Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 30 de abril de 2002 Páx. 6.035

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 148/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o Programa Labora: Xuventude con Experiencia.

Ó abeiro do disposto no artigo 29.1º do Estatuto de autonomía para Galicia, de conformidade co previsto no artigo 149.1º.7 da Constitución española, correspóndelle á Comunidade Autónoma a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servicios que neste ámbito e a nivel de execución posúe actualmente o Estado. Por outra banda debe terse en conta o traspaso de funcións e servicios no ámbito do traballo, o emprego e a formación, asumidos por esta Comunidade Autónoma mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, dispón que esta é o órgano da Administración autonómica ó que lle corresponde o exercicio, entre outras, das competencias e funcións en materia de políticas activas de emprego.

En exercicio desas competencias e funcións correspóndelle agora á Xunta de Galicia a articulación e á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a execución de medidas activas que posibiliten a creación de emprego. Así, as actuacións que a Administración autonómica puxo en marcha nos últimos catro anos a través das políticas activas de emprego deron un impulso á mellora das condicións do noso mercado de traballo, o que contribuíu de forma importante á reducción dos niveis de desemprego en Galicia. Sen dúbida, o feito de que o deseño e estructuración destas intervencións se fixera atendendo ás peculiaridades dos distintos colectivos de parados foi un dos factores que permitiu unha maior eficacia destas.

Pero a pesar dos avances acadados tanto en termos globais como específicos por colectivos, os mozos e mozas menores de 30 anos seguen a constituír un dos grupos sociais con máis dificultades para acceder a un posto de traballo, o que representa un grave problema, non só desde o punto de vista cuantitativo senón tamén porque o fenómeno do desemprego xuvenil leva implícita unha infrautilización de recursos humanos no momento da súa maior potencialidade productiva, e mesmo, no caso dos titulados sen traballo, un desaproveitamento do investimento público realizado na súa formación.

Por esta razón, a Xunta de Galicia, no ámbito de actuación das políticas activas de emprego, pon agora en marcha o Programa Labora: Xuventude con Experiencia, iniciativa innovadora e ambiciosa coa que se persegue garantir un contrato de traballo de 12 meses de duración mínima a tódolos nosos mozos e mozas desempregados que carezan de experiencia laboral, de xeito que estes poidan adquiri-la práctica

que lles falta, mediante unha prestación laboral efectiva, e poidan posteriormente integrarse de forma definitiva ó mercado laboral.

A articulación do Programa Labora: Xuventude con Experiencia na estratexia das políticas activas de emprego da Xunta de Galicia ten lugar a través dunha adecuación e utilización conxunta dos instrumentos e mecanismos que tradicionalmente veñen formando parte daquelas, para a súa implementación integral a favor dun colectivo concreto, o dos desempregados menores de 30 anos, articulándose os mecanismos máis axeitados para a súa posta en marcha, incluíndo incentivos á contratación indefinida, instrumentos de apoio ós contratos en prácticas, programas experienciais e programas mixtos de formación e emprego, abrindo o seu desenvolvemento á participación, como contratantes, de tódolos actores sociais que poden contribuír á finalidade de mellora-la ocupabilidade da xuventude galega: empresas, centros de investigación, universidades, concellos, outras administracións públicas, entidades non lucrativas, etc.

Con base no anterior é polo que, por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica e da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de abril de dous mil dous,

DISPOÑO:

Capítulo I

Obxecto e contido do programa

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto establece-lo Programa Labora: Xuventude con Experiencia, que ten por finalidade facilita-la adquisición de experiencia profesional, a través dun contrato de traballo de 12 meses de duración mínima, ós mozos e mozas desempregados que carezan de experiencia laboral, nos termos e nas condicións previstas no seu articulado e na normativa que o desenvolva.

Artigo 2º.-Beneficiarios: requisitos.

Poderán ser beneficiarios do Programa Labora: Xuventude con Experiencia os galegos e galegas demandantes de emprego non ocupados que cumpran os seguintes requisitos e acepten as condicións establecidas no capítulo III:

1. Ser menor de 30 anos no momento en que se cumpra o sexto mes de antigüidade no desemprego.

Os mozos e mozas que xa cumpriran o sexto mes de antigüidade como desempregados poderán ser beneficiarios sempre que no momento da entrada en vigor deste decreto fosen menores de 30 anos.

2. Carecer de experiencia laboral, entendéndose para os efectos deste decreto que cumpre este requisito quen non traballase nin por conta propia nin por conta allea durante máis de 180 días nos últimos 5 anos.

Capítulo II

Procedemento de incorporación ó programa

Artigo 3º.-Determinación de potenciais beneficiarios.

1. O Servicio Público de Emprego de Galicia, a través das bases de datos de demandantes de emprego non ocupados, determinará os potenciais beneficiarios do programa que cumpran os requisitos establecidos no parágrafo primeiro do artigo 2º.

2. As oficinas de emprego comprobarán o cumprimento do requisito de carecer de experiencia laboral de tódolos potenciais beneficiarios sinalados no parágrafo anterior, a través da consulta da súa vida laboral, tomando como referencia para computa-lo prazo de 5 anos, a data de realización da consulta.

3. A todos aqueles que cumpran os requisitos comunicaráselle-la súa condición de potenciais beneficiarios, informándoos do contido e das condicións e consecuencias do programa e ofertándolle-la posibilidade de incorporarse a el a través da subscrición dun documento de adhesión.

Artigo 4º.-Incorporación dos beneficiarios.

1. Os potenciais beneficiarios que acepten as condicións, subscriban o documento de adhesión e llo remitan á correspondente oficina de emprego, quedarán formalmente incorporados ó programa e adquirirán a condición de beneficiarios del, que conservarán mentras manteñan actualizada a súa inscrición como desempregados demandantes de emprego.

2. A incorporación dos beneficiarios ó programa deberá serlle notificada expresamente polo Servicio Público de Emprego.

3. Unha vez incorporados e de conformidade co calendario plurianual que estableza a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en función do número de beneficiarios, ofertaráselle-lo acceso a un contrato de traballo por un período mínimo de 12 meses, a través das diferentes medidas de políticas activas de emprego previstas no capítulo III.

4. A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a través dos órganos competentes do Servicio Público de Emprego, articulará os mecanismos e procedementos precisos para lles ofertar ós potenciais beneficiarios a incorporación ó programa a medida que vaian cumprindo os requisitos de acceso a el.

Capítulo III

Ofertas de traballo ós beneficiarios do programa

Artigo 5º.-Articulación.

A experiencia laboral que se facilitará ós beneficiarios incorporados ó programa, articularase a través das diferentes medidas de políticas activas de emprego implementadas ou que se poidan implementar pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e, sinaladamente, a

través de incentivos á contratación indefinida, do apoio á contratación en prácticas de duración mínima de 12 meses, dos programas de escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego e dos programas de cooperación respectando, en todo caso, a súa normativa específica e as modalidades contractuais e retributivas establecidas nelas.

Artigo 6º.-Selección dos beneficiarios.

A selección dos beneficiarios que participarán nas diferentes medidas de políticas activas de emprego realizarase de conformidade coa súa normativa específica e cos seguintes criterios:

a) Nos programas de incentivos á contratación indefinida e ó apoio á contratación en prácticas, serán as empresas ou as entidades contratantes as que realicen a selección de acordo ós seus propios procedementos de selección de recursos humanos.

b) Nos programas de escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego seguiranse os procedementos de selección establecidos nas correspondentes ordes anuais de convocatoria.

c) Nos programas de cooperación, cando a concesión da subvención estea vinculada ó Programa Labora: Xuventude con Experiencia, a selección dos traballadores e traballadoras desempregados realizarano, na forma e co procedemento que se estableza na correspondente orde de convocatoria, as entidades subvencionadas de entre a relación de beneficiarios incorporados ó programa que lle sexa facilitada polo Servicio Público de Emprego.

Artigo 7º.-Programas de cooperación.

1. Ós beneficiarios que se incorporen a través dos programas de cooperación ofertaráselles un contrato de traballo nunha categoría profesional adecuada á súa titulación académica por un período mínimo de 12 meses que se desenvolverá en calquera concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A contratación realizarase utilizando a modalidade de contrato temporal de inserción, establecido no artigo 15.1º.d) do Estatuto dos traballadores, na súa redacción dada pola Lei 12/2001, do 9 de xullo, no que se prevé unha subvención para ós custos salariais e de seguridade social equivalente á base mínima do grupo de cotización ó que corresponda a categoría profesional desempeñada.

3. Os beneficiarios percibirán un incentivo á mobilidade xeográfica se o centro de traballo estivese nun concello distinto ó do seu domicilio, agás que estes foran limítrofes ou disten menos de 50 quilómetros entre as súas cabeceiras.

4. Ós beneficiarios que teñan fillos ofertaráselles un contrato de traballo no seu concello de residencia ou limítrofes e naqueles que disten menos de 50 quilómetros entre as súas cabeceiras, agás que acepten expresamente desprazarse a outros máis distantes.

5. Os beneficiarios incorporados ó programa estarán obrigados a acepta-lo contrato de traballo que se lles oferte. O incumprimento desta obriga sen causa xustificada dará lugar á súa baixa como beneficiario do programa e á perda dos seus dereitos

como demandante de emprego, debendo ser notificados expresamente.

6. Para estes efectos, entenderase por causas xustificadas unicamente as establecidas como causas de suspensión do contrato de traballo no artigo 45º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido do Estatuto dos traballadores.

Disposicións adicionais

Primeira.-O período de 6 meses de antigüidade no desemprego esixido no artigo 2.1º deste decreto, será progresivamente rebaixado a medida que non existan demandantes cunha antigüidade superior nos respectivos ámbitos territoriais que reúnan os demais requisitos.

Segunda.-Para facilita-lo desenvolvemento do programa no que se refire ós colectivos de moi difícil inserción laboral, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá asinar convenios ou protocolos de colaboración con entidades sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a inserción laboral destes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día un de maio de dous mil dous.

Santiago de Compostela, dezaoito de abril de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA