Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Venres, 10 de maio de 2002 Páx. 6.812

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 18 de abril de 2002 pola que se procede á convocatoria para o ano 2002 de subvencións para asociacións sen fins de lucro para actividades de distribución, loxística e promoción comercial, en desenvolvemento do programa cuadrienal de modernización do sector comercial retallista de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, de acordo coas bases reguladoras establecidas no anexo XI da Orde do 11 de marzo de 2002 publicada no Diario Oficial de Galicia número 55, do 18 de marzo.

O programa cuadrienal de modernización do sector comercial retallista de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión de 13 de outubro de 2000 recolle, entre as súas medidas, un decidido apoio ó asociacionismo comercial como a vía máis axeitada para acada-lo fomento, a modernización e o desenvolvemento do comercio. Neste sentido só a mellora da distribución, loxística e promoción comercial teñen unha relevancia determinante para o comercio retallista galego e a vía do asociacionismo é a única capaz de dar resposta a estas cuestións, xa que o minifundismo comercial impide a súa solución individualizada.

A orde da Consellería de Industria e Comercio do 11 de marzo de 2002, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 55, do 18 de marzo, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo, fixa os criterios básicos da súa política de fomento de acordo coa previsión efectuada no artigo 4 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

O amplo alcance desta orde que establece con vixencia limitada no tempo as normas básicas reguladoras na concesión de axudas e subvencións que outorgue a Consellería de Industria e Comercio nos seus distintos programas en materia de comercio fan neceseria a súa concreción a través da correspondente convocatoria para o exercicio 2002.

En virtude do exposto e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. O obxecto da presente orde é a convocatoria para o exercicio 2002 do programa de axudas e subvencións previstas no anexo XI, programa de axudas e subvencións a asociacións sen fins de lucro para actividades de distribución, loxística e promoción comercial, en desenvolvemento do programa cuadrienal de modernización do sector comercial mino

rista, da Orde do 11 de marzo de 2002, da Consellería de Industria e Comercio, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo, e para os investimentos que se executen a partir do 1 de xaneiro de 2002.

2. Poderán beneficiarse das axudas desta orde as asociacións de carácter territorial ou sectorial, sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas, e das que o ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia ou ben calquera outra entidade representativa das pequenas e medianas empresas comerciais, sen fins de lucro, no ámbito territorial e que pretendan levar a cabo proxectos de interese e transcendencia no ámbito comercial.

Artigo 2º.-Contía e ámbito.

1. Para a concesión das subvencións, propias dos investimentos que se convocan destinaranse os créditos globais correspondentes á aplicación orzamentaria 08.04.753-A.780.2 «Transferencias de capital. Familias e institucións sen fins de lucro. Distribución, loxística e promoción comercial», recollida no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2002.

O gasto que se proxecta tramitarase como expediente anticipado e está condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos do exercicio 2002, de acordo co disposto no número 3º do artigo 3 in fine da Orde do 27 de novembro de 2000, pola que se modifica a do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Aplicación orzamentaria: 08.04.753A 780.2.

Ano 2002: 3.430.000 euros.

Ano 2003: 686.000 euros.

As cantidades antes citadas poderán ser incrementadas en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

En función da natureza do proxecto presentado, e coa finalidade de acadar unha maior eficacia no cumprimento do obxecto da subvención, poderá considerarse a posibilidade de propor axudas plurianuais, nos termos e límites do artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

2. Para os investimentos plurianuais entenderase que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación do exercicio corrente ata o final do ano corresponderán á anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como xustificantes para o cobramento da referida anualidade.

3. A contía da subvención que se outorgue no poderá superar o 50% do importe do investimento realizado, nin o 70%, no caso de que se lle acumulen outras subvencións para igual fin.

Artigo 3º.-Presentación de solicitudes e documentación.

1. As solicitudes deberán dirixirse ó conselleiro de Industria e Comercio e presentaranse no rexistro xeral da consellería ou en calquera das formas sinaladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que subscribiron convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Á solicitude de subvención, segundo o modelo normalizado do anexo, deberá xuntarse a documentación que a continuación se relaciona por duplicado exemplar, en orixinal ou copia compulsada, alomenos unha delas:

a) Acta, estatutos de constitución e modificacións posteriores, se as houber, acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente, se o houber, así como código de identificación fiscal.

b) Poder suficiente do representante da entidade solicitante.

c) Memoria-programa detallado que conterá orzamento desagregado por partidas das diferentes actuacións que realizar, plan de financiamento e calendario de execución.

d) Certificado expedido polo secretario da asociación que acredite o número de asociados que estean dados de alta, dos que se xuntará relación detallada en soporte informático, con inclusión do nome do titular e do establecemento, domicilio postal e telefónico.

Nas actuacións para o fomento dos productos ou artigos respecto dos que o ciclo completo de producción se desenvolve no ámbito da Comunidade Autónoma galega, presentaranse os datos relativos á facturación e emprego das empresas participantes.

e) Declaración expresa sobre a concesión ou solicitude doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

f) Orzamento do exercicio corrente, sen incluí-las partidas das actuacións subvencionables tramitadas.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Emenda de defectos.

1. Se a solicitude e/ou a documentación que se xunta non reúnen os requisitos establecidos no artigo 4º, requirirase á entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, contados a partir do seguinte á recepción do devandito requirimento, emende o defecto ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer, se considerará

desistida da súa petición, despois da correspondente resolución, de conformidade co disposto polo artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os órganos administrativos encargados do procedemento poderán reclamar das entidades solicitantes a documentación adicional que consideren oportuna.

Artigo 5º.-Informes de valoración.

Unha vez completos os expedientes e admitidos a trámite, serán avaliados polos servicios competentes da Dirección Xeral de Comercio e Consumo de acordo cos criterios previstos no anexo XI da Orde do 11 de marzo de 2002, ponderados cos obxectivos que en materia de política comercial estea a desenvolver puntualmente a Consellería de Industria e Comercio, para o seu posterior informe-proposta coa relación global de tódolos expedientes presentados e a súa correspondente valoración priorizada.

Artigo 6º.-Resolución.

1. O conselleiro de Industria e Comercio, á vista dos informes de avaliación, dictará as resolucións de subvención que procedan, motivadas de acordo cos criterios de outorgamento, nas que se especificarán as solicitudes beneficiarias, o importe do orzamento subvencionable, a porcentaxe de subvención que corresponda, dentro dos límites establecidos, o importe da subvención concedida e o centro directivo que se encargará da súa xestión.

2. O prazo máximo para dictar e notificar ós interesados a resolución expresa será de seis meses contados desde a publicación da presente orde. Ó vencemento do devandito prazo sen que se notifique a resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo.

Artigo 7º.-Xustificación e prazo dos investimentos.

1. As subvencións concedidas faranse efectivas unha vez que se presenten por duplicado os documentos que a continuación se relacionan:

a) Os que acrediten a realización do investimento, xunto cunha relación nominativa, agrupados por epígrafes, segundo corresponda e facendo constar para cada documento o seu número de orde, data de expedición, expedidor, concepto e importe en euros, especificando, se é o caso, o tipo de cambio aplicado, para actuacións fóra da Unión Económica e Monetaria.

b) Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades do cumprimento da finalidade para a que foi concedida e de aplicación dos fondos destinados para o efecto.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, para a mesma finalidade, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados e sociedades.

d) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ó día no cumprimento das súas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

O disposto nas alíneas anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no número 3º do artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

2. A documentación acreditativa do investimento obxecto de subvención deberá ser presentada polo beneficiario coa data límite no día 31 de outubro de 2002, no rexistro xeral da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas consideradas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Para o caso de que as actuacións ou parte delas se desenvolvan a partir do 1 de outubro e así conste na documentación presentada pola entidade solicitante, o prazo de xustificación dos investimentos rematará o día 30 de novembro de 2002, salvo que se estableza outra data na resolución da concesión.

Artigo 8º.-Pagamento da subvención.

1. O libramento da subvención farase nun único pagamento, unha vez xustificado o investimento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira e número de conta designado, para o que se lle unirá á documentación da xustificación certificación expedida pola propia entidade bancaria na que conste ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente, onde se debe realiza-lo aboamento.

2. Sen prexuízo do subliñado no parágrafo anterior, poderán efectuarse pagamentos parciais das subvencións concedidas ou autorizar anticipos con suxeición ó establecido no artigo 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ó orzamento que serviu de base para a resolución da súa concesión e sempre que estea garantida a consecución do obxecto.

Artigo 9º.-Control dos investimentos.

A Consellería de Industria e Comercio en calquera momento poderá inspecciona-las actuacións realizadas.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Comercio e Consumo para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2002.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio