Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Luns, 29 de abril de 2002 Páx. 5.950

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2002, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, pola que se determinan as datas e condicións para a realización das probas extraordinarias de avaliación do curso de orientación universitaria establecidas pola Orde do 28 de xuño de 2001.

A Orde do 28 de xuño de 2001 (DOG do 24 de xullo) establece as medidas extraordinarias para completar, durante o curso 2001-2002, as ensinanzas do curso de orientación universitaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

O seu artigo 6 determina que o alumnado que reúna certas condicións e formalizara a súa matrícula no prazo establecido no artigo 5, poderá realizar probas extraordinarias de avaliación das materias que teña suspensas.

Por outra parte, o artigo 7 da citada orde dispón que as devanditas probas realizaranse nas datas e condicións que se establezan, que estarán en correspondencia co calendario que se determine para as probas de acceso á universidade.

En consecuencia, cómpre establece-las datas e condicións ás que se fai referencia na Orde do 28 de xuño de 2001.

Polo tanto, en virtude da disposición adicional primeira desa norma, a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional

RESOLVE:

Primeiro.-De acordo co establecido na Orde do 28 de xuño de 2001, poderá realiza-las probas extraordinarias de avaliación das materias do curso de orientación universitaria o alumnado que, reunindo as condicións fixadas na citada orde, realizase no mes de setembro a correspondente matrícula no Ingabad, no instituto de ensino secundario no que estivo matriculado no curso 2000-2001 ou, no caso dos centros privados, no instituto de ensino secundario ó que estivera adscrito o centro.

Segundo.-Os centros realizarán as citadas probas do 8 ó 16 de maio e do 2 ó 4 de setembro de 2002.

A xefatura de estudios de cada centro onde estean matriculados os aspirantes confeccionará o calendario das probas, que se fará público alomenos sete días antes do comezo destas. Nel faranse consta-los días, as horas e o tempo máximo para a realización da proba correspondente a cada materia.

Terceiro.-Os contidos de cada proba estableceranse de acordo coa programación didáctica aprobada por cada departamento didáctico no último curso que se impartiu a materia.

Cuarto.-A preparación, organización, supervisión e avaliación das citadas probas extraordinarias será realizada polas xefaturas dos departamentos didácticos correspondentes ás materias obxecto de proba.

No caso dos centros colaboradores do Ingabad, as direccións determinarán os profesores dos respectivos departamentos que levarán a cabo as tarefas anteriores en cada un destes centros.

Quinto.-Co fin de garanti-la valoración conxunta das probas, levaranse a cabo as reunións para avalia-lo alumnado presentado, presididas pola dirección do centro, consignando nas actas elaboradas pola secretaría as cualificacións correspondentes, que tamén se farán constar no expediente do alumno e no seu libro de escolaridade.

En todos estes documentos indicarase, mediante dilixencia, de se-lo caso, que se trata das probas extraordinarias de avaliación convocadas pola Orde do 28 de xuño de 2001.

Sexto.-A información sobre os resultados das probas proporcionarase mediante a exposición dunha copia das actas nun lugar visible e de fácil acceso do centro.

Sétimo.-Os alumnos ou os seus representantes legais poderán formular reclamacións contra as súas cualificacións, ante a dirección do centro no que realizaron as probas, no prazo de dous días contados a partir da data da publicación das cualificacións. O resto do procedemento para a resolución destas reclamacións axustarase ó establecido con carácter xeral para o curso de orientación universitaria.

Disposición derradeira

Única.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2002.

Mar Pérez Marsó

Directora xeral de Ordenación Educativa

e Formación Profesional