Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Luns, 06 de maio de 2002 Páx. 6.393

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 26 de marzo de 2002 pola que se convocan axudas en materia das tecnoloxías da información e as comunicacións, en réxime de concorrencia competitiva, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, de acordo coas bases reguladoras establecidas na Orde do 11 de marzo de 2002 (Diario Oficial de Galicia número 55, do 18 de marzo).

Na orde da Consellería de Industria e Comercio do 11 de marzo de 2002, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo, publicada no DOG nº 55, do 18 de marzo de 2002, fixábanse os criterios básicos da súa política de fomento de acordo coa previsión efectuada no artigo 4 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Entre os programas de incentivos recollidos na citada orde figura, no punto 7º do artigo 1 o de Axudas en materia de tecnoloxías da información e comunicacións, desenvolvido no anexo VII desta.

O contido desta orde axústase ó establecido polo Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia e financiarase con participación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e, en consecuencia, a súa tramitación quedará condicionada ó cumprimento do sinalado na normativa da Unión Europea.

En consecuencia e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto a convocatoria de axudas para o ano 2002, en réxime de concorrencia competitiva para a incentivación de actuacións no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións TIC, para o desenvolvemento de aplicacións e servicios relacionados coa integración das tecnoloxías da información e as comunicacións no mundo da empresa, para a incentivación da realización de diagnósticos, para a implantación de ferramentas de transacción electrónica no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións, para a posta en marcha de novos servicios e aplicacións TIC accesibles para empresas, e para a innovación dos sistemas de información das factorías de software, conducentes á mellora da competitividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co que se dispón no anexo VII da Orde do 11 de marzo de 2002 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas

e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo, publicada no DOG nº 55, do 18 de marzo de 2002.

Artigo 2º.-Aplicacións orzamentarias.

Para a concesión das axudas, propias das actuacións que se convocan, destinaranse os créditos globais correspondentes á aplicación orzamentaria que se menciona, coa seguinte distribución:

AplicaciónDenominaciónAno 2002

Euros

Ano 2003

Euros

08.03.754-A.771.0Empresas privadas: potenciación acceso empresarial á sociedade da información1.000.000700.000

Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

O gasto que se proxecta tramitarase como expediente anticipado e está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio para 2002, de acordo co disposto no artigo 3, número 3º in fine da Orde do 27 de novembro de 2000 pola que se modifica a Orde do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Artigo 3º-Actuacións subvencionables.

As actuacións subvencionables obxecto da presente orde estructúranse en dúas liñas de actuación definidas en función das condicións dos solicitantes das axudas, e para os efectos sobre o seu contorno económico; a primeira destas liñas está dirixida ás empresas en xeral, e a segunda ás empresas específicas do sector TIC.

a) Liña dedicada ás empresas en xeral.

Recóllense actuacións dedicadas a satisfacer determinadas necesidades tecnolóxicas no eido da comunicación e a información que xorden no conxunto das empresas.

Terán carácter subvencionable os proxectos encadrados nalgún ou nalgúns dos seguintes tipos de actuación:

1. Contratación externa do desenvolvemento de novos productos TIC.

-Actuacións incluídas: considérase a realización de proxectos que desenvolvan dispositivos, servicios telemáticos ou aplicacións de tecnoloxías da información e as comunicacións. Os proxectos deberán ofrecer novas funcionalidades non existentes nas solucións de mercado actualmente dispoñibles. Estes productos serán ben para uso propio da empresa que contrata ou ben para a súa oferta ó mercado.

Baixo esta tipoloxía terán cabida o desenvolvemento de sistemas e programas informáticos aplicados, acceso e xestión da información, compoñentes electrónicos, comunicacións móbiles, sistemas de redes de acceso, comunicacións de banda ampla e todas aquelas que acheguen solucións e servicios para novas facilidades de comunicación no mundo da empresa.

Non serán subvencionables aquelas aplicacións TIC xa existentes no mercado, aínda que puidesen supor novos desenvolvementos no ámbito de actuación do solicitante.

-Investimentos subvencionables: considéranse investimentos subvencionables dentro do proxecto presentado e, consecuentemente, susceptibles de axudas, os referentes ós servicios externos, equipos e aplicacións, e todos aqueles conceptos xustificables e imputables á actividade de desenvolvemento contratada.

2. Consultoría tecnolóxica dentro da empresa (diagnósticos e implantación de plans de actuación).

-Actuacións subvencionables: considérase a contratación de servicios de consultoría tecnolóxica, que realizará unha empresa externa, sobre os sistemas de información e comunicación do beneficiario. Esta consultoría pode ser de axuda á decisión tecnolóxica que se estea a considerar (Diagnóstico) e/ou de acción durante a fase de execución da decisión tecnolóxica adoptada (Implantación).

Dentro da fase de diagnóstico poderase financia-la análise da situación interna da empresa e das oportunidades que, de se-lo caso, puidera supoñe-la incorporación de novas tecnoloxías da información e as comunicacións na totalidade ou en determinados aspectos da súa actividade. Se o diagnóstico é positivo, deberá resultar na elaboración dun plan de actuación para a implantación das devanditas tecnoloxías.

Dentro da fase de implantación do plan de actuación, poderase financia-la asistencia para o seguimento e asesoramento no proceso de implantación efectiva das tecnoloxías propostas no plan de actuación. Feita a implantación, deberase finalizar esta fase cunha memoria expresiva das actuacións e dos sistemas incorporados na empresa durante ela.

-Investimentos subvencionables: consideraranse investimentos subvencionables e, consecuentemente susceptibles de axudas, os referentes ós servicios externos da consultoría tecnolóxica contratada.

3. Fomento do comercio electrónico entre empresas, B2B:

Actuacións incluídas: considerarase a instalación e posta en funcionamento de aplicacións informáticas (software) que faciliten a transacción electrónica sobre canles soportadas na Internet, de productos ou servicios entre polo menos dúas empresas (coñecido como comercio electrónico de empresa a empresa, en inglés Business to Business ou B2B).

Estes proxectos deberán ser liderados por unha empresa ou asociación de empresas, e poderán facilita-la instalación de aplicacións informáticas entre empresas que veñen realizando transaccións convencionais e desexan automatizar estas transaccións a través de medios electrónicos, o que permitirá mellora-la súa productividade e poderá ser de aplicación a outras empresas do mesmo sector, provedores, distribuidores ou servicios externos, entre outros.

Terán cabida proxectos de acceso a catálogos e tarifas personalizadas, xestión de existencias, xestión de pedimentos, interacción co proceso produc

tivo, trazabilidade, reposición automática, loxística e xestión de prazos de entrega, históricos por productos, facturación e albarás electrónicos, etc., e non será imprescindible incluír sistemas de pagamento electrónico.

Non serán subvencionables aquelas aplicacións de carácter exclusivamente informativo, de recompilación ou oferta de información, se non levan parella a posibilidade de realización de transaccións económicas propias das empresas participantes.

Tampouco serán subvencionables as aplicacións destinadas ó comercio electrónico co consumidor final (coñecido como comercio electrónico da empresa ó consumidor, en inglés Business to Consumer ou B2C).

Investimentos subvencionables: consideraranse investimentos subvencionables e susceptibles de axuda os realizados na adquisición ou licencia de ferramentas software, sistemas de protección e control de acceso (chamados firewalls), cursos de formación específica e instalación das aplicacións, sempre limitados ó ámbito das transaccións electrónicas. Non se considerarán incluídas outras ferramentas hardware, persoal propio, ou conceptos tales como cotas de conexión ou mantemento.

b) Liña dedicada ás empresas específicas do sector das TIC.

Recóllense actuacións dedicadas ás necesidades específicas das empresas que teñen a súa actividade empresarial e a razón de ser do seu negocio especificamente no sector das TIC, entendéndose por tal toda a actividade económica relacionada coa electrónica, microelectrónica, a informática, as telecomunicacións, os contidos multimedia ou de servicios de valor engadido sobre os anteriores.

Terán carácter subvencionable os proxectos encadrados nalgún ou nalgúns dos seguintes tipos de actuación:

1. Novos desenvolvementos de productos TIC:

-Actuacións incluídas: considerase a realización de proxectos que teñan por obxecto o desenvolvemento de dispositivos, servicios telemáticos ou aplicacións de tecnoloxías da información e as comunicacións. Os novos desenvolvementos deberán ofrecer novas funcionalidades non existentes nas solucións de mercado actualmente dispoñibles.

Baixo esta tipoloxía terán cabida o desenvolvemento de sistemas e programas informáticos aplicados, acceso e xestión da información, compoñentes electrónicos, comunicacións móbiles, sistemas de redes de acceso, comunicacións de banda ampla e todas aquelas que acheguen solucións e servicios para novas facilidades de comunicación no mundo da empresa.

Non serán subvencionables aquelas aplicacións TIC xa existentes no mercado, aínda que puidesen supor novos desenvolvementos no ámbito de actuación do solicitante.

-Investimentos subvencionables: consideraranse investimentos subvencionables dentro do proxecto presentado e, consecuentemente susceptibles de axudas, os referentes a custo do persoal técnico da empresa necesario para a realización do proxecto,

equipos e aplicacións, formación específica, e todos aqueles conceptos xustificables e imputables á actividade de desenvolvemento.

2. Plataformas de prestación de servicios TIC para empresas.

-Actuacións incluídas: considerarase a realización de proxectos que teñan por obxecto a oferta e prestación de servicios telemáticos ou aplicacións de tecnoloxías da información e as comunicacións para terceiras empresas, baseadas nas redes de telecomunicación existentes, especialmente as relacionadas cos protocolos IP.

Terán cabida aplicacións de certificación e sinatura electrónica, plataformas ERP de xestión compartida para empresas, contornos para o comercio electrónico, plataformas de servicios B2C, videoconferencia profesional sobre IP, e aquelas outras aplicacións e servicios para empresas que supoñan unha mellora tecnolóxica e un avance innovador para a sociedade da información, dos servicios dispoñibles para as Pemes.

-Investimentos subvencionables: neste caso, considéranse investimentos subvencionables e susceptibles de axuda os referentes á instalación de servidores de aplicacións, as ferramentas software e desenvolvemento destas, sistemas de telecomunicación necesarios para o funcionamento dos servicios e aplicacións, e aqueles conceptos imputables á instalación destes.

3. Investimentos en empresas que producen programas informáticos.

-Actuacións incluídas: considerarase a realización de investimentos que teñan por obxecto a innovación e mellora nos sistemas de información que faciliten o desenvolvemento de novas empresas ou centros productivos e novas liñas de negocio relacionadas coa creación de software (programas informáticos).

-Investimentos subvencionables: neste caso, consideraranse investimentos subvencionables e susceptibles de axuda os referentes á adquisición de equipos informáticos de proceso e servidores de aplicacións, ferramentas software, cursos de formación ou sistemas de telecomunicación, especificamente dedicados e necesarios para o tratamento, edición, compilación, almacenamento, mantemento e/ou comunicación da información asociada á creación de programas informáticos.

Artigo 4º.-Estabilidade laboral dos beneficiarios.

Para ser beneficiario dunha subvención superior a 60.101,21 euros para investimentos consistentes en activos fixos productivos, deberanse acredita-los seguintes requisitos:

-As empresas de dez ou máis traballadores deberán acreditar que alomenos o 35% do cadro de persoal dos centros de traballo radicados no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega ten contratos por tempo indefinido.

-Nas empresas de menos de dez traballadores, a dita porcentaxe reducirase ó 33%.

-Así mesmo, en ámbolos dous casos, deberán comprometerse a acada-la mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contra

tacións que, de se-lo caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione.

-Para as empresas de nova creación, bastará o compromiso de acadar como mínimo o 35% de estabilidade laboral ó termo do ano seguinte ó da concesión da axuda.

Artigo 5º.-Contía das axudas.

As axudas poderán acadar, con carácter xeral, unha contía máxima do 40% do investimento subvencionable.

Ademais, as actuacións recollidas no punto A 2) do artigo 3º terán un límite máximo de subvención de 5.000 euros por proxecto.

Artigo 6º.-Presentación de solicitudes e documentación.

As solicitudes dirixiranse por duplicado exemplar ó conselleiro de Industria e Comercio, e presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cada solicitude unicamente poderá referirse a unha das modalidades de actuacións subvencionables recollidas no artigo 3º.

O prazo para a súa presentación será desde ó día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, ata o día 3 de xuño de 2002, ambos inclusive.

Estas solicitudes presentaranse, conforme os modelos que se xuntan como anexos I, II e III, e achegaranse coa seguinte documentación, todo isto por duplicado exemplar (orixinal ou copia compulsada e unha copia):

a) Memoria explicativa que conterá: historial da empresa, obxectivo do proxecto, recursos financeiros, humanos e técnicos implicados na súa realización, programación temporal das actividades, calendario de execución do proxecto, así como calquera outro documento que considere conveniente achegar para mellora-la valoración da solicitude.

b) Orzamento desagregado do investimento, e copia dos orzamentos dos provedores.

c) CIF da empresa ou NIF no caso de empresario individual.

d) Documento público acreditativo do poder de representación co que actúa o solicitante e fotocopia do DNI.

e) Licencia fiscal ou último recibo do imposto de actividades económicas (IAE) ou, de se-lo caso, declaración de non estar suxeito ó IAE. No caso de empresas que se constitúan no ano 2002, a alta no IAE deberase acreditar cando se presente a xustificación do investimento.

f) Boletín de cotización á Seguridade Social TC1 do último mes controlado.

g) Os beneficiarios ós que se refire o artigo 4º deberán presentar boletín de cotización á Seguridade Social TC2, do último mes controlado, dos centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia e, de se-lo caso, compromiso expreso de acada-las porcentaxes de estabilidade laboral establecidas.

h) Para as actuacións recollidas na letra A) do artigo 3º deberase incluír acreditación da empresa ou entidade externa que realizará os traballos (escritura de constitución ou declaración onde conste transcrición literal do obxecto social do provedor, persoal e centros de traballo na Comunidade Autónoma, e traballos realizados nos dous últimos anos en relación coas devanditas actuacións). Ademais disto, os solicitantes do punto A 3) deberán achegar unha carta, acordo ou compromiso de interese ou colaboración dalgunha das empresas con que pretenda emprega-la aplicación de transacción electrónica.

i) Para as actuacións recollidas na letra B) do artigo 3º, as empresas achegarán acreditación do obxecto social mediante escritura de constitución, así como declaración de traballos realizados nos dous últimos anos no campo no que se solicita a axuda. Ademais disto, os solicitantes do punto B 2) deberán acredita-la condición de operador de telecomunicacións ou prestador de servicios telemáticos coa correspondente licencia ou autorización administrativa.

j) No caso de estar exento do imposto sobre o valor engadido (IVE), documentación acreditativa da devandita exención.

Os anexos I, II e III poderanse obter da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, ou ben na páxina da Internet http://www.xunta.es/conselle/in/.

Artigo 7º.-Resolución.

Co obxecto de dar cumprimento ó principio de concorrencia competitiva, conforme o disposto no artigo 3.1º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, os servicios técnicos centrais da Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial emitirán informe razoado de avaliación.

Á vista do informe, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, dictará a resolución que proceda.

O prazo máximo para dictar e notificarlles ós interesados a resolución expresa será de seis meses contados desnde o día seguinte ó da publicación desta orde. O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa, lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 8º.-Outras obrigas dos beneficiarios.

As entidades beneficiarias da axuda deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren con respecto ó proxecto subvencionado, o cofinanciamento dos seus activos con fondos europeos Feder.

Os beneficiarios destas axudas deberán conserva-los xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda ou subvención outorgada durante un período de cinco anos desde a súa concesión.

Artigo 9º.-Ámbito temporal e actuacións plurianuais.

Á presente orde poderán acollerse as actuacións establecidas no artigo 3º desta orde, sempre que se realicen no período comprendido entre o 1 de xaneiro do 2002 e a data de xustificación do investimento recollida no artigo 11º desta orde.

Excepcionalmente poderán concederse subvencións plurianuais que superen o exercicio 2002, establecendo os correspondentes compromisos de anualidade dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente, de conformidade co prazo de execución do investimento, tendo que aterse ó disposto, para os efectos oportunos, no artigo 58º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro.

Cando a totalidade da subvención supere os 30.050,61 euros, poderanse efectuar pagamentos parciais, á conta da liquidación que se perciba, cumprindo os requisitos que para o efecto determinan os artigos 16º e 17º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para as actuacións plurianuais entenderase que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación do exercicio actual ata o final de ano corresponderán á anualidade seguinte e, polo tanto, poderanse presentar como xustificantes para o cobramento da devandita anualidade.

Artigo 10º.-Modificación da resolución.

Para solicita-la modificación establecida no artigo 7º.2 das bases reguladoras que rexen esta convocatoria, os beneficiarios terán de prazo ata o día 30 de setembro da anualidade correspondente.

Artigo 11º.-Xustificación do investimento.

Para o libramento da subvención, o beneficiario deberá presentar na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto de subvención, tendo de prazo para iso ata o 8 de novembro inclusive, da anualidade que corresponda.

Esta documentación xustificativa, sen prexuízo do establecido no artigo 15º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que se presentará por duplicado exemplar (orixinal ou copia compulsada e unha copia), constará dos seguintes documentos:

a) Memoria na que se describa a realización do investimento e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa execución.

b) Documentos acreditativos do investimento (facturas e documentos xustificativos do seu efectivo pagamento e, no caso de custos de persoal, copia das nóminas e dos TC do persoal dedicado ó proxecto).

c) Para todas aquelas actuacións intanxibles deberase entregar, así mesmo, unha copia de cada un dos estudios, plans, diagnósticos, manuais, etc. que se realizaran ou desenvolveran, especialmente no caso das actuacións recollidas no punto A 2) do artigo 3º.

d) Declaración de axudas obtidas e solicitadas para o mesmo investimento en calquera outras administracións, organismos ou entes públicos ou privados. No caso de ser beneficiario dalgunha axuda ou subvención para a mesma actuación, deberá achegarse a documentación necesaria para a súa valoración para os efectos da súa concorrencia coa axuda outorgada.

e) Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se debe realiza-lo pagamento, na que conste: ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

f) Certificado acreditativo de estar ó día nas obrigas coa Seguridade Social.

g) Certificados acreditativos de estar ó día nas súas obrigas tributarias e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. O solicitante poderá acudir á AEAT e á Consellería de Economía e Facenda para solicita-la expedición dos certificados correspondentes ou cubrir, debidamente asinada, a autorización que se achega no anexo III para os efectos de que este órgano poida solicitar esta información por vía informática.

h) Último recibo pagado do imposto sobre actividades económicas, ou alta no IAE segundo o disposto no artigo 6 e).

i) Beneficiario de calquera subvención plurianual, en que o importe total supere os 30.050,21 euros, deberá achegar, ademais, o xustificante acreditativo do depósito na Caixa Xeral de Depósitos, do seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que garanta o importe da anualidade da que se estea a tramita-lo pagamento, así como os seus correspondentes xuros (xuro legal do diñeiro indicado na Lei de orzamentos do Estado que estea vixente nese momento), por un prazo que deberá acadar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación da última das anualidades da subvención.

j) Calquera outro documento que se requira durante a tramitación do expediente para a verificación do proxecto.

Artigo 12º.-Pagamento das axudas.

A percepción da axuda terá lugar unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio verifiquen a documentación xustificativa de cumprimento da realización do proxecto subvencionado e dos requisitos e condicións establecidos para a súa concesión. Así mesmo, para as subvencións de capital superiores ós 60.101,21 euros destinadas a investimentos en activos tanxibles, o órgano xestor correspondente emitirá informe de comprobación material do investimento. Excepcionalmente, esta comprobación material poderase substituír por unha xustificación documental, que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada, tal e como recolle o artigo 15.3º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 13º.-Incompatibilidades.

As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta consellería.

Polo demais, estas axudas serán compatibles con calquera outra das establecidas por calquera Administración pública, organismo ou ente público sempre e cando non se exceda, en termos de subvención neta equivalente, a porcentaxe do 40% sobre o investimento subvencionable, agás non casos das Pemes, no que poderá acadarse ata o 55%.

Artigo 14º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 11 de marzo de 2002 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2002.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio