Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Venres, 10 de maio de 2002 Páx. 6.820

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 22 de abril de 2002 pola que se procede á convoctoria para o ano 2002 de subvencións a asociacións de comerciantes sen fins de lucro para actuacións en revitalización urbanístico-comercial, implantación de programas de calidade, asesoramento e asistencia técnica ó comercio retallista, en desenvolvemento do programa cuadrienal de modernización do sector comercial retallista de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, de acordo coas bases reguladoras establecidas no anexo XII da Orde do 11 de marzo de 2002.

O pulo do asociacionismo e do urbanismo comercial constitúe un factor clave para enfronta-los novos retos da globalización e da liberalización da economía e neste sentido, pronúnciase o Programa cuadrienal de modernización do sector comercial retallista de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na sesión celebrada o 13 de outubro de 2000, que recolle un conxunto de medidas entre as que é de subliñar: o apoio á revitalización urbanístico-comercial de áreas urbanas, a mellora da imaxe do comercio mediante a implantación de programas de calidade e o asesoramento e asistencia técnica ó comercio.

A orde da Consellería de Industria e Comercio do 11 de marzo de 2002, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo publicada no DOG número 55, do 18 de marzo, fixa os criterios básicos da súa política de fomento de acordo coa previsión efectuada no artigo 4 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

O amplo alcance da Orde do 11 de marzo de 2002 que establece con vixencia ilimitada no tempo as normas básicas reguladoras na concesión de axudas e subvencións que outorgue a Consellería de Industria e Comercio nos seus distintos programas en materia de comercio fan necesaria a súa concreción a través da correspondente convocatoria para o exercicio 2002.

En virtude do exposto, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. O obxecto da presente orde é a convocatoria para o exercicio 2002 do programa de axudas e subvencións a asociacións de comerciantes para revitalización urbanístico-comercial das áreas urbanas, implantación de programas de calidade e o asesoramento e asistencia técnica ó comercio retallista a través das actividades subvencionables establecidas no anexo XII, Axudas e subvencións a asociacións de comerciantes sen fins de lucro para actuacións en revitalización urbanístico comercial, implantación de programas de calidade e asesoramento e asistencia técnica o comercio retallista, da orde da Consellería de Industria e Comercio de 11 de marzo de 2002, para todas aquelas

actuacións que se executen a partir do 1 de xaneiro de 2002.

2. Poderán beneficiarse das axudas obxecto desta orde, as asociacións de comerciantes de carácter territorial ou sectorial, sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas, e das que o seu ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia ou ben calquera outra entidade representativa das pequenas e medianas empresas comerciais sen fins de lucro, no ámbito territorial e que pretendan levar a cabo proxectos de interese e transcendencia para o sector comercio, segundo o establecido no anexo XII da orde da Consellería de Industria e Comercio do 11 de marzo de 2002.

Artigo 2º.-Contía e ámbito.

1. As subvencións que se establezan para as actuacións obxecto desta orde, serán con cargo á aplicación orzamentaria 08.04.753-A.780.1 «A familias e institucións sen fins de lucro. Mellora do sector comercial retallista galego. Proxectos de desenvolvemento do sector comercial», coa seguinte distribución para o ano 2002 e as plurianualidades correspondentes ós exercicios 2003 y 2004, con independencia dos orzamentos que se aproben nos devanditos exercicios.

O gasto que se proxecta tramitarase como expediente anticipado e está condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos do exercicio 2002, en trámite parlamentario, de acordo co disposto no punto 3º do artigo 3, in fine da Orde do 27 de novembro de 2000, pola que se modifica a do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de gastos.

Aplicación orzamentaria: 08.04.753-A.780.1.

2002: 1.700.000 euros.

2003: 850.000 euros.

2004: 510.000 euros.

Estas contías poderán incrementarse en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

2. A contía máxima da subvención que se outorgará non poderá superar en ningún caso o 70% do investimento subvencionable; non obstante para as actuacións contempladas nas alíneas b, c, d, e y f) do anexo XII da orde da Consellería de Industria e Comercio do 11 de marzo de 2002 a subvención non poderá superar en ningún caso o 50% do investimento subvencionable; non podendo excede-lo tope do 90%, o conxunto de axudas que poidan existir para o mesmo proxecto investidor.

