Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Luns, 29 de abril de 2002 Páx. 5.930

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 12 de abril de 2002 pola que se regula o procedemento de consolidación parcial do complemento específico dos directores dos centros públicos.

O artigo 25 da Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, a avaliación e o goberno dos centros docentes públicos, prevé que os directores dos centros docentes públicos nomeados de acordo co procedemento establecido na lei, que exerceran o seu cargo coa valoración positiva durante o período de tempo que cada Administración educativa determine, manterán, mentres permanezan en situación de activo, a percepción dunha parte do complemento retributivo correspondente, de acordo co número de anos de exercicio do seu cargo.

O Decreto 120/2002, do 22 de marzo, regula a consolidación parcial do complemento específico dos directores dos centros docentes públicos de Galicia, autorizando a súa disposición derradeira o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións necesarias para a súa aplicación e desenvolvemento.

En consecuencia e na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Cada vez que se complete o período de mandato no desempeño da dirección de centros docentes públicos, efectuarase unha valoración do exercicio do cargo para os efectos da consolidación parcial do complemento específico establecida no Decreto 120/2002, do 22 de marzo.

Segundo.-No proceso de valoración diferenciarase entre os directores que ó remata-lo período de mandato son nomeados para un novo período e aqueles que non continúan desempeñando o cargo.

Terceiro.-O nomeamento para un novo período de mandato no mesmo centro implicará a avaliación positiva no exercicio do cargo no período anterior.

Cuarto.-Os directores que non continúen no cargo deberán ser avaliados do seu último mandato, conforme o procedemento que se establece nos puntos seguintes.

Quinto.

1. O interesado solicitaralle á Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria o recoñecemento da consolidación parcial do complemento específico por exercicio de tarefas de dirección, indicando o período de mandato e a porcentaxe do complemento que se solicita.

2. Á solicitude, que deberá realizarse no último mes de mandato ou no prazo de tres meses desde que se produza o cesamento no cargo, deberá xuntárselle unha memoria realizada polo interesado, na que poña de manifesto o grao de cumprimento dos obxectivos marcados para o mandato, a eficacia e eficiencia coa que se desempeñou o cargo, cunha referencia ós criterios establecidos no artigo 7 do Decreto 120/2002, do 22 de marzo.

Sexto.-A avaliación do exercicio da dirección realizaraa unha comisión formada por:

a) O xefe do Servicio da Inspección de Educación, que será o seu presidente.

b) Dous inspectores designados polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

c) Dous directores de centros docentes, nomeados polo delegado provincial, por proposta da xunta provincial de directores de centros de ensino non universitario.

Sétimo.-O inspector do centro emitirá un informe que se referirá fundamentalmente ós criterios que deben informa-la avaliación, establecidos no artigo 7 do Decreto 120/2002, do 22 de marzo, e a eficacia e eficiencia coa que se desenvolveu a función directiva.

Oitavo.

1. A comisión avaliadora, analizado o informe do inspector do centro e, de se-lo caso, a memoria presentada polo interesado, levantará acta da sesión e proporalle ó delegado provincial da consellería a resolución de avaliación positiva ou negativa do exercicio da función directiva.

2. A comisión avaliadora poderá solicita-los informes complementarios que xulgue pertinentes.

Noveno.

1. Á vista da proposta da comisión avaliadora, o delegado provincial da Consellería de Educación e

Ordenación Universitaria dictará resolución, que lle será notificada ó interesado, sobre a súa avaliación no exercicio da función directiva e, no caso de ser positiva, a porcentaxe de consolidación do complemento específico que corresponda e o nivel e tipo de centro no que desempeñou a función.

2. Na resolución especificaranse os efectos económicos, que serán do 1 de xullo do ano en que se remata o período de mandato ou, no caso de períodos interrompidos, ós catro anos de exercicio do cargo.

3. A resolución do delegado provincial, que non esgota a vía administrativa, poderá impugnarse mediante a interposición de recurso de alzada, ante o director xeral de Persoal, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa notificación.

Décimo.-A falta de resolución expresa no prazo de seis meses implicará que a avaliación se entende como positiva.

Disposición transitoria

Primeira.-Considéranse avaliados positivamente tódolos mandatos de dirección nos que se cesara con anterioridade ó 1 de xaneiro de 2002.

Segunda.-Os efectos económicos da consolidación dos mandatos avaliados positivamente segundo a disposición anterior, serán do 1 de xullo de 2000 ou 1 de xullo de 2001, segundo proceda.

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase o director xeral de Persoal para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento e cumprimento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO,

MULLER E XUVENTUDE