Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 30 de abril de 2002 Páx. 6.064

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 4 de abril de 2002 pola que se autoriza a modificación das tarifas de servicios públicos regulares permanentes de transporte de viaxeiros de uso xeral por estrada, de competencia da Xunta de Galicia.

A evolución do prezo dos elementos que integran a estructura de custos da explotación de servicios regulares de transporte de viaxeiros de uso xeral fai necesaria a actualización das tarifas aplicables a estes servicios, de acordo co establecido a este respecto nos artigos 18 e 19 da Lei de ordenación dos transportes terrestres, e 29 do regulamento que a desenvolve.

Na referida actualización introdúcese unha variación trascendental por mor da modificación do artigo 19 da Lei de ordenación dos transportes terrestres operada pola Lei 24/2001, do 27 de decembro, que establece unha nova fórmula para o cálculo dos incrementos tarifarios que quedan máis vinculados á explotación concesional.

Mantense o sistema de percepción do suplemento tarifario por aire acondicionado, que lles permite ás empresas distribuir ó longo do ano o custo adicional que supón este servicio, e establécese a posibilidade de rendondea-lo prezo dos billetes para axiliza-la súa expedición.

Considéranse tamén, na regulación tarifaria, os supostos das reduccións de tarifas, así como os de suplementos por servicios de calidade.

Así mesmo, impúlsase a aplicación de rebaixas nos billetes de percepción mínima que son aqueles que, por unha banda, poden afectar potencialmente máis ás unidades familiares xa que corresponden a desprazamentos de alta frecuencia e, por outra, establece un mecanismo de discriminación positiva para viaxeiros habituais e de fidelización dos usuarios de transportes públicos que debe incidir no incremento do uso do transporte público e a correlativa reducción do transporte en vehículos privados, o que terá unha positiva repercusión na conxestión arredor das áreas urbanas.

Así, o artigo 3 establece diversas porcentaxes de reduccións obrigatorias que poden chegar ata o 40% coa particularidade de que o abono para 50 viaxes mensuais, suporía un prezo unitario de 0,60 euros (100 pesetas) fronte ó actual de 0,84 euros (140 pesetas).

Na súa virtude, oído o Consello Galego de Transportes, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Da solicitude de incremento tarifario.

1. A modificación das tarifas das concesións de servicios regulares permanentes de uso xeral de com

petencia exclusiva da Xunta de Galicia deberá solicitarse ante a Dirección Xeral de Transportes.

2. A non solicitude de modificación de tarifas dentro do ano natural presupón a renuncia ó incremento correspondente ó referido exercicio.

Esta renuncia quedará consolidada nos sucesivos exercicios, de xeito que ese incremento non poderá ser recuperado ulteriormente.

En todo caso, para autorizar unha modificación tarifaria, a comparación de cifras de viaxeiros-quilómetro estará referida ós dous anos naturais precedentes ó da revisión, en tanto que o incremento do IPC que hai que considerar será exclusivamente o do ano natural inmediatamente anterior. Excepcionalmente, a revisión de tarifas que se autorice a partir do segundo trimestre do ano 2002, terá como fundamento a modificación dos prezos experimentada desde outubro do ano 2000 ata decembro do ano 2001.

Artigo 2º.-Da autorización de incremento.

1. A modificación de tarifas será aprobada pola Dirección Xeral de Transportes, a partir do segundo trimestre de cada ano.

2. A revisión basearase na variación anual media do índice de prezos ó consumo (grupo xeral para conxunto nacional) do ano natural inmediatamente anterior e a modificación experimentada nos viaxeiros-quilómetro transportados pola concesión no ano natural inmediatamente anterior (VKm) en relación coa mesma magnitude correspondente ó ano precedente a aquel (VKm).

3. A revisión realizarase aplicando á tarifa partícipe-empresa vixente un coeficiente C que se determinará mediante a seguinte expresión:

C = 1 + Incremento do IPC medio - X

Na que o incremento do IPC figurá expresado en tanto por un co signo que corresponda e o valor X virá dado por:

X = 1/100 [(VKm - VKm) / VKm]

O factor VKm referirase ó ano natural anterior á revisión e VKm ó ano inmediatamente anterior a aquel. En todo caso o valor de X estará limitado pola fórmula:

0 n X n 1

Artigo 3º.-Mínimo de percepción.

1. Establécense mínimos de percepción diferenciados para as empresas que ofrezan abonos multiviaxes con descontos e as que non faciliten esta posibilidade ós usuarios.

2. Neste segundo suposto os concesionarios poderán aplicar un mínimo de percepción de 0,90 euros, IVE incluído.

Esta contía será incrementada, se é o caso, co canon de viaxeiros correspondente ás estacións de autobuses.

3. Autorízase un mínimo de percepción de 1 euro, IVE incluído, naqueles servicios concesionais que poñan á disposición dos usuarios abonos multiviaxes, cunha duración dun mes e un número de viaxes mínimo de 15, sempre que se establezan os seguintes descontos mínimos:

3.1. 20% para os abonos de 30 viaxes simples por mes.

3.2. 30% para os abonos de 40 viaxes simples por mes.

3.3. 40% para os abonos de 50 viaxes simples por mes.

As tarifas resultantes da aplicación do desconto veranse incrementadas, cando correspondan, polo canon de viaxeiros correspondente ás estacións de autobuses.

4. O prezo unitario resultante, redondeado a múltiplos de 5 céntimos de euro deberá, como mínimo, supoñer unha reducción, respecto ó prezo dun euro das porcentaxes sinaladas no punto 3 para os distintos tipos de aboamento.

5. Malia o que dispoñen os puntos anteriores, de conformidade co establecido no artigo 157.5º do Decreto 319/1990, do 21 de decembro, cando no mesmo itinerario concorran servicios urbanos e interurbanos de viaxeiros con posibilidade de face-lo transporte, atendendo á coordinación necesaria de tódolos servicios, o mínimo de percepción do servicio interurbano non poderá resultar inferior á tarifa ordinaria do servicio urbano.

Artigo 4º.-Redondeos.

A determinación do prezo dos servicios realizarase multiplicando a tarifa usuario (tarifa participe-empresa + IVE) polos quilómetros existentes entre a orixe e o destino. A cifra resultante, redondearase por exceso ou defecto ó céntimo de euro múltiplo de cinco máis próximo.

Artigo 5º.-Tarifas especiais.

1. Excepcionalmente, a Dirección Xeral de Transportes poderá autorizar, tarifas específicas para expedicións singulares pola súa calidade ou nas que concorran circunstancias que así o xustifiquen.

2. Os servicios provinciais de transportes poderán autorizar tarifas reducidas para billetes de ida e volta ou para tarxetas de aboamento.

3. Para as reduccións xeneralizadas de tarifas deberá presentarse o correspondente estudio económico que fundamente a solicitude. A modificación da tarifa resultante destas reduccións deberá ser autorizada pola Dirección Xeral de Transportes, establecendo, se é o caso, as limitacións que aconsellen a harmónica regulación do sector e o respecto ás normas de competencia. Nas concesións con tráficos comúns, aínda cando os servicios se presten

por distinto itinerario, non poderán autorizarse reduccións xeneralizadas superiores ó 20 por cento, salvo supostos excepcionais e sempre que queden salvagardados os dereitos e intereses lexítimos dos concesionarios afectados.

En todo caso as reduccións deberanse aplicar ó conxunto da explotación concesional.

4. A reducción de tarifa ós membros das familias numerosas aplicarase sobre a tarifa ordinaria, quedando á vontade do concesionario acumulala a outros tipos de descontos que, voluntariamente, se teñan establecidos por parte do concesionario.

Sobre o mínimo de percepción non lle será de aplicación a reducción tarifaria a membros de familias numerosas.

Artigo 6º.-Aire acondicionado.

1. Poderán solicitar, ante o Servicio Provincial de Transportes, autorización para o cobramento do suplemento tarifario por aire acondicionado aquelas empresas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter dotados de equipo de aire acondicionado tódolos vehículos adscritos á concesión no momento da solicitude, así como calquera outro vehículo que, de conformidade co disposto na lexislación aplicable, se empregue para realizar substitucións, para lles facer fronte ás eventuais intensificacións de tráfico ou en concepto de utilización indistinta de material, tanto se se tratase de vehículos de titularidade da empresa concesionaria como se son vehículos contratados para o efecto a outras empresas.

b) Que fagan constar nos cadros de tarifas expostos ó público que a empresa presta tódolos seus servicios con vehículos dotados de equipo de aire acondicionado, polo que queda autorizada a cobrar un suplemento tarifario por este concepto.

2. Para o cálculo da contía do dito suplemento aplicarase a seguinte fórmula:

SAI: 0,1315 + 0,1683 T/365

SAI = suplemento por aire acondicionado por viaxeiro/km.

T = número medio de días ó ano nos que a temperatura máxima supera os 20 graos centígrados no traxecto da concesión, de acordo cos datos do Instituto Nacional de Metereoloxía.

Artigo 7º.-Aire acondicionado.

Aquelas empresas que non opten polo sistema previsto no artigo anterior poderán elevar ata 0,0032 euros/viaxeiro/quilómetro a cantidade que vaian percibir en concepto de suplemento por aire acondicionado, nas expedicións realizadas co equipo en funcionamento, manténdose sen ningún aumento as que viran aplicando, se fose superior a aquela. Os billetes que se expidan con suplemento de aire acondicionado deberán reflectir tal circunstancia.

Artigo 8º.-Cadros de tarifas.

As empresas concesionarias deberán someter á aprobación do Servicio Provincial de Transportes competente os cadros de tarifas de aplicación, que recollerán as modificacións autorizadas, incluídos, se é o caso, os suplementos por aire acondicionado e os impostos correspondentes.

Artigo 9º.-Datos explotación.

1. Os concesionarios de servicios regulares de transporte de viaxeiros deberanlle facilitar, antes de que transcorran os primeiros 15 días de cada trimestre, ó servicio provincial que teña encargada a inspección do servicio, os datos da explotación correspondentes ó trimestre anterior.

2. Os datos de explotación agruparanse por meses e referiranse, desagregadamente, a tódalas liñas de expedición diferenciadas que teña a concesión autorizada.

Respecto a cada unha destas liñas englobaranse os datos de resultados de explotación correspondentes á totalidade das expedicións e calendario mensual.

Os órganos da Administración de transportes poderán, sen embargo, solicitar datos desagregados referidos a expedicións concretas individualizadas.

3. Será obrigatoria a comunicación de datos estatísticos mediante soporte informático, para todas aquelas empresas ou grupos de empresas que superen a dimensión mínima empresarial que mediante resolución da Dirección Xeral de Transportes se determine.

Artigo 10º.-Réxime sancionador.

A non comunicación de datos na primeira quincena será constitutiva dunha infracción leve tipificada no artigo 142.j da Lei de ordenación do transporte terrestre. Con independencia das sancións que, conforme a normativa en vigor, proceda aplicar, non se autorizará ningunha solicitude de modificación de explotación concesional, incluíndo as actualizacións tarifarias os concesionarios que non cumpriran coa súa obriga de notificar correctamente os datos ós que se refire a presente disposición.

Para os efectos previstos no parágrafo anterior asimilarase a comunicación de datos inexactos ou falseados á non notificación dos datos de explotación.

Artigo 11º.-Comprobación de datos.

Cando o titular do servicio non poida xustificalas incoherencias dos datos facilitados se revelen incorreccións nas estadísticas da empresa que incidan na determinación da tarifa de equilibrio, a Dirección Xeral de Transportes ordenará de oficio a apertura dun expediente para a determinación da tarifa do servicio.

Disposición adicional

As solicitudes de modificación de tarifas, tanto na modalidade prevista no artigo 1, como as baseadas en estudios individualizados, presentaranse xunto

co impreso que xustifique o aboamento da taxa correspondente.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda do 29 de decembro de 2000, reguladora das tarifas de servicios públicos regulares permanentes de uso xeral de transportes de viaxeiros por estrada, de competencia da Xunta de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Transportes para dictar cantas instruccións sexan precisas para a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2002.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda