Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Venres, 26 de abril de 2002 Páx. 5.884

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 2 de abril de 2002, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo para os anos 2001 e 2002 da empresa Turismos Motor, S.A. (Tumosa).

Visto o expediente do convenio colectivo para os anos 2001 e 2002 da empresa Turismos Motor, S.A. (Tumosa) (código convenio 1502892), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 25-3-2002, subscrito en representación da parte económica polos representantes da empresa, e da parte social polos delegados de persoal, o día 8-3-2002, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 2 de abril de 2002.

Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo para a empresa

Turismos Motor, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

As normas deste convenio colectivo aplicaranse, na empresa Turismos Motor, S.A. a tódolos traballadores fixos ou eventuais dela, mesmo os que se integren nela durante a súa vixencia, sen prexuízo do disposto no artigo 7º deste convenio, do que o ámbito territorial é o do concello de Oleiros (A Coruña).

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

O ámbito temporal do vixente convenio será de dous anos de duración a partir do un de xaneiro de dous mil un ata o trinta e un de decembro de dous mil dous para tódolos conceptos establecidos.

Tacitamente o convenio poderá ser prorrogado conforme os casos previstos na lei. Será denunciable por calquera das partes notificándollo á outra cun mes de antelación.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

As condicións sinaladas neste convenio terán o carácter de mínimas e, na súa virtude, serán nulos e non producirán efecto ningún entre as partes os pactos ou cláusulas del que impliquen condicións menos favorables para o traballador, sen que o convenio poida limitar ou diminuír en ningún caso situacións máis vantaxosas obtidas polos traballadores individual ou colectivamente.

As melloras económicas e de traballo que se implanten en virtude deste convenio, así como as voluntarias que estean establecidas ou se establezan no futuro, poderán ser absorbidas ou compensadas ata onde alcancen cos aumentos ou se poidan establecer por disposicións legais que no futuro se promulguen, as cales só terán eficacia no que superen o nivel deste convenio.

Artigo 4º.-Antigüidade.

Para o cómputo do complemento de antigüidade considerarase data inicial a de ingreso na empresa, calquera que sexa a categoría coa que se efectuou, conservándose a antigüidade en caso de ascenso.

Os trienios serán do cinco por cento (5%) sobre o soldo convenio, e computaranse durante a permanencia do traballador no cadro de persoal da empresa. Considerarase tempo hábil para os efectos de trienios o período de aprendizaxe, percibíndose cando se reúnan tres anos ou múltiplo de tres no servicio da empresa.

Artigo 5º.-Cesamento na empresa.

O traballador que se propoña cesar no servicio da empresa comunicarallo á súa dirección polo menos con dez días de antelación á data en que decidise causar baixa, facéndoo por escrito e con aviso de recepción. O incumprimento desta obriga de aviso previo daralle dereito á empresa a descontar da liquidación que se lle practique o importe dun día de salario por cada un de atraso no aviso previo. Esta cantidade, así como as procedentes de sancións ó persoal, destinarase a un fondo social da empresa a administración do cal lles corresponde ós delegados dos traballadores.

Artigo 6º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores percibirán, aumentadas cos incrementos que resulten deste convenio, as pagas extraordinarias de beneficios, xullo, setembro e Nadal.

Estas pagas aboaranse antes do día quince do mes no cal correspondan. Os traballadores que non leven un ano no servicio da empresa no momento en que corresponda a percepción destas pagas extraordinarias, cobraranas en cantidade proporcional ó tempo traballado. Os que abandonen a empresa antes de cumpri-lo ano de servicio, terán tamén dereito a percibi-la parte proporcional correspondente ós meses transcorridos desde o seu ingreso nela.

Nestas pagas extraordinarias incluiranse as cantidades correspondentes a: soldo base, antigüidade, mellora voluntaria e, os traballadores que veñen recibindo mensualmente a parte proporcional da paga de beneficios, a parte proporcional que corresponda, é dicir, total fixo.

Artigo 7º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de corenta horas semanais. Durante os meses de xaneiro, febreiro, marzo, abril, maio, setembro, outubro, novembro e decembro, as xornadas serán de luns a venres aumentando nos citados meses as horas de diferencia traballadas de menos durante os meses de xuño, xullo e agosto, durante os cales, igualmente de luns a venres, será xornada continua.

O cómputo anual será de mil setecentas setenta e oito horas. Nos meses de xornada partida, o horario será desde as 8.30 ás 13.30, e desde as 15.40 ás 19 horas. Nos meses de xornada continuada o horario será desde as 8 ás 15 horas.

O horario continuado enténdese establecido para os que o utilicen e non afectará os traballadores que por contrato efectúen xornada partida todo o ano.

Sobre o horario de entrada concédese unha marxe de cinco minutos sesaxesimais durante os cales a chegada ó traballo non se considerará atraso senón puntual e dentro do horario.

A empresa autoriza o seu persoal a consumir un bocadillo durante as horas de traballo, sempre que non se entorpeza ou interrompa a continuidade do traballo e comprometéndose como se comprometen os traballadores a boa fe e boa vontade.

Establécense coas correccións adecuadas sobre o horario as seguintes pontes para o ano dous mil un: 26 febreiro, 30 abril, 3 novembro e 7 decembro non serán laborables. Así mesmo, para o ano 2002: 11 febreiro, 18 marzo, 15 e 26 xullo, 16 agosto non serán laborables.

Artigo 8º.-Vacacións.

As vacacións anuais serán de trinta días naturais para os traballadores que leven un ano ou máis no servicio da empresa e desfrutaranse de forma ininterrompida salvo acordo entre empresa e traballador.

O período de vacacións desfrutarase, con preferencia, durante os meses de xuño, xullo e agosto, sempre cumprindo a normativa laboral vixente. En caso de desacordo co reparto de data de vacacións efectuado no cadro xeral observarase tamén o disposto na lei.

Os traballadores que non completasen un ano efectivo no cadro de persoal da empresa, desfrutaranas durante un tempo proporcional ó traballado.

Respecto ó salario do mes de vacacións, ós empregados do taller, en substitución dos incentivos de producción, aboaráselles precisamente no mes de agosto -vaian de vacacións nese mes ou noutro a

cantidade de sete mil pesetas (7.000) como compensación do incentivo no ano 2001 e a cantidade de corenta e dous con cero sete euros (42,07) como compensación do incentivo para o ano 2002. Para os empregados de vendas garántese a cantidade de trece mil pesetas (13.000) como compensación do incentivo no ano 2001 e -a cantidade de setenta e oito con trece euros (78,13) como compensación do incentivo para o ano 2002. Esta cantidade percibirana precisamente no mes de agosto -vaian de vacacións nese mes ou noutro-. Non a percibirán se no mes de desfrute de vacacións superan os seus incentivos esa cantidade polas súas vendas, ou complementaránselle ata alcanza-la dita cifra.

Artigo 9º.-Capacidade diminuída.

Os traballadores afectados de capacidade diminuída poderán ser integrados noutra actividade distinta á da súa categoría profesional, adecuada á súa aptitude, respectándoselle-lo salario que tivese acreditado antes de pasar á dita situación e conservando o dereito ós aumentos que por pactos, convenios, etc., experimente no sucesivo a categoría que tivo no momento de se produci-lo feito determinante da diminución de capacidade.

Para a asignación destes postos requirirase o informe previo dos delegados dos traballadores que, formulado, non será vinculante para a empresa.

Artigo 10º.-Baixa por enfermidade.

No caso de baixa por enfermidade ou accidente laboral debidamente xustificados, a empresa completará as percepcións económicas que se sinalan: total fixo, primas fixas e incentivos (estes pola media dos últimos doce meses) ata un máximo de dezaoito meses.

A empresa poderá verifica-lo estado de enfermidade ou o accidente laboral alegado polo traballador para xustifica-la súa ausencia do traballo, mediante recoñecemento por conta de persoal médico.

Artigo 11º.-Licencias retribuídas.

As licencias retribuídas regularanse pola normativa laboral vixente coas modificacións que a continuación se expoñen:

* Matrimonio do traballador: quince (15) días naturais.

* Parto da esposa: tres (3) días, polo menos dous laborables.

* Enfermidade grave ou falecemento do cónxuxe ou fillos: cinco (5) días naturais.

* Traslado do domicilio habitual: dous (2) días naturais.

* Falecemento de pais, netos, avós ou irmáns: tres (3) días naturais.

* Falecemento de tíos ou sobriños: dous (2) días naturais.

Cando o falecemento se producise fóra da provincia, incrementará o período en dous días naturais.

A empresa poderá requiri-lo traballador para as xustificacións que correspondan e procurará atende-las perentorias necesidades do traballador, de tempo, nestes casos.

Artigo 12º.-Premios de nupcialidade e natalidade.

Ós traballadores da empresa concederánselle-los seguintes premios de nupcialidade e natalidade:

* Ó contraer matrimonio: quince mil pesetas (15.000) ou noventa con quince euros (90,15).

* Ó nacemento de cada fillo: quince mil pesetas (15.000) ou noventa con quince euros (90,15).

* O traballador deberá acredita-la causa destas percepcións.

Artigo 13º.-Axudas por defunción e xubilación.

Ó falecemento dun traballador da empresa, esta aboará unha mensualidade por cada ano de servicio ou fracción cun máximo de once mensualidades.

A cantidade correspondente á axuda por falecemento será entregada pola empresa á persoa ou persoas designadas polo traballador e, no seu defecto, observarase a lexislación vixente.

Á xubilación dun traballador da empresa, esta aboaralle ó traballador unha mensualidade por cada ano de servicio ou fracción cun máximo de oito mensualidades.

A xubilación será obrigatoria ós sesenta e cinco (65) anos se o traballador ten dereito ó cento por cento da súa pensión de xubilación.

Artigo 14º.-Fondo de estudios.

A empresa constituirá anualmente un fondo de estudios en contía de duascentas mil pesetas (200.000) ou mil douscentos dous con cero dous euros (1.202,02), a fondo perdido para os traballadores e os seus fillos que cursen estudios de calquera clase, logo de relación deles presentada polos delegados dos traballadores ou outra comisión designada para o efecto coa denominación fondo de estudios.

As idades dos fillos dos traballadores estarán comprendidas entre os catro e os dezaoito anos, ambos inclusive, e a cantidade estará destinada a facilita-los estudios do traballador e dos seus fillos. Esta cantidade será repartida anualmente no mes de agosto, con criterio fundamentalmente social.

Artigo 15º.-Fondo de anticipos sociais.

Mantense para os empregados da empresa a Caixa de Anticipos Sociais, o fondo da cal se establece para este ano en pesetas un millón (1.000.000) ou seis mil dez con doce euros (6.010,12) anuais.

O valor do crédito solicitado non poderá exceder de trescentas mil pesetas (300.000) ou mil oitocentos tres con cero catro euros (1.803,04), e será descontado da nómina do traballador nun prazo máximo

de dezaoito meses. Practicarase o desconto sen xuros. O pagamento farase mediante descontos proporcionais na nómina mensual e nas correspondentes pagas extraordinarias. O desconto será acumulable en caso de liquidación por baixa no cadro de persoal.

A este anticipo terán dereito tódolos empregados da empresa prevalecendo o criterio de maior atención ós traballadores con menos ingresos e máis cargas familiares.

Para solicitar un préstamo será indispensable ter liquidado completamente outro anterior.

A necesidade deberase xustificar e explicar por escrito. Os delegados dos traballadores deberán recibir e visa-las solicitudes que se formulen, que trasladarán de inmediato á dirección da empresa.

Artigo 16º.-Axudas de custo.

Os traballadores da empresa que, por necesidades dela e pola súa orde, efectúen viaxes ou desprazamentos a localidades distintas ás do centro de traballo terán dereito á percepción de axudas de custo conforme o seguinte cadro:

* Axuda de custo completa: 4.200 pesetas ou 25,24 euros.

* Almorzo: 350 pesetas ou 2,10 euros.

* Comida: 2.000 pesetas ou 12,02 euros.

* Cea: 1.500 pesetas ou 9,02 euros.

O gasto de hotel, conforme as características e normas establecidas da empresa, xustificarase á parte.

Artigo 17º.-Horas extraordinarias.

A) Horas extraordinarias que veñan esixidas para reparar sinistros ou outros danos extraordinarios e urxentes así como no caso de risco de perda de materias primas.

B) Horas extraordinarias necesarias por pedidos imprevistos ou períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda ou outras circunstancias de carácter estructural derivadas da natureza da actividade de que se trate. Mantemento, sempre que non poidan ser substituídas pola utilización das distintas modalidades de contratación previstas legalmente.

C) A dirección da empresa informará mensualmente os delegados dos traballadores sobre o número de horas extraordinarias realizadas, especificando as causas e a distribución por seccións. Así mesmo, en función desta información e os criterios sinalados nas letras A) e B), a empresa e os delegados dos traballadores determinarán o carácter e a natureza das horas extraordinarias, notificándollo mensualmente á autoridade laboral para os efectos de lle dar cumprimento á normativa vixente sobre cotización á Seguridade Social.

A prestación do traballo en horas extraordinarias será voluntaria; terase en conta, en todo caso, a lexislación vixente.

Artigo 18º.-Seguro de vida.

A empresa manterá en vigor o seguro de vida que actualmente ten concertado en beneficio do seu persoal para o caso de invalidez ou morte.

Artigo 19º.-Diminuídos físicos.

A empresa aboaralles ós traballadores que teñan ascendentes ou descendentes subnormais ou diminuídos físicos de calquera cualificación, que non estean capacitados para o traballo e que con eles convivan e deles dependan economicamente, a cantidade de doce mil pesetas (12.000) ou setenta e dous con doce euros (72,12) mensuais.

Artigo 20º.-Compra de vehículos.

Os traballadores da empresa poderán adquirir vehículos de turismo novos na empresa Turismos Motor, S.A., ó prezo do distribuidor máis portes e revisións. Para a compra a crédito poderanse acoller ás mellores normas da financeira.

Os pais, fillos e irmáns do traballador poderanse acoller a este dereito.

Para os vehículos usados calcularase o prezo de taxación máis os gastos de reacondicionamento que precisasen. Os pais, fillos e irmáns tamén se poderán acoller a este dereito. Deste dereito non se poderá facer uso ata dous anos despois de telo utilizado.

Artigo 21º.-Vacantes.

Cando na empresa se produzan vacantes para cubrir ou se creen novos postos de traballo, excepto os de dirección, terán preferencia para cubrilos os traballadores que xa presten servicio na empresa ou os seus familiares, sempre que estean cualificados para iso.

Os auxiliares administrativos e os mozos que leven máis de cinco anos na empresa deberán ser ascendidos a oficiais ou a especialistas respectivamente, se existen tales vacantes e, de non ser así, asignaráselle-lo soldo correspondente ás ditas categorías aínda que conserven a anterior.

Artigo 22º.-Roupa de traballo.

O persoal adscrito a talleres ou a recambios terá dereito a que a empresa o provexa cada ano de dúas pezas de traballo e dúas toallas. O mesmo dereito terán tamén os conductores.

Estes artigos entregaranse para o seu uso durante o mes de xaneiro de cada ano ou ó causar alta o traballador no cadro de persoal da empresa e ser destinado ás ditas seccións.

Cando, por razóns do traballo, a roupa se deteriore gravemente, será substituída.

Artigo 23º.-Complemento de transporte.

O complemento de transporte increméntase para o ano 2001 no 4% respecto ó convenio anterior, quedando fixado en catrocentas trinta e tres (433) pesetas por día efectivo de traballo. O incremento para o ano 2002 é do 2,50% respecto ó ano anterior, quedando fixado en dous coma sesenta e sete euros (2,67) por día efectivo de traballo.

Artigo 24º.-Complemento de xornada partida.

O complemento de xornada partida increméntase para o ano 2001 no 4% respecto ó convenio anterior, quedando fixado en dúas mil setecentas catro pesetas (2.704) mensuais para percibir nos meses en que esta xornada se realice e sempre que o traballador non utilice vehículo da empresa para o seu traballo. O incremento para o ano 2002 é do 2,50% respecto ó ano anterior, quedando fixado en dezaseis con sesenta e seis euros (16,66), mensuais para percibir nos meses que esta xornada se realice e sempre que o traballador non utilice vehículo da empresa para o seu traballo.

Artigo 25º.-Complemento de reténs de xornada.

Increméntase no 4% respecto ó convenio anterior e queda en setecentas tres pesetas (703) diarias para tódolos traballadores que realicen os ditos reténs ou efectúen xornada partida cando na empresa se efectúe xornada continua. Os viaxantes non percibirán este complemento dadas as características do seu traballo. O incremento para o ano 2002 é do 2,50% respecto ó ano anterior; queda fixado en catro con trinta e tres euros (4,33) diarios, para tódolos traballadores que realicen os ditos reténs ou efectúen xornada partida cando na empresa se efectúe xornada continua. Os viaxantes non percibirán este complemento dadas as características do seu traballo.

Artigo 26º.-Delegados dos traballadores.

En canto ós dereitos e obrigas dos delegados dos traballadores, as partes axustaranse en todo ó establecido no Estatuto dos traballadores, Lei orgánica de liberdade sindical e demais lexislación vixente en cada momento.

Artigo 27º.-Salarios.

Para o ano dous mil un e con vixencia desde o día un de xaneiro, establécese un incremento salarial do 4% para aplicar sobre o soldo convenio, mellora voluntaria e primas fixas a tódolos traballadores, resultando a táboa salarial anexa asinada polas partes. Para o ano dous mil dous e con vixencia desde o día un de xaneiro, establécese un incremento salarial do 2,50% para aplicar sobre o soldo convenio, mellora voluntaria e primas fixas a tódolos traballadores, resultando a táboa salarial asinada polas partes. No referente ó ano 2002, unha vez coñecido o IPC real ó 31-12-2002, e se este fose superior ó 2%, realizarase o axuste resultante con aboamento da diferencia a todo o persoal, mantendo sempre o diferencial do 0,50%.

Artigo 28º.-Normas supletorias.

En todo o non previsto neste convenio observarase o disposto na lexislación xeral e nas normas supletorias deste convenio que existen na empresa.

Artigo 29º.-Comisión mixta.

A comisión mixta será un órgano de interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento deste convenio nas seguintes funcións específicas:

1. Interpretación do convenio.

2. Vixilancia do cumprimento do pactado.

3. Seguimento da evolución das relacións entre as partes contratantes.

4. Entender previamente cantas cuestións tendan á maior eficacia deste convenio.

As resolucións adoptadas de mutuo acordo terán carácter vinculante. En caso de dúbida, a comisión poderalle eleva-la consulta á autoridade laboral competente.

A comisión comporana dúas persoas pola empresa e dúas polos traballadores, delegados deles. A dita comisión reunirase ineludiblemente antes de calquera reclamación e en caso de dúbida.

E para que conste, asínase este convenio entre a empresa e os seus traballadores representados polos delegados dos traballadores, en Oleiros o vintedous de marzo de dous mil dous.

ANEXO

Táboa salarial 2001

CategoríaPesetas/mesPesetas/ano

Director121.0621.936.992
Xefe de administración119.9561.919.296
Licenciado113.9381.823.008
Xefe de servicio106.9431.711.088
Xefe de vendas109.1811.746.896
Xefe almacén recambios107.9941.727.904
Mestre de taller103.2461.651.936
Oficial de 1ª101.6541.626.464
Oficial de 2ª99.4911.591.856
Oficial de 3ª98.4091.574.544
Xefe de contabilidade107.9941.727.904
Caixeiro103.8761.662.016
Oficial administrativo103.2311.651.696
Auxiliar administrativo101.6541.626.464
Aspirante administrativo95.5351.496.560
Viaxante103.8761.662.016
Dependente 25 anos103.2311.651.696
Axudante de dependente99.4911.591.856
Mozo especializado99.4911.591.856
Mozo98.4091.574.544
Vixilante98.4091.574.544
Aprendiz72.1201.153.920

Excluídos: antigüidade, mellora voluntaria, prima fixa, incentivos e complementos.

Táboa salarial 2002

CategoríaEuros/mesEuros/ano

Director745.7911.932,64
Xefe de administración738,9711.823,59
Licenciado701,9011.230,37
Xefe de servicio658,8110.540,98
Xefe de vendas672,6010.761,58
Xefe almacén recambios665,2810.644,55
Mestre de taller636,0310.176,53
Oficial de 1ª626,2210.019,59
Oficial de 2ª612,909.806,40
Oficial de 3ª606,239.699,76
Xefe de contabilidade665,2810.644,55
Caixeiro639,9210.238,65
Oficial administrativo635,9410.175,09
Auxiliar administrativo626,2210.019,59
Aspirante administrativo576,219.219,33
Viaxante639,9310.238,65
Dependente 25 anos635,9410.175,09
Axudante de dependente612,909.806,40
Mozo especializado612,909.806,40
Mozo606,239.699,76
Vixilante606,239.699,76
Aprendiz442,207.075,20

Excluídos: antigüidade, mellora voluntaria, prima fixa, incentivos e complementos.

Perillo-Oleiros, 22 de marzo de 2002.