Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Xoves, 09 de maio de 2002 Páx. 6.734

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 29 de abril de 2002 pola que se regula o réxime e a convocatoria de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego ou como iniciativas de emprego rural.

Polo Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, foi transferida á Comunidade Autónoma de Galicia a xestión realizada polo Inem no ámbito do traballo, emprego e formación, transferencia que foi efectivamente asumida e asignada á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en virtude do Decreto 289/1997, do 9 de outubro,

en relación co Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a súa estructura orgánica, modificado polo Decreto 117/1999, do 23 de abril e polo Decreto 202/2000, do 21 de xullo.

En consecuencia, e dentro do ámbito funcional da Dirección Xeral de Fomento do Emprego, correspóndelle a convocatoria, regulación específica, xestión e control das axudas e subvencións ás iniciativas locais de emprego antes xestionadas polo Instituto Nacional de Emprego e reguladas na actualidade pola orde ministerial do 15 de xullo de 1999.

A importancia cualitativa destas iniciativas esixe unha selección anterior dos proxectos a través da súa previa cualificación e inscrición rexistral, así como unha definición das súas características e clases. Neste aspecto, na estratexia común de reforzar

e dar un novo pulo e enfoque integral ó programa de iniciativas de emprego, na Comunidade Autónoma elevouse a rango de decreto a norma reguladora das iniciativas de emprego e as súas clases e do procedemento para a súa cualificación e inscrición rexistral (Decreto 9/2000, do 12 de xaneiro, Diario Oficial de Galicia nº 18, do 27 de xaneiro; corrección erros nº 24, do 4 de febreiro).

A elevada taxa de desemprego, a necesidade de favorece-la desaceleración da perda de emprego no sector primario e o necesario desenvolvemento e diversificación do tecido empresarial galego no contorno territorial, xustifican o deseño dunha política activa de emprego dirixida a fomenta-la cultura emprendedora da poboación, para potencia-lo crecemento económico e do emprego no ámbito local e no medio rural, estimulando a iniciativa privada coa colaboración da Xunta de Galicia e das administracións locais de carácter territorial, coa finalidade de facilitar e fomenta-la aparición de novas empresas innovadoras xeradoras de emprego.

Nesta liña de acción, e tendo en conta as directrices emanadas do Consello Europeo Extraordinario de Luxemburgo articúlanse medidas de apoio á posta en marcha de iniciativas de emprego nas que se integran, conxugan e complementan as axudas transferidas e outras propias non como simple adición, senón como reflexo dun modelo que pretende potenciar e reforza-lo estímulo para a súa implantación en canto instrumentos dinamizadores da actividade económica e do emprego, de significativa importancia para o desenvolvemento local e rural.

En consecuencia, esta orde ten por obxecto establece-las bases das axudas e subvencións dirixidas ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego ou como iniciativas de emprego rural, no contexto de integrar nun mesmo programa as medidas de apoio para a dinamización e o desenvolvemento do emprego e da riqueza no medio local e no ámbito rural.

A estructura dos incentivos ós que poden acceder as iniciativas de emprego ó abeiro desta orde comprende os seguintes tipos de axuda: subvención directa á creación de emprego estable; subvención por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación; apoio á función xerencial; subvención financeira e subvención á axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

Débese destacar que na mesma liña que no conxunto dos programas de fomento do emprego, a subvención á creación directa de emprego estable increméntase en 601 euros cando se incorpore unha muller desempregada con dedicación a tempo completo.

Tamén cómpre salienta-lo tratamento específico que se lles outorga ás actividades productivas que se inscriban no ámbito dos denominados novos viveiros de emprego, ó preverse, para estes supostos, un incremento do 10% na contía de tódolos tipos de axuda recollidos na orde de convocatoria.

Esta convocatoria axústase ó disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime

financeiro e orzamentario de Galicia, en especial no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas públicas e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co previsto no citado texto refundido, o financiamento dos programas regulados nesta orde, entre outros, financiaranse con cargo ós créditos que figuran nas aplicacións orzamentarias 14.04.241A.473.0, cun crédito de 6.922.265 euros, 14.04.241A.471.0, cun crédito de 13.341.735 euros e 14.04.241B.475.0, na que figura un crédito de 13.731.684 euros, cantidades prorrogadas polo Decreto 401/2001, do 28 de decembro, polo que se regula a prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, do ano 2001, para o exercicio 2002; e sen prexuízo da posible ampliación futura de crédito, unha vez aprobados os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002. Estas contías constitúen o importe global das ditas aplicacións para o financiamento desta orde, da orde que regula os incentivos á contratación dirixidos a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar, da orde que regula os programas de fomento do emprego en empresas de economía social,

para a promoción do emprego autónomo e para a integración laboral das persoas con discapacidade e das demais ordes que establecen as bases das medidas de fomento do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a emprendedores, autoemprego e economía social incluídas nos programas orzamentarios 241A e 241B.

Así mesmo, os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas confinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Finalidade.

1. Esta orde, en desenvolvemento do Decreto 9/2000, do 12 de xaneiro, polo que se regulan as iniciativas de emprego e as súas clases, así como o procedemento para a súa cualificación e inscrición rexistral, ten por obxecto fixa-las bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2002 das axudas e subvencións establecidas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude coa finalidade de fomentar e promove-la creación de empresas innovadoras, económica e financeiramente viables, que xeren emprego estable no ámbito local e no medio rural, a través do programa de promoción de iniciativas de emprego (iniciativas locais de emprego e iniciativas de emprego rural).

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ó disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro e nesta orde.

3. Este programa financiarase con cargo ós créditos das aplicacións orzamentarias 14.04.241A.473.0, 14.04.241A.471.0 e 14.04.241B.475.0.

Artigo 2º.-Obxecto.

O obxecto deste programa de promoción de iniciativas de emprego é facilitar e impulsa-la posta en marcha daqueles proxectos empresariais innovadores, previamente cualificados como iniciativas de emprego e inscritas no rexistro administrativo habilitado para o efecto na Dirección Xeral de Fomento do Emprego e nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as empresas privadas resultantes dos ditos proxectos, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como iniciativa local de emprego ou como iniciativa de emprego rural, e que soliciten as axudas antes de que transcorra un ano desde o inicio da actividade e cumpran as condicións e requisitos esixidos para cada tipo de axuda.

Para o caso de que na resolución de cualificación se concedera unha ampliación do prazo para inicia-la actividade, as solicitudes de axudas deberán presentarse antes de que transcorran dous anos desde a data da cualificación, e sempre que dentro do dito prazo inicien a actividade.

2. Entenderase que unha empresa está constituída desde o momento da súa inscrición no correspondente Rexistro Mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas. Cando se trate de empresario individual ou comunidade de bens, cando cause alta no censo de Facenda.

Entenderase que inicia a súa actividade productiva cando causen alta no imposto de actividades económicas.

Capítulo II

Tipos de axuda

Artigo 4º.-Tipos de axuda.

1. Neste programa de promoción de iniciativas de emprego recóllense os seguintes tipos de axudas e subvencións:

a) Subvención á creación directa de emprego estable.

b) Subvención por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.

c) Apoio á función xerencial.

d) Subvención financeira.

e) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

2. Terán a consideración de accións subvencionables as orixinadas para a posta en marcha e ata que transcorra o primeiro ano de actividade empresarial, calquera que sexa a data de presentación da solicitude, sempre que se presente no prazo sinalado no artigo 3º.

3. Para os efectos das axudas recollidas nesta orde terán a consideración de desempregados, aqueles que figuren inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego, e pola súa vez carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

Cando se trate de traballadores autónomos para os efectos deste programa, tamén terán a consideración de colectivo beneficiario os que, figurando inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego, realicen un traballo por conta allea cunha prestación de servicios inferior ou igual a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais.

Artigo 5º.-Subvención á creación directa de emprego estable.

Cando a posta en funcionamento dunha empresa cualificada como iniciativa de emprego implique a creación de postos de traballo estables de carácter indefinido e sexan ocupados por desempregados inscritos como tales no Servicio Público de Emprego ou polos beneficiarios ós que se refire o último parágrafo do artigo anterior, incentivarase cada un deles cunha subvención de 4.808 euros, cando a dedicación sexa a tempo completo ou a parte proporcional cando sexa a tempo parcial. Cando o posto de traballo estable o ocupe unha traballadora desempregada e con dedicación a tempo completo, o incentivo incrementarase en 601 euros.

Cando a dedicación inicial se realice a tempo parcial e se transforme con posterioridade a tempo completo, a empresa poderá solicita-la diferencia entre a contía que se percibiu inicialmente e a que corresponde por dedicación a tempo completo, sempre que a dita modificación se produza dentro do primeiro ano da actividade.

Cando se trate de contratacións indefinidas de traballadores por conta allea, esta axuda, de se-lo caso, será compatible coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ámbolos dous beneficios poidan supera-lo 60% do custo salarial anual correspondente ó contrato obxecto de subvención.

Artigo 6º.-Subvención por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.

Para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación, poderá concedérselles ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego unha subvención equivalente ó 50 por 100 dos custos laborais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social por tódolos conceptos, correspondentes a un ano como máximo, cun límite de 18.030 euros. A subvención, que se concederá por unha soa vez, estará condicionada á xustificación polas empresas de que,

coas contratacións obxecto de subvención, se suplan carencias ben identificadas para o desenvolvemento da actividade empresarial e o bo fin dela.

Esta subvención é incompatible, para o mesmo traballador, coa establecida no artigo 5º, e é compatible, se é o caso, coas bonificacións de cotas á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ámbolos dous beneficios poidan supera-lo 60% do custo salarial anual.

Artigo 7º.-Apoio á función xerencial.

1. Para o acompañamento na instalación da empresa, poderase financia-lo apoio ás funcións xerenciais para axuda-lo promotor ou empresario na toma de decisións necesaria para o funcionamento da empresa. O dito apoio poderá revesti-las seguintes modalidades:

a) Axuda por titoría, entendéndose por tal o acompañamento técnico que un experto alleo á empresa, persoa física ou xurídica que reúna garantías de solvencia e profesionalidade, presta ó promotor ou empresario nas súas actividades xerenciais durante un prazo de tempo determinado.

b) Axuda por formación, que incluirá os cursos que o promotor ou empresario poida recibir para obter e mellora-los seus coñecementos sobre a función xerencial.

c) Axuda pola realización externa de estudios e informes sobre a actividade para que o promotor ou empresario poida dispoñer de mellor información sobre os bens ou servicios obxecto de producción, incluíndose neste epígrafe os estudios de mercado, organización, comercialización, diagnose e outros de naturaleza análoga.

2. O gasto orixinado polo apoio á función xerencial deberá producirse no prazo dun ano desde a constitución da empresa. A contía da subvención de apoio á función xerencial, que se pagará por unha soa vez, será equivalente ó 75 por 100 do custo dos servicios recibidos cun límite máximo de 12.020 euros polo conxunto das modalidades de asistencia técnica previstas.

Artigo 8º.-Subvención financeira.

A subvención financeira ten por finalidade promove-la creación de postos de traballo mediante a reducción dos xuros de créditos para financiar investimentos en activo fixo, que sexan necesarios para a creación e posta en marcha das empresas cualificadas como iniciativas de emprego. Non obstante, poderase destinar ata un 25% do crédito a financia-lo activo circulante.

A subvención, pagadoira dunha soa vez, será como máximo o equivalente á reducción de seis puntos do xuro fixado pola entidade de crédito que conceda o préstamo sen que, en ningún caso, o tipo de xuro que deba satisface-lo beneficiario, despois de calculada a subsidiación, poida resultar inferior a un punto, e terá como límite a contía de 5.108 euros por emprego estable creado. A contía calcularase como se a subvención se devengase cada ano de duración do préstamo, incluído o posible período de carencia. Os préstamos, para seren subvencio

nados, deberán ser concedidos por entidades financeiras que teñan subscrito un convenio, para tal fin, coa Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 9º.-Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

1. Para que unha iniciativa de emprego poida beneficiarse da axuda prevista neste artigo ten que supoñer, cando menos, a creación directa de emprego estable para tres desempregados inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego.

2. Esta axuda consistirá nunha subvención de ata un 60% dos gastos necesarios para o inicio e a posta en marcha da actividade. O importe máximo desta axuda determinarase en atención ó número de postos de traballo estables creados para desempregados, de acordo coa seguinte escala:

-De 3 a 10 postos de traballo: 30.050 euros.

-De 11 a 20 postos de traballo: 42.070 euros.

-21 ou máis postos de traballo: 48.080 euros.

Para a determinación da contía valorarase o volume do investimento do proxecto e a incidencia social e sobre o emprego no contorno xeográfico no que se desenvolva a actividade.

3. Cando se trate de empresas cualificadas como iniciativas de emprego rural, eximirase do cumprimento do requisito de xeración de emprego para tres desempregados para poder ser beneficiarias deste tipo de axuda, establecéndose, para estes casos, o límite máximo en 12.020 euros. A dita exención terá que estar amparada na propia definición e características do plan de actuación sectorial correspondente, e terá que supoñer, cando menos, a creación de emprego para un desempregado, incluído o do promotor.

4. Esta axuda irá destinada a sufraga-los gastos necesarios derivados da posta en marcha da actividade e do funcionamento da empresa: compra de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos, arrendamento do local, man de obra empregada na reforma ou adecuación do local, publicidade, subministros; así como outros gastos que por razón da actividade, sempre que estean debidamente xustificados, sexan necesarios para a posta en marcha da actividade

En ningún caso serán subvencionables, a través da axuda regulada neste artigo, os gastos que poidan ser considerados como investimento en activo fixo.

Artigo 10º.-Actividades vinculadas ós novos viveiros de emprego.

1. As empresas cualificadas como iniciativas de emprego terán dereito a un incremento do 10 por 100 da contía das subvencións reguladas nesta orde, cando a súa actividade productiva principal se inscriba dentro dos ámbitos dos novos viveiros de emprego no marco da definición e interpretación que

establece a Comisión Europea, que a continuación se relacionan:

A) Servicios da vida diaria:

-Os servicios a domicilio (preparación e distribución de comidas a domicilio; acompañamento e prestación doutros servicios a persoas maiores no seu domicilio; servicios a persoas enfermas no seu domicilio; servicios de limpeza e pasada de ferro; servicios administrativos).

-Coidado dos nenos: (coidado e educación de nenos por debaixo da idade escolar, actividades deportivas, recreativas e culturais para nenos en idade escolar).

-Novas tecnoloxías da información e da comunicación (como servicios a particulares no eido da cultura, da saúde, da comunicación, do lecer como telemedicina, formación a distancia, teletraballo; servicios ás empresas: información económica, servicios comerciais, contabilidade a distancia, asistencia especializada, ou como servicios públicos: teleservicios, acceso a bases de datos, servicios administrativos de información).

-Axuda para a inserción de mocidade en dificultades e con desarraigamento social (axudas nos deberes escolares; centros de inserción profesional; educación na rúa; empresas de inserción).

B) Os servicios de mellora do marco de vida:

-Mellora da vivenda (rehabilitación de vivendas deterioradas; mantemento das vivendas).

-A seguridade (servicios de vixilancia e acollida; instalación de materiais de seguridade; parkings; televixilancia).

-Transportes colectivos locais (novas formas de organización dos transportes colectivos; servicios especializados con determinados colectivos de usuarios).

-A revalorización dos espacios públicos urbanos (rehabilitación de espacios públicos e barrios; mantemento de espacios públicos; iniciativas económicas e comerciais en zonas vellas das cidades).

-Os comercios de proximidade (comercios en zonas rurais; comercios nos barrios urbanos non céntricos; puntos comerciais multiservicio en zonas desfavorecidas).

C) Servicios culturais e de lecer:

-O turismo (turismo rural e cultural e outros novos fenómenos turísticos; servicio de acompañamento e acollida turística; novos servicios turísticos telemáticos).

-O sector audiovisual (producción e distribución de películas; producción e distribución de emisións televisivas; televisión interactiva; acceso a distancia a bibliotecas e museos).

-A valorización do patrimonio cultural (creación e restauración de lugares de interese cultural; servicios de difusión da cultura e acollida turística).

-O desenvolvemento cultural local (actividades de valorización dos recursos e actividades culturais locais como música, folklore, teatro, gastronomía, artesanía).

D) Os servicios de ambiente:

-A xestión dos residuos (recolla selectiva e tratamento dos residuos; actividades de investigación para a reutilización dos materiais recuperados; novas técnicas de automatización do tratamento dos residuos).

-A xestión da auga (realización e xestión de infraestructuras de xestión da auga; servicios de investigación tecnolóxica e transferencia de saber facer; asistencia á xestión de infraestructuras locais; explotación turística e deportiva das reservas hidráulicas).

-A protección e mantemento das zonas naturais (actividades de protección e mantemento das zonas rurais; actividades de investigación agronómica; creación e xestión de parques e reservas naturais).

-A normativa, o control da contaminación e as instalacións correspondentes (producción de bens e servicios ligados a tecnoloxías menos contaminantes; desenvolvemento e aplicación de novas tecnoloxías de economía da enerxía; mellora da xestión dos sistemas de control da contaminación e o ruído).

2. O incremento do 10 por 100 establecido no punto anterior, en tódolos tipos de axuda previstos nesta orde, aplicarase sobre o importe que correspondería de tratarse doutra actividade, con independencia de que, como consecuencia da aplicación do incremento se superen ou non os límites porcentuais ou cuantitativos previstos para cada tipo de axuda.

Capítulo III

Competencia e procedemento

Artigo 11º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolve-las axudas e subvencións previstas nesta orde, por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, corresponderalles:

a) Ós delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, cando a actividade para a que se solicita subvención se vaia a desenvolver no respectivo ámbito provincial.

b) Ó director xeral de Fomento do Emprego, cando a actividade para a que se solicita subvención se vaia desenvolver en máis dunha provincia desta Comunidade Autónoma, e cando se trate de iniciativas de emprego apoiadas por un departamento da Xunta de Galicia.

Artigo 12º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas e subvencións dirixiranse ó órgano competente e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro do ano 2002.

Artigo 13º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexo desta orde e deberán ir acompañadas por duplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia compulsada, da documentación, común e específica, que se relaciona:

1. Documentación común para tódolos tipos de axuda:

a) Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do número de identificación fiscal, e se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente do representante que actúa en nome da entidade e NIF da empresa.

Para o caso de que a solicitude a presente o promotor do proxecto dunha entidade que aínda non estivese constituída, pero que vaia a inicia-la súa actividade dentro do ano natural correspondente, o NIF da empresa poderase achegar na fase anterior ó pagamento.

b) Declaración comprensiva do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (segundo o modelo do anexo IV), ou, de se-lo caso, unha declaración de que non solicitaron nin percibiron outras axudas ou subvencións.

c) Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade bancaria acreditativa de que o solicitante é titular da conta (segundo o modelo do anexo VII).

d) Se é o caso, autorización para obte-la información tributaria nos termos que se establece no artigo 17º.1.A desta orde (segundo o modelo do anexo V).

2. Documentación específica:

a) Subvención á creación directa de emprego estable para desempregados:

-Declaración do número de empregos estables de carácter indefinido para ocupar por desempregados e relación nominal deles.

-DNI e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego das persoas que se incorporen á empresa, así como do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

b) Subvención por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.

-Memoria descritiva da necesidade da contratación de expertos, número e perfís profesionais deles e funcións que se van realizar en relación coas categorías profesionais e custos laborais totais.

-Contratos de traballo e altas na Seguridade Social, ou compromisos de contratación, nos que figure a duración da relación laboral.

c) Subvención ó apoio á función xerencial:

-Memoria descritiva da medida de apoio solicitado na que consten, entre outros, a xustificación da súa

necesidade para o desenvolvemento da actividade empresarial e o orzamento desagregado por conceptos, a proposta dos servicios que se van desenvolver e o calendario previsto para súa realización, así como a conformidade da empresa, entidade ou persoa física que vai presta-lo apoio e a aceptación do solicitante.

-Documentación acreditativa da solvencia profesional da empresa, entidade física ou xurídica, que prestará ou que xa prestase o apoio.

d) Subvención financeira:

-Memoria económica do proxecto que inclúa o orzamento de investimentos e o plan de financiamento en relación coa finalidade ou obxecto da axuda.

-Compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo, no que figuren as características e se faga constar que a operación se acolle ó convenio subscrito para tal fin (segundo o modelo do anexo VI), ou, de se-lo caso, o contrato de préstamo.

-Declaración do número de empregos estables creados e relación nominal das persoas que os vaian ocupar.

-Plan de investimentos xunto coas facturas ou, no seu defecto, facturas proforma ou orzamentos dos activos fixos e, se é o caso, xustificantes dos activos circulantes que se financiarán co prestamo.

e) Axuda para o inicio e a posta en marcha da actividade:

-Memoria descritiva da actividade e orzamento dos gastos necesarios para o inicio e a posta en marcha da actividade, con indicación daqueles ós que se vai destina-la subvención, así como das fontes de financiamento.

-Declaración do número de postos de traballo estables creados para desempregados e relación nominal deles.

-DNI e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego das persoas que se incorporen á empresa, así como do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

Artigo 14º.-Emenda da solicitude.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación esixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente requirirán o interesado para que, nun prazo de 10 días, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 15º.-Resolución.

1. Logo da fiscalización polas correspondentes intervencións, as resolucións serán dictadas polo órgano correspondente, e deberán serlles notificadas ós interesados. As resolucións concesorias ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de tres meses que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se dictase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se dicten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contecioso-administrativo, no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdicción contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que dictou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 16º.-Criterios de valoración.

Para a valoración das axudas ás iniciativas de emprego, teranse en conta aquelas accións que se implanten en zonas menos favorecidas e con maior índice de desemprego, así como as promovidas por desempregados menores de 30 anos, parados de longa duración, maiores de 45 anos, mulleres e persoas con discapacidade, e daráselles especial preferencia a aqueles proxectos e iniciativas que xeren un maior número de empregos estables a tempo completo para estes colectivos de desempregados.

Artigo 17º.-Xustificación do pagamento.

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación no prazo que sinale a resolución de concesión da documentación común e específica seguinte:

A. Documentación común para tódolos tipos de axuda:

-De tratarse de persoa xurídica, escritura de constitución e inscrición no Rexistro Mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas. Cando se trate de empresario individual ou comunidade de bens, alta no censo de Facenda.

-Alta no imposto de actividades económicas.

-Documentación xustificativa para acredita-lo cumprimento da actividade para a que se concedeu a subvención segundo o tipo de axuda, nos prazos, nos termos e na forma que estableza a resolución de concesión.

-Documentación acreditativa de que se encontran ó día das súas obrigas coa Seguridade Social.

-Documentación acreditativa de que se encontran ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma,

agás que o beneficiario achegue á solicitude a debida autorización (segundo o modelo do anexo V) para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor.

-Declaración complementaria do establecido no artigo 13º.1 b) desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de se-lo caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas e subvencións.

B. Documentación específica:

a) Subvención á creación directa de emprego estable para desempregados:

-Documentos acreditativos da incorporación efectiva con carácter indefinido na empresa.

-Documentos de alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

b) Subvención por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.

-De non se xuntar á solicitude, contratos de traballo formalizados cos técnicos expertos e alta na Seguridade Social.

c) Subvención ó apoio á función xerencial:

-Facturas da empresa, entidade ou persoa física acreditativa do custo do servicio recibido.

-Informe escrito da actuación de apoio desenvolvida e, para o caso de consistir na elaboración dun estudio de mercado ou similar, presentarase copia del.

d) Subvención financeira:

-Copia do contrato de préstamo.

-DNI e documentos acreditativos da incorporación e alta no correspondente réxime da Seguridade Social das persoas que se incorporan á empresa para ocuparen postos de traballo estables.

O beneficiario, no prazo de 30 días desde a data en que teña coñecemento do pagamento efectivo da subvención, ten que presentar certificación expedida pola entidade financeira, acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.

e) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade:

-Documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención.

-Documentos acreditativos da incorporación e alta no correspondente réxime da Seguridade Social dos traballadores que ocupen os empregos estables creados.

2. Malia o sinalado no artigo 13º e nos números anteriores deste artigo, a documentación esixida para a fase de pagamento, común e específica, poderá presentarse xunto coa solicitude á opción do interesado.

3. Cando concorran varias axudas ou subvencións só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente, tanto na fase de solicitude coma na de xustificación do pagamento.

Capítulo IV

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 18º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. As subvencións ou axudas reguladas nesta orde non poderán ser, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, de tal contía que superen o 80% do custo total da actividade subvencionada que vai a desenvolve-lo beneficiario.

Os peticionarios das axudas e subvencións reguladas nesta orde deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de tódalas axudas e subvencións solicitadas e/ou concedidas ou, de se lo caso, unha declaración de que non solicitou ou percibiu outras axudas ou subvencións.

Así mesmo, na fase de xustificación do pagamento deberán achegar unha declaración complementaria e actualizada co mesmo contido que a descrita no parágrafo anterior.

2. Non se poderán imputa-los mesmos gastos ós distintos tipos de axuda previstos nesta orde.

3. As subvencións reguladas nesta orde serán incompatibles coas axudas establecidas nos programas de promoción do emprego autónomo, de apoio á creación, ampliación e mantemento de centros especiais de emprego e do de promoción do emprego autónomo das persoas con discapacidade, así como no programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, agás que se trate da axuda para a adquisición da condición de socio traballador dunha cooperativa de traballo asociado ou dunha sociedade laboral, convocados pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

4. A axuda á creación directa de emprego estable e a subvención por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación serán incompatibles coas establecidas nos diferentes programas de fomento da contratación por conta allea convocados pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 19º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Son obrigas dos beneficiarios das axudas e subvencións:

a) Acreditaren, previamente ó cobramento, que se encontran ó día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Realizaren a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención durante un tempo mínimo de tres anos, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberá acreditar de maneira que faga fe.

c) Comunicarlle ó organo concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de se-lo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

d) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.

2. As empresas beneficiarias destas subvencións deberán cumprir, respecto dos distintos tipos de axuda, as seguintes obrigas:

a) Subvencións á creación directa de emprego estable: as empresas beneficiarias, co fin de garanti-lo mantemento dos postos de traballo estables creados que fosen obxecto de subvención, deberán presentar dentro do primeiro trimestre de cada ano, unha relación da variación das altas e baixas do persoal adscrito.

A dita obriga manterase durante os tres anos seguintes a aquel no que se concedeu a axuda ou subvención.

Cando no período de tres anos desde a data da incorporación á empresa, se produza o cesamento dalgún traballador, a empresa beneficiaria está obrigada a cubri-la vacante no prazo dun mes, mediante a mesma fórmula de incorporación á empresa e, polo menos, en tempo de dedicación igual ó anterior, debendo reuni-lo novo traballador o requisito de estar en desemprego, o que deberá ser comunicado ó órgano que concedeu a axuda dentro dos 10 días seguintes á substitución.

b) Subvencións por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación: as empresas deberán presentar no prazo de dous meses desde a finalización do período subvencionado:

-Unha memoria das actividades realizadas polos expertos.

-Recibos dos salarios e boletíns de cotización á Seguridade Social (TC2) dos expertos técnicos contratados, correspondentes ó período subvencionado.

c) Subvención financeira: o beneficiario da subvención acreditará, mediante facturas, escrituras públicas ou contratos, a realización na súa totalidade do plan de investimentos previsto na concesión da subvención, achegando memoria anual explicativa ata a terminación do mencionado plan.

d) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade: as empresas deberán enviar unha breve memoria do desenvolvemento da actividade dentro do primeiro trimestre de cada ano e referida ó ano anterior. A dita obriga manterase durante os tres exercicios seguintes a aquel no que se concedeu a subvención.

Artigo 20º.-Modificación da resolución concesoria.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión de axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 21º.-Revogación.

Procederá a revogación das subvención e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 22º.-Seguimento e control.

As delegacións provinciais e a Dirección Xeral de Fomento do Emprego poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumpri-las obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 23º.-Axudas baixo condicións de mínimis.

Os incentivos establecidos neste anexo quedan sometidos ó réxime de axudas de mínimis, polo tanto non poderán excede-los límites cuantitativos (100.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento CE nº 69/2001 da Comisión da Unión Europea, do 12 de xaneiro de 2001, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de mínimis (DOCE nº L10, do 13 de xaneiro de 2001).

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude levará a cabo a función de control, así como da avaliación e seguimento deste programa.

Para realiza-las ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para comproba-lo cumprimento dos requisitos esixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas para os diferentes tipos de axuda previstas nesta orde.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias e no director xeral de Fomento do Emprego, para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Cuarta.-As iniciativas de emprego constituídas como empresa que iniciasen a súa actividade productiva e que segundo o artigo 3º desta orde, ou no correspondente da normativa anterior aplicable (Decreto 347/1998, do 18 de decembro, e Orde do 27 de abril) tivesen o prazo para a presentación das solicitudes que finalizase no último trimestre do ano 2001, poderán acollerse ás subvencións previstas nesta orde. O prazo para a presentación das ditas solicitudes remata o 20 de xuño de 2002.

O mesmo prazo rexerá para aquelas iniciativas de emprego para as que finalice o dito prazo no ano 2002 con anterioridade á entrada en vigor desta orde.

Quinta.-As solicitudes de axudas de iniciativas de emprego que non puidesen ser atendidas no exercicio 2001 por falta de dispoñibilidades orzamentarias, e sempre que reunisen os requisitos establecidos na súa normativa reguladora, poderán ser atendidas con cargo ós créditos orzamentarios que financian esta orde.

Sexta.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario tendo como límite global o crédito asignado nas aplicacións 14.04.241A.473.0, 14.04.241A.471.0, 14.04.241B.475.0, que figura na prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, do ano 2001, para o exercicio 2002; fixado na exposición de motivos desta disposición, e sen prexuízo da posible e ampliación futura de crédito, unha vez aprobados os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002.

Disposición transitoria

Única.-Cando se trate de empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego ó abeiro do Decreto 347/1998, do 18 de decembro, as solicitudes de axudas e subvencións previstas nesta orde terán que presentarse antes de que transcorra un ano desde a constitución da empresa, de conformidade co que establecía o artigo 3 do dito decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Fomento do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude