrición e valoración económica de tódalas actuacións previstas para o desmantelamento e abandono do parque, composta por memoria, planos, prego de condicións e orzamento, que conteña medicións debidamente xustificadas, cadro de prezos unitarios, unidades de obra con prezos descompostos, orzamentos parciais, orzamento total de execución material e orzamento total de execución por contrata.

11.7. Copia da autorización do proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento arqueolóxico durante a fase de obras, conforme o indicado no punto 7 da presente DIA. En ningún caso poderán iniciarse as obras sen a autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respecto do indicado neste punto.

Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder ó inicio das obras ata que non conte co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Unha vez informado por esta dirección xeral o cumprimento do indicado nos puntos anteriores, o promotor comunicará a esta dirección xeral as datas de replanteo e inicio das obras, remitindo como mínimo 48 horas antes do seu comezo o cronograma de obras actualizado, contendo tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de inicio e fin e a duración prevista.

12. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras consideradas no estudio ambiental e do condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitiralle a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo e coa periodicidade indicada, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

12.1. Durante a execución das obras, con carácter mensual, presentarase:

a) Cronograma de obras debidamente actualizado, con tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras de carácter ambiental e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de avance respecto do total. No cronograma figurará a data de actualización.

Con carácter trimestral presentarase un informe de obras que inclúa:

b) Resultados das medicións do nivel de ruído, en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento durante a realización da medición. As medicións serán efectuadas por entidade homologada.

c) Resultados do plan de control da calidade das augas, funcionamento dos dispositivos de drenaxe e evolución da rede hidrolóxica, conforme o indicado no punto 3 desta DIA.

d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, onde se describa o desenvolvemento dos traballos, incidencias ou imprevistos acontecidos, resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras (control de eficacia), labores de restauración levadas a cabo, xestión dos residuos, controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudio ambiental e o establecido na presente DIA, e reflectindo o cumprimento das condicións impostas na declaración, en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados dela. Nas fotografías indicarase a data e a hora de toma, acompañándoas dun plano de localización.

e) Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, onde se reflicta a situación real das obras e porcentaxe de execución respecto ó total, referido ós distintos elementos que conforman o proxecto: vías, drenaxes, aeroxeradores, plataformas, gabias do cableado, subestación, etcétera.

12.2. Ó final das obras comunicarase a data prevista para a posta en marcha da instalación e presentarase, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:

a) Memoria onde se describa o desenvolvemento dos traballos, resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudio ambiental e o establecido na presente DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos, destino dos sobrantes de terras no caso de producírense, xestión aplicada á biomasa vexetal e descrición detallada do estado final da área afectada, en relación a tódolos aspectos incluídos no estudio ambiental e no condicionado desta declaración.

b) Reportaxe fotográfica que amose os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, estado das vías, noiros e foxos, gabias do cableado, estado de limpeza da área, en especial da zona destinada a instalacións de obra, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora de toma, acompañándoas dun plano de localización.

c) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados.

d) Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de explotación, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

e) Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, que reflicta a situación real de tódalas instalacións e infraestructuras do parque, correspondente a un levantamento topográfico da obra realizada, indicando, así mesmo as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras de carácter ambiental.

12.3. Seguimento ambiental semestral, contado desde o inicio da explotación, durante os dous primeiros anos desta. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Resultados das medicións do nivel de ruído na fase de funcionamento do parque, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición e a duración desta. Os resultados da primeira medición realizada serán remitidos no momento no que sexan obtidos.

b) Resultados do plan de control da calidade das augas, funcionamento dos dispositivos de drenaxe e evolución da rede hidrolóxica, conforme o indicado no punto 3 desta DIA.

c) Resultados do plan de seguimento de avifauna, conforme o indicado no punto 6.1 desta DIA.

d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no que se recollan os resultados do desenvolvemento do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das drenaxes, vías, noiros, foxos, gabias do cableado e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión, así como detalle dos controis ambientais efectuados e das incidencias detectadas en relación a tódolos aspectos incluídos na DIA. Nas fotografías indicarase a data e a hora de toma, acompañándoas dun plano de localización.