Para os plans estratéxicos de actuación que tengan como obxectivo consolida-la área obxecto dun programa de dinamización como centro comercial urbano contemplados na alínea a), do anexo XII da orde da Consellería de Industria e Comercio de 11 de marzo de 2002, se establecen uns investimentos máximos subvencionables para cada un dos seguintes grupos de accións:

2.1. Xestión e estructura do plan, que inclúe conceptos tales como estudios, retribución do xerente,

asesorías externas e oficina de xestión do plan. O investimento máxima subvencionable será de 50.000 euros.

2.2. Identificación do centro comercial urbano, que incluirán conceptos tales como creación de marca comercial conxunta, sinalización comercial e identificación de establecementos comerciais. O investimento máximo subvencionable será de 60.000 euros.

2.3. Servicios dirixidos ó consumidor final do centro comercial urbano, que incorpora aquelas accións que impulsen para unha mellora directa do acto de compra do consumidor en termos do servicio e satisfacción final, inclúense accións de aparcamento, fidelización, facilidade de pagamento, entrega a domicilio, catálogo promocional conxunto, consigna e central de pedidos. O investimento máximo subvencionable será de 30.000 euros.

2.4. Servicios dirixidos ó comerciante adherido ou non ó centro comercial urbano para fomenta-lo asociacionismo e incrementa-la participación nas accións previstas onde se incluían instrumentos de formación interna, boletín revista da entidade, xornadas de sensibilización, formación e reciclaxe, catálogo de servicios ó asociado e control de compras de productos e servicios o asociado, e central de compras de productos e servicios comúns. O investimento máximo subvencionable será de 12.000 euros.

2.5. Comunicación e publicidade do centro comercial urbano, como conxunto de campañas para potencia-la imaxe dos servicios prestados no centro comercial en relación co consumidor final mediante a difusión e continuidade destas no tempo. Entre estas accións inclúense as campañas de rebaixas conxuntas, campañas de aparcamentos, edicións de bolsas publicitarias e campañas en medios publicitarios. O investimento máximo subencionable máximo será de 15.000 euros.

2.6. Promoción e animación comercial do centro comercial urbano, como un instrumento da mellora da notoriedade e de incremento directo da cifra de negocio dos establecementos adheridos, onde se inclúen a modo de exemplo, as promocións xenéricas, sectoriais e temporais. O investimento máximo subvencionable será de 6.000 euros.

Excepcionalmente estas cantidades poderán ser modificadas en función das características dos plans estratéxicos de actuación presentados e da fase de implantación na que se atope o centro comercial urbano.

3. Non terán carácter subvencionable os impostos recuperables ou repercutibles polos beneficiarios.

4. En función da natureza do proxecto presentado, e coa finalidade de conseguir unha maior eficacia no cumprimento do obxecto da subvención, poderá considerarse a posibilidade de propoñer axudas plurianuais, nos termos e límites do artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

5. Para os investimentos plurianuais entenderase que os investimentos e pagamentos que se efectúen

desde a data límite de xustificación do exercicio corrente ata o final do ano corresponderán á anualidade seguinte, e polo tanto poderán presentarse como xustificantes para o cobramento da referida anualidade.

Artigo 3º.-Presentación de solicitudes e documentación.

1. As solicitudes deberán dirixirse ó conselleiro de Industria y Comercio e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Industria e Comercio ou a través de calquera das formas sinaladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que subscribiron convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración Autónoma de Galicia.

2. Á solicitude de subvención, segundo o modelo normalizado do anexo, deberá xuntarse por duplicado a documentación que de seguido se relaciona, en orixinal ou copia compulsada de alomenos unha delas:

a) Acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente, se o houbese, e modificacións posteriores, así como o CIF.

b) Poder suficiente do representante da entidade solicitante.

c) Memoria-programa detallado, orzamento desagregado por partidas das diferentes actuacións que se van realizar, así como o plan de financiamento do proxecto ou actuación que se vai desenvolver. Na memoria proporase o calendario orientativo de execución dos investimentos que se van realizar.

d) Certificado expedido polo secretario da asociación que acredite o número de asociados que estean dados de alta, concretando, se é o caso, as empresas ou entidades participantes no proxecto ou actuacións que se van desenvolver, das que se xuntará unha relación detallada en soporte informático, que incluirá o nome do titular e do establecemento, persoa de contacto, enderezo, teléfono e fax.

e) Orzamento do exercicio corrente e balance de situación da asociación do último exercicio cerrado por esta.

f) Declaración expresa sobre a concesión ou solicitude de outras axudas ou subvencións para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

3. O prazo de presentación de solicitudes finalizará o próximo 1 de xullo del 2002, podendo abrirse un novo prazo en función das solicitudes presentadas e das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 4º.-Emenda de defectos.

1. Se a solicitude e/ou a documentación que se xunta non reúnen os requisitos establecidos no artigo 3º requirirase a entidade solicitante para que no prazo de dez días, contados a partir do seguinte á recepción do devandito requirimento, emende o defecto ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que,

se non o fixera, se considera desistido da súa petición despois da correspondente resolución, de conformidade co disposto polo artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os órganos administrativos encargados do procedemento poderán reclamar das entidades solicitantes a documentación adicional que consideren oportuna.

Artigo 5º.-Informes de avaliación.

Unha vez completados os expedientes e admitidos a trámite, serán avaliados polos servicios competentes da Dirección Xeral de Comercio e Consumo de acordo cos criterios de avaliación previstos no anexo XII da orde da Consellería de Industria e Comercio do 11 de marzo de 2002, ponderados cos obxectivos que en materia de política comercial estea a desenvolver puntualmente esta consellería, para o seu posterior informe-proposta coa relación global de tódolos expedientes presentados e a súa correspondente valoración priorizada.

Artigo 6º.-Resolución.

O conselleiro de Industria e Comercio, á vista dos informes de avaliación, dictará as resolucións de subvención que procedan, nas que se especificarán as solicitudes beneficiarias, o importe do orzamento subvencionable, a porcentaxe de subvención que corresponda, dentro dos límites establecidos e o importe da subvención concedida.

O prazo máximo para dictar e notificar ós interesados a resolución expresa será de seis meses contados desde a publicación da presente orde. Ó vencemento do devandito prazo sen que se notifique a resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo.

Se é o caso, poderanse establecer convenios de colaboración entre as diferentes partes implicadas, que producirá os efectos de resolución do expediente.

Artigo 7º.-Xustificación e prazo dos investimentos.

1. As subvencións concedidas faranse efectivas una vez que se presenten por duplicado os documentos que de seguido se relacionan:

a) Os que acrediten a realización das actuacións obxecto desta orde, xunto cunha relación nominativa, agrupados por epígrafes, segundo corresponda e facendo constar para cada documento o seu número de orde, data de expedición, expedidor, concepto e importe en euros.

b) Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades do cumprimento da finalidade para a que foi concedida e da aplicación dos fondos destinados para o efecto.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, para a mesma finalidade tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas ou cal

quera dos seus organismos, entes ou sociedades públicos ou privados.

d) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ó día no cumprimento das súas obrigas tributarias e sociais, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa administración pública da Comunidade Autónoma.

O disposto nas alíneas anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no número 3º do artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

2. A documentación acreditativa do investimento obxecto de subvención, deberá ser presentada polo beneficiario con data límite o día 30 de novembro de 2002, salvo que se estableza outra data distinta na resolución de concesión, no rexistro xeral da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas contempladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Pagamento da subvención.

1. O libramento da subvención farase nun único pagamento, unha vez xustificado o investimento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira e número de conta designado, para o que se lle unirá á documentación da xustificación, certificación expedida pola propia entidade bancaria na que conste ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente onde se debe realiza-lo aboamento.

2. Sen prexuízo do referido no parágrafo anterior, poderán efectuarse pagamentos parciais das subvencións concedidas ou autorizar anticipos con suxeición ó establecido nos artigos 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ó orzamento que serviu de base para a resolución da súa concesión e sempre que estea garantida a consecución do obxecto.

Artigo 9º.-Comprobación e control dos investimentos.

A Consellería de Industria e Comercio en calquera momento poderá inspecciona-las actuacións realizadas.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Comercio e Consumo para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2002.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL