Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Venres, 03 de maio de 2002 Páx. 6.332

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DA CORUÑA

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 2002 pola que se convocan probas selectivas para a provisión dunha praza de secretario técnico para o campus de Ferrol, vacante no cadro de persoal laboral desta universidade.

Sendo urxente a provisión do posto de secretario técnico (grupo I ), núm. 102 da vixente relación de postos de traballo do persoal laboral de administración e servicios, publicada por Resolución do 8 de agosto de 2000, e aprobado pola Xunta de Goberno o sistema de selección de concurso-oposición para a súa provisión, segundo establece o artigo 111.3º dos estatutos,

Este rectorado, no uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 20 da Lei orgánica de

universidades 6/2001, do 21 de decembro (BOE do 24 de decembro), así como nos estatutos desta universidade, aprobados por decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro) e modificados por decreto da Xunta de Galicia 245/1998, do 30 de xullo (DOG do 28 de agosto),

RESOLVE:

Primeiro.-Convocar probas selectivas para cubri-lo posto de secretario técnico, no Vicerrectorado do Campus de Ferrol.

As probas selectivas realizaranse con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria

1. Solicitudes.

1.1. Os que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitalo na instancia segundo modelo que figura como anexo IV. Á instancia xuntarase fotocopia do documento nacional de identidade, acreditándose ademais o pagamento dos dereitos de exame na forma prevista no punto 1.2.

Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar dúas fotocopias do documento que acredite a súa nacionalidade e, se é o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco, e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro Estado co que teñan o dito vínculo. Así mesmo, deberán presentar declaración ou promesa deste de que non está separado de dereito do seu cónxuxe e, se é o caso, do feito de que o aspirante vive ás súas expensas ou está ó seu cargo.

As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade da Coruña no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no BOE.

A presentación das solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade da Coruña (edificio do Rectorado, rúa da Maestranza, s/n, CP 15001) ou Ferrol (Vicerrectorado do Campus, Doutor Vázquez Cabrera, s/n, CP 15403), ou nas restantes formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

1.2. Os aspirantes deberán xustifica-lo aboamento na conta corrente 0049-5030-15-2516011262, concursos-oposicións, Banco Santander Central Hispano da Coruña, da cantidade de 46,61 euros por dereitos de inscrición. A solicitude deberá ir acompañada

do xustificante acreditativo do ingreso, a súa falta determinará a exclusión do aspirante. En ningún caso o pago suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude perante o órgano expresado no punto 1.1.

1.3. Os aspirantes que aleguen méritos na fase de concurso deberán acreditalos mediante a presentación dos documentos xustificativos orixinais ou copias compulsadas. Os servicios prestados na Universidade da Coruña acreditaranse mediante certificación expedida pola xerencia da universidade. A documentación acreditativa dos méritos estará referida á data de publicación no BOE da presente convocatoria, e deberá incorporarse á solicitude.

1.4. Os aspirantes que padezan algunha discapacidade poderán indicalo no recadro número 14 da solicitude e solicitar, se é o caso, as posibles adaptacións de tempos e medios para a realización dos exercicios nos que esta adaptación sexa necesaria, expresándoo no recadro número 15.

1.5. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fagan constar na súas solicitudes, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 1.1. para a presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para ser admitido á realización destas probas selectivas, os aspirantes deberán reunir e mante-los seguintes requisitos:

a) Ser español ou nacional dun Estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles estados, ós que, en virtude de tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores nos termos en que esta está definida no Tratado Constitutivo da Unión Europea. Tamén poderán participa-lo cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe, dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinteún anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas. Este último beneficio será igualmente de aplicación a familiares de nacionais doutros estados cando así se prevexa nos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade e non exceder dos sesenta e cinco.

c) Estar en posesión da titulación de licenciado, arquitecto ou enxeñeiro, ou en condicións de obtela na data que remate o prazo de presentación das solicitudes. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro

deberá estarse en posesión da credencial que acredite a súa homologación.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de calquera das administracións públicas nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas por sentencia firme. Os aspirantes de nacionalidade non española deberán acreditar non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

2.2. Tódolos requisitos deberán posuírse no momento de remata-lo prazo de presentación das solicitudes e gozar deles durante o proceso selectivo.

3. Discapacidades.

3.1. Para a realización das probas selectivas o tribunal cualificador delas establecerá, para as persoas con minusvalidez que o demandasen na solicitude de admisión, as adaptacións posibles de tempos e medios.

3.2. Se no desenvolvemento do proceso selectivo se suscitaran dúbidas ó tribunal respecto á capacidade dos aspirantes con algunha discapacidade para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos traballadores da categoría de secretario técnico, poderá solicita-lo correspondente dictame do órgano competente da Comunidade Autónoma.

4. Listas de admitidos e excluídos.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, no prazo máximo de vinte días naturais, o rector da universidade dictará resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, pola que se declare aprobada a lista de aspirantes admitidos e excluídos, que será feita pública no taboleiro de anuncios do Rectorado da Universidade e no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, con mención expresa do nome, apelidos e documento nacional de identidade e, se é o caso, as causas de exclusión.

Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir da publicación da referida resolución, para corrixi-lo defecto que motivase a exclusión. Transcorrido o devandito prazo o rector dictará resolución pola que se declare aprobada a lista definitiva de admitidos e excluídos, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, contra a que os interesados poderán interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da publicación da resolución.

4.2. O feito de figurar na lista de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 10.1 desta convocatoria.

5. Sistema selectivo.

5.1. O procedemento de selección dos aspirantes será o de concurso-oposición, coa valoración de méritos, exercicios e puntuacións que se especifican no anexo I

5.2. O programa das probas da fase de oposición é o que figura como anexo II.

6. Tribunal cualificador.

6.1. O tribunal cualificador é o que figura como anexo III da presente convocatoria.

6.2. O tribunal na súa constitución, composición e funcionamento aterase ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal de administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

6.3. O tribunal poderá dispo-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas no número que estime necesario.

6.4. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

7. Calendario das probas.

7.1. O lugar e data de comezo dos exercicios será feito público na resolución que aprobe as listas definitivas de aspirantes admitidos e excluídos.

7.2. A duración máxima das probas selectivas será dun ano desde a data de publicación da presente convocatoria.

7.3. A orde de actuación dos aspirantes será a que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Comunidade Autónoma para o ano en que se realicen as probas.

8. Aspirantes de nacionalidade estranxeira.

Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acredita-lo coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, na que se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

O contido desta proba axustarase ó disposto no Real decreto 826/1988, do 20 de xullo (BOE do 29 de xullo), polo que se establecen diplomas acreditativos do coñecemento do español como lingua estranxeira. A proba cualificarase de apto ou non apto, sendo necesario obte-la valoración de apto para pasar a realiza-los exercicios da fase de oposición. Quedan eximidos de realizar esta proba os aspirantes

que acrediten mediante fotocopia compulsada estar en posesión do diploma superior de español como língua estranxeira establecido polo Real decreto 826/1988, do 20 de xullo, modificado e completado polo Real decreto 1/1992, do 10 de xaneiro, ou do certificado de aptitude en español para estranxeiros expedido polas escolas oficiais de idiomas. De non achegar esta documentación non poderán ser declarados exentos, debendo, en consecuencia, realiza-la proba descrita no parágrafo anterior.

9. Lista de aprobados.

9.1. O tribunal fará pública a valoración dos méritos da fase de concurso unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición.

9.2. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública no Rectorado da Coruña, no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, e no lugar ou lugares de celebración do exercicio, así como naqueles outros que estime oportuno, a puntuación obtida polos aspirantes nel, así como, de se-lo caso, a de cada unha das probas que o compoñan.

Posteriormente, o tribunal fará público, neses mesmos lugares, a relación definitiva de aprobados na que constará o nome e a puntuación do aspirante que, tendo acadada a puntuación mínima esixida para supera-los exercicios da fase de oposición obtivera a maior puntuación final calculada de acordo co sistema previsto no anexo I, superou as probas selectivas. Os demais opositores terán a consideración de non ter aprobadas as probas selectivas, único extremo acerca do que o tribunal poderá certificar.

9.3. O tribunal remitirá ó rector a relación definitiva de aprobados, con proposta de que se formalice co aspirante aprobado o correspondente contrato de traballo.

10. Presentación de documentos e formalización do contrato.

10.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte a aquel en que se fixese pública a relación definitiva de aprobados nas probas selectiva, estes deberán presentar no Servicio de Persoal da Universidade da Coruña (rúa da Maestranza, s/n) os seguintes documentos:

a) Fotocopia do DNI ou documento acreditativo equivalente de ser nacional dun estado membro da Unión Europea.

b) Fotocopia compulsada do título esixido para acceder ás probas.

c) Declaración xurada ou promesa de que non foi separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de ningunha Administración pública nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas. Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán presentar declaración ou promesa de

non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública.

d) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que o imposibiliten para o servicio.

10.2. Cubertos debidamente polo aspirante que superou as probas selectivas os trámites de presentación de documentos, será contratado como secretario técnico.

10.3. O período de proba será de tres meses, durante os que o traballador terá os dereitos e obrigas correspondentes ó posto de traballo que desempeñe, agás os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso. Este período de proba non será aplicable ós aspirantes que con anterioridade desempeñasen funcións de secretario técnico na Universidade da Coruña.

Segundo.-As presentes probas selectivas axustaranse ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal de Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada po pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro), e os estatutos desta universidade, aprobados por decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro), modificados polo Decreto 245/1998, do 30 de xullo (DOG do 28 de agosto), o convenio colectivo aplicable ó persoal laboral da Universidade da Coruña, a Lei 17/1993, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro), sobre acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais estados membros da Unión Europea, e as bases desta convocatoria.

Terceiro.-A presente convocatoria, as súas bases, e cantos actos administrativos se deriven delas poderán ser impugnados ante a xurisdicción do contencioso-administrativo nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada po pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

Así mesmo, os interesados poderán interpor recurso de alzada contra os actos do tribunal cualificador das probas ante o rector da Universidade da Coruña, nos termos previstos no artigo 114 e concordantes da mencionada lei.

A Coruña, 1 de abril de 2002.

José Luis Meilán Gil

Rector da Universidade da Coruña

ANEXO I

Procedemento de selección

* Fase de oposición.

A) Exercicios:

A fase de oposición consistirá na realización de tres exercicios, todos eles obrigatorios.

Primeiro exercicio: consistirá en contestar un cuestionario de, alomenos, 60 preguntas con respostas múltiples, entre as que só unha será correcta, baseado no contido do programa (módulo I e II).

Os aspirantes terán un prazo de alomenos setenta e cinco minutos para a realización do exercicio e a súa valoración será de 0 a 10 puntos, sendo necesario obter 5 puntos para ter acceso ó exercicio seguinte.

Segundo exercicio: consistirá no desenvolvemento por escrito de dous temas de entre catro propostos polo tribunal sobre a parte específica do programa (módulo II). O tempo máximo para a realización deste exercicio será de 4 horas. Valorarase a formación xeral, a claridade e orde de ideas, a contribución persoal do aspirante e a facilidade da expresión escrita.

A cualificación do exercicio será de 0 a 10 puntos, sendo necesario obter 5 puntos para ter acceso ó seguinte exercicio.

Terceiro exercicio: consistirá na traducción, sen diccionario, de dous textos propostos polo tribunal, un do galego ó español e outro do español ó galego e a súa valoración será de 0 a 10 puntos. Este exercicio non ten carácter eliminatorio.

B) Valoración da fase de oposición.

A cualificación final da fase de oposición obterase da seguinte forma:

(0,45 x nota 1º exercicio + 0,45 x nota 2º exercicio + 0,1 x nota 3º exercicio) x 6, polo que terá un valor máximo de 60 puntos.

* Fase de concurso.

Nesta fase valóranse, ata un máximo de 40 puntos, os seguintes méritos:

a) Os servicios prestados na Universidade da Coruña en postos de traballo con funcións similares ás de secretario técnico, a razón de 1,50 puntos por cada mes completo ou fracción, ata un máximo de 30 puntos.

b) Cursos impartidos por organismos públicos ou empresas de prestixio recoñecido relacionados con temas do programa específico e as funcións para desenvolver, ata un máximo de 10 puntos.

-Cursos de máis de vinte horas: 2 puntos.

-Cursos entre dez e vinte horas: 1 punto.

* Sistema de puntuación.

A cualificación final das probas, que como máximo será de 100 puntos, virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nas fases de oposición e concurso. En caso de empate dentro de cada epígrafe, a orde establecerase atendendo á maior puntuación obtida na fase de oposición, se isto non fora suficiente á maior puntuación obtida no segundo exercicio, de persisti-lo empate á maior puntuación no primeiro exercicio.

ANEXO II

Programa das probas de secretario técnico para o campus de Ferrol

* Módulo I.-Parte xeral.

1. A organización da Unión Europea. Institucións. O Consello e a Comisión. O Parlamento europeo. O Tribunal de Xustiza das comunidades.

2. A Constitución española de 1978. Características, estructura e contido.

3. O Estatuto de autonomía de Galicia. Contido.

4. Creación e réxime xurídico das universidades públicas.

5. Ley orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

6. A Universidade da Coruña. Estructura. Órganos de goberno. Centros, departamentos, institutos, servicios. Rector, vicerrectores, secretario xeral, xerente, decanos, directores, outros órganos unipersoais. Órganos colexiados: consello social, claustro, xunta de goberno, xuntas de centro, consellos de departamento e institutos.

7. O persoal de administración e servicios. Clases e réxime xurídico do persoal de administración e servicios.

8. O persoal laboral.- Réxime xurídico. O convenio colectivo.

9. O estudio e a investigación na Universidade da Coruña. Estudios de 1º e 2º ciclo. Estudios de doutoramento e posgrao. A organización da investigación. Contratos, convenios e cursos de especialización.

10. O procedemento administrativo: a Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Contido e ámbito de aplicación. Idea xeral da iniciación, ordenación, instrucción e terminación do procedemento administrativo.

* Módulo II.-Parte específica.

1. O réxime económico e financieiro das universidades.

2. Réxime económico e financeiro da Universidade da Coruña: o patrimonio e a programación plurianual.

3. A planificación orzamentaria da Universidade da Coruña: o orzamento. A xestión económica e financeira.

4. O control interno na Universidade da Coruña. A contratación na Universidade da Coruña.

5. Principios contables públicos e requisitos da infomación contable. Principios de contabilidade do Plan xeral de contabilidade pública.

6. Auditoría e control no sector público: o control, a auditoría, clases de auditorías e ramas de auditorias. Principios de auditoría.

7. O orzamento: concepto. Os principios orzamentarios. O ciclo orzamentario.

8. O orzamento por programas: concepto e fases. O orzamento en base cero: terminoloxía e desenvolvemento do proceso.

9. O orzamento do Estado en España: concepto e estructura.

10. Os créditos orzamentarios: características. As modificacións orzamentarias: créditos extraordinarios e suplementos de crédito. Ampliación de crédito. Xeración do crédito. Transferencias de créditos. Incorporación de créditos.

11. Ordenación do gasto e ordenación do pago. Órganos competentes. Fases do procedemento e documentos contables. Compromisos do gasto para exercicios posteriores.

12. Procedemento de execución dos gastos. Pagamentos: concepto e clasificación. Pagamentos por obrigación orzamentarias. Pagamentos en firme e por xustificar.

13. O estado de ingresos do orzamento da Universidade da Coruña: txsas, prezos públicos e outros ingresos, transferencias correntes, ingresos patrimoniais, transferencias de capital. Lei 13/1991, do 9 de decembro de taxas, prezos e exaccións reguladoras da C.A. de Galicia: os prezos públicos, normas xerais das taxas e as taxas por servicios administrativos.

14. O estados dos gastos do orzamento da Universidade da Coruña: autorización de crédito, nulidade de obrigacións, gastos plurianuais, anulación de crédito, regulación de obrigacións, modificacións orzamentarias, créditos extraordinarios e suplementos, créditos ampliables, competencias, limitacións, xeración de crédito, incorporacións.

15. Axudas e subvención no orzamento da Universidade da Coruña. Real decreto 2225/1993, do 17 de decembro, sobre o Regulamento do procedimento para a concesión de axudas e subvencións públicas: obxecto, requisitos e ámbito de aplicación,

idea xeral do procedemento e control de subvencións.

16. Os créditos centralizados e os dos centros. Dos centros de gasto, dos directores dos centros de gasto e das funcións dos responsables de asuntos económicos. Das follas de pedimento. Instrucción sobre a consignación de datos da actividade económica financeira da Universidade da Coruña.

17. Código de clasificación económica da Universidade da Coruña con base nos gastos públicos comprendidos no orzamento do Estado e dos seus órganos autónomos: gastos correntes de bens e servicios, investimentos reais.

18. Instrucións dos anticipos para xustificar da Universidade da Coruña.

19. Regulamento para a contratación de traballos de carácter científico, técnico ou artístico, ou para o desenvolvemento de cursos de especialización da Universidade da Coruña.

20. Normas de uso de bens de dominio público da Universidade da Coruña.

21. Normas de réxime económico de cursos non regulados da Universidade da Coruña. O réxime económico e a matrícula dos cursos de posgrao da Universidade da Coruña.

22. Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razóns do servicio ó persoal con destino na Administración autonómica de Galicia: principios xerais e ámbitos de aplicación, comisións de servicio con dereito a indemnización, desprazamentos dentro do termo municipal por razóns do servicio.

23. Disposicións comuns ós contratos das Administracións públicas: requisitos, órganos, obxecto e prezos dos contratos.

24. Procedementos de adxudicación.

25. Formas de adxudicación.

26. Perfeccionamento e formalización do contrato. Prerrogativas da Administración. A invalidez dos contratos.

27. As actuacións administrativas prepatatorias dos contratos. A tramitación dos expedientes de contratación. Os pregos de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas.

28. Execución dos contratos: efectos, demora, indemnizacións, principios de risco e ventura, pagamento do prezo, transmisión dos dereitos de cobro. Modificación e suspensión dos contratos administrativos.

29. A revisión de prezos nos contratos. A cesión dos contratos e da subcontratación.

30. A extinción dos contratos administrativos: cumprimento e resolución.

31. Os actos académicos, premios, honores e distincións da Universidade da Coruña. Regulamento de premios extraordinarios. Regulamento da Medalla da Universidade da Coruña.

32. Garantías xurídicas da Universidade da Coruña. A reforma dos estatutos.

33. Avaliación da calidade da Universidade da Coruña, proxecto temático: obxectivos, metodoloxía, funcionamento, fases de avaliación, recursos necesarios.

34. Regulamento da Lei de contratos. Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro (BOE do 26 de outubro).

35. Os servicios de prevención de riscos segundo a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais: protección e prevención de riscos profesionais, servicios de prevención, actuación preventiva das mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais.

ANEXO III

Tribunal cualificador

* Titulares.

Presidente: José Luis Meilán Gil, rector da Universidade da Coruña.

Vocais:

-José Vicente Echevarría González, vicexerente de Recursos Humanos.

-Juan R. Rego Álvarez de Mon, vicexerente de Asuntos Económicos.

-Salvador Peña Díaz, representante dos traballadores.

-Manuel Romero Beade, representante dos traballadores.

Secretario: José Luis Minguez Goyanes, vicesecretario xeral.

* Suplentes.

Presidente: Manuel González Sarceda, vicerrector de Estudiantes.

Vocais:

-Jesús Fernández Jiménez, vicexerente de Control Interno.

-Gonzalo Barrio García, letrado-asesor da Universidade da Coruña.

-María Josefa Padín García, representante dos traballadores.

-María José Grueiro Maroño, representante dos traballadores.

Secretario: Daniel Miguélez Costa, xefe da Sección de Selección e Formación do Persoal.

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN NÚMERO UN DE

BETANZOS