12.4. Seguimento ambiental anual: presentarase a partir do segundo ano de explotación e terá, salvo indicación en contra, os contidos do informe descrito no punto anterior.

12.5. Seguimento dos posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos: xunto cos informes de seguimento ambiental, acompañarase un anexo cos resultados do seguimento dos posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos, para cada un dos factores estudiados, conforme o proposto no documento Estudio valorativo dos posibles impactos acumulativos ou sinérxicos, indicando as medidas correctoras adoptadas no caso de producirse a aparición deste tipo de efectos.

12.6. Informe ambiental previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, remitirase o cronograma previsto das actuacións de desmantelamento e abandono da instalación. Se é o caso, xuntarase un informe indicando as posibles variacións respecto do previsto na addenda que se vaia presentar de acordo co punto 11.6 desta DIA, xunto coa súa xustificación.

12.7. Informe posterior ó abandono: no prazo máximo de dous (2) meses contados desde o fin das accións para o desmantelamento e abandono da instalación, remitirase un informe que conteña a descrición detallada das accións levadas a cabo, con especial mención á xestión aplicada ós residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.

No caso de que se detecten durante o seguimento ambiental que se vaia efectuar, en calquera das súas fases, impactos non previstos ou alteracións que

superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente a esta dirección xeral, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas.

13. Condicións adicionais.

13.1. Para efectos de seguimento da presente declaración, o órgano substantivo comunicará a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

13.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Nembargantes, o promotor poderá solicitarlle ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comenza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.

13.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificándolle o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen llo comunicará ó órgano ambiental.

13.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente, a través do órgano substantivo, a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando así mesmo se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

13.5. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ó medio e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

Proponse como importe provisional do aval, que deberá fixa-lo órgano substantivo, o 4% do investimento previsto, ascendendo á cantidade de cento doce millóns setecentas cincuenta e oito mil cincocentas corenta e tres (112.758.543) pesetas. O importe definitivo do aval proporase cando o promotor presente o orzamento completo do plan de restauración, tendo en conta o requirido no punto 11.6 da presente DIA.

13.6. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera momento e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non contemplado actualmente.

13.7. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou á solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes sexan corrixidos.

13.8. O incumprimento total ou parcial, por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

13.9. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime ó promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións desta, incluídos, se é o caso, os da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou Normas Subsidiarias.

13.10. O proxecto de referencia estará ó abeiro do disposto na Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

13.11. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

13.12. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata que sexa cumprido este trámite.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto denominado Parque Eólico Álabe-Mareiro. Mayo 2000, promovido pola empresa Acciona Eólica de Galicia, S.A., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 28 aeroxeradores e a súa infraestructura asociada, no concello de Ourol (Lugo).

Os aeroxeradores disporanse na zona norte da Serra do Xistral, nas zonas de cumio e ladeira dos montes Madriñán, Pedrouzos, Penido dos Morros e Pasada do Curro, en catro agrupacións localizadas no interior do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

614.6534.824.657

616.2404.823.826

Vértice XVértice Y

616.3144.824.423

617.5594.824.286

617.8504.824.051

618.0894.823.323

617.6894.822.868

618.5774.821.842

618.0004.821.400

616.9854.822.790

614.2074.824.345

As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:

* Número de aeroxeradores: 28.

* Modelo: NEG MICON NM 750/44-48.

* Potencia unitaria por aeroxerador: 750 kW.

* Potencia total instalada: 21 MW.

* Altura das torres: 55 m.

* Diámetro do rotor: 48 m.

* Producción neta anual prevista: 56.723 MWh/ano.

* Investimento previsto: 2.818.963.580 pesetas.

A obra civil inclúe a creación de 6.733 m de vías de acceso e servicio ós aeroxeradores e de comunicación con outras fases do aproveitamento eólico na zona, cunha largura de rodadura de 4 m, pavimentados con dobre tratamento superficial e dotados de foxos de 0,75 m para a recolla e evacuación de pluviais, que estarán revestidas nos tramos de maior pendente. Prevese a execución de 7.530 m de gabias de conducción do cableado, cunha largura máxima de 80 cm. A duración estimada da fase de obras é de oito (8) meses.

O proxecto considera así mesmo a construcción dunha subestación transformadora de tensión 20/132 kV, cunha caseta anexa para as celas de tensión e catro centros de recollida de media tensión que conectarán os aeroxeradores entre si en grupos de 5 a 10, co obxecto de optimiza-lo transporte da enerxía xerada. A evacuación da electricidade realizarase a través dunha liña aérea a 132 kV que será obxecto de proxecto independente, segundo se indica no estudio ambiental. Os labores de control realizaranse desde o edificio de control do parque eólico Álabe-O Cadramón, pertencente á mesma empresa promotora.

Medidas preventivas e correctoras

Protección da atmosfera.

* Rega das superficies cando as obras coincidan co período de estiaxe.

* Realización dun control das emisións de ruído e introducción dun apantallamento en caso necesario.

Protección do solo.

* Disposición das gabias do cableado paralelas e lindantes ás vías en boa parte do seu percorrido.

* Determinación da situación das instalacións auxiliares de obra utilizando na medida do posible as áreas máis degradadas á vista dun experto. Planificaranse para que poida ser máxima a súa utilidade para a implementación das dúas fases do proxecto (Leste e Mareiro).

* Evita-la ocupación de formacións turberiformes e brañas existentes na área do parque eólico ou nas súas proximidades polas instalacións provisionais, así como as chairas de inundación e zonas próximas a fontes ou áreas de captación de auga con contornos de solos hidromorfos.

* En ningún caso se realizará ningún tipo de incisión en áreas coas formacións anteriores, evitando así a modificación das condicións de drenaxe e desecación de humidais.

* Control topográfico dos límites de escavación e reducción do uso de terras de recheo.

* Reducir ó estrictamente necesario o movemento de terras e a ocupación derivada dos labores de obra civil.

* Acopio de terra vexetal e outros préstamos cunha altura máxima de 1,5 m e con criterios de mantemento que garantan a conservación das súas propiedades, grao de humidade, especialmente dos solos con horizonte H.

* Humectación continua en tempos de seca, tanto dos acopios como das zonas de explanación.

* Estabilizar inmediatamente os noiros, terrapléns e materiais mobilizados, empregando mallas para evitar desprazamentos.

* Minimiza-la superficie ocupada polas instalacións necesarias durante esta fase. Se os afloramentos rochosos tiveran interese xeomorfolóxico ou botánico, deben ser preservados.

* Adapta-la superficie de ocupación das plataformas eólicas á topografía da zona, e reducir na medida do posible a dita superficie, evitando o sobredimensionamento e aproveitando as vías existentes e as de nova construcción.

* Minimiza-la compactación tanto nas plataformas eólicas como nas zonas non ocupadas directamente polas instalacións, pero que poidan ser empregadas para a manobra da maquinaria.

* Controla-lo diámetro de perforación nas voaduras e evita-lo sobredimensionamento.

* Revexetación de tódalas zonas desprovistas de vexetación, incluíndo noiros pedregosos, segundo o establecido no plan de recuperación de solos e vexetación.

* Control e vixilancia continuado durante a fase de obras, especialmente durante a apertura de vías, construcción das zapatas e instalación dos aeroxeradores.

* Control de eficacia das medidas correctoras adoptadas. No caso de que durante a fase de construcción se comprobase a existencia de formacións que requirisen especial preservación, procederase ó replanteo dos labores de execución de obra civil.

* Acondicionamento e rehabilitación das zonas afectadas, redistribuíndo os acopios procedentes dos movementos de terras, recuperación da morfoloxía superficial, acabado e sustentación de terrapléns, noiros.

Protección da rede hidrolóxica.

* Preserva-las formacións de turbeira existentes nalgúns vales incluídos no polígono do parque ou nas súas proximidades, as augas dos cursos hidrográficos, en especial as do río Besteburiz e a súa fraga, adoptando as medidas correctoras recollidas para o tratamento dos solos.

* Instalaranse trampas de sedimentos ou mallas para controla-la escorrega, reducirase ó mínimo o uso de materiais de recheo e construiranse foxos amplos.

* Evitar no posible as afeccións a leitos superficiais, restituíndo a achega de caudais ás vertentes orixinais, evitando a aparición de canles de drenaxe.

Protección da vexetación.

* Mante-lo hábitat existente, reducindo de forma sistemática o grao de ocupación e compactación derivado de calquera obra civil.

* Emprego de técnicas adecuadas de desbroza da vexetación, que favorezan a revexetación polas especies da zona nas áreas afectadas polas obras.

* Aínda que as instalacións do proxecto non modifican substancialmente as formacións de vexetación de maior valor da zona, deberán terse en conta as medidas correctoras propostas para o solo, co fin de evitar efectos indirectos non desexados.

Protección da fauna.

* Deseño das torres e pas dos aeroxeradores de xeito que diminúen a posibilidade de colisión de aves. Tecnoloxía de control e funcionamento para evita-los episodios de colisión.

* No caso de detectarse un elevado número de colisións, retrasarase a entrada en funcionamento dos aeroxeradores máis conflictivos.

* Realización dun seguimento da incidencia do parque sobre a avifauna.

ANEXO II

Resumo dos informes

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable ó estudio de impacto ambiental do parque eólico Álabe-Mareiro, cos seguintes condicionantes que se incluirá na correspondente declaración de impacto ambiental:

1. Cara a evitar posibles afeccións, estableceranse, para esta obra no contorno dos bens do patrimonio

cultural, as seguintes áreas de exclusión, cun raio, medido desde o límite exterior do ben inventariado, de:

* 200 m para os xacigos arqueolóxicos: YA990308T01 (Mámoa 1 de Penido Vello/As Huchas do Penido Vello), YA990308T02 (Mámoa 2 de Penido Vello/As Huchas do Penido Vello).

* 100 m para os xacigos arqueolóxicos: YA991110A01 (Petroglifo 1 de Chao das Sinas) e YA991110A01 (Petroglifo 2 de Chao das Sinas).

* 50 m para o resto dos elementos do patrimonio cultural recollidos no estudio de impacto ambiental.

É dicir, terán que ser desprazados da localización proxectada os seguintes elementos: aeroxeradores M-722, M-723, M-724, M-725 e M-726; a vía que os interconecta e a gabia de conducción eléctrica.

2. A realización de calquera tipo de obras nestas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Evitarase o tránsito de maquinaria nestas áreas.

3. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. A tal fin, e previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Como anexo ó citado proxecto deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal de obra durante o seu transcurso, un plano no que figurarán as áreas de risco arqueolóxico coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

4. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

5. Tal e como se recolle no número 5.5 do estudio de impacto ambiental, é necesario levar a cabo un plan de posta en valor do patrimonio cultural da zona, incluído no Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental posterior á construcción do parque.

6. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural emite o seguinte informe:

As instalacións e infraestructuras do proxecto sitúanse ó norte da proposta de lugar de importancia comunitaria (LIC) denominada Serra do Xistral. Este

espacio atópase, na actualidade, no rexistro xeral de espacios naturais en réxime de protección xeral, establecido así na Orde do 7 de xuño de 2001.

O presente proxecto, no caso de executarse, xerará unha afección a algunhas das formacións vexetais e dos hábitats que serviron para incluí-lo espacio no citado rexistro, afección que se produce como consecuencia da ocupación do solo con elementos permanentes (zapatas, gabias, vías...). En concreto, e de acordo co estudio presentado, o hábitat prioritario maiormente afectado corresponderíase cos queirogais húmidos atlánticos meridionais con Erica ciliaris e Erica tetralix, podendo identifica-las instalacións e infraestructuras que os afectan a través dos aeroxeradores que se distribúen sobre estes queirogais (701 a 705 e 714 a 716), ademais da subestación, que tamén afectaría a este hábitat.

En todo caso, os aeroxeradores deberán distribuírse sobre as áreas máis degradadas, de forma que non se comprometa o mantemento ou restablecemento dos hábitats referidos nun estado de conservación favorable. Conservación que reviste unha maior fraxilidade naqueles hábitats ligados fortemente á dinámica hídrica, como son os hábitats turbófilos e higroturbófilos (queirogais húmidos).

Concretando os aspectos anteriores, os autores do estudio valoran os queirogais húmidos como formacións vexetais con óptimas condicións de viabilidade e excelente vigor, prognosticando que as instalacións previstas sobre esta formación poden executarse sen temor a mingua-la súa calidade e extensión. De tódolos modos, as condicións valoradas e prognosticadas no estudio ambiental deberán manterse e reafirmarse durante a fase de replanteo e execución do proxecto, manténdose, ademais e en calquera caso, as condicións de mantemento ou restablecemento nun estado de conservación favorable do hábitat.

As turbeiras presentan un grao de fraxilidade moi alto a calquera alteración do réxime hídrico existente. Para estes hábitats deberán extremarse calquera tipo de afección que comprometa o seu mantemento ou restablecemento nun estado de conservación favorable; polo que se estima pertinente que se estudie a posibilidade de eliminar calquera afección a estes hábitats, buscando alternativas que os eviten; en todo caso deberá manterse o cumprimento da premisa proposta.

Se ben ó longo dos parágrafos anteriores se fixo fincapé na afección introducida pola colocación dos aeroxeradores, debe facerse extensivo ás demais instalacións e infraestructuras que lles fan acompañamento.

Sen prexuízo do anterior, algunhas das infraestructuras e instalacións previstas instálanse en áreas onde se concentran importantes valores ambientais. Estas zonas presentan unha baixa capacidade de homeostasia e resiliencia, polo que calquera afección

pode modifica-la estructura e composición dos ecosistemas presentes, así como dos valores ambientais asociados. Por conseguinte, proponse a redistribución das infraestructuras e instalacións que afecten a área de referencia, de forma que se empracen fóra dela (xunto a este informe anexamos un plano coa zona de exclusión).

Por outro lado, hai unha serie de aves de elevado valor ecolóxico, así recoñecido en diversas lexislacións tanto nacionais como en directivas europeas que, como consecuencia da situación con proxecto, sofren unha posible afección, traducible en mingua das súas poboacións ou mesmo na súa desaparición, afección que pode ser debida ó efecto baleiro do parque, á colisión das aves cos aeroxeradores e á colisión ou electrocución coa liña de alta tensión, non recollida no estudio. É destacable que o hábitat prioritario presente na área é dos máis importantes para a conservación das aves, dentro delas as anteriores.

En relación coa documentación presentada, cabe indicar que só aparece unha sinatura na primeira páxina, carecendo de rúbricas tanto o texto como a información gráfica que se inclúe no estudio ambiental. No referente á documentación gráfica, aparece unha pluralidade de supostas procedencias e, dada a carencia absoluta de sinaturas, aparentemente non existe responsable ningún sobre o contido e veracidade da devandita información.

Ademais do anterior, detectáronse no estudio ambiental outros aspectos que revisten importancia, e que se indican a continuación:

1. Relativo ás aves, existen contradiccións entre o correspondente epígrafe do estudio ambiental e o anexo específico de aves, estimándose como válido o anexo sempre que non haxa unha manifestación en contra. No referente ó plan de seguimento, vai resultar envesgado por non considera-la liña de evacuación e a presencia doutros parques na contorna. Na estimación da mortandade deben corrixirse os erros intrínsecos das mostraxes, debidos ó observador, efecto do sitio e do hábitat, desaparición de cadáveres por necrófagos e efectos debidos ó obxecto de estudio, as aves.

En relación ós limiares de alerta, acotaranse cunha metodoloxía rigorosa, explícita e susceptible de comparación, con crtierios cuantitativos e cualitativos, co fin de determina-la adopción das medidas oportunas, como pode se-la estipulación dun período de parada dos aeroxeradores por mortandade temporal de aves. En definitiva, deberían integrarse o conxunto dos plans de vixilancia, así como os resultados e as medidas desprendidas destes nun plan xeral que abranga o conxunto dos parques na Serra do Xistral, xustificando a viabilidade e necesidade desta proposta por tratarse dun espacio con hábitats fundamentais para as aves, que o equipo do estudio ambiental e o de aves é o mesmo, que a integración nun plan xenérico reduciría os custos e que os resultados finais terían unha calidade moi superior,

podendo determinar medidas máis rigorosas con base nestes.

2. Outro aspecto relevante e non considerado é o relativo ó trazado e afección da liña de evacuación da enerxía xerada. Debemos ter en conta que a consideración en dúas fases minimiza os posibles efectos sinérxicos negativos, envesgándose, por consiguiente a información do estudio. Outros aspectos xeradores de sinerxias non considerados no estudio ambiental son a presencia de máis parques eólicos e liñas de alta tensión.

3. Se se fai referencia clara ós dispositivos a colocar nas valgadas e talwegs, sen embargo, non se representan os dispositivos de drenaxe artificial, lonxitudinal e transversal (gabias e bueiros). Débese ter en conta estes dispositivos, xa que un dos problemas xerados polas vías é a alteración das condicións hidrolóxicas das bacías colectoras. Farase polo tanto un deseño e construcción da rede de drenaxe artificial que contemple estas cuestións, implementando ademais os dispositivos de disipación de enerxía e barreiras de sedimentos precisas.

4. Para evita-la posible afección ós cursos, deben adoptarse as medidas precisas para evita-la vertedura de substancias contaminantes ós cursos de auga. En xeral non poderá verse afectada a calidade das augas nas súas características físico-químicas e bióticas, cumprindo para isto o considerado na lexislación vixente de conformidade co disposto na Directiva 78/659/CEE, relativa á calidade das augas continentais, no Real decreto 927/1988, polo que se aproba o Regulamento da Administración pública da auga e da planificación hidrolóxica, atopándose tamén recollido no Decreto 130/1997, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais. En relación co tema terase en conta que non se acumularán nos leitos naturais nin nas zonas de servidume terra, entullos, material sobrante da construcción ou calquera outro tipo de substancias contaminantes que poidan incorporarse ós cursos de auga por escorregas ou crecidas do caudal; evitarase no

posible o arrastre de sólidos en suspensión; prohíbese o lavado de materiais e utensilios nos ríos ou regatos; vixiarase con especial atención os posibles procesos erosivos ocasionados polas drenaxes, tomándose as medidas oportunas para solventar posibles imprevisións durante a planificación ou execución, facendo un seguimento periódico no plan de vixilancia durante a vida do parque.

5. As medidas correctoras e protectoras deben quedar definidas a nivel executable, incluíndose nos correspondentes cronogramas e programándose dentro do plan de obra, tendo en conta que a integración ambiental non é un tema menor subordinado á funcionalidade da obra, antes ben o medio é anterior á actuación e é esta a que debe subordinarse a aquel. Así mesmo, deben establecerse os custos e as medidas de xestión correspondentes.

Apréciase como fundamental o posible impacto negativo sobre as aves, debendo polo tanto completarse o estudio de avifauna, indicando zonas de nidificación, áreas de campeo, sen por isto obvia-los aspectos a completar no plan de seguimento de aves, sendo cruciais as medidas que se adopten en función dos limiares críticos, entre eles a parada dos aeroxeradores no caso de mortandades significativas.

No caso de considera-la execución do proxecto, cóidase de interese a consideración dos puntos do informe con vistas a unha maior integración da actividade na contorna.

A Dirección Xeral de Turismo emite informe conxunto de incidencia turística dos proxectos dos parques eólicos Álabe-Labrada, Montemaior Norte, Montemaior Sur e Álabe-Mareiro, que inclúe os seguintes epígrafes: consideracións previas, localización, descrición e características do territorio afectado, características das instalacións propostas, principios normativos nos que se basea o informe e valoración da incidencia turística ambiental.

No epígrafe de conclusións indican, para o presente proxecto, que nun principio habería que consideralo desfavorable, baseándose nos posibles impactos sobre o medio físico, solo, rede hidrográfica, medio biótico, fauna e paisaxe, indicando que, en todo caso, o interese turístico destes encraves deriva, exclusivamente, do valor intrínseco do medio natural, polo que somete as súas consideracións ó criterio específico da unidade administrativa competente na materia.

A Dirección Xeral de Obras Públicas informa que a realización deste proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten os terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

A Dirección Xeral de Industria emite informe favorable, que inclúe un resumo das características básicas do proxecto, da tramitación realizada, dos informes emitidos polos organismos consultados, os resultados de información pública e unha proposta de condicionado ambiental que inclúe os seguintes epígrafes:

-Ámbito territorial de actuación.

-Impacto causado pola ocupación do terreo.

-Residuos.

-Flora e fauna.

-Impacto visual.

-Urbanismo.

-Programa de vixilancia ambiental (ruídos e colisións de aves).

O organismo autónomo Augas de Galicia emite informe favorable, que inclúe a descrición das uni

dades de coñecemento na zona do parque e un resumo do proxecto avaliado, acompañado do seguinte condicionado:

En todo momento, durante a construcción e na fase de explotación deberán terse en conta as medidas protectoras de non alteración dos cursos fluviais e a prohibición de verter refugallos neles, no caso de que estes se producisen, estando ademais prohibido o lavado de camións e formigoneiras e o cambio de aceite da maquinaria de construcción nas proximidades dos cursos de auga.

A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de tal xeito que, trala construcción do parque eólico, a súa calidade e clasificación sexa a mesma que antes do inicio das obras.

Un condicionante básico sería que a futura autorización reflectise que a instalación se axustará á proposta do Plano Hidrolóxico de Galicia-Costa e ás súas directrices, en todos aqueles aspectos que lle sexan de afección.

Se con motivo da realización dalgún acceso ou vía con gabia do cableado se produce cruzamento con algún curso fluvial, serán necesarias medidas de protección e corrección dos seus efectos, sendo, en todo caso, preceptiva a autorización do organismo Augas de Galicia, segundo se establece no Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico e a Lei de augas 29/1985.

En definitiva, ese servicio considera que a instalación do citado parque eólico non produce ningunha alteración de importancia en relación coa planificación hidrolóxica da zona, sempre e cando se cumpran as medidas preventivas e correctoras, durante a fase de construcción e período de explotación, especificadas no presente informe.

Sen embargo, faise indispensable unha correcta execución das vías, de tal xeito que a incidencia sobre a rede hidrolóxica da zona sexa mínima, evitando sobre todo a vertedura accidental de substancias contaminantes.

No caso de que as características deste parque eólico precisasen do uso regular de auga para o seu normal funcionamento, tanto na fase de construcción como na de explotación, ou ben se producisen verteduras ou captacións á rede hidrolóxica, ou cruzamentos da rede fluvial, será necesaria a obtención por parte do explotador das preceptivas autorizacións, que se tramitarán, segundo a lexislación vixente, ante o organismo Augas de Galicia.

ANEXO III

Resumo da alegación

O Concello de Ourol alega oposición dos veciños á instalación, desconformidade coa utilidade pública e que o proxecto reduce as súas competencias no ordenamento do territorio municipal e as posibilidades de aproveitamento eólico dos montes.