Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Xoves, 25 de abril de 2002 Páx. 5.751

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 2 de abril de 2002 pola que se regulan as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria para persoas maiores de dezaoito anos.

O artigo 52.3º da Lei orgánica 1/1990, do 3 do outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece que as administracións educativas, nas condicións que para o efecto se establezan, organizarán periodicamente probas nas que se valorarán as capacidades xerais propias da educación básica, para que as persoas maiores de dezaoito anos poidan obter directamente o título de graduado en educación secundaria e con iso acceder ós niveis ou graos das ensinanzas non obrigatorias, como indica o artigo 53.1º da citada lei.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria veu convocando anualmente as probas libres para a obtención do título de graduado en educación secundaria desde o ano 1997, reguladas pola Orde do 22 de abril de 1997 (DOG do 19 de maio).

Tendo regulado o Real decreto 135/2002, do 1 de febreiro (BOE do 16 de febreiro) as condicións polas que se rexerán as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria para as persoas maiores de dezaoito anos e que sexan organizadas polas administracións públicas, a Con

sellería de Educación e Ordenación Universitaria, en virtude do exposto e da disposición derradeira segunda do Real decreto 135/2002, do 1 de febreiro,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde aplicarase ás probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria para persoas maiores de dezaoito anos que teñan lugar no ámbito de xestión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Artigo 2º.-Aspirantes.

Poderán inscribirse para a realización destas probas as persoas que teñan cumpridos dezaoito anos con anterioridade ó 31 de decembro do ano anterior ó que se realizan as probas.

Artigo 3º.-Centros.

As probas realizaranse nos centros autorizados pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, por proposta da delegación provincial correspondente.

Artigo 4º.-Matrícula.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocará anualmente as probas para a obtención do graduado en educación secundaria en dúas convocatorias anuais, nos meses de xuño e setembro, e sinalará as datas concretas de matriculación e de celebración das probas.

2. Os aspirantes formalizarán a súa matrícula nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e, se é o caso, nos centros docentes que a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional determine, e nos prazos sinalados para cada unha das convocatorias.

3. As delegacións provinciais darán coñecemento público dos prazos de matrícula a través dos medios de comunicación e informarán a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional do número de solicitantes de cada provincia.

Artigo 5º.-Características das probas.

1. As probas terán por obxecto valora-las capacidades xerais básicas da educación secundaria obrigatoria adaptadas ás características das persoas adultas.

2. As probas versarán sobre as áreas, integradas nos seguintes grupos:

a) Grupo lingüístico: comprenderá exercicios das áreas de lingua castelá e literatura, lingua galega e literatura e lingua estranxeira.

b) Grupo científico-tecnolóxico: comprenderá exercicios das áreas de matemáticas, ciencias da natureza e tecnoloxía.

c) Grupo de ciencias sociais: comprenderá exercicios das áreas de ciencias sociais, xeografía e historia, música e educación plástica e visual.

3. Os contidos de referencia das devanditas áreas serán os establecidos na Orde do 26 de maio de 1997, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se regula o ensino básico para as persoas adultas.

4. As probas para cada un dos grupos de áreas sinaladas no punto 2º deste artigo elaboraranse tendo en conta os criterios de avaliación formulados na orde citada no punto anterior.

5. Os protocolos de exame serán remitidos pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional ás delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que velarán para que, en ningún caso, poida ser coñecido o contido das probas antes da súa realización.

Artigo 6º.-Avaliación e cualificación das probas.

1. A cualificación das probas será global para cada un dos grupos establecidos no artigo 5º.2, e expresarase en termos de insuficiente, suficiente, ben, notable e sobresaliente.

2. De acordo co disposto no artigo 3.2º do Real decreto 135/2002, do 1 de febreiro, e no artigo 18 da orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 26 de maio de 1997, os alumnos e as alumnas que amosen, mediante a superación das probas, que acadaron os obxectivos da educación secundaria, serán propostos para a obtención do título de graduado en educación secundaria.

3. Os profesores e as profesoras que integren os tribunais encargados de avaliar estas probas actuarán de maneira colexiada á hora de establece-la cualificación de cada un dos grupos das áreas que a integran, e deberán pronunciarse expresamente sobre o sentido da súa cualificación en cada un dos grupos mencionados.

4. Considerarase que unha persoa supera as probas cando acade cualificación de suficiente en cada un dos tres grupos de áreas sinalados no artigo 5º.2.

5. Aqueles ou aquelas aspirantes para quen o tribunal determine que non procede a súa proposta para a expedición do título de graduado en Educación secundaria manterán, para sucesivas convocatorias, as cualificacións positivas de calquera dos grupos de áreas que integran as probas, en termos de suficiente, ben, notable ou sobresaliente. Tales cualificacións deberán ser tidas en conta polos tribunais de sucesivas convocatorias, e os aspirantes non estarán obrigados a realiza-las probas correspondentes ós grupos superados.

6. As cualificacións positivas obtidas polos alumnos e as alumnas en 4º curso da educación secundaria obrigatoria e no cuarto módulo dos diferentes ámbitos da educación secundaria para persoas adultas serán validadas polo tribunal, para os únicos efectos da superación das probas convocadas ó abeiro desta orde, de acordo coa táboa de equivalencias que figura no anexo I.

Artigo 7º.-Tribunais.

1. Os tribunais que xulgarán as probas ás que se refire esta orde estarán integrados por un presidente ou unha presidenta e catro vocais pertencentes ó corpo de profesores de ensino secundario, preferentemente profesores e profesoras de educación de persoas adultas, designados pola delegación provincial.

2. O presidente ou a presidenta deberán ser inspector ou inspectora de Educación.

3. O presidente ou presidenta e os/as vocais integrantes do tribunal serán especialistas nalgunha das áreas integradas nos grupos sinalados no artigo 5.2º.

Artigo 8º.-Persoas con necesidades educativas especiais.

Co fin de garanti-la realización destas probas ás persoas con necesidades educativas especiais asociadas a condicións persoais de discapacidade, a inspección educativa velará por que se realicen as adaptacións necesarias para que estas persoas poidan realiza-las devanditas probas, sen prexuízo do disposto nos artigos 5.3º e 4º e 6º desta orde.

Artigo 9º.-Actas de avaliación e propostas de títulos.

1. As actas de avaliación das probas obxecto desta orde axustaranse ó modelo que se xunta no anexo II.

2. Os resultados da avaliación en cada un dos grupos de áreas expresaranse nos termos de insuficiente (IN), suficiente (SF), ben (B), notable (N) e sobresaliente (SB).

3. Ós/ás aspirantes que non se presenten ó exame dalgúns dos grupos que integran estas probas faráselles constar esta circunstancia coa expresión de non presentado/a.

4. Nas actas reflectiranse así mesmo as decisións sobre a expedición do título de graduado en educación secundaria, coa anotación seguinte: si/non no cadro de proposta de expedición de título.

5. As actas de avaliación coas propostas de expedición do título de graduado en educación secundaria entregaranse na delegación provincial correspondente a través do servicio de inspección educativa para o trámite de expedición do devandito título, polo procedemento e prazos establecidos para os centros docentes.

6. Os alumnos e as alumnas recibirán do tribunal unha certificación na que constará a cualificación recibida nos diferentes grupos das probas e se foron propostos ou propostas para a expedición do título de graduado en educación secundaria, segundo os modelos que figuran nos anexos III e IV desta orde.

Disposición transitoria

Os alumnos e as alumnas que se presentaron á proba libre para a obtención do título de graduado en educación secundaria para maiores de dezaoito anos, convocadas ó abeiro da Orde do 22 de abril

de 1997, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e obtiveron cualificación positiva nalgunha das áreas que integraban esas probas, manterán a vixencia desas cualificacións para as probas convocadas ó abeiro desta orde.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 22 de abril de 1997, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e tódalas disposicións de rango igual ou inferior que se opoñan a esta orde.

Disposicións adicionais

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dic

tar, no ámbito das súas competencias, as instruccións oportunas para o desenvolvemento e aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Directora xeral de Ordenación Educativa

e Formación Profesional, e director xeral

de Centros e Inspección Educativa

ANEXO I

Cualificación positiva nas seguintes áreas do 4º curso

da educación secundaria obrigatoria

Cualificación positiva nos seguintes ámbitos

da educación secundaria para persoas adultas

Equivalencia cos grupos de materias ou áreas

da proba libre

Lingua galega e literatura

Lingua castelá e literatura

Lingua estranxeira

Cuarto módulo do ámbito da comunicaciónGrupo lingüístico

Matemáticas

Tecnoloxía

Ciencias da natureza (ou física e química mais bioloxía e xeoloxía)

Cuarto módulo do ámbito tecnolóxico-matemático e cuarto módulo do ámbito da naturezaGrupo científico-tecnolóxico

Ciencias sociais, xeografía e historia

Educación plástica e visual. Música

Cuarto módulo do ámbito da sociedadeGrupo de ciencias sociais

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO