Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Venres, 10 de maio de 2002 Páx. 6.845

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico do Vilán, no concello de Camariñas (A Coruña), promovido pola empresa Unión Fenosa Energías Especiales, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 14 de xaneiro de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de parque eólico do Vilán, no concello de Camariñas (A Coruña), promovido por Unión Fenosa Energías Especiales, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2002.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora:

-Proyecto parque eólico do Vilán. Marzo de 2001.-Proyecto parque eólico do Vilán. Estudio de impacto ambiental. Marzo de 2001.-Estudio de impacto ambiental. Evaluación de Patrimonio Cultural. Parque eólico do Vilán. 30-7-2001.-Estudio de efectos sinérgicos de los parques eólicos de Pena Forcada, do Vilán y Monte Redondo (A Coruña). 5-11-2001.

a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer pola presente DIA as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio ambiental e documentación complementaria, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese en exclusiva ó proxecto denominado Parque eólico do Vilán, que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 20,8 MW de potencia total no concello de Camariñas (A Coruña), constituído por 16 aeroxeradores modelo Bazán Bonus de 1.300 kW de potencia unitaria, dispostos ó longo de catro aliñacións no lugar de Vilán, dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

482.5004.779.000

486.0004.779.000

486.0004.777.000

485.0004.777.000

483.0004.776.500

Atendendo ó exposto no punto 8 desta DIA, non se procederá á instalación dos aeroxeradores 6, 7 e 8, polo que o parque eólico quedará constituído por 13 dos 16 aeroxeradores proxectados, cunha potencia total instalada de 16,9 MW.

Así mesmo, de acordo co indicado no antedito punto 8, estímase inviable a instalación do aeroxerador 9 na localización proposta. Este aeroxerador poderá ser relocalizado noutra posición alternativa dentro do polígono reflectido nesta DIA, sempre que na nova localización se garanta a protección dos valores ambientais existentes, con especial atención á posible incidencia visual, nos termos expostos no punto 8 da DIA.

A localización e coordenadas UTM do antedito aeroxerador, así como a disposición da súa infraes

tructura asociada establecerase, se é o caso, unha vez que sexa recibida, avaliada e informada favorablemente a documentación requirida no punto 11.1 da DIA.

De acordo co exposto no punto 4 desta DIA, co fin de minimiza-la creación de novas pistas, presentarase unha proposta de acceso alternativo ós aeroxeradores 1 a 5, aproveitando a pista existente, conforme o requirido no punto 11.2 desta DIA.

A localización dos aeroxeradores e infraestructura asociada ó parque eólico será a que se recolle no plano Parque eólico do Vilán. Planta General. Plano nº PL1909MO0007, do estudio de impacto ambiental, agás para o que derive do cumprimento do indicado nos parágrafos anteriores.

As coordenadas UTM dos 12 aeroxeradores con posicións definidas son as seguintes:

AeroxeradorUTM XUTM Y

1483.7004.777.585

2483.7604.777.450

3483.8504.777.310

4483.9204.777.165

5484.0004.777.030

10485.5704.778.230

11485.6404.778.090

12485.7254.778.000

13485.8234.777.895

14485.5034.777.612

15485.5704.777.445

16485.6404.777.285

2. Protección da atmosfera.

2.1. Sobre a emisión de po.

Durante a fase de obras procederase, nos períodos de seca, á humectación continua das pistas e das zonas onde se estean a realizar movementos de terras, co fin de evita-lo levantamento excesivo de po. Así mesmo, os camións de transporte de terras irán cubertos con lonas ou similar, tal como se indica no estudio ambiental.

2.2. Sobre a contaminación acústica.

Os niveis de presión sonora no parque e nas vivendas máis próximas non poderán supera-los valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

Para tal fin, levarase a cabo o plan de control de ruídos proposto no anexo III do estudio ambiental, tendo en conta que deberá realizarse tamén na fase de funcionamento, non só na fase de obras como se propón no plan presentado.

Así mesmo, de acordo co requirido no punto 11.5 da DIA, deberán redefinirse os puntos de control propostos, que non coinciden cos núcleos de poboación mencionados ó longo do estudio ambiental.

3. Protección das augas e leitos fluviais.

As drenaxes transversais das pistas distribuiranse de xeito que non se modifique o actual réxime hídrico da zona. Para tal fin, deberase presentar un estudio da localización de tódolos dispositivos de drenaxe previstos, tanto transversais como lonxitudinais, que incluirá tamén un plan de control do seu funcionamento e das condicións de incorporación das augas á rede natural de drenaxe, de acordo co requirido no punto 11.4 da presente DIA.

O aporte das augas das drenaxes transversais e lonxitudinais á rede hidrográfica farase gradualmente, instalando sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía á súa saída, co fin de evitar erosións, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas ós cursos naturais. O plan de vixilancia do funcionamento dos dispositivos de drenaxe incluirá o control da aparición destes fenómenos.

Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, así como calquera captación ou vertedura, precisará da autorización de Augas de Galicia, segundo se establece no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas, axustándose ás directrices do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa.

As augas residuais xeradas no edificio de control deberán ser conducidas ata unha fosa séptica ou calquera outro sistema que garanta o seu axeitado tratamento que deberá ser mantido periodicamente para garanti-lo seu correcto funcionamento, xestionando os residuos obtidos conforme o estipulado regulamentariamente.

A medida que avanza a obra, procederase á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e terraplén resultantes da execución das pistas, así como das plataformas de montaxe, foxos e zona da subestación e edificio de control, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas. Nas zonas de maior pendente empregaranse mallas antiescorrega e calquera outra medida necesaria para evita-lo arrastre de materiais aba abaixo.

Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evita-la súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial. Non está permitido o lavado de maquinaria e materiais nos cursos de auga.

Non estando prevista no estudio ambiental presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde fábrica ou fábricas localizadas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións.

4. Protección do solo.

Realizarase un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de tódalas

infraestructuras e instalacións proxectadas, que se axustará ó establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.

Procederase á delimitación das distintas zonas de obra, mediante balizas que se manterán en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retiradas cando estas finalicen.

As infraestructuras asociadas á construcción do parque eólico executaranse de acordo coas especificacións técnicas e dimensións sinaladas no proxecto, non permitíndose o seu sobredimensionamento. A circulación de vehículos e maquinaria no parque restrinxirase ás pistas.

Aproveitarase ó máximo a rede de camiños existentes, minimizando a construcción de novas pistas, tal como se indica no estudio ambiental. A este respecto, deberá presentarse unha proposta de acceso alternativo ós aeroxeradores do 1 ó 5, aproveitando a pista existente nas súas inmediacións, de acordo co requirido no punto 11.2 da DIA.

Nos movementos de terras equilibrarase ó máximo o volume de desmonte co de terraplén, tendo en conta que, se trala finalización das obras existise material sobrante das escavacións, será retirado e depositado en lugar autorizado por órgano competente. Así mesmo, no caso de precisar materiais de préstamo, deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada, indicando a localización, extensión e volume do préstamo a efectuar.

Na realización das voaduras disporanse os medios materiais necesarios (redes, mallas ou lonas) que impidan a proxección de fragmentos de rocha á contorna. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona.

No caso de deterioración das pistas ou calquera outra infraestructura ou instalación preexistente debido ós labores de construcción do parque, deberá restituírse a súa calidade ós niveis previos ó inicio das obras.

A realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten os terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

5. Xestión de residuos.

Tódolos residuos xerados, tanto na fase de obra como nas de funcionamento e abandono do parque, serán xestionados conforme a súa natureza, recibindo o tratamento disposto na lexislación vixente. Neste senso, primarase a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de construcción realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramos accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (non autorizada para cir

cular por estradas, por exemplo), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables.

Ó final das obras, e antes do inicio da fase de explotación, a zona debe quedar totalmente limpa, procedendo á retirada e xestión de tódolos residuos de obra.

Os residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, atendendo ós criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia.

En tanto non se produzan as sucesivas entregas ó xestor autorizado, durante a fase de construcción os contedores localizaranse na zona de instalacións de obra, e durante a fase de explotación disporanse no edificio de control.

6. Protección da fauna e vexetación.

6.1. Sobre a fauna.

Respecto á avifauna, tendo en conta a existencia na área do parque de especies de gran valor ecolóxico e potencialmente vulnerables á súa presencia, como son as aves rapaces, así como por tratarse dunha zona na que se rexistra paso migratorio próximo á liña de costa, levarase a cabo o plan de vixilancia proposto, co fin de determina-la existencia ou non de afeccións sobre as poboacións de aves e detectar posibles cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola presencia dos aeroxeradores. Así mesmo, efectuarase unha valoración conxunta dos resultados dos plans de seguimento de avifauna dos parques incluídos no estudio de efectos sinérxicos.

Para tal fin, unha vez efectuado o estudio e campañas preoperacionais de caracterización da avifauna propostas no plan presentado, deberá desenvolverse e completarse o seu contido, de acordo co requirido no punto 11.6 desta DIA.

6.2. Sobre a vexetación.

A eliminación da vexetación nas diferentes zonas afectadas polas obras reducirase ó estrictamente necesario, efectuándose mediante sistemas de roza, e levando a cabo o seguimento botánico indicado no estudio ambiental.

Previamente á corta de arboredo realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

Será preciso xestiona-la biomasa vexetal eliminada, primando á súa valorización, tendo en conta que non se pode proceder á queima destes restos. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, deberá procederse á súa trituración e espallamento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ó solo.

7. Protección do patrimonio cultural.

Para evitar posibles afeccións, establécense, para esta obra, as seguintes áreas de exclusión na contorna dos bens do patrimonio cultural, cun ratio medido desde o límite exterior do ben inventariado de:

-200 m para o xacigo arqueolóxico Castro de Mourín (GA15016001).

-50 m para o resto dos elementos do patrimonio cultural recollidos no estudio de impacto ambiental.

A realización de calquera tipo de obra nas referidas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Así mesmo, evitarase o tránsito de maquinaria nestas áreas.

En todo o ámbito do parque eólico deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos, polo que, previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Como anexo ó proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o seu transcurso, un plano no que figuren as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (aquelas obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Na fase de replanteo revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

8. Protección dos valores paisaxísticos.

Co fin de evita-la incidencia visual directa e negativa sobre o sector da Costa da Morte que se sitúa fronte á enseada Arneliña, especialmente valioso polo seu estado inalterado e virxe, e tendo en conta que a instalación dos aeroxeradores 6, 7 e 8 a uns 200 m da liña de costa suporía una alteración grave e irrecuperable da visión deste tramo costeiro, non se procederá á instalación da antedita aliñación, que comprende os aeroxeradores 6, 7 e 8 e tódalas súas infraestructuras asociadas.

Así mesmo, estímase inviable a implantación do aeroxerador nº 9 na localización proxectada, dada a afección visual directa que suporía sobre a Costa da Morte no tramo comprendido entre a praia da Balea e a praia do Trece, polo que deberá ser relocalizado noutra posición, conforme o requirido no punto 11.1 desta DIA.

Empregaranse cores pouco rechamantes e tonos mate no acabamento dos aeroxeradores e as liñas eléctricas previstas no interior do parque, así como as de telemando, comunicacións, etcétera, estarán soterradas en gabias, tal como se indica no estudio ambiental.

O acabamento do edificio de control e transformación adecuarase ó tradicional da zona, de xeito que as fachadas, cuberta e peches se integren na contorna.

Os afloramentos rochosos con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico existentes na zona deberán ser preservados. Se isto significase o desvío dalgunha infraestructura ou instalación, atenderase ó indicado no punto 13.4 desta DIA.

O desenvolvemento do plan de revexetación, conforme avanza a obra, xunto co seguimento da súa efectividade, deberá garanti-la integración paisaxística das restantes infraestructuras do parque eólico.

9. Outras medidas.

Co fin de evitar posibles colisións de aeronaves cos aeroxeradores deberanse instalar sinalizacións conforme a normativa OACI (Organización de Aviación Civil Internacional), de tal xeito que indiquen a presencia dos aeroxeradores.

10. Restauración.

Tódolos terreos afectados ou deteriorados pola execución das obras (marxes das pistas, foxas, gabias dos cables, plataformas de montaxe, contorno da subestación, edificio de control e das obras de drenaxe, zonas de recadación de materiais...) deberán ser recuperados mediante revexetación, que restitúa a vexetación autóctona presente na zona e favoreza a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal, garantindo o seu mantemento ó longo do tempo.

Para tal fin, desenvolverase o Plan de restitución del suelo y revegetación incluído no anexo III do estudio ambiental, realizando un seguimento posterior da súa efectividade, debendo presentarse un plan vixilancia da restauración, de acordo co requirido no punto 11.7 da DIA. Na mestura de pratenses para a hidrosementeira substituirase o Agropyrum por Agrostis capillaris.

O desenvolvemento dos labores de restauración realizarase conforme avanza a obra e as distintas superficies a restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de controla-los fenómenos erosivos, arrastre de materiais e lograr unha maior integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio. A este respecto, presentarase un novo calendario dos labores de restauración que contemple o antedito.

A capa edáfica ou horizonte vexetal do solo será retirada previamente á ocupación do terreo, e amoreada e mantida nas condicións sinaladas no plan de restauración.

Previamente á revexetación efectuarase o acondicionamento do terreo, procedendo á súa descompactación e laboreo superficial, retirando o exceso de pedregosidade e estendendo a terra vexetal previamente amoreada. Minimizarase o espallamento de terra vexetal, restrinxíndoo ás zonas alteradas que vaian ser restauradas.

Ó finaliza-las obras, retiraranse as casetas de obra e calquera outra estructura relacionada, procedendo á recuperación da zona afectada, conforme se indica no plan de restauración.

Así mesmo, o plan de restauración presentado debe ser completado, incluíndo a descrición e valoración económica de tódalas actuacións previstas na fase de desmantelamento e abandono do parque unha vez rematada a vida útil da instalación, tendo en conta os posibles usos futuros da área, de acordo co requirido no punto 11.7 desta DIA.

11. Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras, no prazo máximo de tres (3) meses dende a notificación da presente DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

11.1. Proposta de localización alternativa para o aeroxerador nº 9, segundo o indicado no punto 8 da DIA, indicando as coordenadas UTM da nova situación, o acceso previsto e o trazado da gabia dos cables.

11.2. Proposta de acceso alternativo ós aeroxeradores 1 ó 5, contemplando o aproveitamento do camiño existente nas súas inmediacións e minimizando a lonxitude de pistas de nova creación, conforme o indicado no punto 4 desta DIA.

Unha vez emitido informe favorable por esta dirección xeral o cumprimento dos puntos anteriores, presentarase:

11.3. Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflictan tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, de acordo co establecido no punto 1 desta DIA e incorporando as modificacións que se deriven do cumprimento dos puntos anteriores. Diferenciaranse as pistas preexistentes das de nova construcción e aquelas que se van acondicionar (indicando lonxitude de cada tipo), reflectindo tamén o polígono do parque, accesos e elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela.

11.4. Estudio xustificado da localización dos dispositivos de drenaxe previstos, tanto transversais como lonxitudinais, indicando a dirección do fluxo de auga e a área drenada por cada unha das infraestructuras de drenaxe proxectadas, reflectíndoas nun plano en planta a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM. Así mesmo, describiranse os sistemas protectores e de disipación de enerxía que se van instalar á saída das drenaxes transversais e nos puntos de vertedura dos foxos, e proporase un plan de control do seu funcionamento.

11.5. No referente ó plan de seguimento do nivel de ruídos presentarase:

-Nova proposta de puntos de control, tanto para a fase de obras como de funcionamento, incluíndo puntos de medición na área do parque e nas vivendas máis próximas. Ademais dos núcleos mencionados no estudio ambiental (Mourín, O Pión, Os Riás e O Cotro) incluiranse, como mínimo, Cotariño e

A Rega. Acompañarase dun plano de localización dos puntos de control e dunha táboa indicando a distancia ó aeroxerador máis próximo.

-Resultados da medición de ruídos na fase preoperacional, en tódolos puntos propostos. As medicións deben ser efectuadas por entidade homologada, e os informes de resultados deben estar asinados por técnico desa entidade. Incluirase o mapa de ruídos indicado no estudio ambiental. Así mesmo, indicarase a velocidade do vento (máxima, mínima, media e desviación típica) durante o período de medición.

-Proposta para o control das emisións sonoras na fase de funcionamento, indicando frecuencia das medicións.

11.6. Resultados do estudio e campañas preoperacionais de caracterización da avifauna na área do parque, tanto sedentaria como invernante e en paso migratorio, considerando tódolos puntos do plan de seguimento presentado. Á vista dos resultados obtidos, deberá desenvolverse o contido do plan previsto, completándoo cos seguintes puntos:

-Cartografía das zonas de nidificación, áreas de asentamento temporal, áreas de campeo, tránsito de avifauna e focos de atracción detectados.

-Proposta xustificada de metodoloxía para a detección do efecto baleiro que poida xera-la presencia do parque. Mapificación dos itinerarios de censo e puntos de observación, relativizándoos coas infraestructuras proxectadas. Frecuencia dos censos e controis que se efectuarán.

-Definición dos limiares de risco por colisión (de alerta e inadmisible) e aparición do efecto baleiro, que indiquen a necesidade de adopción de medidas protectoras ou correctoras específicas, xustificando o método para a súa determinación. Descrición do método para caracteriza-lo nivel de risco de colisión asociado ás distintas categorías de aves incluídas no plan de seguimento.

-Definición detallada das medidas protectoras e/ou correctoras que se vaian adoptar en función das situacións de risco indicadas no punto anterior, ou ante a manifestación de efectos acumulativos e/ou sinérxicos. Contemplarase, entre outras, a estipulación dun período de parada dos aeroxeradores. Describiranse tamén as medidas propostas para a detección de posibles impactos puntuais imprevistos, ante condicións climatolóxicas adversas, desvío de rutas migratorias cara ó interior ou acumulación temporal de aves na área.

-Busca de aves accidentadas por colisión: describirase con detalle a metodoloxía que se empregará na selección e posterior revisión dos aeroxeradores en cada visita, tendo en conta a súa posición topográfica, posible interferencia coas rutas de paso de aves na área (proximidade á liña de costa) e posición relativa destes no conxunto do parque, co fin de proceder á selección daqueles que poidan ter unha maior incidencia sobre a avifauna. O número de aeroxeradores revisados en cada visita non será inferior ó 20 % e nas sucesivas campañas incorporaranse

novos aeroxeradores ata determina-la posible afección da totalidade destes. Incluirase unha valoración da distorsión que pode introducir nos resultados das campañas e na estimación de índices de colisión o diferente esforzo de mostraxe realizado, condicións climatolóxicas durante as mostraxes, detectabilidade e desaparición dos cadáveres por necrófagos, así como os factores de corrección que se introducirán para corrixir posibles desviacións. A frecuencia das visitas será como mínimo mensual, prevendo un aumento nas épocas reproductoras e de paso migratorio en función dos resultados do estudio de caracterización da avifauna, así como unha posible redefinición en función dos resultados do seguimento que se vai efectuar.

-Caracterización do paso migratorio e movementos de aves na área afectada, independentemente da súa tipoloxía, tendo en conta a información achegada no estudio ambiental e a que se derive do estudio e campañas preoperacionais de caracterización de avifauna, achegando información sobre as especies e tipoloxía do paso, nº de aves, períodos de paso, altura do voo, traxectoria e sentido dos movementos, así como unha valoración dos datos obtidos en relación á avaliación efectuada no estudio de sinerxias e no estudio ambiental presentados.

11.7. Addenda ó plan de restauración presentado, conforme o indicado no punto 10 da DIA, que inclúa: novo calendario dos labores de restauración contemplando a súa execución conforme avanza a obra; plan de vixilancia do desenvolvemento da revexetación; descrición e valoración económica de tódalas actuacións previstas para o desmantelamento e abandono do parque, integrada por memoria, planos, prego de condicións e orzamento; novo orzamento do plan de restauración na fase de obras, adaptado á configuración final do proxecto resultante do establecido nesta DIA. Os orzamentos incluirán medicións debidamente xustificadas, cadro de prezos unitarios, unidades de obra con prezos desagregados, orzamentos parciais, orzamento total de execución material e orzamento total de execución por contrata.

11.8. Copia da autorización do proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento arqueolóxico durante a fase de obras, conforme o indicado no punto 7 da presente DIA. En ningún caso poderán iniciarse as obras sen a autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural respecto do indicado neste punto.

Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder ó inicio das obras ata que non conte co informe favorable da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Unha vez emitido informe desta dirección xeral sobre o cumprimento do indicado nos puntos anteriores, o promotor comunicará a esta dirección xeral as datas de replanteo e inicio das obras, remitindo como mínimo 48 horas antes do seu comezo o cronograma de obras actualizado, contendo tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de inicio e fin e a duración prevista.

12. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas no estudio ambiental e do condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo e coa periodicidade indicada, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

12.1. Durante a execución das obras, con carácter mensual, presentarase:

a) Cronograma de obras debidamente actualizado, con tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras de carácter ambiental e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de avance respecto do total. No cronograma figurará a data de actualización.

Con carácter trimestral presentarase un informe de obras que inclúa:

a) Resultados das medicións do nivel de ruído, en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento durante a realización da medición. As medicións serán efectuadas por entidade homologada e os informes presentaranse asinados por técnico desa entidade. Así mesmo, deberá indicarse a velocidade do vento (máxima, mínima, media e desviación típica) durante o período de medición.

b) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe e das condicións de incorporación das augas á rede natural, de acordo co indicado no punto 3 desta DIA.

c) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, onde se describa o desenvolvemento dos traballos, incidencias ou imprevistos acontecidos, resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras (control de eficacia), labores de restauración levadas a cabo, xestión dos residuos, controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudio ambiental e o establecido na presente DIA, e que reflicta o cumprimento das condicións impostas na declaración, en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados dela. Nas fotografías indicarase a data e a hora, acompañándoas dun plano de situación.

d) Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, onde se reflicta a situación real das obras e porcentaxe de execución respecto ó total, referido ós distintos elementos que conforman o proxecto: pistas, aeroxeradores, plataformas de montaxe, gabias dos cables, subestación, etcétera.

12.2. Ó final das obras, comunicarase a data prevista para a posta en marcha da instalación e presentarase, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:

a) Memoria onde se describa o desenvolvemento dos traballos, resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudio ambiental e o establecido na presente DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos, destino dos sobrantes de terras no caso de producirse, xestión aplicada á biomasa vexetal e descrición detallada do estado final da área afectada, en relación a tódolos aspectos incluídos no estudio ambiental e no condicionado desta declaración.

b) Reportaxe fotográfica que amose os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, subestación, estado das pistas, drenaxes e foxos, gabias dos cables, estado de limpeza da área, en especial da zona destinada a instalacións de obra, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

c) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados.

d) Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de explotación, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

e) Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, que reflicta a situación real de tódalas instalacións e infraestructuras do parque, correspondente a un levantamento topográfico da obra realizada, indicando tamén as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras de carácter ambiental.

12.3. Seguimento ambiental semestral, contado desde o inicio da explotación, durante os dous primeiros anos desta. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Resultados das medicións do nivel de ruído na fase de funcionamento do parque, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición e a duración desta. Os resultados da primeira medición realizada serán remitidos no momento no que sexan obtidos. Así mesmo, deberá indicarse a velocidade do vento (máxima, mínima, media e desviación típica) durante o período de medición.

b) Resultados do control do funcionamento dos dispositivos de drenaxe e das condicións de incorporación das augas á rede natural, de acordo co indicado no punto 3 da presente DIA.

c) Resultados do plan de seguimento de avifauna, conforme o indicado no punto 6.1 desta DIA.

d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no que se recollan os resultados do desenvolvemento

do plan de restauración, incluíndo os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das drenaxes, pistas, noiros, foxos, gabias dos cables e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión, así como detalle dos controis ambientais efectuados e das incidencias detectadas en relación a tódolos aspectos incluídos na DIA. Nas fotografías indicarase a data e hora de toma, acompañándoas dun plano de localización.

12.4. Seguimento ambiental anual: presentarase a partir do segundo ano de explotación e terá, salvo indicación en contra por parte desta dirección xeral, os contidos do informe requirido no punto anterior.

12.5. Seguimento do posibles afectos acumulativos e/ou sinérxicos: xunto cos informes de seguimento ambiental, acompañarase un anexo cos resultados do seguimento dos posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos, para cada un dos factores estudiados, conforme o documento Estudio de efectos sinérgicos de los parques eólicos de Pena Forcada, do Vilán y Monte Redondo (A Coruña), indicando as medidas protectoras e/ou correctoras adoptadas no caso de producirse a aparición deste tipo de efectos.

12.6. Informe ambiental previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, remitirase o cronograma previsto das actuacións de desmantelamento e abandono da instalación. Se é o caso, xuntarase un informe indicando as posibles variacións respecto do previsto na addenda que se presentará de acordo co punto 11.7 desta DIA, xunto coa súa xustificación.

12.7. Informe posterior ó abandono: no prazo máximo de dous (2) meses contados desde o fin das accións para o desmantelamento e abandono da instalación, remitirase un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión aplicada ós residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.

No caso de se detectaren durante o seguimento ambiental a efectuar, en calquera das súas fases, impactos non previstos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente a esta dirección xeral, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas.

13. Condicións adicionais.

13.1. Para efectos de seguimento da presente declaración, o órgano substantivo comunicará a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

13.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Sen embargo, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de as modificar ou cambiar por outras, naqueles supostos

que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.

13.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen o comunicará ó órgano ambiental.

13.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente, a través do órgano substantivo, a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando tamén se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

13.5. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ó ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

Proponse como importe provisional do aval, que deberá fixa-lo órgano substantivo, o 4% do investimento previsto, ascendendo á cantidade de cento dezaseis millóns catrocentas oitenta mil (116.480.000) pesetas (700.058,9 euros). O importe definitivo do aval proporase cando o promotor presente o orzamento do plan de restauración, tendo en conta o requirido no punto 11.7 da presente DIA.

13.6. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera momento e para os efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

13.7. Se, unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá sus

pender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata estes seren corrixidos.

13.8. O incumprimento total ou parcial por parte da empresa promotora das condicións impostas nesta DIA poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

13.9. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes para levar a cabo a actividade ou modificacións desta, incluídos, se é o caso, os da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou Normas Subsidiarias.

13.10. O proxecto de referencia estará ó abeiro do disposto na Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

13.11. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

13.12. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata que sexa cumprido este trámite.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto denominado Parque eólico do Vilán. Marzo de 2001, promovido pola empresa Unión Fenosa Energías Especiales, S.A., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 16 aeroxeradores e a súa infraestructura asociada, que se situará no lugar de Vilán, concello de Camariñas (A Coruña).

Os aeroxeradores disporanse no sector occidental da Serra de Pena Forcada, nas zonas denominadas Alto da Vela, Petón do Castelo, Pena Maior, Monte das Seixas e Pena Fens, en catro aliñacións localizadas no interior do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

482.5004.779.000

486.0004.779.000

486.0004.777.000

485.0004.777.000

483.0004.776.500

As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:

-Número de aeroxeradores: 16.

-Modelo: Bazán-Bonus.

-Potencia unitaria por aeroxerador: 1.300 kW.

-Potencia total instalada: 20,8 MW.

-Altura das torres: 68 m.

-Diámetro do rotor: 62 m.

-Producción neta anual prevista: 56.160 MWh/ano.

-Investimento previsto: 2.912.000.000 de pesetas.

A obra civil inclúe o acondicionamento de 1.000 m de pistas existentes e a creación de 1.500 m de pistas de acceso e servicio ós aeroxeradores, cun largo de rodadura de 4 m, piso de saburra compactada e dotados de foxos de 0,40x0,20 para a recolla e evacuación de augas pluviais, labores de cimentación dos aeroxeradores e escavación duns 5.200 m de gabias de conducción dos cables, cun largo máximo de 100 cm no caso de tres circuítos. A duración estimada da fase de obras é de oito (8) meses.

Tamén está proxectada a construcción dunha subestación transformadora de tensión 20/66 kV e o edificio de control do parque, dun só nivel. A evacuación da enerxía eléctrica producida polos aeroxeradores realizarase a través de liñas soterradas de media tensión a 20 kV, que chegan á subestación transformadora que enlaza directamente co tendido aéreo a 66 kV da futura liña Vimianzo-Camariñas.

Medidas preventivas e correctoras

Medidas na fase de deseño e construcción:

-Rega con auga para a estabilización.

-Cobertura dos camións de transporte de materiais pulverulentos.

-Control das emisións gasosas producidas pola maquinaria.

-Control das emisións sonoras.

-Retirada, acumulación, conservación e recuperación da terra vexetal.

-Optimización da ocupación do solo por maquinaria e elementos auxiliares.

-Minimización das superficies de vexetación afectadas e solo compactado.

-Construcción e adecuación das novas pistas.

-Traslado de exemplares de vexetación singular susceptibles de seren afectados.

-Protexe-la vexetación, minimizando a superficie de vexetación afectada polas obras.

-Trituración de residuos de corta e roza.

-Xestión de tódolos residuos xerados, atendendo á súa natureza.

-Mellora no deseño dos aeroxeradores para evitar colisións de aves.

-Adecuación das edificacións á tipoloxía constructiva da zona.

-Mellora da integración dos aeroxeradores na contorna.

-Melloras socioeconómicas na comunidade.

Medidas na fase de explotación:

-Selección e mellora do deseño dos aeroxeradores.

-Laboreo de terreos compactados.

-Revexetación das superficies afectadas.

-Adecuada xestión de residuos.

-Programa de recuperación e tratamento paisaxístico.

-Comprobacións sobre afección á avifauna.

-Restitución de camiños, infraestructuras ou calquera outra servidume afectada e elementos rurais tradicionais.

O epígrafe de medidas preventivas e correctoras inclúe, para cada unha delas, unha táboa na que se indica o impacto ó que se dirixe, a definición da medida, o seu obxectivo, descrición, entidade responsable da xestión, as precaucións na súa execución e xestión e as necesidades de mantemento.

ANEXO II

Resumo dos informes

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite un primeiro informe desfavorable ó estudio de impacto ambiental do Parque eólico do Vilán, por non contar cun estudio específico, baseado en traballo de campo, do impacto das obras no patrimonio cultural.

No segundo informe, á vista do documento Estudio de impacto ambiental. Evaluación de Patrimonio Cultural. Parque eólico do Vilán. 30-7-2001, indica os seguintes condicionantes:

1. Para a evitar posibles afeccións, estableceranse para esta obra na contorna dos bens do patrimonio cultural, as seguintes áreas de exclusión, cun raio, medido desde o límite exterior do ben inventariado, de:

-200 m para o xacigo arqueolóxico Castro de Mourín GA15016001.

-50 m para o resto dos elementos do patrimonio cultural recollidos no estudio de impacto ambiental.

A realización de calquera tipo de obras nestas áreas precisará o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Evitarase o tránsito de maquinaria nestas áreas.

2. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. A tal fin, e previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Como anexo ó proxecto arqueolóxico, deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal de obra durante o seu transcurso, un plano no que figurarán as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do Patrimonio Cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

3. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral

de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

4. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural emite o seguinte informe:

O proxecto pretende a construcción dun parque eólico denominado Vilán, de 20,8 MW de potencia total instalada, cun total de 16 aeroxeradores de 1.300 kW de potencia unitaria, ademais das infraestructuras e instalacións precisas para a súa instalación, explotación e mantemento. A súa localización correspóndese co lugar denominado Vilán.

Contiguo ó presente parque localízase a proposta de lugar de importancia comunitaria denominada Costa da Morte. Este espacio atópase na actualidade no rexistro xeral de espacios naturais en réxime de protección xeral, establecido así na Orde do 28 de outubro de 1999, prorrogada na Orde do 7 de novembro de 2000. De todos modos, o presente parque, ben que está preto, non lle produce unha afección directa. De preverse algunha afección, tanto directa como indirecta, deberase comunicar previamente para a avaliación da súa repercusión a adopción das medidas pertinentes. En todo caso, velarase por que nos hábitats naturais prioritarios e de interese comunitario non se comprometa o seu mantemento ou restablecemento nun estado de conservación favorable.

Tocante á documentación presentada, cabe face-las seguintes consideracións:

1. No estudio ambiental faise referencia á dotación dun sistema de drenaxe artificial (gabias e bueiros), no que se terá en conta que a auga evacuada por cada bueiro se corresponda coa mesma microbacía na que se efectuou a captación; sempre é mellor que o número destes sexa elevado, xa que os camiños son elementos lineais que cortan transversalmente o paso da auga e que na parte baixa da aba atravesada pola pista a achega de auga de escorrega redúcese de xeito importante; na saída dos bueiros débese ter en conta que esta se efectuará de xeito que non se produzan fenómenos erosivos, de asolagamento ou deposición, sempre e cando non existisen antes da actuación referida.

Farase polo tanto un deseño e construcción da rede de drenaxe artificial que teña en conta os obxectivos anteriores, implementando ademais os dispositivos de disipación de enerxía e barreiras de sedimentos precisas.

2. Aínda que se explicita que a rede hidrográfica non se verá afectada directamente polas obras, non está de máis face-las seguintes consideracións:

Respectaranse os leitos dos cursos naturais susceptibles de seren afectados polas obras, de xeito

que quede garantido o réxime da caudais, certificando que o fluxo hídrico manteña as condicións actuais de velocidade, establecendo para isto as infraestructuras que sexan precisas.

Evitarase a vertedura de substancias contaminantes ós cursos de auga. Non poderá verse afectada a calidade das augas, cumprindo co disposto na lexislación vixente. Así mesmo, terase en conta:

-Non se acumularán nos leitos naturais nin nas zonas de servidume terra, entullos, material sobrante de construcción ou calquera outro tipo de substancias contaminantes que poidan incorporarse ós cursos de auga por escorregas ou cheas do caudal.

-Evitarase o arrastre de sólidos en suspensión.

-Prohíbese o lavado de materiais e utensilios nos cursos de auga.

-Porase especial atención nos posibles procesos erosivos ocasionados polas drenaxes das pistas, tomándose as medidas oportunas para solucionar posibles imprevisións durante a planificación ou execución, facendo un seguimento periódico no plan de vixilancia durante a vida do parque.

Subliña-la necesidade de non efectuar ningún tipo de actuación nos leitos dos regatos existentes na zona nin nas súas zonas de servidume e policía sen a previa autorización do organismo de bacía. No caso de que esta afección atinxa os ecosistemas fluviais, requirirase informe preceptivo desta dirección xeral, segundo o disposto no artigo 77.3º do Decreto 130/1997.

3. Aínda que no estudio ambiental non se prevé corta de árbores, lémbrase que no suposto de facerse preciso, debe terse en conta que:

-Onde se pretenda efectuar cortas de especies arbóreas deberase ter en conta o disposto no Regulamento de montes, co cal se terá que face-la correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.

-No caso de afectarse a vexetación de ribeira, terase que solicita-la correspondente autorización do Servicio Provincial de MAN tal e como establece o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

4. No presente EsIA non se fai referencia á necesidade dunha liña de evacuación da enerxía xerada para poder subministra-la electricidade ós centros de consumo. É importante a consideración daquelas accións do proxecto que poidan desencadear impactos negativos importantes sobre os factores do medio. Cando menos deberíase presentar un primeiro esbozo da futura liña que permitise facer un dictame previo, e sempre acompañando o EsIA. O principal problema destas liñas é a súa afección negativa sobre a avifauna, polo que no seu deseño se estima a idoneidade de presenta-los seguintes aspectos:

-Previsión de impactos negativos, así como as medidas correctoras, protectoras e/ou compensatorias a que se vaian adoptar.

-Seguimento destas poboacións unha vez efectuadas as actuacións, no correspondente plan de vixilancia.

5. Á vista do plan de vixilancia da avifauna, estímase axeitado o enfoque e obxectivos, así como o método para acadalos. Sen embargo, cóidase de interese que se incorporen as seguintes propostas:

* Presentación con regularidade periódica dos resultados obtidos.

* Presentación de forma explícita dos datos empregados na consecución dos resultados; zonas de mostraxe (cartografía), factores de corrección, desenvolvemento estatístico. En resumo, todo o contido analítico e conceptual debidamente desenvolvido para a obtención dos referidos resultados.

* O parque eólico pode ocasionar unha mortandade temporal de aves despreciable durante moitos anos e pode provocar despois repentinamente (durante unha xustaposición casual de certa bandada de aves con certas condicións meteorolóxicas adversas e certa alteración) unha mortandade espectacular de centos de aves nunha soa noite. Por conseguinte, poderíase argumentar que non poden cuantificarse as taxas de mortandade específicas, salvo despois de moitas décadas de estudio exhaustivo. Isto levar a propoñer que o plan debe deseñarse para que se superpoña en duración co tempo de afección do proxecto, ou sexa, durante a súa vida útil. Estímase por conseguinte insuficiente o prazo de dous anos que se propón no estudio ambiental.

* Determinación de limiares de alerta, cunha metodoloxía rigorosa que sirva para a adopción das medidas oportunas, como pode se-la estipulación dun período de parada de aeroxeradores por mortandade temporal de aves.

* En definitiva, deberíanse integra-lo conxunto dos plans de vixilancia, así como os resultados e medidas desprendidas destes, nun plan xeral que abranga conxuntamente o parque de Vilán e o de Pena Forcada. Xustificámo-la viabilidade e necesidade desta proposta por:

-Ámbolos dous parques son contiguos e pertencen ó mesmo promotor.

-O equipo ambientalista que se encargou dos estudios de aves e do ambiental é o mesmo.

-A integración nun plan xenérico, de estar ben deseñado, debe reduci-los costes finais.

-E, por último e non por isto menos importante, todo o contrario, os resultados finais presentarán unha calidade moi superior, podendo por tanto determinar medidas moitos máis rigorosas con base nestes.

6. Non se poderán depositar nin acumular na área do parque nin en terreos anexos, ningún tipo de refugallos sólidos. No caso de empregarse canteiras abandonadas ou outros lugares de acumulación, debe indicarse cales, ademais do método de depósito e actuacións que se levarán a cabo para acadar unha boa integración co medio. En calquera caso, tanto

os residuos producidos na fase de explotación como os que proveñan dos labores de mantemento ou outros deberanse recoller e xestionar conforme a súa natureza e de acordo co establecido na lexislación vixente.

7. As medidas correctoras e protectoras deben quedar definidas a nivel executable, incluíndose nos correspondentes cronogramas e programándose dentro do plan de obra, tendo en conta que a integración ambiental non é un tema menor subordinado á funcionalidade da obra, antes ben o medio é anterior á actuación e é esta a que debe subordinarse a aquel. Así mesmo, deben establecerse os custos e as medidas de xestión correspondentes.

Non se poderá efectuar ningunha actividade que non veña recollida no estudio ambiental, ou ben que non sexa proposta na declaración de impacto ambiental. Por outra banda, todas aquelas medidas protectoras ou correctoras propostas no estudio deberán ser consideradas na obra, así como o disposto no plan de vixilancia ambiental.

A Dirección Xeral de Obras Públicas informa de que a realización deste proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que atinxe o uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten os terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

A Dirección Xeral de Industria emite informe favorable, que inclúe un resumo das características básicas do proxecto, da tramitación realizada, dos informes emitidos polos distintos organismos consultados, dos resultados de información pública e unha proposta de condicionado ambiental que inclúe os seguintes puntos:

-Ámbito territorial de actuación.

-Impacto causado pola ocupación do terreo.

-Residuos.

-Flora e fauna.

-Impacto visual.

-Urbanismo.

-Programa de vixilancia ambiental (ruídos e colisións de avifauna).

A Dirección Xeral de Turismo emite informe de incidencia turística sobre o proxecto, incluíndo os seguintes puntos: localización e antecedentes, instalacións propostas, principios normativos nos que se basea o informe e valoración da incidencia turístico-ambiental da instalación, no que indican:

As catro aliñacións sitúanse con gran distancia entre si, podendo distinguir entre tres zonas:

1. Aliñación A: sitúase mesmo fronte o mar aberto, na embocadura da Ría de Camariñas, mesmo fronte á poboación de Muxía e o santuario da Barca. A instalación destas máquinas resultaría a continuación das existentes nese punto. Aínda que resultan unha afección considerable sobre unha paisaxe

emblemática da Costa da Morte, nas proximidades do Cabo Vilán, esta zona atópase xa alterada na actualidade polos aeroxeradores referidos e as instalacións abandonadas dunha antiga planta de acuicultura.

2. Aliñación B: sitúase a moi escasa distancia da costa (escasos 200 m), sobre os mesmos cantís que forman a enseada Arneliña, na costa norte, no incio do perfil da Costa da Morte entre Cabo Vilán e Camelle. Desde este punto apréciase un espectacular perfil do cabo e os seus aguillóns que se afunden no mar. Suporían unha alteración grave e irrecuperable da visión que se ten desta costa desde o cabo, ademais da desproporción da súa implantación: a escasos 200 m da liña de costa, situados á cota de 80 m e cunha altura total de 99 m. A implantación de tres aeroxeradores neste punto valórase absolutamente inadecuada.

3. Aliñacións C-D: bastante retirada con respecto á costa exterior. A situación dos aeroxeradores desde o cumio da Pena Maior cara á ría de Camariñas, onde a incidencia visual na paisaxe non resulta tan incompatible a causa da degradación urbanística existente. En calquera caso, valórase que o aeroxerador nº 9, o máis próximo ó cumio da Pena Maior, debe ser eliminado debido a afección visual directa que supón sobre a Costa da Morte, entre a praia da Balea e a praia do Trece.

En conclusión, a implantación dos aeroxeradores propostos reconsiderarase nos seguintes termos:

-Elimina-la aliñación 6-7-8 pola incidencia visual directa e negativa e por proximidade sobre un sector da Costa da Morte (incluída no rexistro de espacios naturais protexidos na Rede Natura 2000) especialmente valioso polo seu estado inalterado e virxe.

-Evita-la instalación do aeroxerador nº 9 na localización proposta para non afectar visualmente a Costa da Morte nos termos expostos.

O organismo autónomo Augas de Galicia emite un informe que inclúe a descrición das unidades de coñecemento na zona do parque e un resumo das características do proxecto avaliado, acompañado do seguinte condicionado:

En todo momento, durante a construcción e na fase de explotación, deberán terse en conta as medidas protectoras de non alteración dos cursos fluviais e a prohibición de verter refugallos neles, no caso de que estes se producisen, prohibíndose o lavado de camións e formigoneiras e o cambio de aceite da maquinaria de construcción nas proximidades dos leitos dos regos afectados.

A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de tal xeito que trala construcción do parque eólico, a súa calidade e clasificación sexa a mesma que antes do inicio das obras.

Un condicionante básico a entender desta área, sería que a futura autorización reflectise que a instalación se axustará á proposta do Plano Hidrolóxico de Galicia-Costa e ás súas directrices.

Se co motivo da realización dalgún acceso ou pista con gabia para cables se produce algún cruzamento cun curso fluvial, serán necesarias medidas de protección e corrección dos seus efectos, sendo en todo caso preceptiva a autorización do organismo Augas de Galicia, segundo o establece o Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico e a Lei de augas 29/1985, modificada parcialmente pola Lei 46/1999, do 13 de decembro.

En definitiva, ese servicio considera que a instalación do citado parque eólico non produce ningunha alteración de importancia en relación coa planificación hidrolóxica da zona, sempre e cando se cumpran as medidas preventivas e correctoras, durante a fase de construcción e período de explotación, especificadas no presente informe.

Non obstante, faise indispensable unha correcta execución das pistas, de tal xeito que a incidencia sobre a rede hidrolóxica da zona sexa mínima, evitando sobre todo a vertedura accidental de substancias contaminantes.

No caso de que as características deste parque eólico precisasen do uso regular de auga para o seu normal funcionamento, tanto na fase de construcción e montaxe como na de explotación, ou ben se producisen verteduras ou captacións á rede hidrolóxica, ou cruzamentos da rede fluvial, será necesaria a obtención por parte do explotador das preceptivas autorizacións de captación ou vertedura, que se tramitarán, segundo a lexislación vixente, ante o organismo Augas de Galicia.

ANEXO III

Resumo das alegacións

Miguel Queiro Pérez, en representación da Asociación AXVALSO, expón as seguintes alegacións:

O emprazamento do parque eólico afecta directamente a unha das praias máis emblemáticas de Camariñas e comarca: praias de Reira, enmarcadas dentro das rutas turísticas da Costa da Morte. Os efectos negativos sobre a zona son o impacto visual dos aeroxeradores cunha altura de 68 metros, que estarán situados a escasos 800 m de distancia da praia, e tamén o impacto sonoro. Por outra banda, habería impacto negativo sobre a flora e fauna coa creación de infraestructuras. A proximidade coas zonas incluídas na Rede Natura necesita unha avaliación sobre o impacto que vai causa-la instalación de aeroxeradores de case 70 metros de altura, con aspas de 60 metros, verdadeiros monstros na liña de praia. Os aeroxeradores 9 a 13 van erguerse sobre o lugar denominado Foxo dos Lobos, que é un elemento etnográfico restaurado no ano 2000 pola deputación provincial.

Rupert Kolb, en representación do colectivo Adiante Soneira e Xoán Carlos Pérez Gestido presentan escritos de alegacións coincidentes co anterior.

Jorge-Juan Espasandín Martínez, como dono dun terreo no lugar denominado Fonte Tamboa, no que proxecta construír un camping, oponse á instalación

da parte occidental do parque eólico, xa que o futuro camping quedaría encaixonado entre as dúas aliñacións máis occidentais de tres e cinco aeroxeradores e a escasa distancia deles, co grave prexuízo que isto significaría para a viabilidade do establecemento, considerándoo ademais dificilmente compatible cos valores ambientais daquela extraordinaria paraxe.