O artigo 39.5º da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece que poderán cursarse, en escolas específicas, estudios de música ou danza, que en ningún caso poderán conducir á obtención de títulos con
validez académica ou profesional. Así mesmo, a Orde do 11 de marzo de 1993 (DOG do 22 de abril), regula as condicións de creación e funcionamento destas escolas na Comunidade Autónoma de Galicia.
Por outro lado, o Decreto 213/1998, do 10 de xullo (DOG do 23 de xullo), establece no seu artigo 1 que lle corresponden á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as competencias e funcións en materia de planificación, regulación e administración do ensino en toda a súa extensión.
O Concello da Pastoriza solicita a inclusión da escola de música municipal da Pastoriza no Rexistro de Escolas de Música e Danza da Comunidade Autónoma de Galicia.
A Delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Lugo informa do cumprimento efectivo dos requisitos que establece a Orde do 11 de marzo de 1993.
Cumpridos tódolos trámites regulamentarios e tendo en conta o anteriormente exposto, esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa,
DISPÓN:
Primeiro.-Autoriza-la inclusión no Rexistro de Escolas de Música e Danza da Comunidade Autónoma de Galicia da escola de música municipal da Pastoriza (Lugo), segundo os datos que figuran no anexo a esta orde.
Segundo.-Esta escola queda sometida ó réxime de escolas de música e danza, segundo o establecido na Orde do 11 de marzo de 1993 (DOG do 22 de abril), e ós servicios de inspección correspondentes.
Terceiro.-A Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Lugo, logo de informe da inspección educativa, aprobará expresamente a relación de profesorado que imparta docencia na escola de música.
Cuarto.-O centro deberá solicita-la oportuna revisión da inscrición cando teña que modificarse calquera dos datos sinalados nesta orde.
Quinto.-Esta orde, que esgota a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso administrativa (BOE do 14 de xullo).
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento da presente orde.
Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de abril de 2002.
Celso Currás Fernández
Conselleiro de Educación e Ordenación
Universitaria
ANEXO
Provincia: Lugo.
Concello: Pastoriza, A.
Localidade: Pastoriza, A.
Enderezo: Colexio de Educación Infantil e Primaria da Pastoriza.
Código do centro: 27020689.
Titular: Concello da Pastoriza.
Denominación xenérica: escola de música.
Denominación específica: municipal da Pastoriza.