Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Venres, 26 de abril de 2002 Páx. 5.879

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 143/2002, do 4 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización da obra número 177, Plan Operativo Local 2001 de Abadín, estrada provincial Moncelos-Carrizal, alargamento e mellora punto quilométrico 0,40 ó 2,90 (concello de Abadín).

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión do día catorce de setembro de dous mil un, aprobou

o proxecto da obra número 177, Plan Operativo Local 2001 de Abadín, estrada provincial Moncelos-Carrizal, alargamento e mellora punto quilométrico 0,40 ó 2,90, e na sesión do vinteseis de novembro de dous mil un, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte da Deputación Provincial de Lugo foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente, con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día vintecinco de marzo de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día vintecatro de xaneiro de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala a Deputación Provincial de Lugo, a obra afecta a estrada provincial Moncelos-Carrizal, que enlaza os municipios de Abadín e A Pastoriza do norte da Terra Chá, comunicando a zona coas nacionais 640 e 634, e que serve tamén de vía de acceso ó mercado gandeiro de Castro de Ribeiras de Lea, sendo polo tanto unha vía de grande importancia estratéxica, polo que se fai necesaria a súa reparación, xa que presenta unha forte deterioración como consecuencia dos temporais sufridos nos últimos anos.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de abril de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución do proxecto da obra número 177, Plan Operativo Local 2001 Abadín, estrada provincial Monce

los-Carrizal, alargamento e mellora punto quilométrico 0,40 ó 2,90.

Santiago de Compostela, catro de abril de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais