Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Luns, 06 de maio de 2002 Páx. 6.402

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 27 de marzo de 2002 pola que se convocan axudas para o fomento da innovación empresarial e prestación de servicios, en réxime de concorrencia competitiva, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, de acordo coas bases reguladoras establecidas na Orde do 11 de marzo de 2002 (Diario Oficial de Galicia número 55, do 18 de marzo).

Na orde da Consellería de Industria e Comercio do 11 de marzo de 2002, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo, publicada no DOG nº 55, do 18 de marzo de 2002, fixábanse os criterios básicos da súa política de fomento de acordo coa previsión efectuada no artigo 4 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Entre os programas de incentivos recollidos na citada orde figura no punto 6º do artigo 1 o Fomento da innovación empresarial e prestación de servicios, desenvolvido no seu anexo VI.

O contido desta orde axústase ó establecido polo Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia e financiarase con participación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e, en consecuencia, a súa tramitación quedará condicionada ó cumprimento do sinalado na normativa da Unión Europea.

En consecuencia e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto a convocatoria de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento da innovación empresarial, así como a prestación de servicios por agrupacións de empresas ou asociacións que teñan como finalidade o fortalecemento do tecido empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, de acordo co que dispón o anexo VI da Orde do 11 de marzo de 2002 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo, publicada no DOG nº 55, do 18 de marzo.

Artigo 2º.-Aplicacións orzamentarias.

Para a concesión das axudas, propias das actuacións que se convocan, destinaranse os créditos globais correspondentes ás aplicacións orzamentarias que se mencionan coa seguinte distribución:

AplicaciónDenominaciónAno 2002

Euros

Ano 2003

Euros

08.03.754-A.770.0Empresas privadas: apoio ó desenvolvemento de conglomerados1.400.000980.000

AplicaciónDenominaciónAno 2002

Euros

Ano 2003

Euros

08.03.754-B.771.0Empresas privadas: apoio ó desenvolvemento de conglomerados e industrias productivas2.000.0001.400.000

08.03.661-C.780.0 Familias e institucións sen fins de lucro: fomento de servicios ás asociacións100.00070.000

08.03.732 A.770.0Empresas privadas: axudas a industrias do complexo da madeira1.500.0001.050.000

08.03.742-A.770.0Empresas privadas: axudas a industrias do complexo do téxtil-confección1.300.000910.000

08.03.741 A.770.0Empresas privadas: axudas a industrias do complexo da automoción2.300.0001.610.000

08.03.744 A.770.0Empresas privadas: apoio á industria das telecomunicacións e audiovisual800.000560.000

08.03.754-B.770.0 Empresas privadas: potenciación actividades empresariais2.700.0001.890.000

TOTAL:12.100.0008.470.000

Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

O gasto que se proxecta tramitarase como expediente anticipado e está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio para 2002, de acordo co disposto no artigo 3 punto 3º in fine da Orde do 27 de novembro de 2000 pola que se modifica a Orde do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Artigo 3º.-Estabilidade laboral dos beneficiarios.

Para ser beneficiario dunha subvención superior a 60.101,21 euros para investimentos consistentes en activos fixos productivos deberanse acredita-los seguintes requisitos:

-As empresas de dez ou máis traballadores terán alomenos o 35% do cadro de persoal dos centros de traballo radicados no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega con contratos por tempo indefinido.

-Nas empresas de menos de dez traballadores a dita porcentaxe reducirase ó 33%.

-Así mesmo, en ámbolos dous casos, deberán comprometerse a acada-la mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, de se-lo caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione.

-Para as empresas de nova creación bastará o compromiso de acadar como mínimo o 35% de estabilidade laboral ó termo do ano seguinte ó da concesión da axuda.

Artigo 4º.-Actuacións subvencionables.

Terán carácter subvencionable aquelas accións que teñan por obxecto o desenvolvemento dalgunha ou dalgunhas das seguintes actuacións:

a) Adquisición de coñecemento estratéxico.

Serán incentivables os estudios que supoñan un alto valor engadido no ámbito da xestión estratéxica

empresarial ou xestión tecnolóxica, tales como a planificación da sucesión empresarial en Pemes familiares, a definición de modelos de organización funcional da empresa (organigrama), a análise prospectiva de mercados estratéxicos, a análise do contorno competitivo en xeral (benchmarking), as fórmulas de colaboración interempresarial ou de traballo en rede, os estudios de viabilidade inherentes a procesos de fusión de sociedades que teñan como obxectivo acadar un maior dimensionamento empresarial dentro do sector de referencia (industrial, loxístico, etc.), a realización de diagnósticos tecnolóxicos, a prospectiva e coñecemento do estado da arte tecnolóxica e as súas aplicacións no contorno empresarial co obxecto de defini-las tecnoloxías que debe incorporar para mellora-lo proceso de producción.

Os estudios referidos a esta alínea deberán ser realizados por empresas ou entidades externas con experiencia en consultoría das materias de que se trate.

b) Desenvolvemento de conglomerados industriais e creación e desenvolvemento de liñas de negocio de empresas industriais.

Dentro deste epígrafe serán incentivables a adquisición de sistemas de fabricación completos e/ou bens de equipo que deberán referirse a:

1. Proxectos de sectores emerxentes: aqueles proxectos de investimento en sectores e/ou subsectores de especial relevancia tecnolóxica e non implantados, escasamente implantados ou con potencialidade de maior desenvolvemento en Galicia, tales como aeronáutica, biotecnoloxía, etc.

2. Proxectos en cooperación empresarial: aqueles proxectos de investimento que teñan por obxecto a utilización conxunta de capacidades productivas, de forma que permitan mellorar sensiblemente a competitividade das empresas cooperantes, a través da empresa solicitante ou a través dunha nova iniciativa empresarial dedicada para tal efecto.

3. Proxectos de diversificación sectorial: aqueles proxectos de investimento que non se comprendan no punto b 1) e que teñan por obxecto a posta en marcha de liñas de fabricación ou bens de equipo necesarios para a diversificación de productos cara ó acceso a mercados diferentes.

4. Proxectos de desenvolvemento tecnolóxico: aqueles proxectos de investimento empresarial que impliquen o desenvolvemento de novos procesos productivos e/ou productos cara á súa comercialización substancialmente diferenciados. Non se entenderán como susceptibles de apoio os investimentos de substitución de activos fixos de carácter productivo. No caso do sector téxtil poderán subvencionarse só actuacións relacionadas con sistemas de patronaxe asistidos por ordenador, preferentemente en talleres e cooperativas.

En ningún caso se entenderán susceptibles de apoio os investimentos de substitución nin a compra de maquinaria que non sexa de primeiro uso, tampouco se considerarán incentivables os investimentos en activos procedentes de sociedades do mesmo grupo.

c) Apoio ás asociacións, agrupacións empresariais e institución sen ánimo de lucro para actuacións en favor das empresas.

Serán incentivables os investimentos en intanxibles correspondentes a estudios e actuacións específicas que redunden nun beneficio sectorial ou a proxectos específicos de posta en marcha de novos servicios ás empresas. Nese sentido, entenderanse explicitamente excluídos aqueles investimentos baseados en prestación de servicios de carácter habitual ou que inclúan gasto corrente.

Así mesmo, serán incentivables os investimentos en tanxibles para a prestación de novos servicios.

Non se considerarán incentivables os investimentos en activos procedentes de sociedades do mesmo grupo.

Artigo 5º.-Contía das axudas.

As axudas poderán acadar, con carácter xeral, unha contía máxima do 40% do investimento subvencionable.

Ademais, as actuacións comprendidas no artigo 4 alínea a), terán un límite máximo de subvención de 30.000 euros por actuación.

Artigo 6º.-Obtención de formularios de solicitude.

Os formularios para as solicitudes de axuda reguladas na presente orde serán cubertos e obtidos necesariamente polo solicitante a través da aplicación informática establecida no enderezo da Internet http://www.xunta.es/conselle/in/index.htm. Estes formularios así obtidos presentaranse sen engadir novos datos e sen realizar emendas ou riscaduras no seu formato orixinal.

Poderanse cubrir e obte-los formularios ata as 24 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Dirección Xeral de Tecnoloxía Desenvolvemento Sectorial, a través do teléfono 981 54 55 55 ou do enderezo de correo electrónico innovacion.industria.2002*xunta.es que adoptará as medidas necesarias para facilita-la presentación por escrito de solicitudes.

Artigo 7º.-Presentación de solicitudes e documentación.

As solicitudes, cubertas e obtidas conforme o artigo anterior, dirixiranse por triplicado exemplar ó conselleiro de Industria e Comercio e presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, ou a través dalgunha das formas recollidas

no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cada solicitude unicamente poderá referirse a unha das modalidades de actuacións subvencionables recollidas no artigo 4º.

O prazo para a súa presentación será desde ó día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, ata o día 4 de xuño de 2002, ambos inclusive.

Estas solicitudes (compostas de anexo I, II e III) irán acompañadas da seguinte documentación, todo isto por triplicado exemplar (orixinal ou copia compulsada e dúas copias):

a) Memoria e calquera outro documento que consideren conveniente achegar para mellora-la valoración da solicitude.

b) Orzamento desagregado do investimento e copia dos orzamentos dos provedores. Se o provedor é unha empresa consultora deberase pór de manifesto a súa experiencia sobre o sector obxecto do traballo.

c) CIF da empresa solicitante ou NIF no caso de empresario individual.

d) Documento público acreditativo do poder de representación co que actúa o solicitante e fotocopia do DNI.

e) Licencia fiscal ou último recibo do imposto de actividades económicas (IAE) ou, de se-lo caso, declaración de non estar suxeito ó IAE. No caso de empresas que se constitúan no ano 2002, a alta no IAE deberase acreditar cando se presente a xustificación do investimento.

f) Boletín de cotización á Seguridade Social TC1 do último mes controlado.

g) Os beneficiarios ós que se refire o artigo 3º deberán presentar boletín do cotización á Seguridade Social TC2, do último mes controlado, dos centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia e, de se-lo caso, compromiso expreso de acada-las porcentaxes de estabilidade laboral establecidas.

h) No caso de estar exento do imposto sobre o valor engadido (IVE), documentación acreditativa da devandita exención.

Artigo 8º.-Resolución.

Co obxecto de dar cumprimento ó principio de concorrencia competitiva, conforme co disposto no artigo 3.1º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, os servicios técnicos centrais da Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial emitirán informe razoado de avaliación.

Á vista do informe, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme co establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión

de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, dictarán a resolución que proceda.

O prazo máximo para dictar e notificarlles ós interesados a resolución expresa será de seis meses contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde. O vencemento do citado prazo, sen que se notifique a resolución expresa, lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 9º.-Concesión de anticipos e constitución de garantías.

Poderanse conceder anticipos de ata o 50% da subvención concedida para a correspondente anualidade, a aqueles beneficiarios que obtivesen axudas para as actividades definidas no artigo 4, alínea b) naqueles casos nos que o investimento esixa pagamentos inmediatos, de acordo co establecido no artigo 16.Dous.3 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo para solicita-lo anticipo será dun mes a partir do día seguinte á data da recepción da notificación de concesión da subvención.

A concesión do anticipo farase por resolución motivada da consellería, que será notificada para que nun prazo de 15 días a partir desta notificación presenten o xustificante acreditativo da constitución da garantía mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca e que ten que ser depositado na Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia, segundo se establece no artigo 17 do mencionado Decreto 287/2000; todo isto sen prexuízo das demais condicións específicas que se recollen nesta orde e as que, de se-lo caso, se inclúan na resolución.

O importe da garantía deberá cubri-lo importe do anticipo xunto cos xuros deste calculado ó tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento de concesión e polo prazo que medie entre a data de presentación da solicitude do anticipo e como mínimo aquela en que se cumpran dous meses da do remate do prazo de xustificación da anualidade para a que se concedeu o anticipo.

A garantía será liberada unha vez xustificada e comprobada a realización do investimento ou a actividade obxecto de axuda.

Artigo 10º.-Outras obrigas dos beneficiarios.

As entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren con respecto ó proxecto subvencionado, o cofinanciamento dos seus activos con fondos europeos Feder.

Os beneficiarios destas axudas deberán conserva-los xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda ou subvención outorgada durante un período de cinco anos desde a súa concesión.

Artigo 11º.-Ámbito temporal e actuacións plurianuais.

Á presente orde poderán acollerse as actuacións establecidas no artigo 4º desta orde, sempre que se realicen no período comprendido entre o 1 de

xaneiro do 2002 e a data de xustificación do investimento recollida no artigo 13º desta orde.

Excepcionalmente poderán concederse subvencións plurianuais que excedan o exercicio 2002, establecéndose os correspondentes compromisos de anualidade dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente, de conformidade co prazo de execución do investimento, tendo que aterse ó disposto, para os efectos oportunos, no artigo 58º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro.

Cando a totalidade da subvención supere os 30.050,61 euros, poderanse efectuar pagamentos parciais, a conta da liquidación que se perciba, cumprindo os requisitos que para o efecto determinan os artigos 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para as actuacións plurianuais entenderase que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación do exercicio corrente ata o final de ano corresponderán á anualidade seguinte e, polo tanto, poderanse presentar como xustificantes para o cobramento da devandita anualidade.

Artigo 12º.-Modificación da resolución.

Para solicita-la modificación establecida no artigo 7.2 das bases reguladoras que rexen esta convocatoria, os beneficiarios terán de prazo ata o día 30 de setembro da anualidade correspondente.

Artigo 13º.-Xustificación do investimento.

Para o libramento de cada anualidade, o beneficiario deberá presentar, na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio a documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto de subvención, tendo de prazo para iso ata o 8 de novembro inclusive, da anualidade que corresponda. Poderase tamén presentar a través dalgunha das formas contempladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Esta documentación xustificativa, sen prexuízo do establecido no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que se presentará por duplicado exemplar (orixinal ou copia compulsada e unha copia), constará dos seguintes documentos:

a) Memoria na que se describa a realización do investimento e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa execución.

b) Documentos acreditativos do investimento: facturas e documentos acreditativos do seu efectivo pagamento ou documento en firme do seu compromiso de pagamento con vencemento inferior ó 31 de decembro da correspondente anualidade.

c) Para todas aquelas actuacións intanxibles deberase entregar, así mesmo, unha copia de cada un dos estudios, diagnósticos, manuais, etc. que se realizasen ou desenvolvesen.

d) Declaración de axudas obtidas ou solicitadas para o mesmo investimento en calquera outra administración, organismo ou ente público ou privado. No caso de ser beneficiario dalgunha axuda ou subvención para a mesma actuación deberá achegarse a documentación necesaria para a súa valoración para os efectos da súa concorrencia coa axuda outorgada.

e) Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se debe realiza-lo pagamento, na que conste: ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

f) Certificado acreditativo de estar ó día nas obrigas coa Seguridade Social.

g) Certificados acreditativos de estar ó día nas súas obrigas tributarias e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa administración pública da Comunidade Autónoma galega. O solicitante poderá acudir á AEAT e á Consellería de Economía e Facenda para solicita-la expedición dos certificados correspondentes ou cubrir debidamente asinada a autorización que se achega no anexo III para os efectos de que este órgano poida solicitar esta información por vía informática.

h) Último recibo pagado do imposto sobre actividades económicas, ou alta no IAE segundo o disposto no artigo 7 e).

i) O beneficiario de calquera subvención plurianual, no que o importe total supere os 30.050,21 euros, deberá achegar ademais o xustificante acreditativo do depósito na Caixa Xeral de Depósitos, do seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que garanta o importe da anualidade da que se estea a tramita-lo pagamento, así como os seus correspondentes xuros (xuro legal do diñeiro indicado na Lei de orzamentos do Estado que estea vixente nese momento), por un prazo que deberá acadar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación da última das anualidades da subvención.

j) Calquera outro documento que se requira durante a tramitación do expediente para a verificación do proxecto.

Artigo 14º.-Pagamento das axudas.

A percepción da axuda terá lugar unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio verifiquen a documentación xustificativa de cumprimento da realización do proxecto subvencionado e dos requisitos e condicións establecidos para a súa concesión. Así mesmo, para as subvencións de capital superiores ós 60.101,21 euros, destinadas a investimentos en activos tanxibles, o órgano xestor correspondente, emitirá informe de comprobación material do investimento. Excepcionalmente, esta comprobación material poderase substituír por unha xustificación documental, que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade

subvencionada, tal e como recolle o artigo 15.3º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, para as actuacións subvencionables destinadas á adquisición de sistemas de fabricación completos e/ou bens de equipo, cando a entrega deste no exercicio corrente esixa o pagamento de calquera tipo de anticipos no exercicio anterior, os ditos pagamentos consideraranse parte do investimento do presente exercicio.

Artigo 15º.-Incompatibilidades.

As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta consellería.

Polo demais, estas axudas serán compatibles con calquera outra das establecidas por calquera administración pública, organismo ou ente público sempre e cando non se excedan, en termos de subvención neta equivalente, a porcentaxe do 40% sobre o investimento subvencionable, agás non casos das Pemes, no que poderá acadarse ata o 55%.

Artigo 16º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de

novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia e a orde de bases do 11 de marzo de 2002 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2002.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio