Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Martes, 07 de maio de 2002 Páx. 6.538

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 26 de abril de 2002 pola que se fai público o acordo do seu Consello de Dirección que establece un programa de préstamos para financiar produccións audiovisuais na Comunidade Autónoma de Galicia.

Con data do 16 de abril de 2002 o Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) adoptou o acordo de establecer unha liña de préstamos dedicada ó financiamento de produccións audiovisuais na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para os efectos do seu xeral coñecemento e en virtude das facultades que teño conferidas mediante o artigo 12ª) da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica e do artigo 11.1º a) do Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento do Igape

RESOLVO:

Único.-Publica-lo programa de préstamos para financiar produccións audiovisuais na Comunidade Autónoma de Galicia, acordada polo Consello de Dirección do Instituto na súa reunión de data 16 de abril de 2002, o que figura como anexo I a esta resolución.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2002.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO I

PROGRAMA DE PRÉSTAMOS PARA FINANCIAR PRODUCCIÓNS AUDIOVISUAIS NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

O sector do audiovisual en Galicia é un sector emerxente de grande interese pola súa singular implantación na Comunidade Autónoma, tal e como se explícita no Plan estratéxico de desenvolvemento económico de Galicia 2000-2006.

Este sector experimentou un notable crecemento durante os últimos anos, aproveitando os impulsos procedentes do importante desenvolvemento das telecomunicacións no noso territorio. Este crecemento maniféstase nun aumento na facturación das empresas galegas do sector cun incremento da capacidade productiva en tódalas liñas de producción (televisión, cine, multimedia, vídeo e publicidade).

Atopámonos, pois, nun momento clave para promove-lo despegue dun sector audiovisual en Galicia que poida converterse nun referente a nivel nacional e internacional. A puxanza do empresariado galego neste ámbito, o control rexional dos procesos de producción, a dispoñibilidade de técnicos galegos en labores especializados ou as boas expectativas de mercado existentes na actualidade son outros activos rexionais que avalan a conveniencia de impulsa-lo sector.

Unha das principais problemáticas ás que se enfrontan as empresas que desenvolven a súa actividade neste sector concrétase nas dificultades para acceder ós recursos financeiros necesarios para o

desenvolvemento das súas produccións, adecuados a unhas condicións específicas propias que se ven agravadas pola súa condición de sector en fase claramente expansiva e de recente creación.

Desta maneira, proxectos viables, en canto que arrancan a súa producción con pactos de venda e difusión que xunto cos apoios públicos aprobados aseguran a súa rendibilidade, enfróntanse con graves dificultades financeiras durante o período de producción, que se caracteriza por un longo período sen retornos e con elevadas necesidades financeiras, que dificultan unhas veces e impiden outras, que as empresas aborden a realización dos seus proxectos.

O Decreto 133/2002, do 11 de abril, habilita o Igape a conceder, no ámbito das súas funcións, préstamos ou créditos a favor de empresas, sexan persoas físicas ou xurídicas domiciliadas ou con actividade en Galicia ou que teñan un impacto significativo no desenvolvemento económico da Comunidade Autónoma.

En virtude destes antecedentes, o Consello de Dirección do Igape na súa reunión de data 16 de abril de 2002, tomou o acordo de aprobar un programa de préstamos ó sector audiovisual coas seguintes características:

Primeiro.-Dotación do fondo para a concesión de préstamos.

Con cargo á partida 02.01/16.02.01/252000 do orzamento do Igape para 2002, dótase un fondo para a concesión de préstamos ó sector audiovisual coa cantidade inicial de 5 millóns de euros. O remanente que, se é o caso, puidera resultar ó final do exercicio incorporarase coa mesma finalidade ás dotacións orzamentarias do exercicio seguinte.

Segundo.-Características do programa.

Importe da liña: ata 5.000.000 euros.

Prestatarios: empresas do sector audiovisual que cumpran os seguintes requisitos:

a) Presenten un proxecto que acredite a súa viabilidade desde o punto de vista técnico e económico-financeiro, o seu impacto no desenvolvemento de Galicia, así como o seu interese estratéxico, de cara á consolidación da actividade vinculada ó sector na Comunidade Autónoma.

b) O proxecto deberá prever unha difusión que supere o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Participen maioritariamente no proxecto productoras con enderezo social e fiscal en Galicia, ou ben, que as ditas productoras desempeñen a producción executiva, sempre que neste caso participen como mínimo nun 20% da producción.

Finalidade: financia-la realización de produccións audiovisuais: longametraxes, películas para a televisión, documentais, animación, mini-series de ficción e programas piloto de series televisivas.

Importe de financiamento: con carácter xeral ata o 50% do orzamento do proxecto, podendo excepcionalmente acadar ata o 70% e en calquera caso, cun límite de 900.000 euros por operación.

O límite máximo de risco vivo por prestatario non poderá ser superior a 1,8 millóns de euros.

Prazo e carencia: o prazo de vixencia das operacións será con carácter xeral de 3 anos, podéndose acadar ata un máximo de 5 anos cando as necesidades do proxecto o xustifiquen.

O prazo de carencia do principal e xuros establecerase para cada operación segundo as características do proxecto. A carencia de xuros levará consigo a súa capitalización co principal.

Tipo de xuro: variable: Euribor a seis meses máis 0,50 p.p.

Liquidación de xuros e amortización: a liquidación de xuros será semestral sen prexuízo dos períodos de carencia que se establezan. Os prazos de devolución determinaranse contractualmente, dentro dos límites establecidos.

Garantías: entre outras garantías, o Igape poderá afecta-los acordos contractuais sobre prevendas da producción que formalizase o prestatario, o que quedará reflectido no contrato de préstamo.

Terceiro.-Solicitude.

Os interesados presentarán ó Igape (servicios centrais, Subdirección de Xestión de Incentivos á Dinamización Económica) ademais de tódolos antecedentes que se consideren necesarios para a adecuada análise de viabilidade da operación, o formulario de solicitude (anexo I), que deberá estar acompañado da seguinte documentación:

-Memoria do proxecto.

-Orzamento.

-Plan financeiro (investimentos-orixe de recursos e cash-flow mensual), así como plan de amortización de custos.

-Acordos contractuais de vendas e/ou de distribución.

-Plan de disposición de fondos o que unha vez acordado, condicionará os prazos de dispoñibilidade da operación financeira e con base na xustificación documental da execución das programacións anteriores.

-Plan de traballo.

-Descrición das garantías que, se é o caso, se ofrezan para cubri-lo risco da operación.

-Acreditación de posuí-los pertinentes dereitos de propiedade intelectual sobre o guión, e se é o caso, o de opción sobre a obra preexistente (contrato ou documento de cesión ó productor e Rexistro da Propiedade Intelectual do guión).

-Se é o caso, declaración de que o proxecto reúne tódolos requisitos establecidos pola lexislación vixente para a consideración española da película.

-Actividade desenvolvida pola empresa nos últimos anos.

-Contas auditadas dos dous últimos exercicios.

-Autorización ó Igape para recaba-la información acreditativa da solvencia e situación patrimonial, segundo anexo II (deberase cubri-la autorización na súa versión en castelán).

-Certificación acreditativa de atoparse ó corrente das obrigas fiscais, coa Administración autonómica e a Seguridade Social, expedida polos respectivos organismos.

Cuarto.-Operativa do préstamo.

O tipo de xuro variará por semestres naturais e determinarase de acordo coa seguinte norma:

1. Tipo de referencia: para o primeiro semestre de cada ano calcularase como a media aritmética simple dos tipos diarios do Euribor a prazo de 6 meses correspondentes ó mes de novembro do ano anterior. Para o segundo semestre será a media aritmética simple dos tipos diarios do Euribor a prazo de 6 meses correspondentes ó mes de maio do mesmo ano.

2. Tipo adicional: 0,50 puntos porcentuais.

3. O tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de engadirlle ó tipo de referencia o tipo adicional. Se o tipo de xuro resultase con varios decimais, redondearase ata a máis próxima vixésima parte do punto.

4. Para os efectos deste acordo, enténdese por Euribor (Euro Interbank Offered Rate, isto é, tipo interbancario ofrecido en euros) a prazo de seis meses, como o tipo de xuro para depósitos interbancarios en euros a prazo de seis meses publicado pola Federación Bancaria Europea ou pola entidade pública ou privada, española ou da Unión Europea, designada para tal efecto.

5. No caso de que desaparecera o Euribor, o tipo de xuro de referencia calcularase segundo o disposto no contrato de préstamo ou supletoriamente, segundo as disposicións que para tal efecto o Igape publique no Diario Oficial de Galicia.

6. O tipo de xuro de referencia para cada semestre será publicado no Diario Oficial de Galicia.

7. O devengo de xuros será por días naturais, base 360, con liquidacións semestrais, que comezarán a computarse desde o primeiro día inmediato posterior á data de disposición. Non obstante, o primeiro período de liquidación será irregular e igual ou inferior ós 6 meses polos días que transcorran desde a data da disposición ata o último día do semestre en que se realizou a disposición.

8. O tipo de xuro nominal dos préstamos que se formalicen no primeiro semestre do 2002 será o 3,75%.

Quinto.-Xuros de demora.

En caso de retraso no pagamento dalgunha das sumas debidas en virtude dos contratos de préstamo que se formalicen, o prestatario incorrerá de pleno dereito en mora sen necesidade de requirimento previo e virá obrigado a pagar sobre a suma vencida o tipo de xuro do Euribor a 6 meses máis 4% anual. Os ditos xuros liquidaranse coincidindo co seguinte vencemento semestral de xuros.

Os importes vencidos e non satisfeitos capitalizaranse como aumento de capital debido, e devengarán, pola súa vez, novos réditos ó tipo de xuro moratorio que resulte segundo o parágrafo anterior.

Os xuros moratorios devengaranse por días naturais sobre a base dun ano de 360 días.

Sexto.-Amortización anticipada.

O prestatario ten a facultade de proceder ó reembolso total ou parcial do préstamo, mediante notificación dirixida ó Igape cun preaviso mínimo de 15 días hábiles, e coincidente, en calquera caso, cunha data de revisión de tipo de xuro. Os reembolsos así efectuados non levarán penalización.

Sétimo.-Incumprimento do préstamo.

No caso de producirse o incumprimento das condicións do contrato de préstamo, o Igape procederá a dalo por vencido, efectuándose a amortización anticipada obrigatoria deste e procedéndose ó reembolso do capital e xuros pendentes. Neste caso, a amortización levará consigo, en todo caso unha penalización do 2% flat sobre o importe amortizado anticipadamente.

Oitava.-Garantías.

O Igape tomará as garantías adecuadas segundo as características de cada operación. Se como consecuencia do seguimento e control que se efectúe durante a vixencia da operación fora notoria a diminución de solvencia do prestatario, procuraranse as accións precisas para reforza-la eventual obriga de reembolso.

Novena.-Dereito privado.

Os contratos mediante os que se formalicen as operacións someteranse ó dereito privado.

Décima.-Seguimento e control.

Os prestatarios obríganse a someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-lo Igape ou a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Para tal fin quedan obrigados á conservación de toda a documentación orixinal que acredite a realidade dos investimentos e gastos financiados coas operacións de préstamo.

Disposición derradeira

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO II

AUTORIZACIÓN ANTE O BANCO DE ESPAÑA

MODELO PARA PERSOAS FÍSICAS

, de de

Autorizo á entidade Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), para que solicite á Central de Información de Riscos do Banco de España, un informe dos meus riscos crediticios, autorización que fago extensiva á mencionada Central de Información de Riscos para que facilite os datos interesados.

Sinatura:

Asinado: (nome e apelidos).

DNI:

A cumplimentar pola entidade declarante:

Garantizo a autenticidade deste documento.

Asinado:

Nome, cargo e DNI.

Selo da sinatura.

ANEXO II

AUTORIZACIÓN ANTE O BANCO DE ESPAÑA

MODELO PARA PERSOAS XURÍDICAS

, de de

Autorizo á entidade Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), para que solicite á Central de Información de Riscos do Banco de España, un informe dos riscos crediticios da entidade ................. NIF ................, autorización que fago extensiva á mencio

nada Central de Información de Riscos para que faciliten ós datos interesados.

Sinatura:

Nome e cargo do asinante:

DNI:

A cumplimentar pola entidade declarante:

Garantizo a autenticidade deste documento.

Asinado:

Nome, cargo e DNI.

Selo da entidade.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA