Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Venres, 26 de abril de 2002 Páx. 5.879

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 142/2002, do 4 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Crecente (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de rede de sumidoiros en Sendelle.

O Concello de Crecente, en sesión do día trece de agosto de dous mil un, aprobou o proxecto de rede de sumidoiros en Sendelle, e na sesión do dezasete de xaneiro de dous mil dous, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do Concello de Crecente foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente, con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día vinteún de marzo de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día catorce de marzo de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala o Concello de Crecente, a parroquia de Sendelle carece de saneamento, o que provoca que as augas residuais discorran polo camiño público nuns casos, e noutros vertan nun regato que desemboca no río Miño, orixinando contaminación das fontes públicas, o que deriva nunha situación de insalubridade para os veciños de Sendelle, e corre o perigo de converterse nun grave problema de saúde pública.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de abril de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Crecente, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de rede de sumidoiros en Sendelle.

Santiago de Compostela, catro de abril de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais