Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Martes, 07 de maio de 2002 Páx. 6.537

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2002 pola que se convocan unhas xornadas sobre a administración electrónica: oportunidades e desafíos para os entes territoriais.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 2002 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa REDETI, unhas xornadas sobre a administración electrónica: oportunidades e desafíos para os entes territoriais, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Estas xornadas pretenden as seguintes finalidades:

a) Presenta-las novas técnicas telemáticas como unha panca para o desenvolvemento en mans das administracións e un medio de facilita-las relacións das corporacións cos cidadáns.

b) Dar a coñecer experiencias en marcha noutros lugares, estimulando a iniciativa das autoridades locais.

c) Facilita-la aceptación das novas técnicas telemáticas e das redes sobre as que se aplican, mellorando a súa integración no ámbito local.

d) Chama-la atención sobre a existencia de técnicas xurídicas, reguladoras e organizativas que permiten unha transición ordenada cara á administración electrónica.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Novas redes, servicios e aplicacións telemáticas para as comunidades locais.

-O pulo das administracións territoriais ás novas redes. Técnicas dispoñibles.

-A ordenación do territorio e o urbanismo como medio de organización de redes de telecomunicacións.

-A televisión local como televisión de proximidade: situación actual e perspectivas.

-As novas tecnoloxías nos procedementos administrativos. A teleadministración e outras técnicas.

-Algunhas experiencias comparadas. A situación nas comunidades galega e valenciana.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

- Horario: mañá e tarde.

- Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da Delegación Provincial da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública en Pontevedra (r/ Benito Corbal, 47 da citada cidade) os días 28 e 29 de maio de 2002.

5. Inscrición.

- Prazo: remata o venres, día 24 de maio de 2002.

- Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública; polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

- Número de prazas: limitado á capacidade do local.

- Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando por teléfono, o día 27 de maio, das 8.30 ás 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2002.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública