Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Mércores, 15 de maio de 2002 Páx. 7.094

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 30 de abril de 2002 pola que se convocan axudas correspondentes ó programa de Tecnoloxías de Deseño e Producción Industrial, do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2002-2005, na Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva.

O Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, aprobado polo Consello

da Xunta de Galicia na súa reunión do 14 de marzo de 2002 e publicado no DOG nº 65, do 4 de abril, recolle dentro dos programas sectoriais de axudas, no grupo de tecnoloxías para a innovación o programa de tecnoloxías de deseño e producción industrial, dirixido a un número limitado de sectores de tipo industrial que, pola súa natureza, necesitan das tecnoloxías de moi diversas áreas científicas e tecnolóxicas. Estes sectores son madeira e moble, téxtil e confección, automoción, construcción naval, bens de equipo e maquinaria, artes gráficas e químico.

A Orde do 29 de abril de 2002 da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública establece as bases que rexerán as convocatorias de axudas correspondentes a todo o grupo de programas sectoriais de tecnoloxías para a innovación.

En consecuencia e para poñer en marcha os instrumentos previstos para a execución do programa de tecnoloxías de deseño e producción industrial, no que corresponde ó financiamento da Consellería de Industria e Comercio

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é convoca-las axudas que a continuación se indican, como instrumentos ordinarios do Programa de Tecnoloxías de Deseño e Producción Industrial, coas prioridades que se describen no anexo I desta orde, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.

As axudas obxecto desta convocatoria axustaranse ás bases aprobadas pola Orde do 29 de abril de 2002, da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública (en diante orde de bases), coas especificidades derivadas das competencias que corresponden á Consellería de Industria e Comercio en virtude da partida orzamentaria á que se imputa o gasto, e que son obxecto de regulación nesta orde.

Artigo 2º.-Aplicacións orzamentarias.

Para a concesión destas axudas destinaranse os seguintes créditos:

Tipo axuda: proxectos de empresas e dotación de laboratorios de empresas.

Aplicación: 08.03.432A.770.0.

Ano 2002: 1.700.000 A.

Ano 2003: 1.190.000 A.

Ano 2004: 1.020.000 A.

Ano 2005: 850.000 A.

Aplicación: 08.02.432A.770.1.

Ano 2002: 558.900 A.

Ano 2003: 355.340 A.

Ano 2004: 1.020.000 A.

Ano 2005: 850.000 A.

Os créditos sinalados poderán incrementarse en función das solicitudes presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

Estas axudas fináncianse con participación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e, en consecuencia, a súa tramitación quedará condicionada ó cumprimento do sinalado na normativa europea.

Artigo 3º.-Solicitudes.

Os modelos para a formalización das solicitudes, así como a forma e lugar de presentación, son os determinados no número 4 da orde de bases.

O prazo para a súa presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación no DOG desta orde.

Artigo 4º.-Resolución e aceptación de axudas

As competencias atribuídas no número 7 da orde de bases ó titular da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública enténdense, neste caso, referidas ó conselleiro de Industria e Comercio.

As subvencións concedidas serán notificadas individualmente e deberán ser aceptadas polo beneficiario, por escrito, no prazo de 15 días naturais contados a partir do seguinte á recepción da notificación, coas condicións específicas que se recollen nesta orde e na orde de bases e as que, de se-lo caso, se inclúan na resolución. No caso contrario entenderase que o beneficiario renuncia á subvención e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 5º.-Xustificación e pagamento.

Para o libramento da correspondente anualidade das subvencións concedidas, procederase de acordo co establecido no número 8 da orde de bases.

Os documentos necesarios para a xustificación das axudas, determinados no citado número, presentaranse antes do 31 de outubro do exercicio a que correspondan, nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As propostas de pagamento realizaranse unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio verifiquen a documentación xustificativa da realización do proxecto subvencionado e o cumprimento dos requisitos e condicións establecidos para a súa concesión.

Artigo 6º.-Modificación da resolución de concesión de axudas.

A alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención, nos supostos e coas condicións que establece o número 9 da orde de bases,

poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión de axuda, que será dictada por resolución do conselleiro de Industria e Comercio, tal como sinala o artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7º.-Seguimento dos proxectos.

O seguimento dos proxectos subvencionados será realizado pola Consellería de Industria e Comercio de maneira coordinada coa Secretaría Xeral de I+D, nos termos establecidos no número 12 da orde de bases.

Disposición adicional

As axudas que se convocan a través desta orde tramítanse como expediente anticipado de gastos de acordo co establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, quedando, polo tanto, supeditada a súa efectividade á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da comunidade autónoma para o exercicio de 2002.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial e o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para dictaren as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2002.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio

ANEXO I

-Tecnoloxías de Deseño e Producción Industrial (DPI).

Este programa está dirixido a un número limitado de sectores de tipo industrial que, pola súa natureza, necesitan das tecnoloxías procedentes de moi diversas áreas científicas e tecnolóxicas. Estes sectores son madeira e moble, téxtil e confección, automoción, construcción naval, bens de equipo e maquinaria, artes gráficas e químico, e outros sectores asimilables. Os proxectos de interese para este programa son os que teñen por finalidade a mellora dos procesos productivos ou de deseño, non mediante a adquisición de equipos senón definindo procesos novos ou mellorados, desenvolvendo novos equipos para incorporar ós devanditos procesos ou adaptando outros xa existentes. Tamén son de interese os proxectos que perseguen a definición de novos compoñentes ou materiais para a incorporación a un proceso productivo concreto, o aproveitamento de subproductos, as melloras significativas de producto ou a definición de novos productos.

O crédito da partida orzamentaria 08.02.432A.770.1 destínase exclusivamente ó sector de bens de equipamento e maquinaria para minería.