Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Mércores, 15 de maio de 2002 Páx. 7.094

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 3 de maio de 2002 pola que se autoriza a modificación dos artigos 13 e 21 dos estatutos da Fundación María Seoane Colmeiro e se inscribe no Rexistro de Fundacións deste protectorado.

Analizado o expediente de referencia, promovido pola Fundación María Seoane Colmeiro.

Resultando que esta fundación foi clasificada como benéfico-docente por orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 22 de maio de 1998 (DOG do 8 de xuño), declarada de interese galego por orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 9 de xuño de 1998, e que se encontra inscrita no rexistro de fundacións desta consellería co número 184.

Resultando que a Fundación María Seoane Colmeiro solicitou perante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a modificación dos artigos 13 e 21 dos seus estatutos.

Vista a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da Lei 7/1983; así como o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, e a carta fundacional da referida fundación e as súas posteriores modificacións.

Considerando que as fundacións de interese galego poden modifica-los seus estatutos coas condicións previstas no artigo 38 do citado regulamento.

Considerando que na tramitación do expediente se cumpriron os requisitos esixidos no artigo 10 da Lei 7/1983, e 32.3º e 38 do dito regulamento.

Considerando que esta modificación estatutaria é conforme coa vontade fundacional.

Esta consellería

RESOLVE:

Primeiro.-Autoriza-la modificación dos artigos 13 e 21 dos estatutos da Fundación María Seoane Colmeiro, nos termos que figuran na escritura pública de data 26 de abril de 2002, do notario de Silleda, Rafael González Gozalo (protocolo número 38).

Segundo.-Practica-la inscrición desta modificación estatutaria no rexistro de fundacións deste protectorado, logo da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, data a partir da que entrará en vigor tal cambio estatutario.

Terceiro.-A presente disposición, que pon fín á vía administrativa, de acordo co establecido no artigo 109 c) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderá ser recorrida potestativamente mediante o recurso de reposición no prazo dun mes e ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, ou ben impugnada directamente ante a jurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria