Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Luns, 29 de abril de 2002 Páx. 5.981

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2002 pola que se convocan axudas a organizacións de consumidores e usuarios para proxectos de mellora do mercado en relación cos intereses dos consumidores.

A convocatoria destas axudas axústase ó establecido na Orde do 11 de marzo de 2002 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo, anexo XV (DOG nº 55, do 18 de marzo de 2002).

En virtude disto, e de conformidade co Decreto 95/1984, do 24 de maio, sobre rexistro de organizacións de consumidores e usuarios de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Financiamento.

O Instituto Galego de Consumo, concederá axudas ás organizacións de consumo por un importe de cento cincuenta mil douscentos cincuenta e tres euros

(150.253 euros) con cargo á aplicación orzamentaria 08.50.343A.780.0 na que existe crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamentos do Instituto Galego de Consumo do ano 2002 quedando sometida a presente resolución á condición suspensiva de existencia de crédito para financia-las obrigas derivadas dela, unha vez aprobado polo Parlamento de Galicia o citado proxecto de orzamentos, de conformidade co artigo 11.3º en relación co 1.1º da Orde do 11 de febreiro de 1998 da Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 2º.-Contía.

A contía da axuda non poderá supera-lo 70% do custo do proxecto obxecto da subvención.

Artigo 3º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes para as axudas económicas previstas na presente resolución, segundo modelo anexo I, dirixiranse ós servicios provinciais ou centrais do Instituto Galego de Consumo, sendo en todo caso aplicable o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa actual redacción; inclúense os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Denominación de cada un dos proxectos que se pretenden realizar, segúndo modelo anexo II.

b) Por cada un dos proxectos presentarase unha memoria descritiva na que como mínimo se relatará o obxecto e necesidade do proxecto, deseño, ambito demográfico e territorial, destinatarios, custo medio por beneficiario do proxecto e ademais incluirase o sistema de indicadores que permita valora-lo grao de cumprimento do obxectivo ou obxectivos previstos.

c) Certificado do número de socios da organización. Esta documentación non será necesario presentala se xa consta en poder da Administración sempre e cando no se producisen alteracións desde a última data no que foi remitido á Administración.

d) Declaración das axudas obtidas ou solicitadas, segundo modelo anexo III.

e) Xustificante de ingreso de cotas dos socios da organización durante o ano 2001.

Artigo 4º.-Prazo.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ó da súa publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Emenda de defectos.

Os servicios centrais e provinciais do Instituto Galego de Consumo comprobarán se a solicitude e documentación presentada reúne os requisitos esixidos, e no suposto de observación dalgún defecto ou de que sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, requirirase o interesado para que no prazo de 10 días a partir do día seguinte ó da recepción do dito requirimento emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se non o fixese, considerarase desistido da súa petición, e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da dita lei.

Artigo 6º.-Avaliación das solicitudes.

O Servicio de Información e Educación será o encargado da realización dos correspondentes informes de avaliación das solicitudes de axudas.

Este servicio, motivadamente, poderá requirir dos solicitantes a información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamentalmente relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 7º.-Cálculo da determinación da contía da axuda.

O crédito total establecido no artígo 1º desta resolución, unha vez tidos en conta os criterios de adxudicación establecidos na Orde do 11 de marzo de 2002 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo repartiranse como segue:

a) 25% en función da calidade do proxecto.

b) 25% en función do nº de socios da organización.

c) 25% en función da cota media aboada por socio.

d) 15% en función do custo medio por beneficiario das accións para desenvolver no proxecto.

e) 10% en función da traxectoria da organización.

Artigo 8º.-Pagamento.

De acordo co artigo 16 do Real decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, poderán realizar anticipos de pagamentos das axudas, nos casos e coas condicións seguintes:

Con carácter excepcional e por resolución motivada da consellería correspondente ou do órgano superior da entidade concedente, poderá autorizarse un anticipo de ata o 50% da anualidade naqueles casos en que o investimento esixa pagamentos inmediatos.

Artigo 9º.-Xustificación.

Para a xustificación da subvención, a organización beneficiaria deberá presentar antes do 30 de novembro de 2002:

a) Relación numerada e circustanciada das facturas ou xustificantes dos gastos realizados por proxecto, obxecto da subvención, segundo modelo anexo IV.

b) Declaración de axudas concedidas e/ou solicitadas a outros organismos desde a data da solicitude de axudas, obxecto da subvención, segundo modelo anexo III.

c) Certificación do secretario/a da organización co visto e prace do presidente/a, sobre o total do gasto realizado e desagregado por proxectos, obxecto da subvención, así como o que lle corresponde achegar á organización segundo modelo anexo V.

d) Certificación do secretario/a da organización co visto e prace do presidente/a, no que conste que os gastos subvencionados teñen como único destino o obxecto da axuda.

e) Certificado da conta bancaria no que conste o ordinal bancario, código do banco, código da sucursal e código da conta corrente, onde debe realizarse o pagamento, expedido pola entidade bancaria.

f) Facturas ou xustificantes de pagamento orixinais, emitidos a nome da organización beneficiaria e correspondentes o ano 2002. Nelas quedará reflectido de xeito expreso que o seu pagamento foi efectuado.

g) Unha memoria por cada un dos proxectos subvencionados.

h) No caso de proxectos que inclúan información publicitaria relativa ós proxectos subvencionados, deberán facer consta-lo patrocinio do Instituo Galego de Consumo, de xeito salientable, e enviarán copia do material ou materiais realizados.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2002.

Victor Tello Calvo

Presidente do Instituto Galego de Consumo