Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Venres, 03 de maio de 2002 Páx. 6.364

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2002 que modifica a do 8 de abril de 2002 pola que se anuncia concurso público de alleamento de parcelas propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo no polígono de San Paio de Navia en Vigo, co obxecto de adapta-lo prego de bases á nova normativa en materia de vivenda.

Con data do 17 de abril de 2002 publícase, no Diario Oficial de Galicia nº 74, a Resolución do 8 de abril de 2002 pola que se anuncia concurso público de alleamento de parcelas propiedade do IGVS no polígono de San Paio de Navia en Vigo. O concurso público tiña por obxecto o alleamento das parcelas para o seu destino preceptivo e exclusivo á construcción de vivendas declaradas protexidas e vivendas de protección oficial de réxime xeral.

Con data do 12 de xaneiro de 2002 publicouse no BOE nº 11 o Real decreto 1/2002, do 11 de xaneiro, sobre medidas de financiamento de actuacións protexidas en materia de vivenda e solo do Plan 2002-2005. A disposición transitoria primeira establece que mentres non se publique no BOE o acordo do Consello de Ministros polo que se determine por primeira vez para o Plan 2002-2005 o tipo de xuro efectivo anual dos préstamos cualificados, obxecto dos convenios con entidades de crédito, poderase: a) seguir cualificando provisionalmente ou visando actuacións protexidas ó abeiro do R.D. 1186/1998, do 12 de xuño.

Con data do 18 de abril de 2002 publícase no BOE nº 93 a Resolución do 10 de abril de 2002, da Secretaría de Estado de Infraestructuras, pola que se dispón a publicación do acordo do Consello de Ministros, do 5 de abril de 2002, pola que se fixa o tipo de xuro efectivo inicial anual aplicable ós préstamos cualificados para o financiamento das actuacións protexidas do programa 2002 do Plan de Vivenda 2002-2005.

A publicación no BOE deste acordo do Consello de Ministros determina o remate da prórroga temporal da vixencia do plan anterior, recollida na disposición transitoria primeira do R.D. 1/2002, do 11 de xaneiro; por outra banda, aínda non foi publicado o decreto autonómico que desenvolve o Plan de Vivenda 2002-2005.

Ante esta situación, e tendo en conta que a convocatoria do concurso público de alleamento de parcelas no polígono de San Paio de Navia foi publicada

un día antes do citado acordo do Consello de Ministros, déixanse sen contido as determinacións de tal convocatoria e do seu prego de bases.

Aínda que a convocatoria do concurso xa fora publicada, non foi presentada ningunha proposición, polo que deixar sen efecto a convocatoria do concurso de alleamento de parcelas de San Paio de Navia non prexudicaría directamente a terceiros, por canto será obxecto da pertinente publicidade e se reabrirá o prazo de presentación de proposicións e ofertas, unha vez adaptado o prego de bases á nova normativa vixente.

Por todo o exposto e visto o informe da Asesoría Xurídica do 29 de abril de 2002.

RESOLVO:

Deixar sen efecto a Resolución do 8 de abril de 2002 pola que se anuncia a convocatoria do concurso público de alleamento de parcelas propiedade do dito organismo no polígono de San Paio de Navia en Vigo, co obxecto de proceder á adaptación á nova normativa de actuacións protexidas do Plan de Vivenda 2002-2005, do prego de bases que rexerá na nova convocatoria do concurso.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2002.

José Antonio Redondo López

Director xeral do Instituto Galego

da Vivenda e Solo