Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Martes, 23 de abril de 2002 Páx. 5.489

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 133/2002, do 11 de abril, polo que se regula a concesión de préstamos polo Instituto Galego de Promoción Económica.

O Instituto Galego de Promoción Económica, desde a súa creación en 1992, consolidouse como o instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia para impulsa-lo desenvolvemento competitivo do sistema productivo galego, promovendo actividades que contribúan á creación de emprego en Galicia e a un desenvolvemento económico harmónico, equilibrado e xusto, baseado nun tecido industrial moderno e competitivo. Co fin de apoiar e promove-las accións que favorezan o desenvolvemento económico de Galicia, o Instituto está habilitado pola súa lei de creación para realizar toda clase de actividades económicas e financeiras suxeitas ó dereito privado.

Desde 1994, o Igape desenvolve unha liña de apoio ás empresas mediante a concesión de garantías en operacións de crédito ou préstamo concedidas polo sector bancario. Esta liña mostrouse eficaz no seu obxectivo de reforza-la estructura financeira das empresas á hora de acometer investimentos ou de reestructura-la súa débeda.

A posibilidade de concesión de operacións financeiras e de garantía como instrumento de fomento da Xunta de Galicia reitérase no novo marco de incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, establecido polo Decreto 172/2001, do 12 de xullo, declarado compatible co mercado común segundo decisión da Comisión da Unión Europea (axuda estatal nº 489/2000).

Nunha economía de mercado estes instrumentos deberán actuar unicamente onde non chega o sector privado, como xa se reflectiu no artigo 6.7º das bases reguladoras das axudas do Igape para o Programa Emprendedores (DOG nº 142, do 23 de xullo de 2001), que reserva a este instituto a posibilidade de creación dun fondo para a concesión de préstamos a emprendedores con dificultades para o acceso ós recursos financeiros necesarios para implantar aqueles proxectos de interese para a Comunidade Autónoma. De igual forma, preténdese que o sector do audiovisual, considerado estratéxico para a nosa actividade económica e que sofre carencias específicas no seu financiamento, poida acceder a esta liña de servicios, liña que terá que ser obxecto de regulación específica a través dun convenio ou acordo específico.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de abril de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) poderá conceder, no ámbito das súas funcións,

préstamos ou créditos a favor de empresas, sexan persoas físicas ou xurídicas, que estean domiciliadas en Galicia, realicen actividades na Comunidade Autónoma ou ben teñan un impacto significativo no seu desenvolvemento económico.

Excepcionalmente, tamén poderá conceder préstamos ou créditos a empresas para actividades ou proxectos que se van realizar fóra da Comunidade Autónoma, valorándose neste caso especialmente o mantemento da actividade en Galicia do solicitante.

Artigo 2º

As operacións financeiras que se regulan neste decreto incardínanse no ámbito dos apoios á implantación de proxectos emprendedores previstos no punto 7 da base 6ª reguladora das axudas do Igape para o Programa Emprendedores, publicado mediante Resolución do 13 de xullo de 2001 (DOG nº 142, do 23 de xullo), así como o do financiamento de produccións audiovisuais e, en ámbolos dous casos, de acordo cos requisitos e características establecidos nos programas, convenios ou acordos que para tal fin estableza ou subscriba o Igape.

Calquera outro tipo de operación deberá ser expresamente autorizado mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 3º

As operacións financeiras destinaranse a atende-los gastos e investimentos para a implantación e desenvolvemento do proxecto empresarial, debendo condicionarse as disposicións á xustificación documental do seu destino, mediante documentos contables de valor probatorio suficiente, ou mediante a comprobación do cumprimento do plan de disposición de fondos que previamente se aprobase. Para tal fin, os prestameiros ou acreditados comprometeranse expresamente a facilitarlle ó Instituto Galego de Promoción Económica a inspección e control para a comprobación da realidade dos investimentos e gastos financiados coa operación, así como a situación da solvencia da empresa, podendo, para tales efectos, verifica-los balances, contas de resultados e demais estados de libros contables.

Artigo 4º

A concesión de préstamos ou créditos polo Igape farase dentro das dispoñibilidades financeiras do fondo que para este fin se estableza a partir das dotacións orzamentarias do instituto, incrementadas se é o caso polos importes que se deriven dos convenios ou concertos que para tal efecto o Igape subscriba con entidades públicas ou privadas.

Artigo 5º

Correspóndelle ó Igape a tramitación e a análise das solicitudes, así como a súa aprobación ou denegación e a súa formalización.

O procedemento que se vai seguir quedará sometido ó que se estableza nas bases reguladoras ou convenios específicos correspondentes.

Requirirase, para poder acudir a esta fórmula de financiamento, que as dificultades de accesibilidade ós recursos financeiros necesarios para a implantación do proxecto así o aconsellen, a súa necesidade quede claramente xustificada e adecuadamente ponderado e minimizado o risco para asumir polo Igape. Así mesmo, estas operacións estarán vinculadas ó interese do proxecto para a Comunidade Autónoma.

En todo caso, a concesión da operación condicionarase á viabilidade económico-financeira do proxecto e será analizada cos criterios financeiros de común aplicación no mercado.

Artigo 6º

O Consello de Dirección do Igape aprobará as condicións dos préstamos ou créditos do Igape, así como o importe das comisións que se é o caso devenguen. O prazo de amortización das operacións non poderá supera-los 7 anos e o tipo de xuro calcularase sobre o Euribor máis un diferencial. Os prazos de disposición, amortización e carencia das operacións adaptaranse ás características e necesidades de cada proxecto.

Artigo 7º

O Igape tomará as garantías adecuadas segundo as características de cada operación. Se, como consecuencia do seguimento e control que se efectuará durante a vixencia da operación, fose notoria a diminución da solvencia do beneficiario, procuraranse as accións precisas para reforza-la eventual obriga de reembolso.

Artigo 8º

Os contratos mediante os que se formalicen as operacións crediticias someteranse ás normas de dereito privado.

Artigo 9º

O Instituto Galego de Promoción Económica poderá allear directamente os bens inmobles ou mobles que adquirise en procedementos xudiciais e, inclusive, os que se adquiran en pagamento de débedas das que sexa acredor. Así mesmo, poderá adxudicar directamente contratos de explotación respecto ós mencionados bens.

Artigo 10º

Son obrigas do prestameiro ou acreditado da operación someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-lo Instituto Galego de Promoción Económica nos termos contidos neste decreto e as de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral, de acordo co previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Para tal fin, quedan obrigados á conservación de toda a documentación orixinal que acredite a realidade dos investimentos e gastos financiados coa operación.

Artigo 11º

Trimestralmente o Igape dará conta ó Parlamento das operacións de crédito e préstamo vixentes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las disposicións necesarias para a aplicación do establecido neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa públicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de abril de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda